Estatutos

Estatutos da Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia

(BAMAD Galicia)

*O documento en pdf contén a última versión aprobada e validada dos Estatutos da Asociación. O texto que sigue é meramente indicativo.

Estatutos Bamad Galicia

Estatutos de Bamad Galicia

Aprobados na Asemblea Xeral extraordinaria celebrada o 26 de febreiro de 2016

 

CAPÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º.- Da Constitución e Denominación

Constitúese na cidade da Coruña unha Asociación sen ánimo de lucro, de tipo xeral, que se denominará “Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia” (BAMAD GALICIA), ao abeiro do artigo 22 da Constitución Española de 1978. A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º.- Dos fins

Son fins preferentes da Asociación:

  1. Establecer canles de información e de relación cos poderes institucionais implicados no ámbito de actuación dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación.
  2. Promover unha formación de calidade dos profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación, e establecer liñas de actuación para mellorar as condicións laborais e marcar as condicións profesionais e técnicas que corresponden ao desenvolvemento das súas competencias laborais.
  3. Elaborar programas de actuación que favorezan o coñecemento da situación laboral galega no seu ámbito de actuación e axuden ao seu desenvolvemento.
  4. Representar aos asociados ante os organismos e entidades nacionais e internacionais

Artigo 3º.- Das Actividades

Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación organizar as seguintes actividades:

  1. Promover o desenvolvemento e a difusión do patrimonio cultural galego, con iniciativas que favorezan a existencia dunha lexislación axeitada aos fins da asociación.
  2. Promover o desenvolvemento e a difusión do concepto de Arquivo, Biblioteca, Museo e de Centro de Documentación con iniciativas que favorezan a existencia dunha lexislación e normativa axeitada aos fins da asociación.
  3. Realizar cursos, conferencias, seminarios e outras actividades docentes encamiñadas á formación dos profesionais.
  4. Organizar congresos, xornadas, exposicións e certames sobre temas de interese para os seus asociados e participar en cantos actos se celebren relacionados cos seus fins.
  5. Establecer comisións e grupos de traballo que realicen investigacións, estudos, enquisas e proxectos concernentes ao exercicio da súa función.
  6. Conceder bolsas de estudo e de viaxes de estudo.
  7. Favorecer o progreso científico e técnico da profesión. Editar traballos sobre temas conectados coas súas actividades.
  8. Xerar un sistema que sirva de medio de difusión das actividades da asociación e de medio de comunicación e participación entre os asociados e as asociadas.
  9. Organizar viaxes para visitar os centros profesionais de interese tanto en España como no
  10. Crear canles de comunicación con outras institucións relacionadas coa profesión

Como asociación sen ánimo de lucro, os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

Artigo 4º.– Do Domicilio social

O domicilio principal e permanente da Asociación radicará na localidade da Coruña, Rosalía de Castro 13, C.P.15004.

Artigo 5º.- Do Ámbito territorial

A Asociación, en función dos seus fins e da situación do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.- Da Duración, Disolución e Principios

  1. A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
  2. A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

CAPÍTULO II

DAS PERSOAS SOCIAS

Artigo 7º.- Das persoas e entidades que poden ser socias

Poderán ser integrantes da Asociación persoas socias numerarias, socios institucionais, protectores e honorarios:

  1. Poderán ser persoas socias numerarias:
    1. As persoas que estuden ou teñan titulación de diplomatura, grao, licenciatura, postgrao ou mestrado en Biblioteconomía, Documentación, Arquivística, Museoloxía e Ciencias da Información e da Documentación.
    2. Todas aquelas persoas que exerzan ou estexan interesadas en exercer funcións técnicas e profesionais para Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación ou organizacións relacionadas con estes servizos.
  2. Poderán ser socios institucionais os Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación situados en Galicia así como calquera outra organización que desenvolva a súa actividade nestes campos.
  3. Poderán ser tamén socias institucionais as empresas que desenvolvan a súa actividade profesional en calquera das nosas áreas de traballo.
  4. Poderán ser persoas socias protectoras aquelas persoas físicas ou xurídicas que presten á Asociación unha eficiente axuda moral ou material a proposta da Xunta Directiva e ratificados na Asemblea Xeral.
  5. Poderán ser persoas socias honorarias aquelas persoas físicas ou xurídicas que destaquen polos seus relevantes méritos culturais, científicos ou técnicos en relación cos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, a proposta da Xunta Directiva e ratificados na Asemblea Xeral

Artigo 8º.- Dos dereitos das persoas asociadas

As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:

  1. Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.
  2. Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.
  3. Tomar parte en cantas comisións, grupos de traballo e actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.
  4. Representar a Asociación, a proposta da Xunta Directiva, naqueles actos que se determinen.
  5. Ter copia destes Estatutos.
  6. Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.
  7. Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.
  8. Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.
  9. Coñecer o estado anual das contas de ingresos e gastos e a memoria anual de actividades.

Artigo 9º.- Dos deberes das persoas asociadas

Son deberes das persoas asociadas:

  1. Prestar cantos servizos determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.
  2. Desempeñar os cargos para os que foron escollidas.
  3. Concorrer persoalmente, ou por delegación, ás Asembleas Xerais.
  4. Satisfacer as cotas que se establezan.
  5. Cumprir os acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.
  6. Comunicar á Secretaría da Asociación os cambios de domicilio, datos de contacto e conta bancaria.

Artigo 10º.- Dos socios honorarios e non numerarios

Os socios honorarios e non numerarios non poderán intervir na dirección da Asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero están facultados para asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto.

Artigo 11º.- Da admisión de persoas asociadas

Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a solicitude de asociación.

Artigo 12º.- Da perda de condición de persoa asociada

A condición de persoa socia pérdese:

  1. Por vontade propia. Cando a baixa se produza por vontade da persoa socia, deberá comunicarse mediante escrito.
  2. Por falta de pago nas cotas.
  3. Por realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da Asociación ou incumprimento reiterado das obrigas de persoa socia.

Artigo 13º.- Da expulsión de persoas socias

A expulsión de persoas asociadas será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral extraordinaria.

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 14º.- Da dirección da Asociación

A dirección e administración da Asociación serán exercidas pola persoa que ocupe o cargo da Presidencia, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 15º.- Da representación legal

A persoa que ocupe a Presidencia asume a representación legal da Asociación e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

A persoa que ocupe a Presidencia será designada pola Asemblea Xeral entre as persoas asociadas e o seu mandato durará catro anos.

Artigo 16º.- Da composición Xunta Directiva

A Xunta Directiva estará formada como mínimo por catro membros: unha persoa na Presidencia, unha persoa na Secretaría, unha persoa na Tesouraría e unha persoa como Vogal, cargos que deberán recaer en persoas asociadas.

Procurarase que na directiva estexan representadas as diferentes áreas profesionais da Asociación.

As causas de cesamento dos membros da Xunta Directiva serán: renuncia, por acordo da Asemblea, falecemento e/ou outras causas previstas pola lexislación.

Artigo 17º.- Da elección dos cargos da Xunta Directiva

Os cargos que compoñen a Xunta Directiva escolleranse pola Asemblea Xeral por un período de catro anos. Non serán remunerados, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.

Artigo 18º.- Das Funcións da Xunta Directiva

É función da Xunta Directiva programar e dirixir as actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

Así mesmo procederá a convocar e fixar a data da Asemblea Xeral, propoñer as cotas ordinarias e extraordinarias que se leven á aprobación da Asemblea, designar as Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación, elaborar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.

Corresponderalle tamén todas aquelas outras actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.

Artigo 19º.- Das Reunións e Acordos da Xunta Directiva

A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine a persoa que ocupe o cargo da Presidencia a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes. Será presidida pola persoa que ocupe a Presidencia e, na súa ausencia, pola persoa que ocupe a Vicepresidencia se a houber, ou a persoa que ocupe a Secretaría, por esta orde, e, a falta de ambas as dúas, polo membro da Xunta Directiva de maior idade.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros. No caso de empate decidirá o voto da Presidencia.

A persoa que exerza o cargo de Secretaría ou, no seu defecto, a persoa membro da Xunta Directiva de maior idade levantará acta das sesións.

Artigo 20º.- Da creación de Comisións e Grupos de Traballo

A Xunta Directiva poderá acordar a constitución de Comisións específicas para a preparación de determinadas actividades ou Grupos de Traballo, nomeando como membros das comisións as persoas que considere necesarias en número e capacitación técnica.

Artigo 21º.- Da Composición da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da Asociación e estará formada por todas as persoas integrantes da mesma. A Presidencia e a Secretaría da Asemblea exercerana as mesmas persoas que ocupen eses cargos na Xunta Directiva e na súa ausencia as persoas da Xunta Directiva de maior idade ou, na ausencia das mesmas, as persoas asociadas presentes de maior idade.

Artigo 22º.- Da Periodicidade da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 15% das persoas asociadas. Neste último caso realizarase por medio escrito dirixido á Presidencia, autorizado coas sinaturas das persoas solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 23º.- Da convocatoria das Asembleas Xerais

Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con quince días de antelación pola Presidencia da Xunta Directiva

A notificación ás persoas asociadas farase por correo electrónico ou calquera outro medio telemático que acorde a Xunta Directiva, tanto para as Asembleas Ordinarias como para as Asembleas extraordinarias.

Artigo 24º.- Das Competencias da Asemblea Xeral Ordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:

  1. Aprobar a acta da reunión anterior.
  2. Aprobar o plan de actividades.
  3. Examinar e aprobar a memoria de actividades.
  4. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
  5. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
  6. Exame e aprobación das cotas.

Artigo 25º.- Das Competencias da Asemblea Xeral Extrordinaria

Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:

  1. Modificar os Estatutos da Asociación.
  2. Escoller as persoas integrantes da Xunta Directiva.
  3. Aprobar a federación con outras Asociacións.
  4. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca dos bens sociais.
  5. Acordar a disolución da Asociación.
  6. Designar as persoas liquidadoras.
  7. Ratificar a expulsión dos asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
  8. Solicitar a declaración de utilidade pública da Asociación.
  9. Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación.
  10. As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan esperar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación.
  11. Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou á Xunta Directiva.

Artigo 26º.- Da validez da composición da Asemblea Xeral

Para que as asembleas poidan tomar acordos, integraranse polas persoas asociadas asistentes, sempre que concorran a metade mais un do total na primeira convocatoria ou, transcorridos 15 minutos, en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.

Artigo 27º.- Da Toma de acordos da Asemblea Xeral

Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple das persoas asociadas asistentes ou representadas, excepto os relativos aos apartados 1 ao 7 do artigo 26, que necesitarán maioría absoluta dos asistentes. A continuación levantarase Acta dos acordos e asinarán as persoa que ocupen os cargos de Presidencia e Secretaría da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría simple de asistentes.

Artigo 28º.– Da obriga de respectar os acordos e da organización da Asemblea Xeral

Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a todas as persoas asociadas, incluso ás non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine a Presidencia. Seguidamente procederase por parte do cargo de Secretaría á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.

Posteriormente a persoa que ocupe a Secretaría presentará a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose á aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.

Unha vez rematados todos os asuntos da orde do día procederase, se a presidencia o considera oportuno ou o solicitan un 10% do total das persoas asociadas presentes, a facer unha quenda de rogos e preguntas e á adopción de acordos. Concluído o acto a Presidencia levantará a sesión.

Artigo 29º.- Da toma de acordos que vaian contra os Estatutos

Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 30º.- Das facultades da Presidencia

A Presidencia da Xunta Directiva terá, ademais das facultades consignadas nos artigos 15, 16 e 17, as seguintes atribucións:

  1. Presidir e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.
  2. Propor o Plan de actividades da Asociación
  3. Ordenar os pagamentos acordados validamente.
  4. Representar a Asociación perante calquera organismo público ou privado.
  5. Asinar as actas, certificados e outros documentos da Asociación xunto coa persoa que ocupe o cargo de Secretaría ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.
  6. A Presidencia poderá ser asistida nas súas funcións por unha Vicepresidencia se a houber, ou a Secretaría, quen ademais poderá substituír no cargo nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 31º.- Das facultades da Secretaría

A persoa que ocupe o cargo de Secretaría recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o rexistro de persoas asociadas e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Entidade. Correspóndelle, así mesmo, notificar as convocatorias e custodiar as actas e expedir certificacións das mesmas co visto bo da persoa que ocupe a Presidencia. Correspóndelle tamén levar o inventario dos bens da asociación.

Artigo 32º.- Das facultades da Tesouraría

A persoa que ocupe o cargo de Tesouraría recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida a Presidencia, dirixirá a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos e participará en todas as operacións de orde económica.

Ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario e de pór a disposición das persoas socias as contas nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

Artigo 33º.- Das vogalías

As persoas que ocupen as vogalías, no número que determine a Asemblea Xeral, terán as seguintes atribucións:

  1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
  2. Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

CAPÍTULO IV

DO RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 34º.– Do orzamento anual

A Asociación funcionará en réxime de orzamento anual. O borrador de orzamento será elaborado pola persoa que exerza como Tesoureira da Asociación, e deberá ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 35º.- Dos recursos da Asociación

A Asociación manterase dos seguintes recursos:

  1. As cotas periódicas das persoas asociadas.
  2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.
  3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
  4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
  5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 36º.– Das cotas ordinarias

As cotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, non sendo reintegrables en ningún caso, e adicaranse a atender as necesidades da Asociación.

Artigo 37º.- Da memoria económica anual

Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición das persoas asociadas, durante un prazo non inferior a 15 días da data sinalada para a celebración da Asemblea Xeral ordinaria, que deberá aprobalas.

Artigo 38º.- Da representación ante as entidades bancarias

Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación os teña depositados, terán recoñecido indistintamente as sinaturas as persoas que ocupen a Presidencia ou a Tesouraría que actuarán de forma solidaria.

Artigo 39º.- Da imposibilidade de distribuir os fondos entre as persoas asociadas

Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso os recursos da Asociación poderán ser distribuídos entre as persoas asociadas.

CAPÍTULO V

DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 40º.- Do Regulamento de réxime interno

O Regulamento de Réxime Interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, e non poderá ir en ningún caso en contra do estipulado nestes. En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI

DA MODIFICACIÓN DOS ESTATUTOS E DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 41º.- Da proposta de modificación dos estatutos

Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou o 15% das persoas socias. A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abrirase un prazo de 15 días para que calquera persoa socia poida dirixir á Secretaría as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización desta.

Artigo 42º.- Da aprobación da reforma dos estatutos

Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable de metade máis un dos asistentes á Asemblea Xeral extraordinaria.

Artigo 43º.- Da disolución da Asociación

A Asociación disolverase polas seguintes causas:

  1. Pola vontade das persoas socias acordada polos 2/3 das persoas presentes ou representadas na Asemblea Xeral extraordinaria, que deberán representar 2/3 das persoas asociadas
  2. Por outras causas determinadas legalmente.
  3. Por sentenza xudicial.

Artigo 44º.- Da liquidación da Asociación

Se acordar a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres persoas asociadas liquidadoras, que xunto coa Presidencia e a Tesouraría, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 45º.- Da doazón dos bens da Asociación

O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra ou outras Asociacións non lucrativas e inscritas en Galicia que teña os mesmos ou similares fins aos desta Asociación.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.