Conversas de bibliotecarix a bibliotecarix: Alberto Llano Fontela, Biblioteca Municipal de Teo


Tras unha pequena pausa, estamos de volta coas Conversas! Desta volta falamos con Alberto Llano, bibliotecario en Teo, un profesional cunha ampla carreira andada e con ganas de seguir!


Ola, Alberto! Comezamos, podería contarnos un pouco da súa biografía profesional?
Eu son licenciado en Historia da Arte, e a miña carreira profesional desenvolveuse no mundo da xestión documental e a información. A Teo cheguei no ano 2002 coma arquiveiro, desenvolvendo os meus labores no Arquivo Municipal ao longo de dous anos. Tras esta experiencia, fun bolseiro en Arquivos ata que, no 2007, me incorporei á Biblioteca Municipal coma auxiliar. Recentemente, hai cousa de tres anos, acadei a categoría profesional de Bibliotecario.

Os meus parabéns! E dígame, que lle levou a querer crecer profesionalmente neste campo?
Pois un pouco debido ás oportunidades que me foron aparecendo e ao meu interese por esta rama. Ademais de ter cursado a Licenciatura, fixen unha especialización universitaria en arquivos, campo no que comezou a miña andadura profesional. Malia que o mundo da biblioteconomía non era descoñecido para min, si considerei importante formarme un pouco máis, polo que fixen varios cursos. Ademais, nos meus primeiros pasos dentro da Biblioteca Municipal contei coa inestimable axuda do que fora o meu compañeiro no Arquivo, que traballara tamén como bibliotecario.

Agora que xa o coñecemos un pouco máis, podería contarnos de primeira man a historia da Biblioteca Municipal de Teo?
En certo modo, a historia da Biblioteca é bastante particular. Cando eu entrei a traballar, no 2007, había tres emprazamentos físicos que prestaban servizos bibliotecarios ao municipio: a Ramallosa, que funcionaba como Axencia de Lectura, a dos Tilos, e no 2009 creouse a Biblioteca do Grilo, en Cacheiras co obxectivo de completar o servizo bibliotecario para un municipio crecente como Teo.
A axencia de lectura dos Tilos atopábase nunha situación particular, pois estaba localizada dentro das instalacións dunha Asociación Cultural de carácter privado, o que levaba a pensar a moitas persoas que a biblioteca era da Asociación e non do Concello, sendo isto causa inevitable que o uso que se facía da Biblioteca fose baixo.
No 2011, aproveitando os fondos do PLAN-E, edificáronse tres módulos de madeira para localizar a Axencia de Lectura no parque dos Tilos.

Módulos de madeira nun parque, podería ilustrarnos un pouco máis este emprazamento tan particular?
O Parque dos Tilos é unha localización céntrica, que ofrece moitas vantaxes para ser o lugar onde se encontre unha Biblioteca Pública Municipal; sen embargo, o sitio non permitía que se construíse un edificio cimentado, polo que se optou por levantar uns módulos de madeira, permitindo así que a Biblioteca tivese un espazo propio nun lugar céntrico. Ben é certo que para a poboación de Teo, segundo o mapa de bibliotecas, o ideal sería contar con 750m2, polo que os 335m2 cos que contamos actualmente, quedan algo pequenos; aínda así, os módulos permiten diferenciar moi ben os espazos para os diferentes usos que debe ofrecer unha biblioteca municipal á cidadanía: lugar de lectura e estudo, actividades para diferentes rangos de idade, etc. O me compañeiro e eu, xunto co Departamento de Cultura do Concello, traballamos para que a veciñanza conte cuns servizos de calidade, unha oferta variada de actividades e unha colección viva e completa, tentando así suplir a falta de espazo.

Como foron os labores de re-localización dos fondos?
Non contei con directrices de ningún tipo, foi un traballo deseñado e coordinado por nós. Contamos coa axuda de Protección Civil para o traslado en caixas, e despois o resto do proceso fíxose de xeito ordenado e paulatino.

Pícame especialmente a curiosidade con respecto a como se xestiona a colección nun espazo tan particular como é este, ademais do feito de contar cunha segunda sede…
En termos de espazo para albergar esta colección que, seguindo o diagnóstico do Mapa de Bibliotecas, supera considerablemente o número máximo recomendado de volumes, é innegable que a situación se corresponde cunha saturación. Estamos a traballar no expurgo, usando como orientación o diagnóstico do Mapa. Nel establécese un valor estándar de 17.500 volumes, e o fondo da biblioteca supera este valor en máis de 15.000 volumes. No tocante á xestión do fondo entre as dúas sedes, tratamos de facer una repartición equitativa de xeito que o fondo estea dividido de forma parella; non tería sentido que se amosase un desequilibrio no número de volumes nun lugar e noutro.

Podería dicirse que, grazas á existencia de diferentes módulos, a convivencia entre diferentes servizos, é máis doada que se contasen cun único espazo?
Si, no noso caso temos exemplo de diferentes estilos de edificio bibliotecario que permite ver de forma palpable as vantaxes e desvantaxes dunha e outra. En Cacheiras, ao ser sala única, o tema do silencio é un factor a ter en conta, que non supón problema algún nos Tilos, onde existe un espazo de conversa entre persoas usuarias e persoal bibliotecario.

Non podo evitar preguntar como é a xestión da atención (e supervisión) nos Tilos… Hai dúas sedes e dous profesionais, mais nos Tilos os tres módulos non están conectados entre si…
Por sorte, a falta de supervisión no tres módulos nunca supuxo un problema. Salvando unhas pintadas, a veciñanza é moi respectuosa co uso e desfrute destes espazos públicos, nunca se deron altercados nin problemas de ningún tipo.

Ben saber que existe esta consciencia!
Como é a coordinación entre vostede e o seu compañeiro, traballando en lugares diferentes?
Con moito teléfono! O meu compañeiro comezou fai apenas un ano, en febreiro, polo que eu estou levando un pouco o timón. Trato de encargarme dos aspectos máis técnicos, como adquisición, catalogación, xestión de subvencións e, entre ambos os dous, repartímonos a atención en sala.

Entendo, polo que expuxo anteriormente, que para a planificación na edificación destes módulos non se tivo en conta as características previas da Biblioteca como ente, estou no certo?
Tería sido o ideal, pero lamentablemente nós non tomamos parte na toma de decisión do deseño destes módulos, e moito me temo que apenas houbo unha consideración real das necesidades e características da Biblioteca á hora de deseñar as novas dependencias. En situacións dunha re-localización o ideal sería que o edificio se crease tendo en conta a historia pasada e futura da Biblioteca, mais a realidade amosa que en moitos casos, como foi o noso, é a Biblioteca a que se ten que adaptar ao edificio. De todas as maneiras, podería dicirse que, tendo en conta a situación anterior, si houbo un pequeno avance: a Biblioteca gañou en visibilidade e conta cun espazo de seu.

A maior visibilidade, traduciuse nun aumento de persoas usuarias?
Si. A céntrica localización axudou moito neste sentido, máis tamén o feito de contar con módulos independentes para albergar todo tipo de actividades que achegan a Biblioteca a un maior público. No 2017 integrámonos no Catálogo Colectivo da Rede, o que supuxo que moitas persoas doutros municipios, coma Ames ou Santiago, se achegasen a Teo para facer préstamo.

Ter a Santiago de Compostela como municipio veciño causa que o número potencial de persoas usuarias en Teo sexa menor do esperado?
Si e non. Co carné único, no meu punto de vista, as persoas son usuarias da Rede e á hora de facer préstamos acoden a diferentes Bibliotecas dunha área territorial próxima. Evidentemente, Ames e Compostela teñen un grande imán cultural que atrae a moita xente desta zona. De todas as maneiras, a Biblioteca de Teo e as actividades que se ofertan contan cun público variado e vivo.

Diría que a veciñanza de Teo é unha poboación activa cultural e bibliotecariamente falando?
Penso que coma en todos os lugares do mundo, si e non: hai moitos factores e características a ter e conta que inflúen neste sentido. A chave é amosar o servizo e facilidades que ofrecen as Bibliotecas no día a día das persoas, facer da necesidade virtude. Anteriormente, o horario de apertura das instalacións bibliotecarias era bastante reducido, que non é o ideal nunha biblioteca pública. Por sorte, dende fai uns anos puidemos ampliar o horario, coa conseguinte alegría da veciñanza, pois con isto notamos un aumento de persoas visitantes.

Pasemos agora a falar das actividades culturais, nas súas redes sociais puiden ver que contan cun servizo chamado BIBLIOPISCINAS, podería contarnos un pouco en que consiste?
O contrato da concesión do servizo das piscinas contemplaba que debían ofertar este servizo nos meses de verán. O noso labor consiste en seleccionar os fondos para dotar de contido a este servizo. Para esta selección seguimos unha guía clara: lectura lixeira e actual, edicións de peto, e títulos para todo tipo de público.

E que nos pode contar do resto das actividades ofertadas?
A Biblioteca ten un espazo de Bebeteca, dende o ano 2016. Cremos necesario contar cun espazo para bebés e nenos e nenas de pouca idade, xa que, malia contar co fondo infantil completo, non había un espazo axeitado para que a cativada máis nova puidese sentirse cómoda dentro da biblioteca. Contamos coa axuda dunha deseñadora do Concello que se encargou de facer do lugar unha contorna amigable e alegre para as crianzas.
Para o público máis adulto, fai case dous anos, creamos un club de lectura, que sufriu unha pausa relativamente longa por mor da situación sanitaria. Valorouse trasladalo a un entorno virtual mentres non fose posible celebrar reunións presenciais, mais esta idea non prosperou polo simple motivo de que as persoas integrantes o que buscaban era crear comunidade. Pareceume moi bonito o feito de que o seu interese en crear redes sociais a través da lectura fora a súa principal motivación para agardar ata poder facer reunións presenciais! Para as lecturas, temos pensado potenciar lecturas de autores e autoras locais.

Grande idea para difundir o fondo local!
Grazas! Pensamos que é un criterio necesario á hora de facer selección de lecturas para actividades lectoras. Ademais, temos proxectado empregar o Blog da Biblioteca coma complemento do Club de Lectura: compartir información sobre os títulos lidos, das autoras e os autores,… revitalizar o Blog de xeito que teña un uso e un sentido acordes as necesidades e realidade actuais. Outras actividades de animación lectora que ofertamos é LER CONTA MOITO, que sempre ten moi boa acollida.
Xunto co Departamento de Cultura organizamos diferentes actividades coma obradoiros de guitarra, actividades do Festival Atlántica (que, como xa se poderá supoñer, está en pausa por mor da COVID), ou as actividades de Titiriberia, que recentemente pasaron a celebrarse en Rianxo. O ano pasado inaugurouse un Concurso de Marcapáxinas xunto cos Centros Educativos de Teo, que agardamos que siga celebrándose cada ano.

Gustaríame aproveitar para pedirlle que nos introducise un pouco o fondo local de Teo
Para nós é un elemento vital. Este fondo sempre foi bastante extenso e completo, polo que podemos estar contentos de herdar un fondo local tan coidado. O noso labor actual xira principalmente en potenciar a obra de autoras e autores locais e tratar de revitalizar a edición de libros da historia do Concello.

Como é a coordinación de traballo entre vós, os bibliotecarios, e as persoas do Departamento de Cultura?
A comunicación é fundamental. Tentamos compaxinar as actividades dun sitio e doutro, por exemplo, no mes de outubro, que é o mes do teatro, e no que dende Cultura organizan diferentes propostas, tentamos ofertas as actividades da biblioteca que mellor encaixen na temática, ademais de ter especial coidado na planificación do calendario; deste xeito conséguese unha oferta variada e ordenada.

Durante o tempo de confinamento, que ruta de traballo seguiron?
Como o servizo ao público e as actividades presenciais tiveron que ser canceladas, aproveitamos para facer traballos menos visibles para o público. Ademais, tentamos seguir presentes no día a día da xente: a Biblioteca contaba cun Blog e unha canle de YouTube dende facía tempo, e a vida cultural de Teo aproveitou estas ferramentas virtuais da biblioteca para seguir ofertando contido e actividades para a veciñanza. Durante este tempo de peche ao público, traballamos tamén en crear a nosa páxina web.

Que ben!
Que pautas seguiu para crear a páxina web?
O Ministerio de Cultura ofrece ás bibliotecas públicas un xestor para crear páxinas web. Fixemos uso desta ferramenta para crear un espazo en liña na que se difunda as actividades e traballo da Biblioteca. Penso que é fundamental contar cunha páxina web, pois as bibliotecas deben ser visibles en diferentes contornos, e no mundo virtual ás veces limítase moito ao uso de redes sociais, cando hai persoas que non fan uso delas.

E cal foi a ruta a seguir tras o confinamento?
Xusto tras o confinamento abrimos sen acceso aberto; no noso caso non requirimos que as persoas fixesen unha cita previa para acudir á biblioteca para préstamos, pois a nosa realidade indicábanos que as persoas acudían as instalacións de forma gradual ao longo do día sen producirse aglomeracións. De feito, moita xente chamaba con antelación solicitando os títulos que quería levar emprestados e nós o preparábamos para que o puidesen vir recoller. Unha vez que deixou de ser obrigatorio gardar corentena dos libros, decidimos que para nós o mellor era seguir con esta pauta, polo que tivemos un pouco de traballo extra. O Sistema xa non deixaba os libros en corentena de forma automática, entón unha vez se devolvían os libros inmediatamente os emprestábamos cunha conta interna para asegurarnos que o libro ía estar inaccesible para o préstamo ao público durante un tempo prudente.

Cóntenos, que é o que máis lle gusta desta profesión? E o que menos?
O que máis, sen dúbida, o contacto co público e ser de axuda ás persoas usuarias. O que menos quizais son os traballos máis rutineiros coma o etiquetado.

Vostede traballou coma arquiveiro, en que sentido son semellantes e diferentes ambas profesións? As ferramentas profesionais que adquiriu coma arquiveiro axúdanlle a desenvolver os seus labores como bibliotecario?
Eu cando traballaba no Arquivo, non devecía por traballar nunha Biblioteca, e mira ata onde me trouxo a vida! A verdade é que gocei e gozo de ambas profesións! Evidentemente o meu anterior labor coma arquiveiro serviume como base nos meus comezos como bibliotecario. Son ramas profesionais moi semellantes, pois en ambas a difusión e coidado da información é parte chave do traballo diario; as bibliotecas teñen un camiño máis andando no sentido de que o seu labor é máis coñecido para a poboación, mentres que os arquivos son uns grandes descoñecidos para a maior parte da sociedade.
No meu caso, teño unha estreita relación co arquiveiro municipal, e colaboramos de forma conxunta, sobre todo en temas relacionados co fondo local. Penso que a colaboración e traballo conxunto entre bibliotecas e arquivos é algo que se debería estender de forma xeralizada. Son entes que prestan servizos de grande importancia e valor á sociedade cun grande potencial que, se se complementasen e coordinasen máis a miúdo, sacarían a relucir todo o seu músculo.

Levan uns tres anos aproximadamente formando parte da Rede de Bibliotecas, que destacaría disto?
Eu son defensor desta forma de traballo en Rede entre as Bibliotecas Públicas e Municipais. Entre as principais vantaxes que ofrece é o relacionado co futuro das bibliotecas: traballar en Rede permite que os fondos das diferentes bibliotecas en certo sentido sexan un todo, pois co carné único as persoas usuarias poden acceder a calquera título das bibliotecas da Rede. Paulatinamente, coa maior implantación do servizo de préstamo interbibliotecario, o gasto orzamentario variará: haberá máis investimento en custos asociados ao traslado de libros, e o gasto destinado a adquisición farase seguindo outras pautas (por exemplo, deixaranse de adquirir títulos concretos de baixa consulta (que estarán dispoñibles en Bibliotecas grandes) para poder adquirir máis volumes para o fondo local). Este cambio supón tamén que as bibliotecas pequenas traballen máis os aspectos de extensión cultural e bibliotecaria.

Chegamos ao momento do comezo do fin da conversa, e con isto, as preguntas de rigor: que actividades nos invita a participar? E que libros nos recomenda ler?
Invito a que sigamos sumando participantes no Club de Lectura!
Neste momento estamos traballando no obxectivo de crecemento de servizos bibliotecarios: estamos a proxectar unha iniciativa baixo o nome e imaxe identificativa FADATEA, que representará a todos os centros de lectura do municipio. Con este proxecto temos o obxectivo de acadar unha programación anual estable.
Como lectura recomendo o último título de Atantza Portabales A vida secreta de Úrsula Bas.

E xa para rematar, a que bibliotecas viaxaría?
A todas! Especialmente aquelas que temos coma referencia, coma a Biblioteca Regional de Murcia, que sigo moito, pero nunca puiden visitar; ou as da Coruña, que maila estar moi preto, non as coñezo fisicamente.

Grazas por participar, Alberto! 🙂

Alberto Llano impartindo unha actividade para o público infantil. Imaxe cedida polo entrevistado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.