Conversas de Bibliotecarix a Bibliotecarix: Anxo Alberte Gil, Biblioteca Municipal Neira Vilas de Vigo


Bo día! Anxo, que lle parece se comeza vostede, contándonos un pouco sobre a biblioteca Neira Vilas, sobre o o equipo de profesionais que traballan nela e tamén un pouco sobre si mesmo
O equipo formámolo 4 persoas: Mar, Noelia, Susana e eu mesmo, que son o director. A Biblioteca é unha biblioteca de proximidade, que se atopa na zona do Calvario, perto da Escola Oficial de Idiomas. Foi inaugurada no ano 2011 e o seu fondo está formado por uns 20.000 volumes. A Biblioteca ten unha afluencia diaria de aproximadamente 300 persoas.
Respecto á miña traxectoria, levo 25 anos exercendo esta marabillosa profesión. Os meus comezos foron na Biblioteca da Arnoia, onde aprendín moito, pois daquela a Biblioteca estaba dando os seus primeiros pasos tamén. E despois fun bolseiro da Xunta na Biblioteca Central de Vigo. Tras este comezo, traballei na Biblioteca Municipal de Baiona onde exercín de director durante 11 anos; os mesmos que xa levo traballando aquí en Vigo.

Un longo percorrido!
Si, son moitos anos! Anos cheos de satisfacción e de compromiso; estou moi orgulloso de exercer esta profesión. Non é algo que se aprecie moito de portas para fóra, máis poder ver como co noso traballo se axuda á cidadanía, que quedan satisfeitas dos servizos que se ofrecen, é algo moi gratificante!

Seralle doado entón contarnos que é o que máis lle gusta do seu traballo como bibliotecario
Eu destaco ante todo o valor humano dos servizos que ofrecemos cara ao público. Un exemplo moi bonito que penso que describe moi ben o que tento dicir é por exemplo cando as persoas máis maiores que, por circunstancias da vida e do contexto que lles tocou vivir, aprenderon a ler en idade adulta e acoden á Biblioteca en busca de libros. Axudarlles a atopar as obras que mellor se axeiten ás súas demandas é algo que enche de orgullo coma profesional e coma persoa. Poder aportar o teu gran de area á sociedade co teu traballo diario é moi bonito.

Que bonitas palabras! E hai algo do que non guste como bibliotecario?
As bibliotecas avanzaron moito nos últimos anos; eu comecei traballando cuns ordenadores de programa de MS2, e agora a realidade é totalmente diferente. Mais penso que este avance tardou un pouco en chegar ao noso contexto, e aínda queda moito por traballar para que todas as Bibliotecas estean actualizadas de xeito acorde á realidade do século XXI. A isto súmaselle a falta de persoal, un problema latente.

Gustaríame agora preguntarlle acerca da convivencia entre as diferentes institucións bibliotecarias na cidade de Vigo
É unha convivencia moi sinxela, que flúe perfectamente. Ambas institucións temos obxectivos e funcionalidades diferenciadas; sen ir máis lonxe, o fondo da Biblioteca Pública Juan Compañel é, evidentemente, de preservación, mentres que o noso ten outras finalidades e características.
No canto aos servizos tamén hai certas diferenzas: ambas as dúas temos como obxectivo principal satisfacer as necesidades de información e de lecer da sociedade, máis, en certo modo, nós somos unha biblioteca de proximidade. Para iso, contamos cunha programación estable durante todo o ano (que publicamos de xeito trimestral nas nosas redes sociais, boletíns, etc.), na que se ofertan actividades destinadas a todas as idades e diferentes tipos de público.
Evidentemente a comunicación e colaboración entre ambas s dúas partes é vital para que esta convivencia funcione.

Podería contarnos un pouco sobre algunhas das diferentes actividades que organizan?
A programación cultural é, como digo, moi variada. Vai dende encontros con autores e autoras, ata as terrazas literarias, nas que tamén se organizan concertos. A destacar mencionaría as visitas á Biblioteca que facemos xunto cos Colexios e Asociacións coma AFAGA; ou os proxectos de cooperación e inclusión, como Achegando Culturas que, no noso caso, está enfocado á cultura e sociedade xitana.

Podería detallar un pouco máis este último proxecto que menciona?
É un programa de inclusión na biblioteca que nace no ano 2012. Dende os seus comezos tivo moi boa acollida, e invitáronnos a presentalo nalgúns encontros a nivel estatal. Ademais, buscamos que a idea non quede “gardada” na biblioteca, polo que compartimos toda a información referente ao programa coa Universidade de Vigo e diferentes institución educativas.

Xenial! Inclusión e colaboración!
Grazas!
Outra actividade que me gustaría mencionar tamén é o Mapa Literario de Vigo. Presentase un plano de liñas de metro (imaxinarias) da cidade de Vigo, e en cada unha delas aparecen diferentes novelas de ficción que falan sobre a cidade. É un traballo laborioso, pois as reseñas das novelas que aparecen no mapa inclúen a páxina do libro na que se menciona a rúa ou lugar concreto da cidade.

E… como nace a idea para artellar este marabilloso proxecto?
Fai cousa de tres anos, nunha viaxe que fixen, vin unha idea. Á volta comenteino coas miñas compañeiras e comezamos a compartir ideas e a artellar e construír un programa no que mesturamos a cidade coa literatura. O Mapa é consultado por moita xente, pois permite coñecer a cidade de Vigo dende outra ollada, e achegarse a ocos que doutro xeito igual non se terían descuberto.

Que ben que unha idea tan única e bonita teña tan boa acollida por parte do público!
Si! Ademais é un proxecto aberto e colaborativo! Non é un traballo único do persoal da biblioteca, as editoriais e calquera persoas pode colaborar a ampliar o mapa: se coñecen dalgún título no que se faga mención de Vigo, só teñen que comunicárnolo, e nós corremos a incluílo. A participación da xente é alta, e é algo que nos deixa moi satisfeitos! Ademais no ano 2019 recibimos o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia da Xunta por este proxecto!

Mencionou antes que organizaban visitas escolares á Biblioteca
Si, celébranse dende outubro ata xuño. Cada ano tratamos un tema determinado, por exemplo, deportes, e preparamos a visita en torno a esta temática para presentar a Biblioteca a través de lecturas e actividades que se axustasen aos diferentes niveis. Unha vez pechado o programa, presentase aos Colexios para que se inscriban.
Tras a pandemia, a dinámica mudou: é a Biblioteca a que visita os Centros.
O programa funciona realmente ben, pois tivemos anos nos que recibíamos visitas durante todo o curso!

Vaia! Si que é unha colaboración moi frutífera! E díganos, como se organizan e xestionan as diferentes actividades e servizos que ofertan?
Somos un grupo moi compacto, dinámico e cohesionado, o que fai todo moi sinxelo á hora de traballar. Os nosos principais obxectivos á hora de planificar as diferentes actividades é que sexan o máis participativas, dinámicas, e abertas posibles. Buscamos sacar a biblioteca fóra das súas paredes. Do mesmo xeito, tentamos que exista unha colaboración activa con diferentes Asociacións e grupos.
De forma regular temos reunións de equipo, nas que facemos un deseño previo dos proxectos que queremos ofertar, e despois traballamos na planificación. Unha vez definido isto, organizamos unha xuntanza cos demais axentes que queremos que participen e colaboren. Nesta xuntanza, perfilamos mellor os obxectivos e forma de traballo para adecuarnos mellor ao público obxectivo da cada programa.
Traballamos xunto co Departamento Municipal de Cultura, que é quen aproba o noso gasto e a nosa programación. Esta información tamén lla pasamos ao Departamento de Comunicación, que nos axuda na tarefa de difusión.
A nosa filosofía de traballo basease en dous piares: por unha banda, tentar ofrecer uns servizos e actividades acordes á realidade e necesidade da sociedade, ademais de buscar innovación e variedade; por outro lado, defendemos firmemente a afirmación de que “as Bibliotecas son para, por e con as persoas usuarias”.

Aplaudo ese espírito de traballo!
Sei tamén que son vostedes practicamente a única biblioteca galega que forma parte do servizo Efilm. Que os levou a querer formar parte desta plataforma? E como foi o proceso de traballo previo para poder ofertar este servizo?
As persoas usuarias da nosa Biblioteca foron sempre moi cinéfilas, o fondo de audiovisuais sempre foi moi movido. Fai uns anos, tíñamos unha plataforma de libro electrónico que era Uvigo, e con GaliciaLe, transformamos este servizo e o adaptamos a esta demanda real da xente. Para darse de alta en EfilmVigo só é preciso ter o carné da Biblioteca, e seguidamente cubrir o formulario de acceso da plataforma. O sistema distingue dous tipos de perfís: un de código vermello (permite visionar 3 títulos por semana) e outro de código negro (visionado ilimitado). Este servizo tivo moito éxito dende o comezo, e durante o confinamento tivo grande auxe.

A Biblioteca Neira Vilas ofrece un servizo de información e capacitación dixital moi importante para a cidadanía, Ad hoc. Podería contarnos un pouco como nace este proxecto, e como se materializa o servizo?
Existía unha demanda evidente e palpable por parte da cidadanía por contar cun servizo concreto que lles ensinase e guiase a desenvolverse con soltura á hora de iniciar trámites administrativos ou empregar ferramentas dixitais. As Bibliotecas públicas deben contar con este tipo de servizo, e máis aínda cando existe unha necesidade real. E nós puxémonos mans á obra para ampliar e actualizar este servizo. Así naceu Ad Hoc, un programa que ofrece un servizo de axuda nestes temas á cidadanía tras solicitar cita previa. Con este programa axudamos ás persoas en cousas do día a día: dende a obtención do padrón, ata a elaboración dun currículo, ou facer cita previa para o DNI, ou o uso axeitado de GaliciaLe ou eFilm, … . O programa ten como principal obxectivo ensinar e educar no uso das novas tecnoloxías de xeito efectivo para a vida diaria. Buscamos que as persoas estean satisfeitas e que saian co problema solucionado, sabendo que a súa necesidade foi ben atendida.

Non podo máis que aplaudir!
Grazas! A grande vantaxe de ter un contacto tan directo co público, permítenos que, como profesionais, identifiquemos as necesidades da xente incluso antes de que a cidadanía se decate e as reclame. Deste xeito podemos mostrar todos os servizos que ofrece a Biblioteca e a riqueza e beneficio social, económico e cultural que aporta á sociedade. Facer evidente dun xeito práctico e palpable que a Biblioteca é un elemento esencial e un referente na sociedade.

Si! Dar a ver todo o que significa a Biblioteca no noso mundo
Exactamente. Temos que traballar para que a xente entenda todas as dimensións da institución. É un lugar de lectura, de estudo e de silencio, pero tamén é o sitio no que pasar o tempo de lecer, facer intercambios sociais e culturais, aprender, e buscar solucións e axuda para problemas e cuestións da vida diaria.

O labor de alfabetización informacional que levan a cabo co seu programa é vital nestes momentos, onde hai un gran fluxo de información que pode non vir de fontes fiables
É un labor que se exerce día a día como profesionais da información. Cando unha persoa acode na procura de axuda en calquera tema e ámbito, a nosa obriga é ensinarlle o camiño e as ferramentas para facelo do xeito máis axeitado e rigoroso posible. Non tería sentido que se buscan información sobre un tema X, nós ofrezamos somente o resultado da pescuda, sen mostrarlles como chegar a esas fontes de información, nin darlles ferramentas e coñecementos sólidos para poder enfrontarse a unha busca de xeito autónomo e individual en futuras ocasións.

Xa deu vostede practicamente a resposta á miña seguinte pregunta, como lle gustaría que fose a Biblioteca do futuro?
Eu son defensor de que a Biblioteca siga sendo aberta e participativa e, ante todo, colaborativa. E eu entendo a colaboración en varios sentidos: unha colaboración entre o persoal e as persoas usuarias, pero tamén unha colaboración entre todo o gremio. Gustaríame que a Biblioteca fose máis activa e participativa coma entidade, entendendo isto no sentido que haxa unha maior colaboración e intercambio entre profesionais, e con diferentes entidades e asociacións. Tal vez moitas veces, non coñecemos os profesionais e as Bibliotecas veciñas, iso é unha mágoa e unha gran perda. Se se construíse unha rede de colaboración activa entre profesionais, gañaríamos en moitos aspectos. Penso que sería necesario que existise un proxecto común para as Bibliotecas, e así avanzar fortes e xuntas cara ao futuro. Evidentemente non debe perderse a identidade propia de cada Biblioteca, e tampouco esquecer o noso labor como profesionais da información; máis a axuda común é necesaria para este avance.

Toca agora pedirlle que nos faga recomendación lectora e que nos invite a algunha das actividades que ofertan
Recomendo ler Izan o da Saca, de Xabier Quiroga. Actividades, a todas! As Terrazas Literarias son moi bonitas: o edificio bibliotecario conta cunha terraza, que acolle diferentes eventos e actividades: concertos, encontros de poesía, pequenas pezas de teatro… Tamén recomendo a actividade Os contos de aquí. Se teño que dicir unha, como lle teño especial cariño, animo a seguir sumando participantes no noso Mapa Literario. É un proxecto vivo e continuo, que nos permite seguir crecendo cada día. Cada semana recibimos novas incorporacións para o Mapa, e o equipo encargarámonos de ler o libro, de introducir o apunte, … É un traballo que nos gusta moito facer e ver como crece grazas á colaboración da xente!

Para rematar, que Bibliotecas quixera visitar?
Volvería ver as Bibliotecas de Cataluña, as de Portugal (a de Camiña, que está moi perto de nós, é moi bonita), a Biblioteca Nacional e a de Nova York.

Foi un pracer conversar con vostede, Anxo! Moitas grazas!
Grazas a vós por convidarnos! As Bibliotecas debemos seguir adiante, como elemento esencial da sociedade que somos. Traballando de xeito conxunto, poderemos seguir crecendo fortes!

Equipo de profesionais da Biblioteca Municipal Neira Vilas: (de esquerda a dereita) Susana, Anxo, Noelia e Mar. Foto cedida polo entrevistado

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.