Damos a benvida a Alfonso Blanco, xestor cultural en Barbadás e responsable da Biblioteca Municipal.
Boas! Para comezar, podería contarnos un pouco como está organizado o traballo na Casa da Cultura de Barbadás?
Somos un equipo de 5 persoas, divididas entre os Departamento de Educación e o de Cultura. Somos un equipo interdisciplinar, entre o que nos repartimos as diferentes tarefas do día a día da Casa da Cultura e da Biblioteca, e da programación cultural.
E que nos pode contar da historia da Biblioteca?
A Casa da Cultura inaugurouse no ano 1994, e eu fun o profesional que camiñou con ela dende aquela. Os comezos foron algo axitados, pois eu era a única persoa para encargarse da tarefa de darlle vida.
Comecei amoblando o espazo e dotándoa de contido, e coa experiencia do traballo diario, pois penso que se logrou dotar ao municipio dun Centro Cultural axeitado ao contexto e necesidades do noso municipio.
Arredor dos anos 1999/2000 dende a Xunta propúxosenos crear unha Biblioteca ao que, evidentemente, dixemos que si sen demora e sen dúbidas! Tras a formalización do acordo, enviáronos o lote fundacional (que, todo hai que dicilo, con algúns títulos pouco axeitados e atractivos para unha Biblioteca Municipal). Dende aquela ata agora, fomos medrando e traballando para achegar a Biblioteca á poboación de Barbadás.
Máis de dúas décadas de Casa da Cultura e Biblioteca! E neste tempo, moito andado e moito que contar, polo que podemos entrever
Si! Unha das cousas coaa que me sinto máis contento e orgulloso é saber que, grazas ao noso traballo e esforzo, conseguimos contar cunha partida orzamentaria propia, que é moito se temos en conta a realidade imperante.
O edificio da Casa da Cultura tamén viviu as súas propias historias como, por exemplo, cando se fixo a autovía A-52, o Centro de Ensino que había alí tivo que trasladarse, e a Casa da Cultura foi o espazo que acolleu o Colexio ata que se construíu un edificio para a Escola. Ou cando Protección Civil conviviu connosco, ou a Escola de Música. O espazo Bibliotecario, en certo sentido, foi a razón que condicionou os usos e servizos que actualmente acolle a Casa da Cultura, xa que algunha das convivencias, por motivos evidentes, eran complicadas.
Gustaríame saber de que xeito afrontou vostede o ser o único profesional durante algúns anos, por un lado, do Departamento de Cultura e, por outro, da Biblioteca
As vivencias do día a día ensinan moito! Eu formeime na rama de Cultura, polo que dinámica do traballo non me era allea. Si, en certa medida, era un neonato no mundo das Bibliotecas, e para formarme neste área, fixen varios cursos e intereseime a título persoal por aprender todo o necesario e posible para sacar adiante o traballo. Con dedicación e ganas, todo sae!
Tiven a sorte de contar coa inestimable axuda das persoas profesionais da Biblioteca Pública de Ourense! Un grande equipo de profesionais!
Comezos axitados
Si, mais eu son un namorado da profesión, polo que tampouco o recordo como algo especialmente negativo.
Cando se inaugurou a Biblioteca comezamos co programa MEIGA, e cando tiñamos algún problema ou dúbida, contactábamos coa central, e a incidencia resolvíase sen máis complicacións. Dende que temos o KOHA, a dinámica é semellante.
No tocante á organización e deseño da programación para dinamizar o espazo, traballamos para contar cunha oferta variada e continuada ao longo do ano.
O feito de lograr que Cultura e a Biblioteca contasen cunha partida orzamentaria propia e diferenciada, facilita moito as cousas. Non ter que repartir os fondos con outros Departamentos, como pode pasar noutros lugares, axuda moito a poder organizar e planificar unha oferta cultural de calidade e estable.
Que nos pode contar sobre a programación cultural en Barbadás?
Como dixen antes, traballamos para ofertar unha programación estable e de calidade, e penso que se consigue.
Barbadás é un municipio mozo e activo. E a programación cultural, como non podía ser doutro xeito, adecúase ao seu contexto e tenta satisfacer as necesidades e demandas da veciñanza. Gran parte da programación adáptase ao público familiar, buscando sempre que desfruten tanto a rapazada coma as persoas maiores. A oferta é variada: circo, teatro, maxia, monicreques, clown… de todo! E tentamos colaborar con diferentes entidades e organización. Recentemente colaboramos co FITO, acollendo o evento de Paula Malik, artista colombiana residente en París.
Dende fai varios anos, vimos organizando o Programa de Verán na Rúa que se celebra todos os xoves de xuño a setembro nun parque ao lado do río. Pode ser que a difusión en medios de comunicación sexa baixa, pero a vida cultural en Barbadás é activa e potente. Estou orgulloso dos resultados que conseguimos e da boa acollida que temos! O feito de contar cunha programación estable durante varios anos, permite que a veciñanza adquirise o hábito de saber que conta con actividades culturais. Algo moi bonito e positivo, na miña opinión!
Por suposto! Os meus parabéns!
Grazas! A situación sanitaria, maila as evidentes previsións e xestións para asegurar a celebración de actos seguros, tampouco nos cortou as ás! As propostas ofertadas contaron sempre con público!
Evidentemente, entre as actividades que se lanzan, sempre hai varias da Biblioteca, que teñen como obxectivo a animación lectora e a promoción de hábitos saudables. Organizamos tamén varias actividades de “produción propia”, que organizamos e executamos nós mesmos, como por exemplo o Obradoiro de Outono, que celebramos recentemente.
Durante o Nadal a nosa programación ofrece actividades cada día durante o período de vacacións do estudantado. O Entroido é outra época do ano moi activa (non podía ser doutro xeito nun municipio ourensán coma o noso!).
Algo que coidamos moito é que cada proposta transmita valores. Penso que é vital que se asegure que exista esta parte educativa nas programacións culturais.
Non podo máis que felicitaro seu gran labor!
Grazas! Con traballo e ganas, todo é posible! O feito de contar cun orzamento propio dende fai xa tantos anos, como xa mencionei antes, axuda moito. E, evidentemente, coa boa e fiel acollida da veciñanza. Outra cousa que considero chave é o feito de que nós traballamos para que a veciñanza saiba dos beneficios de poder contar cunha programación cultural pública, e o gratificante que é gozar dela. Unha boa estratexia para os comezos é facerse ver, que sexa o espazo cultural o que vaia ao público, e non o contrario.
Pregúntolle agora sobre que é do que máis desfruta nesta profesión (e do que menos)
Ai! Eu non teño queixa! Teño a sorte de adicarme ao que sempre quixen, e non teño problema en, por exemplo, saír de traballar un venres a medianoite tras unha actuación teatral; saio contento e satisfeito do traballo logrado! O que máis me gusta é ver as cariñas de alegría da cativada cando están a participar nas actividades que ofertamos. É unha recompensa moi bonita.
Xenial!
Si! Gústame moito tamén poder ofertar actividades para o público novo, sendo acompañantes da súa educación socio-cultural. A Casa da Cultura ofrece un espazo común para toda a xente, que hai que respectar e coidar, pois somos moitas persoas as que facemos uso deste lugar. Durante as actividades tamén se aprende a importancia do traballo colaborativo, pois se a persoa artista pide, por exemplo, palmas, ou bailar, o feito de que todo o público responda ao unísono, é unha acción que implica moito máis do que pode parecer a primeira vista.
Pregúntolle agora acerca da súa relación cos Centros de Ensino
A relación é moi boa. Funciona en ambosos dous sentidos, pois os Centros de Ensino visitan a Biblioteca e a Biblioteca vai aos Colexios.
Si é verdade que traballamos máis estreitamente cos Centro de Ensino de Primaria. A rapazada acode ao Instituto a Ourense, e a comunicación co Centro, non é quizais todo o sólida que podería ser.
Vaia unha mágoa, pois este grupo de idade sempre anda un pouco esquecido…
Totalmente de acordo! Penso que existe unha falta de incentivo para este grupo de idade. Acostumamos pensar que é un grupo totalmente desinteresado na vida cultural, pero nada mais afastado da realidade. Unha boa anécdota é un evento que organizamos con Yolanda Castaño, destinado a público xuvenil. A rapazada quedou marabillada e preguntaba porque rematara tan rápido! E levaban máis dunha hora escoitando poesía! Algo marabilloso! A clave foi que a artista planificou unha actividade moi atractiva para estas ideades, cunha montaxe audiovisual e teatral, que os tivo namorados toda a sesión!
Fai pouco organizamos un obradoiro de graffitis e de rap, que se encheron axiña.
Queda evidente entón que en realidade o público xuvenil non está para nada desapegado da cultura.
Vexo que vostede ten interese persoal na oferta cultural destinada ao público xuvenil. Gustaríame saber a súa opinión como profesional de longo percorrido, que opinión ten sobre a realidade imperante na oferta e demanda cultural para este rango de idade
É certo que é un público complicado para ilusionar, mais a chave é saber atraer e convencer! Evidentemente, nesta tarefa é necesaria a implicación de todos os axentes posibles. Non todo depende dos Centros de Ensino, ou do entorno familiar, ou das entidades culturais. Ten que ser un traballo no que todos estes axentes deben implicarse.
Unha cousa moi importante é que exista un hábito de acudir aos centros culturais dende pequenos. Que se inculque e ensine a importancia e beneficios de acudir e consumir cultura dende que nacemos, é fundamental.
Pensa entón que hai falta de implicación por parte das diferentes axentes implicados para motivar e incentivar ao público adolescente
Si. Non se pode pensar que son unicamente os axentes socioculturais sobre os que recae esta tarefa. Nós si temos ido a buscar ao noso público adolescente aos parques e aos seus lugares de encontro convidándoos a participar das actividades que se organizan. Máis non podemos ser os únicos axentes que se encarguen desta tarefa. Ten que ser un traballo en conxunto.
Moi certo! Falaba de dúas actividades destinadas a público xuvenil que funcionaron moi ben. E de seguro, organizaron outras tantas…
Si! Na actuación da artista franco-colombiana, destinada a público familiar, acudiron tamén rapazada de 15 anos máis ou menos, que desfrutaron moito. Exemplos así hai varios. Nós tentamos organizar actividades e crear servizos que resulten atractivos para este rango de idade. Algunha das actividades que ofertamos están orientadas ao debate, charlas, etc., que funcionan moi ben, pois as temáticas que se tocan (educación sexual, feminismo, etc.) están moi presentes no seu día a día, e desperta o seu interese. E o bo funcionamento da actividade está asegurado se a persoa que a executa sabe conectar con e tirar deste público.
Outra das cousas que coidamos especialmente é as desideratas que se fan por parte das persoas lectoras máis novas. É o mellor xeito de coñecer as súas necesidades e intereses, e de paso, seguir formando un fondo bibliográfico activo e actual! Esta forma de traballar e xestionar o fondo permite tamén que se manteña o hábito lector ao longo da vida da xente; pois non é raro que entre os 13-15 anos ata os vinte tantos a lectura quede aparcada.
Algo vital é contemporizar coa rapazada; nós, por poñer un exemplo, permitimos que na sala de estudo, dentro duns límites de convivencia, se poida falar. Deste xeito a xente nova que acode para estudar atópase con espazo e un ambiente distendido, na que hai liberdade ao tempo que se respecta ás demais persoas usuarias.
Semella que existe unha falta de público lector novo. Que estratexias pensa que se deberían seguir para evitar que o público xuvenil desconecte coa lectura e a vida cultural?
Na miña opinión, seguindo o que dicía antes, unha mellor coordinación e colaboración entre os diferentes axentes implicados. Non esperar a que un ou outro mova ficha, se non traballar de forma conxunta e non romper ese vínculo. Os Centros Escolares, na miña opinión, son uns dos eixos principais, e non deben considerarse nin funcionar só como lugares nos que imparten aulas; son algo máis que iso. Unha estratexia que, na miña opinión, resulta moi beneficiosa e frutífera é permitir que nós, como representantes da cultura pública, poidamos entrar nos Centros e levar a cabo pequenas charlas educativo-culturais, co obxectivo de conectar con e atraer ao alumnado. É un corpo a corpo que hai que facer, a difusión soa non funciona. Se, por exemplo, se celebra a presentación dun libro un venres pola tarde, o mellor xeito de atraer a xente nova é ir uns días antes ao Centro Escolar para crear ilusión e interese pola actividade e o libro. Outra cousa que hai que ter en conta é que non se pode tirar a toalla, pois non podemos esquecer que é unha idade complicada, e sería utópico pensar que todas as propostas, por moi boas e atractivas que poidan ser, vaian funcionar e ter a acollida esperada sempre.
Semella que vostede é todo un experto nestas idades!
É que tamén son profesor de teatro! E co grupo de teatro xuvenil aprendín moito moito! Teñen moitas inquedanzas e intereses, non podemos caer no erro de pensar que nesas idades están totalmente desvinculados e desconectados con todo. Existe unha certa ruptura nese tempo da vida, pero non significa que non haxa implicación pola súa parte coa música, a lectura, a danza,… si a hai. Unha cousa que funciona moi ben son as actividades que falan dos seus problemas diarios, na que a xuventude sexa a protagonista. Hai que entender que este momento da vida é de busca e de coñecemento individual; a xuventude non está perdida, hai que conectar con ela, tratala de ti a ti.
Grazas por compartir todo isto con nós!
Paso agora a preguntarlle se traballan en conxunto con outro tipo de público, asociaciós…
Temos unha colaboración activa e moi achegada co grupo de teatro da ONCE de Ourense, que o leva Tito Asorey. Estrean moitas veces aquí en Barbadás. Recomendo moito ver as súas obras, son realmente marabillosos!
Ten vostede unha lámpada dos desexos, como sería o seu ideal de Casa da Cultura e Biblioteca Pública no futuro?
Para as Bibliotecas pediría que seguiran o camiño actual, espazos que se mostran próximos e abertos para toda a xente, un lugar de encontro e intercambio. As salas de estudo nunha biblioteca son espazos de encontros! Pediría que a xente siga vendo os edificios culturais coma sitios luminosos, abertos e de intercambio!
A nivel cultural, que as institucións sigan apostando cada vez máis pola cultura, porque fai falta concienciación e sensibilidade. A día de hoxe aínda existen casos nos que a Cultura é a diana dos ataques e castigos de estratexias políticas, que repercuten moi negativamente na sociedade. A Aladino pediríalle que a Cultura se considere sempre como o que é, un investimento en maiúsculas.
E a que actividade nos invita a participar?
A todas! O programa de verán téñolle especial cariño, e convido a que a xente siga participando destas actividades!
E xa para rematar, algunha recomendación lectora? E a que Bibliotecas iría?
Iso depende dos gustos de cada quen! A min gustoume moito, por exemplo, La puerta, de Manel Loureiro; pareceume moi interesante! Desfruto moito mergullándome nas páxinas de Santiago Posteguillo.
E visitar, visitaría a Biblioteca Nacional, que nunca fun. E recomendo, para quen non a visitara, a Biblioteca Pública de Ourense.
Alfonso, toca despedirse, quédame agradecerlle este tempo! Un pracer!
A vós!

Categorías:Bibliotecas municipais, Noticias Bamad