Compartir, innovar, medrar: a experiencia Ágora


BAMAD Galicia convídavos a participar o próximo sábado, 30 de maio, nun encontro profesional para coñecer os servizos da Biblioteca Ágora, pertencente á Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, e a súa integración na rede asociativa e cultural do barrio.

As liñas estratéxicas que distinguen ao centro son as seguintes:

a) Vinculación coa comunidade a través do Proxecto Suma Ágora e tamén con iniciativas dirixidas ao alumnado dos institutos da área de influenza: alfabetización informacional, Roteiros, Libros Viventes e Conversas.
b) Aposta pola lectura para todas as idades: para bebés, os bebencontros e as bebescolas; para os pequenos; o Programa de Merendas con Contos (en todas as bibliotecas da rede); 8 clubes de lectura: 1 de adolescentes, 4 xeralistas e os 3 de Queeruña.
c) Importancia da formación con varios grupos de alfabetización de adultos, dous grupos de español para migrantes ou os dous grupos de conversas en galego, cursos (Internet, móbil), visitas escolares, charlas e obradoiros.
d) Transversalidade da inclusión no acceso á lectura e á formación a través de todos os programas de voluntariado nos que participan anualmente máis de 2.200 persoas: club de lectura en voz alta, Lecturas de Ti a Ti, obradoiros de reforzo en inglés/español para migrantes en colaboración cos institutos, A Hora da Lectura con centros de Dia/Acollida…
e) Coidado da colección, con mostras bibliográficas e documentais importantes, novos servizos como o de xogos e centros de interese como Leobén, Feminismos, Cultura Científica…

O encontro terá lugar das 16 ás 20 horas con posibilidade de asistir a unha comida previa. Se queres vivir en primeira persoa todos estes proxectos, entrar en contacto con outros profesionais do sector e compartir experiencias, inquedanzas e ideas, inscríbete (até o xoves 28 de maio) e comparte connosco a experiencia Ágora!

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.