Chegando ao final de xullo, fomos ata Rianxo a falar con Sofía, unha profesional con ampla carreira.
Bo día, Sofía! Como saberás, comezamos coas presentacións.
Bo día, grazas por contar conosco! Eu comecei a miña andadura profesional no 2002, fai xa 20 anos! Toda unha vida! Anteriormente, traballaba na administración da empresa privada, e a miña inquedanza por esta profesión, levoume a buscar o xeito de ser bibliotecaria, e conseguino!
En canto á Biblioteca de Rianxo, pode dicirse que comeza a súa andadura a finais dos anos 50 e dende 1981 xa de maneira estable, nos baixos do Concello. No 1986 o espazo trasládase ao Pazo de Martelo, onde sigue a día de hoxe. A Biblioteca conta cunha vida moi activa, e gran número de persoas usuarias, incluso doutros municipios, dende os máis próximos coma Boiro ou Catoira, ata concellos coma Padrón ou Dodro. Unha gozada contar cun público tan entregado e interesado pola cultura.

Que cousas da túa experiencia previa como administrativa levaches contigo para Rianxo?
Aínda que parezan profesións totalmente diferentes, teñen varios puntos en común. Temos que ter en conta que a xestión nunha Biblioteca é un aspecto fundamental para o seu bo funcionamento, e os meus coñecementos e experiencias previas axudáronme a enfrontarme ás tarefas diarias dunha Biblioteca Municipal e unipersoal: catalogación, clasificación, adquisicións… vaia, a xestión da colección.
Dende logo, contar con ferramentas previas para poder enfrontarse a todo o que implica esta profesión, tan interdisciplinar.
Si. Outra acción que é moi útil para levar á cabo o meu traballo diario é a xuntanza que organizamos de xeito anual as persoas encargadas das Bibliotecas Municipais do Barbanza. É un xeito estupendo de compartir ideas, intercambiar vivencias e preocupacións. Levamos xuntándonos dende hai moitos anos, de feito, antes de existir o carné único da Rede de Bibliotecas de Galicia, no Barbanza puxéramos en marcha unha iniciativa similar na que a veciñanza da Bisbarra puidese facer un servizo de préstamo comarcal. Funcionou moi ben e penso que é un bo exemplo que mostra os beneficios do traballo colaborativo e coordinado.
Que ben saber que existen liñas de traballo colaborativo coma esta!
Teño que preguntarlle sobre o fondo local, pois se xa é pregunta obrigada sempre, en Rianxo atreveríame a dicir que aínda o é máis.
Temos a sorte de contar cun abano de plumas ben famoso: Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio. Pero contamos con moitas plumas máis, coma Esther Carrodeguas, Noelia Gómez, Gonzalo Hermo (Premio Nacional de Poesía), Adrián Gómez Ramos (gañador do premio de Novela Curta no Certame Xuventude Crea 2020), Xose Duncan, Oscar Reboiros, Ricardo Losada Vicente, e máis! Hai que mencionar tamén aquelas persoas que escriben sobre Rianxo coma Xosé Santos, Xosé Comoxo ou Xesús Costas Rodil. E non podo esquecerme de Marina Losada que escribe en formato dixital, formato que, evidentemente, temos que recoller. Neste formato, malia o que poida parecer, require os mesmos traballos que a recollida do escrito en papel: estar sempre ao tanto das novidades.

Entendo que este fondo está totalmente diferenciado, non?
Si, claro! Penso que o mellor xeito de amosar materialmente, por así dicilo, a nosa historia e cultura. É unha marabilla poder contar con este tesouro de fondo local, e hai que facer bandeira del. Así mesmo, serve coma referente para aquelas persoas con inquedanzas pola pluma en todas as súas variantes, dende narrativa ata ensaio, dende o papel ata o dixital.
Minucioso traballo de recollida! Os meus parabéns!
Que nos pode contar sobre as actividades que se levan a cabo?
Tentamos contar como mínimo cunha actividade mensual, e son moi variadas. O que si facemos sempre é relacionala coa colección, por exemplo, se celebramos un contacontos paralelamente organizamos un centro de interese con libros relacionados coa actividade, o mesmo cunha evento teatral, etc. Deste xeito conseguimos dinamizar a Biblioteca e a colección.
Rianxo, ademais de ser terra de grandes plumas, conta cunha editorial, Axóuxere, que dende hai anos organiza unha Residencia de Escritores. No espazo bibliotecario celebrábanse diferentes actividades coas persoas residentes, coma talleres de escrita, encontros, … Unha acción ben bonita, que foi destacada como boa práctica cultural.
Outra actividade da que me gustaría falar é o Roteiro Castelao, dentro dun programa que se organizou hai uns 7 anos, pero moi bonita e especial. Consistía en acompañar a diferentes grupos de escolares no Roteiro Castelao; aínda que todos grupos comezaban igual, cada un dos roteiros feitos foi totalmente diferente, de xeito espontáneo, pero sempre contamos con cousas únicas cada día: dende toparnos con alguén que representara unha obra de Castelao, ou que tiña un instrumento musical no coche e se uniu ao grupo para cantar a rianxeira, … marabillosas e únicas casualidades!




Algunha actividade que se atope no caixón á espera de botar a andar?
Por falta de tempo, teño no caixón a materialización do Club de Lectura. Agora mesmo, non conto con tempo material para poder xestionar nin coordinar un Club de Lectura. Agardo que nun futuro non demasiado afastado a actividade poida verse realizada.
Outra que está no caixón, pero que tivo unha andadura, foi Acampamos na Biblioteca conmemorando o Día das Bibliotecas. O evento comezaba pola tarde, celebrándose actividades, e alongábase ata a mañá seguinte, tras un almorzo con visita sorpresa; algunha das figuras que nos acompañaron foi Helena Villar Janeiro. Lamentablemente esta actividade cesou pola pandemia, polo que aínda non se retomou.
Que nos pode contar acerca do traballo cos Centros Escolares?
A Biblioteca Municipal participa na Comisión de Bibliotecas Escolares, ademais disto, a colaboración materialízase de xeito máis visible a través de visitas á Biblioteca ou guías de lectura en Nadal, que consistía nunha pequena publicación en papel con recomendacións lectoras que se repartía nos diferentes Centros. A presentación desta guía facíase no Auditorio, durante a cal o alumnado participaba facendo diferentes actividades relacionadas cos títulos mencionados na guía: recital de poemas pequenas representacións teatrais,… Recentemente vimos de celebrar a Feira do Libro de Rianxo onde, a excepción destes últimos anos, sempre contamos cunha caseta onde se presentaban todos os traballos que se fixeran ao longo do ano coas Bibliotecas Escolares. E vou aproveitar para agradecer o gran labor que facía o profesorado durante os días da Feira, pois cadra sempre en xullo e coas súas vacacións e é de agradecer que se impliquen deste xeito no seu tempo libre.
Colaborades con algunha outra Entidade?
Si. Dende fai uns de 15 anos colaboramos moi estreitamente coa Fundación DOWN COMPOSTELA. A miña compañeira, María, comezou realizando tarefas en diferentes Departamentos do Concello, e tras unha formación previa, comezou a traballar na Biblioteca. Axiña quedou moi claro que tiña grandes capacidades para realizar un traballo de xeito totalmente autónomo aquí, polo que dende fai arredor de 14 anos forma equipo comigo traballando dúas horas diarias. A verdade é que é unha marabilla poder contar cunha compañeira coa que compartir o traballo. Non podo esquecer mencionar que o seu labor aquí foi premiado no ano 2016 co Galardón DOWNCOMPOSTELA. Así mesmo, María acode a diferentes Centros e eventos para falar do seu traballo na Biblioteca.
Como é a vida na Biblioteca Municipal durante os meses de verán?
Moi activa! O servizo de préstamo está que non para! Rianxo recibe moita xente doutros lugares que, polo xeral, faise socia pra poder facer uso dos diferentes servizos bibliotecarios. Nestes meses recibimos visitas do campamento urbano, vamos, que o verán é un bulebule!
Pregúntolle agora sobre os aspectos positivos e negativos desta profesión.
O positivo é, sen dúbida algunha, o trato directo coas persoas usuarias, algo realmente máxico e esencial no traballo dunha Biblioteca Municipal, pois este trato permite coñecer os hábitos e necesidades da veciñanza e, na medida do posible, dar resposta aos diferentes requirimentos que van xurdindo. En canto ao negativo, a falta de recursos é un tema a destacar e outro aspecto que mencionaría é máis ben subxectivo, pois ten que ver co traballo “invisible”: tarefas esenciais para o bo funcionamento da Biblioteca pero que a xente descoñece de todo, e que as persoas profesionais quizais non sabemos comunicar, o que leva inevitablemente a que esta profesión non se valore o suficiente pola sociedade.
É esencial facer entender que o traballo non se limita unicamente ao mostrador e ao servizo de préstamo e devolución.
Exacto. Estas tarefas que mencionas son, por así dicilo, a parte final dun traballo previo que vai dende a selección e adquisición, ata o selado e colocación dos libros, por non mencionar a ordenación posterior á devolución dos libros, esencial para que cada un dos volumes da colección sigan sendo accesibles e non se perdan entre os estantes.
A profesión de bibliotecaria é, como mencionamos antes, interdisciplinar, pois o noso traballo tamén sae das paredes da Biblioteca; xa que é evidente que a día de hoxe comunicar é esencial, temos que facer labores de difusión bibliotecaria para promover tanto a colección como as actividades e difundir todas aquelas noticias e novidades de importancia para a comunidade. Estas tarefas traen consigo a necesidade de usar e saber usar, entre outras cousas, as redes sociais, tarefa que, como saberán xa moitas persoas, leva máis tempo do que pode chegar a parecer dende un principio. E, por suposto, non podo deixar de mencionar todo o relacionado coa xestión e planificación das diferentes actividades de extensión bibliotecaria e cultural que se organizan nunha Biblioteca Municipal.
Que Biblioteca futura soñas?
Un aspecto que mencionaría é contar con máis espazo, aínda que no noso caso este desexo vaise ver materializado nun futuro relativamente próximo, pois está proxectado ampliar o espazo bibliotecario habilitando outra planta no Pazo o que beneficiará tanto ao tocante á colección como ao uso do espazo para actividades e diferentes servizos bibliotecarios.
Relacionado co que mencionaba na resposta referente aos aspectos negativos do noso traballo, pediría, por un lado, que se contase con máis recursos; pois aínda que a nivel Concello non podo máis que agradecer, a nivel autonómico si considero que se deberían levar a cabo mellores estratexias e plans de traballo. Por outra banda, gustaríame tamén que se conseguise unha maior visibilidade da profesión.
E que lecturas nos recomenda nestes meses de verán?
A recomendación estenderíaa a todo o ano, e entre os títulos que aconsello están Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, libro que me encanta; Senlleiras, de Antía Yáñez; Golpes de luz de Ledicia Costas. E non podo evitar varrer para a casa e recomendar Diario dun enterro, de Gonzalo Hermo, ou Cando sangran os lobos, de Adrián Gómez.

De remate, a que Bibliotecas irías de vacacións?
A todas, especialmente as Bibliotecas Municipais, pois cada unha delas é un mundo por coñecer! Se teño que mencionar en concreto unha Biblioteca á que sen dúbida volvería é a do Parque do Retiro en Madrid. Paréceme xenial que sexa un espazo que mira para fóra: estando dentro do edificio semella que estás no exterior, pois a estrutura está moi ben adaptada ao espazo natural. Visitaría tamén as bibliotecas dos Mosteiros, que pola súa arquitectura sempre me resultaron moi bonitas, ou a de Coimbra.
Moitas grazas por participar, Sofía! Un pracer aprender contigo!
Igualmente! Moitas grazas!
Volveremos en setembro! Agardo que pasedes un bo verán!
Categorías:Bibliotecas municipais, Noticias Bamad