Valoración Estatísticas das Bibliotecas públicas de Galicia 2020


En 2020 Galicia conta con 91 concellos sen bibliotecas. O 29,43% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 9€ por habitante ás bibliotecas, 1,63€ menos que no conxunto do estado (10,63€)

Isto é o que podemos tirar dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2020, publicadas polo Ministerio de Cultura.

Con respecto aos indicadores analizados estamos por debaixo da media estatal en todos agás no número de documentos por habitante e nas adquisicións de documentos por cada 1.000 habitantes.

As análises feitas en anos anteriores, e que indican a nosa opinión ao respecto, poden verse nestes artigos publicados na nosa web.

Este ano, grazas aos cambios na recollida de información que o Ministerio de Cultura solicita para os datos estatísticos, podemos coñecer con máis detalle os concellos sen biblioteca.

Desta maneira sabemos que 91 concellos non dispoñen de biblioteca pública e outros 9 concellos non cubren a estatísticas por motivos que descoñecemos pero que na maioría das ocasións teñen que ver coa falta de persoal bibliotecario que complete a información estatística ou peches temporais.

É chamativo o caso de varios concellos que incumpren a lei desde hai anos ao superar os 5.000 habitantes e ter a obrigatoriedade de ter que dar este servizo esencial como recolle a Lei de Bases de Réxime Local. Os concellos son Oza-Cesuras e Valdoviño (na provincia da Coruña) e Tomiño (na e Pontevedra).

En total temos por provincias:

Provincias e concellosConcellos con bibliotecaConcellos sen bibliotecaConcellos que non completan as estatísticas
Coruña (93)8491
Lugo (67)42252
Ourense (92)42504
Pontevedra (61)5472

222919

Aspectos positivos: 

Un dos aspectos positivos que podemos sinalar, e que se repite desde hai anos, é o número de documentos por habitante que está por riba da media estatal e que xa temos sinalado que, aínda que maior, non ten porque ser un dato necesariamente bo e é necesario realizar unha avaliación da colección nas bibliotecas.

Nos orzamentos dedicados ás bibliotecas públicas teñen especial relevancia as axudas á adquisición de fondos bibliográficos que ten en marcha a administración autonómica: a subvención para a mellora das coleccións, a subvención para adquisición de novidades en lingua galega e o incremento de fondos en formato dixital. É especialmente relevante a potenciación dos formatos dixitais accesibles a través do portal GaliciaLe que durante os anos 2020 e 2021 redobrou esforzos para facer fronte á gran demanda de préstamo de obras en formato dixital debido aos períodos de confinamento e de peche de servizos públicos. Porén, continuamos a botar en falta que haxa máis compromiso nas partidas dedicadas a bibliotecas nos concellos e nas Deputacións.

O segundo aspecto positivo é que continúa a incorporación de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas que acada practicamente a totalidade das Bibliotecas Públicas, este dato ten especial relevancia no que se refire ao conxunto da poboación inscrita nas bibliotecas xa que no proceso de incorporación á rede corríxense erros e depúranse duplicados polo que a poboación inscrita descende desde hai anos situándose ao redor do 30% da poboación, aínda que neste ano baixamos ao 29,43%.

O outro dato positivo é o das adquisicións por cada 1.000 habitantes que en 2020 se sitúa por encima da media estatal. Esta tendencia esperemos que se manteña nos seguintes anos até o actual no que en 2022, grazas ás partidas dos Fondos de Recuperación Europeos, dotáronse as bibliotecas de maiores fondos para adquisicións.

Lembramos que esta enquisa se corresponde aos datos do ano 2020 e en 2022 a Xunta de Galicia publicou, por fin despois de moitos anos previsto, o concurso para servizos bibliotecarios móbiles que se porá en marcha en 2023 e que permitirá cambiar os datos correspondentes aos concellos sen bibliotecas. Atenderá 20 concellos, 10 na provincia de Lugo e un número similar na de Ourense.

Aspectos negativos:

Novamente debemos facer fincapé na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos, nos que seguimos atopando casuísticas habituais de contratación de persoal non especializado, compartindo prazas con outros servizos municipais, recorrendo a persoal doutros servizos para cubrir os postos, persoal sen os coñecementos necesarios para levar a cabo unha boa xestión da información e documentación. Este punto acada maior importancia se temos en conta a incorporación da maior parte das bibliotecas pequenas, a unha ferramenta que precisa de cooperación e coordinación de todos as administracións implicadas para garantir un bo servizo aos usuarios. Non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido. Temos que sinalar a perda continua de persoal bibliotecario que desde o ano 2016 descendeu en 39 persoas o que nos leva a contar con menos persoal por habitante. Mentres no estado, o persoal atendido por bibliotecarios vai diminuíndo progresivamente, en Galicia o número de persoas atendida vaise incrementado debido á falta de persoal.

É importante que se desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer, en que aspectos é necesario investir e cara a onde deben encamiñarse os esforzos en cada punto de servizo bibliotecario. Seguimos afirmando que non somos partidarios de pór en marcha medidas coercitivas desde a Xunta de Galicia, pero seguimos crendo tamén que a administración autonómica debe velar polo correcto desenvolvemento e xestión dos servizos bibliotecarios municipais, respectando a potestade organizativa dos concellos, pero primando sempre a prestación de servizos de calidade e premiando aqueles concellos que cumpran coa súa obriga de ofrecer servizos de calidade. Para isto o desenvolvemento do Mapa de Bibliotecas de Galicia e os seus estándares só serán útiles se os concellos respetan e melloran os seus indicadores cumprindo os estándares que se recomendan para os seus puntos de atención bibliotecaria.

Os datos estatísticos, non só os que fan referencia ás bibliotecas, mais estes tamén, seguen a mostrar unha gran dispersión e perda de poboación, que dificulta que os concellos rurais, pequenos e despoboados, poidan prestar servizos de calidade. Con respecto ás situacións bibliotecarias por provincia só a da Coruña presta un bo servizo á súa poboación. A provincia de Pontevedra cae moitos puntos debido principalmente á precaria situación bibliotecaria do concello de Vigo, onde a cidade máis poboada do país é a que goza dunha pior situación bibliotecaria. Da mesma maneira as provincias máis despoboadas e avellentadas, Lugo e Ourense, están entre as últimas en servizos bibliotecarios por non poder os seus concellos, por si propios e sen axuda das deputacións, contar con servizos bibliotecarios.

Ante esta situación atopámonos ante outro ano que pasa sen que a Xunta de Galicia desenvolva a lexislación bibliotecaria aprobada hai 10 anos. É necesario desenvolver regulamentariamente a Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia, especialmente os aspectos organizativos, de cooperación e colaboración no funcionamento da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. É importante a implicación de todas as administracións na posta en marcha de servizos bibliotecarios móbiles, e servizos de lectura dixital que acheguen a toda a cidadanía, e especialmente a aquela que non conta con servizos bibliotecarios no seu concello, para garantir o acceso de todas as persoas, independentemente do lugar no que vivan, á información e á cultura de calidade.

Resumo estatístico de Galicia 2020:

Datos Xerais: contamos con 235 bibliotecas públicas (6 menos que en 2019) que prestan os seus servizos en 312 puntos de atención bibliotecaria (17 menos que en 2019). 91 concellos en Galicia non dispoñen de ningún servizo bibliotecario (4 concellos máis sen biblioteca con respecto a 2019).

No número de documentos por habitante estamos por riba da media. Contamos con 2,17 doc/hab., mentres que no estado a media é de 1,93. Dato que non necesariamente ten que ser bo xa que se necesita unha Avaliación da colección.

No número de documentos adquiridos por mil habitantes prodúcese un aumento con respecto ao ano anterior. O número de documentos adquiridos foi de 74,36 doc., un aumento importante con respecto ao 2019 (61,82 doc./1000 hab.) que fai que Galicia se coloque por encima da media estatal de 62,65 doc/1000 hab.

En canto ao gasto en colección por habitante situámonos en 0,70€/habitante mentres a media do estado e de 0,77€/habitante (0,66 e 0,74 respectivamente en 2019).

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 0,77, mentres a media do estado foi de 0,89. Este indicador, evidentemente está fortemente influído polas medidas adoptadas na pandemia, así que non parece equiparable ao ano 2019 (probablemente a comparativa sería máis acaída cos datos que se obteñan en 2022).

Só o 29,43% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentres no estado a media é de 35,30. (31,08 e 35,69 respetivamente en 2019). Apenas existen variacións a pesar de que continúa a integración das bibliotecas públicas municipais no Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Pola evolución dos últimos anos estamos sempre en torno ao 30% da poboación inscrita, datos que se van estabilizando a medida que acaba a integración das bibliotecas municipais na Rede de Bibliotecas de Galicia, aínda que este ano baixamos por primeira vez do 30%.

Continuamos prestando menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,45 mentres que no estado se prestou 0,48 doc./hab. (0,76 e 0,95 en 2019). Novamente, atopámonos ante un indicador claramente distorsionado pola pandemia, amosando datos moi semellantes á media estatal.

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado 1,34 frente a 2,24 act/1.000 hab. (3,28 e 5,40 en 2019). Trátase doutro dos indicadores claramente afectado polas condicións esixidas polas medidas para combatir a pandemia COViD-19

Nos gastos correntes, dedicados ás bibliotecas públicas, en Galicia destináronse 9€/hab., mentres que no estado o gasto foi de10,62€. (8,95 e 10,34 en 2019). Aumenta en ambos os dous casos e segue manténdose a diferenza negativa entre o gasto corrente en Galicia e o gasto corrente medio do Estado. A pesar do incremento de 5 céntimos en Galicia, (no estado foi de 8 céntimos por habitante), os orzamentos están lonxe aínda de acadar niveis previos á última crise económica correspondente ao orzamento do ano 2012.

Persoal

En Galicia contamos con un bibliotecario por cada 4.944 habitantes, mentres que no estado teñen 1 por cada 4.376 habitantes (4.951 e 4.233 en 2019). Este é un dato especialmente negativo xa que malia o aumento na media estatal, a melloría galega foi solo de 7 habitantes, e se temos en conta que a poboación galega continúa a diminuir, podemos concluír que descendeu en grande medida o número de persoal nas bibliotecas galegas. O descenso na poboación total debería supor unha baixada máis importante no número de habitantes atendidos por cada bibliotecario.

En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 545 traballadores en 2020 e 546 en 2019 (1 persoas menos). En total desde o ano 2016 hai 39 persoas menos traballando nas bibliotecas públicas galegas.

Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros… Concluímos coa reflexión indicada en anos anteriores, que nos leva de novo a demandar a importancia do papel dos concellos e a necesidade da colaboracións entre as diferentes administracións públicas. Na potenciación das bibliotecas públicas deben implicarse todas as administracións, non só a Xunta de Galicia e os concellos, senón tamén as deputacións provinciais que poden axudar aos concellos máis pequenos e con menos recursos a contar con servizos bibliotecarios adecuados e suficientes.

Os procesos de consolidación do persoal das administracións, postos en marcha en 2022, deberían contribuír a mellorar a situación de precariedade nos postos de traballo. Unha vez acabada a consolidación será o momento de poñer en marcha as melloras de persoal necesarias para dotar as bibliotecas de número de persoal suficiente e as categorías de persoal necesarias para poder cumprir, como mínimo, os criterios de persoal establecidos nos Estándares do Mapa de Bibliotecas aprovado en 2022.

Resumo informe anual:

Comparativa 2019-2020:

Datos comparativos da media 2019 e 2020 da media estatal e galega

Datos comparativos da media 2019 e 2020 da media galega e por provincias

Na Coruña a 18 de novembro de 2022

Xunta Directiva de Bamad Galicia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.