Conversas de bibliotecarix a bibliotecarix: Albino Alonso, Biblioteca Municipal do Porriño


Ao longo do noveno mes do calendario romano (de aí o seu nome), estiven a conversar con Albino Alonso, bibliotecario en Porriño. A piques de rematar novembro, déixovos a nosa conversa para que mergulledes nela!

Parabéns polo voso recente premio! Aproveito para soltar as primeiras preguntas: por un lado, como nace a idea das Xornadas (motivacións, obxectivos etc.); e por outro, e sabendo que tendes falta de persoal, como foi formular, organizar e xestionar as xornadas nese contexto? Gustaríame coñecer a vosa opinión e experiencia.
Responderei por orde. Desde a Biblioteca do Porriño levamos anos traballando arredor da infancia. Comezamos no 2016 co Programa Ler ao teu bebé no que, apoiados pola matrona do Centro de Saúde do Porriño e a Oficina do Padrón do noso Concello, ofrecemos a posibilidade de facer socios/as á cativada no momento do seu empadroamento, facéndolles chegar posteriormente ao seu fogar a tarxeta de lector/a cun agasallo de benvida para comezar a súa biblioteca persoal.
Cunha media de 200 nacementos por ano, encontrámonos cunha poboación infantil só de 0 a 7 anos de 1400 nenos/as no concello. Este dato, xunto con familias comprometidas na educación, e despois da experiencia positiva do ano 2020 co proxecto Bibliosaúde (que se cortou no mes de febreiro por causa da crise sanitaria) do que só se puido realizar a primeira conferencia “Como favorecer o desenvolvemento visual ao inicio e durante toda a vida”, por Lucila To García-Miranda, fixo que nos désemos de conta de que a infancia e a saúde eran temas prioritarios para nós e para as persoas usuarias.

E, contestando á túa segunda pregunta, dicir que hoxe en día ter falta de persoal é unha situación de normalidade dentro do mundo das bibliotecas, non só da nosa. Penso que neste momento o noso obxectivo é a procura de persoal, non podemos seguir xestionando novos servizos con esta situación. Quero recordar que a Biblioteca do Porriño se atopa no edificio do Centro Cultural Municipal, esta situación, que para a miña opinión ás veces non favorece á propia biblioteca, no noso caso, no mesmo edificio contamos co Departameto de Cultura, a OMIX e o Servizo de Normalización Lingüística, que coma os “catro mosqueteiros” somos “todos para un e un para todos”. Ademais disto, cada vez que tratamos un tema específico reunímonos con profesionais da materia que nos asesoran.

Presentáchedesvos a diferentes premios e fostes gañadores en varias ocasións. Imaxino que haberá quen non teña as ferramentas suficientes ou considere, polos motivos que sexa (falta de espazo, pouco persoal..), non presentarse a premios ou organizar “actividades grandes”. No voso caso, que vos leva a presentarvos?
Pensamos que os premios forman parte da cultura do espectáculo, “a dun mundo no que o primeiro lugar na táboa de valores vixente o ocupa o entretemento, e escapar do aburrimento é a paixón universal”. A nós os premios dánnos visibilidade e posicionamento como entidade na nosa comunidade. Foron ferramentas que nos axudaron a figurar na estrutura orzamentaria municipal cunha clasificación económica propia. De todas formas, como dis, fan falla ferramentas para emprender estes proxectos, e cadaquén é libre de tomar as súas propias decisións e as situacións non sempre son as mesmas. Así e todo, confeso que a min persoalmente “gústame nadar na crista da ola”.

Mencionas que a consecución de premios permitiu contar cunha partida orzamentaria propia. Da túa reflexión entendo que botas en falta que a partida económica non vaia unida á existencia propia da biblioteca. Que cres que falla para que esta realidade, pola que vós tivéchedes que traballar e, en certo modo “competir”, non sexa algo dado en todas as bibliotecas municipais?
Descoñezo a realidade das bibliotecas municipais a nivel Administración, eu falo da nosa experiencia: a dunha biblioteca que se inaugurou no ano 90 e se transladou no ano 93 para o Centro Cultural Municipal, sen experiencias previas, sendo o encargado desde a data de inauguración. A biblioteca municipal incluíase nos orzamentos da sección de Cultura con partidas vinculadas, non se bota en falta o que se ten. Podemos dicir que a nosa biblioteca foi, normalmente, ben tratada polos orzamentos municipais para a extensión bibliotecaria. Pregúntasme que creo que falla para que esta realidade non sexa algo dado en todas as bibliotecas municipais, penso que non son eu quen ten que contestar; remítoche á Lei de bibliotecas, ás asociacións profesionais…, non estou implicado nese mundo. Decátate de que a Rede de Bibliotecas Municipais da Xunta de Galicia son pequenos reinos de taifas onde os concellos son soberanos, outras redes galegas de bibliotecas, dependendo soamente dunha entidade, resúltanme interesantes.

A vosa é unha das bibliotecas máis activas de toda Galicia, cal é a vosa liña de traballo para chegar a conectar tan ben co público?
Só se contan os éxitos, nunca se contan os fracasos. Ao longo do noso percorrido levamos a cabo actividades exitosas e, ao mesmo tempo, tivemos outras que non funcionaron; non podemos perder nunca a perspectiva de que somos unha biblioteca, un centro de recursos arredor do mundo da lectura pública. O que ten que haber detrás de todo isto é material bibliográfico, o principal obxectivo das campañas de animación á lectura é atraer novos lectores e lectoras á biblioteca e teñen que encontrarse con libros. Aquí é onde entra engrosar o orzamento para a compra de libros e os labores dos e das profesionais coa selección bibliográfica axeitada para as persoas usuarias, función que nunca será substituída por unha máquina de autopréstamo.

Como dis, os triunfos son case sempre motivo de loanzas, conversas etc.; pero non se fala tanto dos fracasos dos que se aprende moito e, por dicilo dalgún xeito, amosan o camiño ao éxito. Algún fracaso particular que vos marcou especialmente?
No século XXI está todo inventado, é case imposible ser orixinal. Só hai que inspirarse, seleccionar, adaptalo e contextualizalo. Ás veces sabes que estás traballando nunha actividade arriscada, pero paga a pena intentalo polos resultados, non hai que terlle medo ao fracaso.
Hai anos levamos a cabo un club de lectura de cómic en liña, focalizado na mocidade, en colaboración cos IES e unhas guías de lectura formidables, pero non tivo éxito. Este proxecto foi incluído nunhas xornadas como experiencias bibliotecarias onde explicamos todo o proceso de creación e a avaliación final non foi exitosa, pero ás persoas coordinadoras das xornadas pareceulles boa idea explicalo. Outro proxecto fracasado que recordo foi o wikimaratón, evento de edición colectiva e simultánea en Wikipedia; sabíamos que era arriscado.

Na miña opinión (que pode ser errada) considero que as bibliotecas poden ser unha boa ferramenta social para loitar contra a desinformación nun momento no que cada vez existen máis xeitos de transmitir información que, en certas ocasións, é falsa ou incompleta, causando diferentes problemáticas a nivel social. Que opinades ao respecto?
En principio, a biblioteca considérase, de forma intrínseca, un centro de información: a cidadanía ten a liberdade de usala como ferramenta didáctica, lúdica ou informativa. De todas as formas, non esquezamos que estas institucións teñen pouco persoal e están, normalmente, pouco dotadas de orzamento.
Con estes medios, considerar as bibliotecas como ferramenta social sería darlles demasiada responsabilidade, a pesar de que hai proxectos e liñas de traballo no mundo bibliotecario que poderían asombrarnos mentres outros loitan por conseguir que a súa biblioteca non se convirta nunha sala de estudo. Moitas veces a soidade do bibliotecario municipal, en bibliotecas unipersoais, non é doado traballar día a día para levar a cabo os obxectivos xerais dunha biblioteca e ao mesmo tempo desenvolver actividades para lograr os obxectivos secundarios. Non é o meu caso, recordo cando asistía a algunha formación e alguén se presentaba como, por exemplo, “bibliotecario seleccionador de videoxogos para xogar en familia”, frustrábame, e agora simplemente esbozo un sorriso; aínda que sexa etrusco. Hai outros mundos e están neste.

Seguindo co anterior, considerades que as bibliotecas poderían presentarse como unha ferramenta para o estudantado máis alá do préstamo e da sala de estudo (organizando actividades arredor do uso e busca de información etc.)?
Durante anos, a Biblioteca do Porriño levou a cabo proxectos, como o club de lectura, alfabetización dixital, conversa en inglés, lingua de signos, formación no uso da biblioteca para a educación primaria, español para persoas inmigrantes, ferramentas de Google, curso básico para aprender a falar en público, wikimaratón e diferentes obradoiros. Pero, sinceramente, a iniciativa que máis puxo en valor a biblioteca foi darlle ao estudantado o seu propio espazo, deixando crecer, así, o proxecto de biblioteca centrado na lectura pública.

Mentres pensaba esta entrevista e a levaba a cabo atendín o teléfono 30 veces, 5 informativas do Departamento de Cultura, 5 para OMIX, 9 para buscas de libros no catálogo e 11 renovacións. Querido/a lector/a, está a funcionar o OPAC da nosa biblioteca ou os meus usuarios e usuarias non son dixitais?

Xeniais apuntamentos; penso que ilustraches moi acertadamente a realidade imperante.
En relación á túa reflexión final da non dixitalización das persoas usuarias: hoxe en día, nalgúns aspectos da vida, pode ser que as novas tecnoloxías se estean a impoñer por riba das posibilidades e coñecementos reais de parte da sociedade. Consideras que a dixitalización nas bibliotecas municipais pode chegar a ser máis contraproducente ca útil?
As bibliotecas, neste momento, podemos considerar que están totalmente dixitalizadas. Existe a tecnoloxía suficiente para informatizar todos os procesos bibliotecarios salvo, como anteriormente dixen, a selección e a catalogación. Nunca sería contraproducente, outro asunto é a disposición das persoas usuarias para aproveitarse desta situación; por un lado temos a coñecida fenda dixital, tanto por idade como por formación, e por outro temos a comodidade das persoas usuarias, que prefiren unha xestión personalizada por resultárlles máis doado.

Podes falarnos do fondo local?
Na Biblioteca do Porriño comezouse a traballar no fondo local no ano 2005. Fíxose unha busca, selección e compra do material. Ese ano o Concello do Porriño editou, dentro da serie O noso patrimonio, O Porriño – Bibliografías, por David Pérez Rego e Albino Alonso Rodríguez, que recollía as publicacións monográficas escritas por autores e autoras do Porriño, obras publicadas por entidades locais, obras impresas no Porriño e obras co tema do Porriño; publicacións seriadas, gravacións sonoras, películas e videogravacións e un anexo de documentos para a historia do Porriño. Nesta publicación tamén se recollían, nos asentos bibliográficos, onde se podía atopar cada obra, indicando, no caso de non atoparse na nosa biblioteca, a biblioteca máis cercana. A partir de aí, seguíronse recollendo as publicacións con ese mesmo criterio.

Encántame o voso traballo O Porriño-Bibliografías! Poderías contarnos un pouco como foi ese labor de traballo? Canto tempo vos levou? Estratexias? Fóchedes vós os dous sós?
Varias foron as fontes consultadas para a elaboración deste repertorio bibliográfico. En primeiro lugar, temos que citar a información proporcionada pola veciñanza interesada neste tema. Tamén foron consultadas moitas bibliografías dixitais. A informatización dos catálogos de bibliotecas e, sobre todo, a inclusión das súas bases de datos na rede de redes a través dos OPAC son un instrumento vital para adentrarse no mundo das recompilacións bibliográficas. Foron consultadas decenas de bases de datos de bibliotecas de todo o mundo, que non deixaron de sorprendernos tanto pola súa cantidade como pola calidade dos documentos atopados. O obxectivo desta publicación é o de ofrecer unha sistematización e normalización da produción bibliográfica porriñesa, quedando recuperadas e conservadas para o futuro, sen dúbida un proceso técnico bibliográfico normalizado e coherente, para transmitir e homoxeneizar o catálogo do fondo local e recursos bibliográficos da nosa localidade. Outro factor que cabe destacar é a ilustración deste manual para poder espertar o interese do público en xeral, que nada ten que ver co interese que un traballo destas características pode representar para as persoas investigadoras.
Foi un traballo longo e árido, alá polo 2005: éramos novos e intrépidos… Contamos, no anexo “Documentos para a historia do Porriño”, cun catálogo de documentos que tiña recollido Xosé Paz Antón.

Entendo que as listaxes (tan estupendas!) de préstamos que facedes na vosa páxina web as fixestes vós. Algún criterio concreto que seguirades para facer esas listaxes temáticas e non outras? Seguindo a vosa web, quixera preguntarvos sobre o proxecto METROminuto, sodes vós unha canle de difusión deste ou participástedes no traballo de elaboración?
Todo o que atinxe á páxina web é un labor de David Pérez Rego, a quen che aconsello que convenzas para unha entrevista, que de seguro che resultará difícil pero moi interesante. Sen o seu traballo non sería posible estar onde estamos.

Interesante resposta! Tentarei que se anime a participar, e xa aproveito para dicirlle, se nos está a ler, que non dubide en contactarme para intercambiar ideas!
E xa, para ir rematando, uns clásicos… Recomendación de préstamos?
Non podo deixar de remitirte á páxina web da Biblioteca, no apartado “E agora que leo” (sírvame de publicidade).

Cara a onde consideras que se deberían encamiñar as bibliotecas para chegar a un futuro ideal?
Deséxolles a todas as bibliotecas pertencentes á Rede de bibliotecas de Galicia que o seu orzamento para a compra de material bibliográfico sexa, cando menos, igual que o caché da Panorama na época estival galega. Asegúroche que sería un futuro ideal.

Dos mellores desexos que se pediron! Oxalá suceda pronto!!
E xa para o final, que bibliotecas que che gustaría visitar ou ás que volverías?
Volvería, nesta estación, á biblioteca de Tortuguero en Costa Rica. Non tiña instalación eléctrica, pero no seu soportal había “Pura Vida”. Gustaríame coñecer a biblioteca de Oodi, no corazón de Helsinki, así estaría nun país de neve e podíamos aproveitar para visitar o museo do Hermitage en San Petersburgo, porque sempre fun máis de arte ca de libros.

Moitísimas grazas polas túas reflexións, Albino! E por suposto, grazas por participar!

Entrevista revisada ortograficamente polo Servizo de Normalización do Concello do Porriño, unha “mosqueteira”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.