Valoración Estatísticas das Bibliotecas públicas de Galicia 2020


En 2020 Galicia conta con 312 bibliotecas (17 menos que en 2019). 99 concellos nos dispoñen de servizo bibliotecario. O 29,43% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 9€ por habitante ás bibliotecas, 1,64€ menos que no conxunto do estado (10,64€)

Isto é o que podemos tirar dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2020, publicadas polo Ministerio de Cultura.

Temos que sinalar que estes son as estatísticas do ano da pandemia provocada pola Covid-19 polo que moitos dos datos non van poder ser comparables a anos anteriores ao verse afectados todos os servizos e a abertura dos mesmos.

Con respecto aos indicadores analizados estamos, como en anos anteriores, por debaixo da media estatal en todos agás en dous parámetros: no número de documentos por habitante e no número de documentos adquiridos por habitantes que superan a media estatal.

As análises feitas en anos anteriores, e que indican a nosa opinión ao respecto, poden verse nestes artigos publicados na nosa web.

Aspectos positivos: 

Un dos aspectos positivos que podemos sinalar, e que se repite desde hai anos, é o número de documentos por habitante que está por riba da media estatal e que xa temos sinalado que, aínda que maior, non ten porque ser un dato necesariamente bo e é necesario realizar unha avaliación da colección nas bibliotecas. Este ano tamén temos que sinalar tamén como positivo o incremento de adquisicións por habitante.

Nos orzamentos dedicados ás bibliotecas públicas teñen especial relevancia as axudas á adquisición de fondos bibliográficos que ten en marcha a administración autonómica: a subvención para a mellora das coleccións, a subvención para adquisición de novidades en lingua galega, as actividades de animación á lectura a través do programa Ler Conta Moito e o incremento de fondos en formato dixital. É especialmente relevante a potenciación dos formatos dixitais accesibles a través do portal GaliciaLe que durante os anos 2020 e 2021 redobrou esforzos para facer frente á gran demanda de préstamo de obras en formato dixital debido aos períodos de confinamento e de peche de servizos públicos. Porén, continuamos a botar en falta que haxa máis compromiso nas partidas dedicadas a bibliotecas nos concellos e nas Deputacións.

O segundo aspecto positivo é que continúa a incorporación de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas que acada practicamente a totalidade das Bibliotecas Públicas, este dato ten especial relevancia no que se refire ao conxunto da poboación inscrita nas bibliotecas xa que no proceso de incorporación á rede corríxense erros e depúranse duplicados polo que a poboación inscrita descende desde hai anos situándose ao redor do 30% da poboación, aínda qu en 2020 se observa unha diminución no número resultado da incorporación de novas bibliotecas e a depuración de datos de usuarios duplicados.

Aspectos negativos:

Novamente debemos facer fincapé na necesidade de mellorar as partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos, nos que seguimos atopando casuísticas habituais de contratación de persoal non especializado, compartindo prazas con outros servizos municipais, recorrendo a persoal doutros servizos para cubrir os postos, persoal sen os coñecementos necesarios para levar a cabo unha boa xestión da información e documentación. Este punto acada maior importancia se temos en conta a incorporación da maior parte das bibliotecas pequenas, a unha ferramenta que precisa de cooperación e coordinación de todos as administracións implicadas para garantir un bo servizo aos usuarios. Non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido. Desde 2016 contamos con 60 persoas traballadoras menos.

É importante que se desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer, en que aspectos é necesario investir e cara a onde deben encamiñarse os esforzos en cada punto de servizo bibliotecario. Seguimos afirmando que non somos partidarios de pór en marcha medidas coercitivas desde a Xunta de Galicia, pero seguimos crendo tamén que a administración autonómica debe velar polo correcto desenvolvemento e xestión dos servizos bibliotecarios municipais, respectando a potestade organizativa dos concellos, pero primando sempre a prestación de servizos de calidade e premiando aqueles concellos que cumpran coa súa obriga de ofrecer servizos de calidade.

Os datos estatísticos, non só os que fan referencia ás bibliotecas, mais estes tamén, seguen a mostrar unha gran dispersión e perda de poboación, que dificulta que os concellos rurais, pequenos e despoboados, poidan prestar servizos de calidade. Con respecto ás situacións bibliotecarias por provincia só a da Coruña presta un bo servizo á súa poboación, por encima da media estatal en todos os indicadores. A provincia de Pontevedra cae moitos puntos debido principalmente á precaria situación bibliotecaria do concello de Vigo, onde a cidade máis poboada do país é a que goza dunha pior situación bibliotecaria. Da mesma maneira as provincias máis despoboadas e avellentadas, Lugo e Ourense, están entre as últimas en servizos bibliotecarios por non poderen os seus concellos, por si propios e sen axuda das deputacións, contar con servizos bibliotecarios. É de sinalar o caso da provincia de Ourense onde só 39 concellos (de 92) dispoñen de bibliotecas, 53 concellos da provincia non teñen biblioteca. No caso do resto das provincias: Coruña conta con 10 concellos sen biblioteca; Lugo con 27; e Pontevedra con 9. Nestes concellos sen biblioteca encontramos casuísticas diferentes: desde as que están pechadas temporalmente por obras, as que non completaron as estatísticas e as que, definitivamente, non contan con servizo bibliotecario.

O anuncio realizado en xullo de 2022 de pór en marcha servizos de bibliotecas móbiles en comarcas sen servizo das provincias de Lugo e Ourense é unha boa medida para paliar a falta de servizos bibliotecarios en zonas despoboadas pero non poderemos valorar o resultado até termos datos dentro de varios anos e non se pode aplicar a esta estatística de 2020.

OLLO HAI QUE FALAR DOS DATOS ESTATÍSTICOS DE GALICIA LE!!!!!!

Resumo estatístico de Galicia 2020:

Datos Xerais: contamos con 235 bibliotecas públicas (6 menos que en 2019) que prestan os seus servizos en 312 puntos de atención bibliotecaria (17 menos que en 2019). 99 concellos en Galicia non dispoñen de servizo bibliotecario.

No número de documentos por habitante estamos por riba da media. Contamos con 2,18 doc/hab., mentres que no estado a media é de 1,93. Dato que non necesariamente ten que ser bo xa que se necesita unha Avaliación da colección.

No número de documentos adquiridos prodúcese un aumento con respecto ao ano anterior e Galicia sitúase por riba da media estatal de 62,65 doc. O número de documentos adquiridos foi de 74,37 doc., aumento importante con respecto ao 2019 (61,83 doc./1000 hab.)

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 0,78, mentres a media do estado foi de 0,9. Estamos por baixo da media estatal pero os resultados deste ano non son comparables con anos anteriores pola situación de peche de servizos provocados pola pandemia.

Só o 29,43% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentres no estado a media é de 35,29. (31,08 e 35,97 respetivamente en 2019). Apenas existen variacións a pesar de que continúa a integración das bibliotecas públicas municipais no Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Pola evolución dos últimos anos estamos sempre en torno ao 30% da poboación inscrita, datos que se van estabilizando a medida que acaba a integración das bibliotecas municipais na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Seguimos prestando menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,46 mentres que no estado se prestou 0,51 doc./hab. De novo, e ao igual que cos datos de visitantes e préstamos, non se pode comparar con anos anteriores debido á pandemia.

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 1,34 frente a 2,24 act/1.000 hab. De novo non comparable con anos anteriores. Ademais unha boa parte das actividades foron realizadas a través das redes sociais. Moitas non foron contabilizadas para a realización dos datos estatísticos e, na maioría dos casos, só se contan os presenciais coas dificultades de realización das mesmas polo peche en diferentes períodos do ano polas medidas sanitarias.

Nos gastos correntes, dedicados ás bibliotecas públicas, en Galicia destináronse 9€/hab., mentres que no estado o gasto foi de 10,63€. (8,95 e 10,54 en 2019). Aumenta en ambos os dous casos e segue manténdose a diferenza negativa entre o gasto corrente en Galicia e o gasto corrente medio do Estado. Incremento de 5 céntimos en Galicia, (no estado foi de 9 céntimos por habitante).

En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 4.944 habitantes, mentres que no estado teñen 1 por cada 4.376 habitantes. (4.951 e 4.223 en 2019). Diminuímos a distancia con respecto á media estatal porque nesta ocasión os datos do estado foron a pior. Se temos en conta que a poboación galega continúa minguando, podemos concluír que a mellora da proporción galega ten máis a ver coa perda de poboación que coa situación do persoal, que continúa a diminuír, como podemos ver máis abaixo.

En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 546 en 2019 e 545 en 2020. 1 persoa traballadora menos . En total desde o ano 2016 hai 39 persoas menos traballando nas bibliotecas públicas galegas.

Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros… Concluímos coa reflexión indicada en anos anteriores, que nos leva de novo a demandar a importancia do papel dos concellos e a necesidade da colaboracións entre as diferentes administracións públicas. Na potenciación das bibliotecas públicas deben implicarse todas as administracións, non só a Xunta de Galicia e os concellos, senón tamén as deputacións provinciais que poden axudar aos concellos máis pequenos e con menos recursos a contar con servizos bibliotecarios adecuados e suficientes.

Resumo informe anual:

Comparativa 2019-2020:

Datos comparativos da media 2019 e 2020 da media estatal e galega

Datos comparativos da media 2019 e 2020 da media galega e por provincias

Na Coruña a 18 de xullo de 2022

Xunta Directiva de Bamad Galicia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.