Conversas de bibliotecarix a bibliotecarix: Anxo Campos, Biblioteca Municipal de Boiro


Tras unha pausa (algo longa) volvemos!
Desta volta falei con Anxo, profesional na Biblioteca Municipal de Boiro, que traballa incansablemente pola promoción da lectura.

Bo día, Anxo. Grazas por atenderme! Comezamos cunha pequena presentación?
Bo día! Si, claro. Eu comecei a traballar na Biblioteca de Boiro o mesmo ano no que a institución botaba a andar, en 1988. A miña formación previa, enmarcase no mundo da Educación e da Pedagoxía. Levaba un tempo na procura de traballo, e souben da oferta dunha praza que se publicara no Concello de Boiro: profesional para biblioteca, con tarefas de dinamización cultural. Pareceume interesante, e decidín presentarme. O exame saíu ben, e así foi como comecei a adicarme profesionalmente ao mundo da cultura e das bibliotecas.

Bonita coincidencia! Como foron eses comezos?
Como imaxino que saberán colegas da profesión, a Biblioteca contou con fondo dotacional da Xunta de Galicia. As primeiras tarefas foi sacar os libros desas caixas e colocalos de xeito ordenado nos estantes. Daquelas non se contaba con ordenadores, e os medios técnicos non eran os que son agora; pero con ganas e traballo, a Biblioteca comezou a tomar xeito relativamente rápido.

Un nacemento profesional ben completo!
Si! Eu algo de noción tiña, pois fixera un curso no INEM de Bibliotecas: fora un curso moi completo, con horas prácticas e teóricas, co que adquirín moitos coñecementos, e moi valiosos, sobre todo para tarefas coma a catalogación e rexistro. Aínda que algo afastado deste campo, a miña formación académica tamén é unha ferramenta moi importante para levar a cabo tarefas diarias de bibliotecario, como por exemplo, estratexias socio-educativas, eixo vital en moitas (ou case todas) as actividades que se planifican nunha Biblioteca Municipal.

Comezo de dúo, vostede e a Casa da Cultura, cando comezaron a sumarse integrantes para formar o grupo?
Máis ou menos, uns cinco anos. Durante ese tempo, eu era o bibliotecario e organizador de actividades culturais. Despois, de xeito paulatino, comezaron a chegar as demais persoas que forma agora o equipo profesional da Casa da Cultura. A Biblioteca Municipal tamén sumou espazo físico no municipio, pois arredor do 1996/7 inaugurouse a Axencia de Lectura de Escarabote, e a do Centro Social de Boiro. A día de hoxe, esta última deixou de ser biblioteca e funciona como sala de estudo, respondendo así á demanda e necesidade da veciñanza. Na parroquia de Cabo de Cruz, coa Asociación de Veciños da Unión, tamén funcionou unha Axencia de Lectura; hoxe en día está pausada (mais está proxectado poder voltar a retomar a vida bibliotecaria no futuro).

E como foi o traballo de cara ao público nos comezos, en ambos os dous sentidos
Nos comezos foi aos poucos, non había costume previo. O que se deu en Boiro foi algo ben bonito e curioso: era a xente nova, a cativada, atraída pola oferta e servizo bibliotecario, a que levaba ás persoas maiores á Biblioteca.
O feito de que a Biblioteca comparta espazo físico coa Casa da Cultura tamén foi chave. Este compartir ten as súas cousas boas e as súas cousas malas, coma todo; mais eu penso que é principalmente positivo. A destacar diría, por exemplo, cando dende o Departamento de Cultura organizábamos a semana do Teatro, cunha programación que contaba con grandes compañías, atraíamos a moito público, o que repercutía en que se decatasen da Biblioteca e da súa programación e servizos.

A chave foi entón levar a montaña a Mahoma, como se soe dicir, non?
Si, por suposto. Sobre todo neste caso no que non existía o servizo, sendo consecuencia directa que non houbese hábito. Tal vez o que tivera podido axudar daquela sería que a Biblioteca contase cun orzamento propio, para poder formar unha colección viva e atractiva para a veciñanza. Si que é verdade que a Deputación e a Xunta enviaban títulos para sumar á colección; pero o fondo bibliotecario nunha Biblioteca Municipal, precisa sumar títulos concretos e específicos que atraian á xente, e tamén daqueles que se reclaman. As persoas que traballamos día a día, de cara ao público, vamos coñecendo as súas demandas e preferencias, polo que se nos fixo evidente que tíñamos que traballar para deixar clara a importancia de contar cun fondo axeitado, pois unicamente así a Biblioteca chega a ser un servizo vivo. E, para crear un fondo axeitado, é necesario contar cun orzamento propio. Ese traballo deu os seus froitos e dende hai uns anos  a Biblioteca Municipal conta cunha partida económica fixa para adquisicións.

Parabéns polos obxectivos acadados!
Grazas. A esta partida de gasto, tamén lle podemos sumar as subvencións que obtemos da Xunta e da Deputación. As adquisicións que se fan para mellorar a colección municipal que, evidentemente, se reparten entre a Biblioteca Municipal e a Axencia de Lectura de Escarabote.

E que nos pode contar acerca das actividades de dinamización bibliotecaria e cultural?
Nos comezos levamos a cabo un proxecto moi bonito. Alá polo 1989/1990, a través dun convenio coa Facultade Pedagoxía, especialidade de Intervención Socio-educativa (onde eu estudara) alumnado en prácticas viñan á Biblioteca Municipal desenvolver o seu traballo. O proxecto desenvolveuse co claro obxectivo de fomentar a lectura, que neses momentos, na miña opinión, non se atopaba entre as liñas de traballo principais na programación cultural dos Municipios galegos. A actuación materializábase nas Escolas Unitarias que había en Boiro (Moimenta, Esteiro, Abanqueiro,…) onde o alumnado en prácticas acudía semanalmente para realizar as actividades de dinamización lectora. Ademais, entregábamos unha “maleta viaxeira” que quedaba no centro arredor dun mes, cunha selección de títulos destinado ao alumnado dos Centros. Foi un proxecto moi bonito e beneficioso para ambas as dúas partes; malia que xa non existe, si o mantivemos activo durante varios anos.
Actualmente contamos con diferentes actividades, como A hora do conto; ou Contacontos en familia. Polo xeral, celébranse quincenalmente os sábados de mañá e contan con boa acollida. Ás veces acompañamos esta sesión con algunha actividade paralela relacionada cos contos. Nais e pais colaboran activamente tamén, preparando contacontos, algo moi bonito na miña opinión, pois na iniciación á lectura é importante o acompañamento.
Para o público máis adulto creamos un Club de Lectura que xa leva en activo varios anos cun número de participantes máis ou menos elevado, pois estamos perto das 20 persoas (malia que é certo que non todas poden asistir ás xuntanzas). En certas ocasións, puidemos organizar actividades paralelas, como encontros coas escritoras e cos escritores; actividade coa que as persoas participantes sempre quedan satisfeitas.
Persoalmente, considero os Clubs de lectura unha actividade moi bonita, pois permite compartir as lecturas dun xeito distinto ao que podería ser falar puntualmente sobre un libro con outra persoa. O intercambio e debate que se xeran nas xuntanzas do grupo son enriquecedoras, pois moitas veces propician entender a lectura dende diferentes puntos de vista.

Pois si! Agora mesmo, por temas de axenda, non participo en ningún, pero formei parte de diferentes clubs de lectura, e dende logo, a experiencia lectora cambia moito a cando se fai de xeito individual
Si, exacto.
Mencionar tamén que, malia que o Club de Lectura destinado ao público máis adulto é o que leva funcionado dende fai máis tempo de xeito máis ou menos continuado, na Biblioteca Municipal contamos tamén cun Club de Lectura xuvenil, que se mantivo activo durante algúns anos; malia que dende a última vez que se apagou, aínda non conseguimos volver revivilo. Tentamos enfocalo para que se considere tamén como un Club de debate no que se traten temas que lles interese e afecte directamente. Agardo que pronto consigamos formar grupo para volver retomar este proxecto, que a min persoalmente me parece moi enriquecedor en diferentes sentidos.
Outro proxecto de lectura no que seguimos traballando, que nunca conseguimos que despegase de todo, é o Club de Lectura en inglés. O intercambio que se pode dar nun grupo que le noutra lingua, no que seguramente participen persoas de diferentes nacionalidades pode chegar a ser moi interesante e beneficioso. Interese por parte da veciñanza si recibimos, pero o nacemento do Club cadrou coa crise da COVID, o que causou que se tivesen que cancelar as xuntanzas causando isto que non se chegase a consolidar o grupo. No 2022 temos proxectado volver ofrecer a actividade, agardando que o interese recibido na primeira ocasión, volva ser o mesmo.
Na posta en marcha dos clubs de lectura quixera salientar o papel que xoga a central de préstamos para clubs de lectura da Xunta de Galicia, pois sen ese servizo as bibliotecas municipais non poderíamos ofrecer arredor de 18 exemplares do mesmo título cada mes.

Pois si, interesante apunte. Que nos pode contar do fondo local?
Neste fondo, como xa imaxinarás, contamos con títulos que traten de Boiro, se publiquen aquí, ou foran escritos por persoas orixinarias do municipio, coma Ramón Martínez López (persoaxe ilustre do que leva o nome a Casa da Cultura) ou que pasaran tempadas da súa vida neste lugar, como foi o caso de María Mariño, ou o é agora de Antón Riveiro Coello.
O fondo local tivo a sorte de nutrirse dunha serie de publicacións relacionadas coa historia e cultura do municipio, grazas a unha moi interesante e bonita iniciativa por parte da (desaparecida) Asociación Cultural O Faiado. Nesta liña, durante algún anos, dende o Departamento de Cultura, publícanse (de xeito intermitente) Os cadernos culturais, o máis recente é de fai apenas un ano, que trata sobre o entroido na parroquia de Abanqueiro. Estas iniciativas son moi interesante e necesarias para poder formar un fondo local completo e de calidade.

Imaxino que colaboran de forma estreita cos Centros Escolares do Municipio
Si, por suposto. Dende fai un tempo contamos cun Grupo de Traballo cos Centros de Ensino para unha mellor coordinación e traballo conxunto. Xuntámonos de xeito regular, e funciona moi ben. Unha das actividades que fixemos de forma conxunta foi con motivo do Día do Libro: tratábase de que cada Centro Escolar a través dun grupo (reducido) do alumnado participase na realización dun vídeo en emprazamentos sinalados de Boiro coma, por exemplo, o Miradoiro do Castelo de Vitres. O obxectivo era a dar a coñecer lugares un pouco máis descoñecidos do municipio a través da lectura. En cada de interese escollido, aparece uunha neno/a ou moza/o lendo un libro. Outro dos proxectos que se celebraron, foi a elaboración dunha pequena publicación de micro-relatos que levaran a palabra “libro”. Xuntamos uns 80 relatos e o publicamos no día do libro.
Paralelo a estas propostas, facemos unha avaliación para contar con información sobre o feito, o que hai que mellorar e o que poderíamos facer.
Actualmente estamos traballando na planificación de dúas actuacións, unha de conta-contos coa que buscamos tamén a participación das familias; e unha segunda, proxectada para o 30 de xaneiro, co gallo da celebración do Día da Ilustración, co obxectivo de fomentar a ilustración a través da literatura. Esperamos celebrar obradoiros en cada Centro de Ensino, o que suporía 9 obradoiros para cada unha das propostas, 18 en total.
Organizáronse tamén Clubs de Lectura nalgúns dos Centros; para este proxecto contamos cun fondo bibliográfico que se comparte entre os diferentes Centros que contan cun Club. Relacionado con isto, estamos a valorar encontros con autoras e autores, mais iso aínda está en proceso de planificación.

E como se fraguou esa relación?
A verdade é que dende o primeiro contacto ata agora, sempre tivemos boa recepción e colaboración.
Un dos apoios máis importantes que recibimos por parte dos Centros foi a difusión das actividades bibliotecarias e das diferentes propostas que se levaban a cabo tanto a Biblioteca como na Casa da Cultura.
Dende que formamos o Grupo de Traballo, estas relacións son un pouco máis formais, por dicilo dalgún xeito, pero a relación leva existindo e sendo excelente dende moito antes. As ANPAS tamén se implicaron neste proceso bibliotecario escolar.

Xa mencionaba antes este Grupo de Traballo, como xurde esta forma de traballo?
Pois era unha idea e necesidade latente polas diferentes bandas que nunca se materializara. Fai cousa dun ano, dende a Biblioteca fixemos a convocatoria para valorar a posibilidade real de formar un Grupo de Traballo e así poder traballar de xeito máis coordinado e organizado. A convocatoria da xuntanza tivo unha moi boa acollida, e a proposta, como xa digo, materializouse sen máis demora. Para min foi unha grande alegría que a proposta saíse adiante e que funcione como ferramenta de traballo real entre todos os axentes implicados, e que non se quedase coma un interesante punto do día dunha reunión formal, como as veces pasa.
Un dos principais obxectivos do Grupo de Traballo é potenciar a continuidade do hábito lector ao longo da vida. Como penso que compartirán moitas colegas da profesión, o hábito lector é grande entre a rapazada de infantil e priemeiros anos de primaria, que son usuarios moi activos e constantes, pero a medida que chegan á adolescencia, o costume por ler diminúe moito. O Grupo de Traballo pretende propor actividades para pór en valor os beneficios da lectura nas nosas vidas e crear estratexias que fomenten que a lectura sexa unha ferramenta que acompañe ao longo de todas as etapas da vida. A tarefa non é doada, pero está entre as nosas obrigas coma profesionais en educación e cultura facer o posible para que, sobre todo, o público adolescente non se desapegue dos libros.

Actividade de LER CONTA MOITO na Biblioteca Municipal de Boiro. Fotografía cedida polo entrevistado.

Todos os meus parabéns por este grande labor e iniciativas!
Sei que en Boiro, a Biblioteca tamén vai ata a as praias nos meses de verán. Podería contarnos un pouco en que consiste a actividade?
Grazas polos parabéns! Pero penso que esta é unha biblioteca con moitas cousas que mellorar; aínda así, tamén considero que prestamos un bo servizo á veciñanza.
Este proxecto que mencionas, é unha idea que xurdiu da persoa encargada da dinamización socio-cultural. Nunha das xuntanzas de equipo que temos, na que se buscaba activar o ritmo da Biblioteca durante os meses de verán, época na que a vida da Biblioteca baixa un pouco. Así xurdiu a idea de levar a Biblioteca á praia de Barraña, que se atopa preto da Biblioteca e nos permitía unha mellor xestión e organización da actividade. Para levar a Biblioteca á praia contamos coa axuda de Protección Civil e dos Socorristas, aos que lles pedimos permiso para deixar parte do material necesario para a actividade nun dos postos de socorro.
A actividade materialízase a través do servizo de préstamo e da celebración de algún conta-contos.
Malia a todo, a proposta conta cunha valoración regular, xa que non está a funcionar como esperábamos. Estamos traballando nunha análise do proxecto para detectar que cousas poden cambiar e mellorar para que se acade un maior éxito entre as persoas.

Exacto, non tirar a toalla! A min paréceme unha proposta moi interesante; agardo que teña un mellor camiño no futuro próximo.
Toca agora saber como imaxina vostede a Biblioteca ideal no futuro.
Esta pregunta dá para unha reflexión longa e interesante! Pero así de repente, gustaríame unha Biblioteca que fose un punto de encontro da cultura. Por exemplo, que con certa regularidade, puidesen celebrarse aquí concertos da Escola de Música; máis presentacións de libros, exposicións…
En Boiro contamos tamén co programa “Ler conta moito”, moi bo e necesario, pero encantaríame que tivera unha maior continuación e periodicidade ao longo do ano; no canto de dúas anuais, sería xenial contar cunha mensual, por exemplo. Tamén me gustaría que a Biblioteca se usase máis, que crecera en persoas usuarias; que acudir á Biblioteca e facer uso das súas instalacións e servizos sexa un hábito entre a sociedade, pois as Bibliotecas son unha ferramenta moi beneficiosa para o crecemento persoal. Pediría tamén que a Biblioteca, no noso caso, puidese expandir un pouco máis o seu espazo físico nun sentido simbólico, pois penso que sería interesante e que reportaría moitos beneficios, poder celebrar actividades e levar servizo ás diferentes parroquias do Concello.

Bos desexos!
E que recomendacións lectoras nos fai?
Pois recomendo, como algunhas ideas, Primera persona del singular, de Haruki Murakami; O último barco de Domingo Villar; Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello (autor que participa moito no noso Club de Lectura). En infantil, hai grandes marabillas de álbums ilustrados, coma por exemplo, A montaña de libros máis alta do mundo ; en xuvenil destacaría os libros de Jordi Sierra i Fabra, entre os que lle destacaría Kafka e a boneca viaxeira. E, xa por último, recomendo tamén Maus e La Levedad, moi bos títulos para iniciarse no mundo da banda deseñada.

E que Bibliotecas recomendas visitar, ou cales te gustaría visitar?
De Santiago polos anos que pasei alí e por proximidade a Boiro síntome vinculado á Biblioteca Ánxel Casal, ademáis hai anos participei como lector no seu club de lectura virtual, estéticamente paréceme impresionante a biblioteca da Facultade de Historia. E por gustar visitar, diría que calquera biblioteca que estea emprazada na natureza, perto das montañas. En Galicia teño ganas de coñecer a Biblioteca do Saviñao na Ribeira Sacra. E desde hai anos teño ganas de facer sendeirismo nos Alpes, se vou, visitaría a biblioteca barroca da abadía de Sankt Gallen.

Moitas grazas por colaborar! Un pracer compartir este tempo de conversa, Anxo!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.