Un ano máis celebramos o Día Internacional dos Arquivos, buscando poñer de relevo a función social que desempeñan, tanto na preservación da memoria e do patrimonio como na salvagarda dos dereitos e a rendición de contas.
Este ano, o Consello Internacional de Arquivos propón que a celebración se leve a cabo baixo o lema #ArquivosParaAXustiza: Dereitos, Memoria e Futuros, e a el sumámonos co convencemento pleno de que os centros que custodian documentos non son meros almacéns para eruditos e curiosos, senón fontes primarias capaces de contribuír eficazmente a garantir os dereitos cidadáns, reforzar as sociedades democráticas, documentar os procesos de dereitos humanos, apoiar a xustiza e a rendición de contas non só no presente e no pasado, senón tamén anticipándose ás responsabilidades e aspiracións de xustiza e memoria que virán no futuro.
As e os arquivistas, conscientes do lugar que ocupan, deben promover a custodia activa dos documentos, a súa preservación, a súa organización e descrición e a súa difusión a través de todas as canles ao seu alcance, de xeito que poidan servir ás comunidades nas súas buscas de verdade, rendición de contas e xustiza, garantindo un acceso libre e equitativo aos fondos que custodian.

Categorías:Arquivos