Conversas de Biblotecarix a bibliotecarix: José Luis Alonso, Bibliotecas municipais de Arteixo


Nesta terceira entrega falamos con José Luis, responsable da rede de bibliotecas municipais en Arteixo, un bibliotecario cunha grande paixión pola súa profesión, e que forma parte dun equipo cunha grande visión de futuro!

Bo día, Jose Luis. Grazas por atenderme e participar nas conversas! Eu que non coñecía persoalmente a realidade bibliotecaria en Arteixo, fixen unhas unha pequena pescuda e puiden ler na páxina web, que forman unha rede. Poderías contarnos como naceu?
Bo día! A Biblioteca Central, que está situada no corazón do municipio, inaugurouse no ano 1989. Co tempo e de xeito paulatino, foron nacendo as outras: Meicende, Oseiro, Pastoriza, e o Froxel. A Biblioteca Central, que é a máis grande polo seu fondo e polo número de persoas usuarias visitantes, actúa como centro burocrático-administrativo: dende aquí xestionamos o reparto do orzamento e a organización de actividades. No tocante ao orzamento, cada biblioteca ten asignado unha partida de gasto para poder adquirir materiais, e son as persoas encargadas de cada unha das bibliotecas as que seleccionan os títulos e material que precisen, e dende a Biblioteca Central execútase a compra. En canto ás actividades, normalmente organízanse na principal, con algunhas excepcións como, por exemplo, con LER CONTA MOITO: neste caso, cada unha das bibliotecas solicita o que quere, e dende a Central xestionamos as solicitudes. Mencionar tamén que o factor humano é importante para facer que todo isto funcione de forma fluída e coordinada: aínda que o horario ao público nas bibliotecas dos diferentes núcleos de poboación é máis reducido que na Central, o persoal que traballa nela continúa as súas tarefas na Biblioteca Central. Sen esta coordinación e reparto de traballo entre os diferentes edificios bibliotecarios, esta rede non podería funcionar.


A min gustaríame saber cal é a razón que lles levou a ter diferentes puntos bibliotecarios en Arteixo.
A razón principal e máis importante é cumprir coas nosas obrigas como Biblioteca para coa sociedade. Para poder ofrecer servizos á totalidade da veciñanza de Arteixo, fundáronse bibliotecas nos principais núcleos de poboación do municipio, atendendo a unha cuestión xeográfica. No noso caso non agardamos a que a xente demandase este servizo, pois moitas veces a clave reside en facer visible a importancia e beneficios destas entidades culturais, para que así a veciñanza valore o papel que cumpren as bibliotecas e se convertan en persoas usuarias activas.

Canta razón leva! En Arteixo tamén foron uns adiantados no tema da tecnoloxía bibliotecaria: desenvolveron con éxito o proxecto SOPHIA e teñen os seus fondos informatizados. Podería detallar un pouco máis sobre este punto?
Xa foi no ano 1998 cando comezamos a informatizar os nosos fondos, foi con IberMarc. Tras participar nun curso de formación, comezamos a traballar para formar o catálogo automatizado. Este proceso de catalogación realizámolo nós: deste xeito puidemos participar e vixiar cada cousa que se facía, o que nos permitiu tamén cumprir os nosos obxectivos e requisitos. Recentemente, coa aplicación SOPHIA, todas as bibliotecas de Arteixo están de xeito conxunto en rede, a diferencia de anos atrás que estabamos de forma individualizada. En xeral sentimos moita alegría e satisfacción co traballo feito e acadado!

Os meus parabéns!! Grande traballo! Entendo entón que poida ser que o seu adianto informático sexa algún dos motivos polos que non están integrados dentro do catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia?
Todo este traballo de catalogación e informatización que comezamos xa hai case 25 anos, supuxo que, en certa medida, estiveramos moi adiantados neste campo; e se tiveramos migrado ao programa da Rede, as prestacións que nós xa ofertabamos daquela, minguarían. Gustaríame destacar que, calquera persoa de calquera lugar do mundo pode facerse socio das nosas bibliotecas, o que lle permite facer uso dos diferentes servizos que ofertamos; e co noso OPACweb o acceso ao catálogo bibliográfico das bibliotecas é moi cómodo e completo, cousa que agradecen as persoas usuarias. En todo caso, o noso programa pode integrarse dentro do da Rede. Non existe ningún tipo de restrición neste aspecto; o noso fondo e servizos están abertos a quen queira acceder!

Todo o que estou aprendendo con vostedes! Pasemos agora a falar dos diferentes proxectos de extensión bibliotecaria e cultural que organizan.
Un dos que máis me gustaría destacar son as actividades que ofertamos para os Centros de Ensino, que levan celebrándose dende fai xa 15 anos. Coa nova situación sanitaria estas actividades víronse reducidas, mais cando sexa posible, volveremos retomar co seu formato habitual: dende xaneiro ata maio, os diferentes grupos que forman a totalidade do alumnado de primaria e infantil de Arteixo visitaban a Biblioteca máis próxima ao seu centro. A sesión, que dura aproximadamente 90 minutos, ten como obxectivos a animación lectora e coñecer o papel da biblioteca na sociedade mediante actividades lúdico-educativas. É unha actividade cunha moi boa acollida, tanto por parte da cativada como das mestras e mestres. Tamén organizamos contacontos os luns, mércores e xoves en 2 épocas diferenciadas do ano: de febreiro a maio; e de outubro a decembro. Están destinadas a dous grupos de idade distintos: de 4 a 11 anos, e a bebés. Con esta actividade buscamos que a cativada, e tamén a poboación máis adulta, entenda que a Biblioteca non é un lugar no que hai que gardar silencio. Queremos tentar que se rompa con esa idea que existe da biblioteca como lugar de estudo e de silencio, e facer entender que está para que a usen e a desfruten as persoas de calquera idade, dende os 0 anos ata os 150! A biblioteca tense que entender coma centro no que poden (e deben) convivir diferentes rangos de idade, activades e usos. En abril, o mes do libro, organizamos distintas actividades, sendo a principal a nosa participación no FEIRÓN (que leva 2 anos sen celebrarse por mor da pandemia). Nel contamos cunha caseta, e facemos doazóns de libros á xente que se achega. O material que levamos son títulos que foron expurgados da colección, ou que foron doados á biblioteca pero que, por diferentes motivos, non se integraron no fondo. É unha actividade moi bonita e especial, pois nalgunhas ocasións, nos 15 anos que se leva celebrando, temos entregado ata 600 libros!!

Que bonita acción! Agardo que poidan volver retomar estas actividades canto antes!
Si, nós tamén esperamos poder retomar as actividades. Tamén acollemos un concurso de poesía, destinado a rapazada entre 8-12 anos, e o acto de entrega dos premios sempre cadra no sábado máis próximo ao día da poesía
(21 de marzo). E como non me quero estender moito, mencionar que tamén contamos con diferentes clubs de lectura para adultos: en Meicende, na Pastoriza e na Central; este último conta cun director: Alfredo Ferreiro, as outras dúas funcionan de xeito máis independente.

Xa que é un tema de actualidade, gustaríame saber como se están a adaptar a este novo contexto, causado pola actual crise sanitaria.

Tivemos que repensar as actividades, pero conseguimos manter practicamente a totalidade. O principal cambio foi trasladar as actividades ao entorno dixital: as actividades pasaron a celebrarse en streaming. Con este formato, conseguimos chegar a un público maior do habitual, e tamén manter o traballo cultural, cousa que as persoas traballadoras no eido cultural nos agradeceron enormemente.

Que gran traballo!!
Grazas! Creo que puidemos responder moi ben a esa situación tan inesperada e incerta en moitos aspectos! Tamén quixera comentar unha actividade que puxemos en marcha durante os meses do confinamento: dentro do noso Blog PALABRA DE BIBLIOTECA, creamos unha edición especial á que chamamos Especial confinamento, con entrevistas a persoas vinculadas ao mundo da biblioteca: dende profesionais do sector (do noso propio equipo, e ás persoas encargadas das bibliotecas municipais de Teo, Ribadavia, Ourense, Caldas de Reis, Portonovo, Miño, Oleiros, Soutomaior, Santa Comba, O Saviñao, e varios máis!) ata entrevistas a escritores nados en Arteixo, como Xavier Maceiras ou Henrique Rabuñal; pasando por profesionais da promoción lectora como Álex Antelo, de PROYECTO BULULÚ; Ana Hermida, de LISÍSTRATA,… en fin, unha serie limitada de entrevistas no que cada persoa falaba do seu! A verdade é que foi unha experiencia fantástica, na que aprendemos moitas cousas, entre elas coñecer como se fan as cousas por outras localidades galegas! Ah! Case me esquezo! Entrevistamos tamén a unha traballadora da Biblioteca de Norkfolk (no Reino Unido), Elena Traína, que leva o peso das actividades bibliotecarias nesa vila; con ela aprendemos moitas cousas para aplicar! Ela estivo contenta de participar, pois é moi activa nas redes sociais. E antes de que me esqueza, mencionar que para este proxecto foi clave o coñecemento e traballo co tema dos podcast de Fidel Mouzo, que forma parte do equipo como axudante de bibliotecas.

Que ledicia escoitar todo isto!! Outro tema do que me gustaría que nos falase: o fondo local.
O noso fondo local comezamos a formalo fai uns 20 anos, aproximadamente. É un fondo que ten una consulta bastante regular. Para promover o tanto o fondo como a historia local, a cada unha das bibliotecas déuselles o nome de artistas vivos de Arteixo: Henrique Rabuñal, Antón Castro, Francisco A. Vidal, Miguel Sande, e Dora Vázquez (que, tristemente, faleceu uns anos despois de que se lle dese á Biblioteca o seu nome). Deste xeito dáselle visibilidade a historia viva do municipio, pois cremos que é importante promover e dar a coñecer o traballo de artistas contemporáneos. As actividades ao redor da historia local organízanse dende o Departamento de Cultura, polo que dende a Biblioteca, neste sentido, limitámonos a traballar en acadar un fondo local completo e de calidade para preservar a historia de Arteixo, e satisfacer as necesidades de información que calquera persoa poida ter sobre o municipio.

Na miña pescuda, descubrín que contan tamén con fondo árabe! Podería contarnos un pouco máis?
Este fondo comezamos a formalo fai uns 12 anos, pero xa comezaramos a traballar no proxecto uns 2 ou 3 anos antes de materializalo. A decisión de formar este fondo débese a que existe unha comunidade marroquí en Arteixo, e entendemos, como se plasma en diferentes directrices nacionais e internacionais, que era a nosa obriga e responsabilidade formar un fondo documental para, por un lado, satisfacer as necesidades de información e ocio deste grupo concreto, e por outro lado, dar a coñecer tamén esta cultura entre o resto da poboación de Arteixo. Para formar o fondo, colaboramos co Centro Sociocultural árabe, e particularmente contamos coa axuda do profesor de árabe que traballaba en Arteixo impartindo clasesá á rapazada nesa altura, Joauad. Foi unha figura clave que nos axudou moito no proceso de selección e adquisición de material. O fondo tivo unha grande acollida: a rapazada de orixe marroquí consultábao moito, grazas a que Joauad os animaba a facer uso desta colección. A día de hoxe, a comunidade árabe está xa totalmente integrada, polo que a consulta deste fondo é algo máis baixa que ao comezo.

Que bonito! Os meus parabéns! E agora, cambiando un pouco de temática: diga, que é o que máis lle gusta desta profesión? E o que menos?
O que máis me gusta é sen dúbida o trato coa xente! A boa relación que se acada ao longo do tempo coas persoas que nos visitan, rematan por ter unha repercusión moi positiva ao longo do tempo: a cativada á que agora lles ensinamos que é unha biblioteca, mañá serán os pais e nais que veñan coas súas fillas e fillos. A verdade é que non podería dicir que hai algo que non me guste, é unha profesión moi agradecida, e aquí teño a gran sorte de traballar con grandes persoas e profesionais!

E se tivera unha lámpada máxica á que lle puidera pedir o que quere para a biblioteca do futuro de Arteixo, que desexos tería?
Sen dúbida, que siga este bo ambiente de traballo! Vai haber un cambio de localización da Biblioteca central, que ten proxectado localizarse no balneario, o que vai significar que poidamos modernizarnos e adaptar o edificio ás necesidades que teñen as persoas que nos visitan. Está planificado crear espazos diferenciados para diferentes usos coma unha sala de estudo, unha para o público infantil. Para as outras bibliotecas, eu pediría unha ampliación dos espazos, deste xeito sería máis doado dar resposta con mellores servizos e chegar así a máis público. Penso tamén que estas ampliacións deben ir necesariamente acompañadas de máis persoal.

Chegamos ao remate da nosa conversa. Antes do ata logo, podería darnos algunha recomendación de préstamo e de actividade?
Como actividade, aconsello e invito ás nais e pais a participar nos contacontos para bebés! Penso que é unha actividade fundamental e moi rica para as crianzas! En xeral, gustaríame animar a seguir sumando participantes nas nosas actividades dirixidas ao público infantil! Son a poboación adulta do futuro, e o garante para que a se siga valorando cada vez máis o papel das bibliotecas como parte fundamental na sociedade.
Para préstamo de material de lectura ou audiovisual, ou en calquera formato, eu aconsello que cada quen se mergulle onde máis lle pique a curiosidade!

Foi unha ledicia este tempo de conversa! Moitas grazas por compartir con nós as súas experiencias!

Imaxe do posto das Bibliotecas de Arteixo no FEIRÓN, día no que se doan libros a todas as persoas que se achegan á caseta. Fotografía cedida por José Luis Alonso

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.