Conversas de Biblotecarix a bibliotecarix: Caridad Nieto Tramona, Biblioteca Municipal de Ares


Hoxe viaxamos ao municipio de Ares, cunha biblioteca con moita historia, para coñecer o traballo de Caridad Nieto, unha profesional entusiasta e alegre! Convidámos vos a seguir lendo!

Ola! Para comezar, que lle parece se nos conta un pouco sobre a túa carreira profesional?
Eu estudei Historia na Universidade; tras rematar a carreira presenteime a un proceso selectivo para un posto de bibliotecaria, e dende fai xa 15 anos, exerzo esta profesión tan bonita!

E como é o día a día da bibliotecaria de Ares?
Nun municipio como Ares, a persoa encargada de traballar na biblioteca, ademais dos labores na biblioteca, tamén traballa de xeito activo dentro do Departamento de Cultura: organizando eventos, actividades… vaia, moitas cousas que se complementan entre si!

Diría que a súa formación coma historiadora lle inspira para o seu traballo?
Si, totalmente! Ademais dos meus estudos universitarios, tamén teño formación en animación sociocultural. Todos estes coñecementos son valiosas ferramentas para poder planificar e organizar proxectos e actividades dentro do municipio.

Como é a vosa dinámica de traballo, dentro do Departamento de Cultura?
O equipo formámolo tres persoas: a miña compañeira, Beatriz Martínez, a concelleira de cultura, Alma Barrón, e eu mesma. A verdade é que é unha marabilla traballar con elas! Son unhas traballadoras incansables e moi entusiastas! Entre as tres organizamos todas as actividades culturais que se celebran en Ares. Neste último tempo tivemos que facer un traballo de planificación máis coidadoso, por mor da situación sanitaria, mais conseguimos manter unha programación activa, variada e segura.

Que ben! Podería contarnos un pouco sobre os proxectos que desenvolven en Ares?
Un no que levamos participando dende fai uns anos, e ao que eu lle teño moito cariño, é o programa Maria Moliner. Levamos varios anos gañando o premio ao computo dos 300 mellores proxectos! Estamos moi contentas e orgullosas! Facemos estre traballo con moito agarimo e ganas, e sempre é bonito poder ver recompensando o teu traballo!

Os meus parabéns!! Cóntenos máis!
Levamos participando máis ou menos cinco anos. O maior incentivo que tivemos para decidirnos a participar, foi que o premio se materializa en libros!
Tiñamos falta de poder completar e sumar títulos á colección, polo que decidimos poñernos man á obra co obxectivo de gañar un dos lotes. O traballo saíu moi ben, pois conseguimos superar o noso fin: ese primeiro ano estivemos entre os 300 mellores proxectos!

Xenial!
Si! A verdade é que foi unha grande alegría! Gran parte dos libros que gañamos destinámolos a darlle ás a un proxecto que tiñamos moitas ganas de poder materializar: O cuarto dos contos!

Vainos ter que contar un pouco máis deste proxecto que soa tan especial…
O espazo da biblioteca non é moi grande, polo que non podiamos contar cun oco exclusivo para a cativada. Grazas aos premios María Moliner, puidemos crear un espazo adicado especialmente para o público infantil! Estamos moi moi contentas! Só con verlles as caras de felicidade aos nenos e nenas…! E as nais e aos pais! Iso énchenos de alegría!

Que ben que busquen xeitos de seguir agrandando e mellorando a biblioteca, e que a veciñanza o agradeza!
Si! A verdade é que é un lugar moi especial! A cativada está feliz de poder contar cun espazo propio!

E cóntenos, que outros proxectos ofertades?
Levamos varios anos participando en Ler conta moito, que é unha actividade fabulosa, pois nos permite contar con profesionais de calidade na biblioteca!
Temos outras actividades para o público infantil e xuvenil, como os obradoiros que celebramos cada 15 días. Para os adultos temos un Clube de Lectura, que vai crecendo en participantes! Tentamos ter unha oferta variada e continuada ao longo do ano.

Que ledicia!
Case se me esquece! Agora, dende o mes de xuño ata outubro ofertamos actividades todos os venres, sábados e domingos. E non podo deixar de mencionar unha actividade moi bonita e a que eu lle teño moito cariño: ARES INDIANO.

Conte, conte!
Ares é un municipio moi vinculado á tradición indiana, de feito o edificio no que se aloxa a biblioteca foi orixinariamente a primeira escola financiada con cartos traídos de Cuba. Entre o labor dunha biblioteca, así como dun departamento de cultura, é importante manter viva a historia local, e baixo ese obxectivo, no ano 2018 naceu ARES INDIANO. Durante un fin de semana de agosto, celébranse todo tipo de actividades: conferencias, charlas, obradoiros, rutas… e a xente vai ataviada con traxes da época! A verdade é que é moi bonito!

Que marabilla! Tentarei achegarme un ano para poder vivir o ARES INDIANO! E o voso fondo local, imaxino que tamén terá títulos que traten esta parte da historia de Ares, non?
Si, claro! Estamos traballando en sumar máis material para este fondo, que é moi importante para preservar a historia local.

Cambiando un pouco de tema, podería dicirnos cal son as vantaxes de pertencer á Rede?
Nós somos aínda relativamente novos, e ao principio, o proceso de adaptación poida que se fixese algo custoso polas novidades e cambios que supón, pero estamos moi contentas con formar parte da Rede. O mellor, na miña opinión, é que existe un criterio único o que supón unha unificación en moitos sentidos, ademais da colaboración e coordinación que existe entre as bibliotecas da Rede. Penso que é beneficioso tanto para nós, coma profesionais, como para as persoas usuarias.

E que é o que máis lle gusta deste traballo? É o que menos?
Malo non hai nada! Nesta profesión tratas con persoas e con libros! Que máis se pode querer? É un traballo moi agradecido.

Se puidera escoller o futuro das Bibliotecas, como sería?
A pregunta é interesante: a realidade bibliotecaria e o contexto sociocultural e económico cambian co paso do tempo, e ás veces dun xeito que non estaba previsto. Polo tanto, eu penso que é importante que a biblioteca sexa sempre un referente; que vaia evolucionando e crecendo en sintonía coa realidade do momento.

E xa para rematar: que recomendación lectora nos fai? E de participación en actividade?
De lectura, La cocinera de Castamar; paréceme unha historia que aporta moita cousas! E de actividade, convido a todo o mundo a que nos visite no ARES INDIANO!

Biblioteca Municipal de Ares (Fotografia cedida por Caridad Nieto)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.