Empoderar os Arquivos, Día Internacional dos Arquivos 2021


O tema deste ano para celebrar o día Internacional dos Arquivos é #EmpoderarOsArquivos e dende BAMAD Galicia unímonos á conversa virtual que nos propoñen dende o ICA (Consello Internacional de Arquivos) para falar sobre:

  1. Como os arquivos empoderan a rendición de contas e a transparencia, a través do acceso á información para facer seguimento do labor dos gobernos e garantir que a cidadanía poida protexer os seus dereitos. A nosa asociación defende e impulsa o valor dos arquivos na rendición de contas das nosas administracións e na custodia que garante os dereitos das persoas, por iso demandamos da Xunta de Galicia, dos órganos estatutarios e das administracións locais máis persoal arquivista e unhas infraestruturas axeitadas, porque en Galicia os arquivos públicos non contan co persoal suficiente nin con locais adecuados, de feito seguimos esperando polo Plan de Arquivos da Xunta de Galicia, por un plan con recursos suficientes que garanta uns servizos imprescindibles nunha sociedade democrática.
  2. Como o traballo en rede e a colaboración permítennos empoderar os arquivos e a profesión para axudarnos a alcanzar as nosas metas e obxectivos para a profesión e as nosas institucións a través do apoio das profesións aliadas, á vez que axudamos a outros sectores e ao público en xeral a entender o que facemos. BAMAD Galicia seguirá a traballar e a colaborar coas administracións, con outras asociacións de arquivistas, coas profesións aliadas, cos grupos políticos e cos medios de comunicación para poder acadar unha maior presenza dos arquivos na vida pública, para que a cidadanía tamén sexa quen de demandar e esixir uns servizos arquivísticos propios do noso tempo.
  3. Como desafiar a teoría e a práctica arquivística actual para facela máis diversa e inclusiva con diferentes voces xunto con diferentes historias. En BAMAD Galicia levamos anos traballando nunha arquivística con perspectiva feminista, e seguiremos nesa liña dando visibilidade e apoio a esas análises con visión de xénero que xurdiron por primeira vez no Estado en Galicia. E, por suposto, seguiremos a demandar que o Plan de Arquivos da Xunta de Galicia se redacte e aplique con perspectiva feminista.

Todas e todos somos parte desta conversación sobre #EmpoderarOsArquivos e da celebración da #IAW2021.

Bamad Galicia, 8 de xuño de 2021

Categorías:Arquivos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.