Certificación Profesional 2023

 

Certificación Profesional en Bibliotecas 2023

Introdución

Bamad Galicia consciente da precariedade laboral da nosa profesión:

  • Contratación laboral nas administracións e nas empresas en categorías inferiores ou con contratos parciais.
  • Postos en bibliotecas ocupados por profesionais sen titulación ou titulación inferior á necesaria para desenvolver o traballo.
  • Non existencia de estudos de formación profesional no eido bibliotecario.
  • Acceso ás prazas de bibliotecas de persoal non cualificado.

Ante esta situación Bamad Galicia, como asociación profesional comprometida en velar polos intereses da nosa profesión, insta as diferentes administracións que, en cumprimento das súas competencias, provean os mecanismos necesarios para regularizar a contratación, as funcións, e dotar de estabilidade ao persoal bibliotecario. Un dos camiños que permite este recoñecemento é a Certificación Profesional, unha ferramenta sinxela e fácil de implementar.

Para conseguir este obxectivo contamos co interese e a colaboración do Servizo de Bibliotecas da Xunta de Galicia para que exista esta certificación profesional.

Por que temos esta iniciativa?

  • Por que  non existe unha carreira profesional con titulación específica de bibliotecas que abarque todos os corpos, existindo só titulación superior en biblioteconomía, información e documentación.
  • Por que é necesario dignificar a nosa profesión co recoñecemento da mesma.
  • Por que é necesario contar cunha titulación que sexa recoñecida e poda ser tida en conta nos procesos selectivos de bibliotecas.
  • Para que permita regularizar a contratación e as funcións a desenvolver.
  • Para loitar contra o intrusismo profesional ou evitar no futuro que persoas sen formación específica podan acceder a postos de traballo en bibliotecas.

Que é a certificación profesional?

Os certificados acreditan o conxunto de competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral identificable no sistema produtivo sen que sexa constitutivo de regulación do exercicio profesional.

Estes certificados profesionais son promovidos pola Unión Europea, teñen carácter oficial e son validos en todo o territorio do Estado. Son expedidos polo SEPE e os órganos competentes das Comunidades Autónomas.

En que consiste o procedemento de acreditación de competencias profesionais?

É un procedemento que permite ás persoas que teñan experiencia laboral e/ou formación non formal sen acreditar, obter unha acreditación oficial de cualificacións profesionais incluídas en determinados certificados de profesionalidade.

Quen pode acceder?

  • Quen non teña formación regrada específica en bibliotecas
  • Quen teña titulación superior específica en bibliotecas pero queira presentarse a postos de traballo inferior á súa titulación
  • Quen teña titulación superior, non específica en bibliotecas, e estexa ocupando un posto inferior á súa titulación
  • Persoas sen titulación regrada pero con coñecementos en bibliotecas
  • Persoas sen titulación e con experiencia laboral

Que é necesario?

(Como mínimo unha destas tres opcións)

  • Posuir experiencia laboral de, polo menos, tres anos con un mínimo de 2000 horas traballadas nos últimos 15 anos.
  • Posuir experiencia como persoa voluntaria/bolseira de, polo menos, tres anos con un mínimo de 2000 horas traballadas nos últimos 15 anos.
  • Non cumprir os requisitos da experiencia laboral pero si a formación non formal: máis de 300 horas nos últimos 10 anos.

Para que vale este certificado?

  • Para dignificar e poñer en valor o noso traballo.
  • Para recoñecer os nosos coñecementos, habilidades practicas e actitudes para desempeñar o traballo,
  • Para acreditar competencias profesionais mediante a experiencia laboral ou de vías non formais da formación (títulos de cursos de formación en biblioteconomía)

Que nos aporta ter este certificado?

  • Mellora da competitividade e da calidade no emprego
  • O recoñecemento profesional
  • Mellora das cualificacións profesionais
  • Unha titulación e certificación laboral
  • Posibilidades de aportar a certificación como mérito
  • Demandar que no futuro poder ser tida en conta nos procesos selectivos
  • Posibilidade de permitir a algunhas persoas o acceso a estudos superiores (correspóndese cunha FP de grao superior).

Requisitos mínimos de participación no procedemento

TODAS as persoas candidatas deberán cumprir os requisitos seguintes

  1. a) Posuír a nacionalidade española
  2. b) Ter feitos 20 anos, no momento de realizar a inscrición (requisito para os niveis 2 e 3).
  3. c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar.

A que postos de traballo podería acceder con esta certificación?

  • Auxiliar de bibliotecas.
  • Técnico auxiliar de bibliotecas.
  • Técnico especialista de bibliotecas. 

Neste momento a administración non demanda a certificación porque tampouco existe en Galicia. A nosa intención é que cando a certificación estexa implantada as administracións e empresas podan demandar este título para acceder a estes postos de traballo.

Xa teño unha titulación superior en Biblioteconomía, xestión da información… ou outras, necesito realizar esta certificación?

Neste momento NON, pero no futuro, si se demandase a certificación para os postos de auxiliar, técnico auxiliar ou técnico especialista, é posible que se solicite contar coa certificación para poder acceder a estes postos que son de inferior categoría ao A1 e A2 para os que habilita a titulación superior.

Para que serve a certificación?

Para dotar de recoñecemento as competencias para o desenvolvimento do traballo nunha biblioteca, desta maneira pódese acabar co intrusismo laboral, que acceda xente sen ningún coñecemento na materia (como no caso dos concursos horizontais).

Xa son funcionario/a ou laboral indefinido, necesito a certificación?

Se non tes pensado acceder a outro posto noutro lugar NON necesitarías a certificación xa que a propia administración non podería demandarche estes coñecementos e competencias unha vez que xa estás dentro da administración de maneira indefinida.

A certificación dá puntos nas oposicións?

Neste momento NON, pero no futuro pode ser que se demande ter esta certificación para poder optar a estes postos de traballo.

Como é o procedemento?

A certificación está composta por estas 5 unidades de competencias que hai que xustificar:

  • UC2594_3 – Informar aos usuarios da biblioteca
  • UC2595_3 – Formar aos usuarios da biblioteca
  • UC2025_3 – Desenvolver actividades de extensión cultural e bibliotecaria
  • UC2024_3 – Efectuar o servizo de acceso ao documento
  • UC2023_3 – Mantener os fondos da colección da biblioteca

Neste momento o procedemento estase facendo de maneira colectiva a través de Bamad como entidade colaboradora. Só se poderá acceder de maneira colectiva a través de nós. En seguintes convocatorias poderase acceder de maneira individual.

Unha vez entregada a documentación o servizo de acreditación disporá de asesores e avaliadores para analizar a documentación e falar individualmente con cada solicitante.

Nesta convocatoria tentarase que se acrediten as 5 competencias indicadas máis arriba. Os asesores poden valorar se cada persoa pasa esas 5 competencias a través da documentación aportada ou se consideran necesario que se aporte máis documentación ou se realice algún tipo de proba que xustifique ese coñecemento nas competencias.

Nesta fase só entregaremos a documentación estrictamente necesaria mínima para que dispoñan dela os asesores.

No momento do asesoramento individual cada persoa aportará os documentos orixinais de todo o que sexa necesario para xustificar eses coñecementos: 

  • En caso de optar pola vía laboral: outros contratos laborais e toda a formación que o solicitante considere importante.
  • En caso de optar pola vía formativa: outra formación que se considere importante xunto a todos os contratos relacionados que se se teñan.

Como cubrir o Anexo II?

O Anexo II é recomendable cubrilo desa maneira para que os asesores o teñan de forma normalizada. Pero NON é obrigatorio que vaia nese formato, é orientativo e, desa maneira, calquera institución pode presentar o modelo que considere necesario.

Pero: É NECESARIO que o modelo de certificado conteña ben definidas, se pode ser as 5 competencias a valorar con ese nome ou similar para que os asesores e avaliadores saiban que se trata desas función. Ou explicadas de maneira similar.

Nesta ocasión, ao realizalo de maneira colectiva, chega con completar as funcións e NON é necesario completar os datos de actividades e tempo de dedicación. 

Exames ou Probas

Non se realizarán exames. A acreditación realizarase mediante a documentación aportada.

Naqueles casos nos que os asesores consideren que non se xustifica de maneira adecuada algunha das unidades de competencia poderán establecer algún tipo de proba práctica sobre o contido da mesma.

Custes

Lembramos que o proceso ten unhas taxas asociadas no momento de ser admitidas as solicitudes.

  • Taxa da fase de asesoramento

As persoas candidatas admitidas para a realización da fase de asesoramento deberán aboar unha única taxa de 21,68€.

  • Taxa da fase de avaliación

A persoa candidata admitida para a realización da fase de avaliación deberá aboar unha taxa de 10,84€ por cada unha das unidades de competencia nas que solicite a súa avaliación. No noso caso son 5 unidades. En total serían 54,2€.

Documentación

Guía proceso de acreditación de competencias profesionais

BOE: Real Decreto 151/2022, de 22 de febrero, por el que se actualizan determinadas cualificaciones profesionales de las familias profesionales Hostelería y Turismo, Marítimo-Pesquera, Seguridad y Medio Ambiente, y Servicios Socioculturales y a la Comunidad, recogidas en el Catálogo Nacional de Cualificaciones Profesionales.

BOE núm. 65, de 17 de marzo de 2022 https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2022-4205 

DOG: ORDE do 4 de xuño de 2021 pola que se regula, no ámbito do sistema educativo da Comunidade Autónoma de Galicia, o proceso de acreditación de competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral para unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais (código de procedemento ED517B).

DOG núm. 112, de 15 de xuño de 2021 https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210615/AnuncioG0598-070621-0001_gl.html

Anexo II acreditación con unidades de competencia

Tes interese en obter este certificado?

Se é así completa este formulario para que podamos poñernos en contacto contigo.

Tes dúbidas?

Máis información: acreditacion[arroba]bamad.gal

Consulta estes videos sobre o recoñecemento da experiencia laboral: