Conversas de Bibliotecarix a Bibliotecarix: María Elena Becerra e María José Villar, Bibliotecas Municipais de Redondela


Despois do maio vén o san Xoán”, e entretanto nós seguimos conversando! Desta vez fomos ata Redondela intercambiar verbas con Elena e María, dúas estupendas profesionais, cheas de ideas bibliotecarias!

Bo día! Moitas grazas por participar! Que vos parece se comezamos polas presentacións? Dende cando levades traballando no mundo das Bibliotecas? Que vos levou a querer crecer como profesionais neste campo?
María Elena (ME): Bo día! Levo traballando desde o ano 1986 e sempre na Biblioteca de Redondela. Tras unha dúbida inicial cara ao mundo dos museos xa o tiven claro, o mundo do libro interesoume sempre apaixonadamente, e así segue ata o día de hoxe! Ademais foi unha época na que parecía que se empezaba a poñer en valor as Bibliotecas e comezábase a convocar prazas para dotar de persoal as mesmas.
María José (MJ): Igual que no caso de Elena, eu tamén comecei no mundo dos museos, a través dunha bolsa de formación. Xa por entón o mundo das bibliotecas parecía ter máis apoio e unha organización máis estruturada por parte das administracións (organización en rede, pautas de funcionamento, cursos específicos). Aproveitei daquela para facer cursos de formación en bibliotecas, e aprender rudimentos dos coñecementos bibliotecarios. En 2004, a través dun plan de formación da Xunta de Galicia, o Concello de Redondela convocou unha praza temporal de bibliotecaria, para poñer en marcha a Axencia de Lectura Municipal de Chapela, e abrila ao público. Foi o meu primeiro contacto laboral coas bibliotecas. Pasado ese ano de formación, o Concello convocou novamente un posto temporal, e pouco despois, sacou a praza en oposición… á que me presentei, e obtiven. E, afortunadamente, aquí sigo traballando.

As nosas protagonistas. Fotografía cedida polas entrevistadas.

Agora que coñecemos mellor a vosa historia profesional, que nos podedes contar sobre a Biblioteca Municipal.
ME: No que respecta á Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela, inaugurouse un 21 de setembro de 1968 nos baixos da Casa Consistorial e o 22 de setembro dese mesmo ano abriu as súas portas ao público. Como curiosidade, a finais de 1968 eran 325 as persoas socias da biblioteca. Os anos 90 transcorreron na Casa da Cultura de Redondela e no 2000  trasladámonos á actual localización no Multiúsos da Xunqueira, unha localización privilexiada, moi céntrica e no medio dunha zona de paseo e xogos moi concorrida. No 2018 celebramos o 50 aniversario, toda unha cifra para conmemorar!
MJ: No que respecta á Biblioteca P.M. Xela Arias da parroquia de Chapela, inaugurouse un 14 de abril, no ano 2005. Trátase dunha Axencia de Lectura municipal, e a súa existencia débese á longa demanda da Asociación Veciñal, que loitaron por ter unha Biblioteca na parroquia. A veciñanza organizou a solicitude de libros a editoriais e a diversos organismos que conformaron o seu lote fundacional. A Biblioteca recibiu o nome de Xela Arias en 2018, dentro dos actos de celebración do 50 aniversario das bibliotecas municipais. O nome da mesma levouse a votación pública, e foron numerosas as propostas, pero de todas elas saíu escollida a do Instituto de Ensino Secundario situado nesta parroquia, que destacou a Xela, que exercera coma profesora no mesmo Centro. O ano pasado dedicóuselle o Día das Letras Galegas, e a súa figura adquiriu moita máis relevancia, todo un orgullo para a nosa Biblioteca.  

Xa o imaxino! Coma profesionais cun longo percorrido, que cousas destacarían desta profesión? Hai algún aspecto negativo? ME: É unha profesión marabillosa das que propician multitude de recordos. O negativo para min é a multitarefa á hora de traballar, a escaseza de persoal en case todas as bibliotecas, a imposibilidade de conciliación familiar na maior parte dos horarios que se realizan e o gran descoñecemento que existe aínda, a día de hoxe, de en que consiste a nosa profesión.
MJ: Coincido con Elena. É unha profesión fantástica, e un traballo moi satisfactorio a nivel persoal, porque é moi creativo e moi dinámico. O bonito é que o perfil profesional é amplo e persoas con diferentes habilidades e mesmo intereses poden chegar a ser grandes profesionais nesta rama. E isto é porque a Biblioteca require de moitas competencias e moi variadas aptitudes. Variedade de perfís poden ser, como digo, grandes profesionais: unha persoa organizada e sistemática fará unha fantástica organización do traballo; unha persoa dinámica e sociable é ideal para a parte de dinamización e actividades, implicar á comunidade, crear redes, etc.; e, por suposto, alguén que sexa un gran lector, quen mellor para a recomendación de lecturas ou para a selección previa a adquisición das novidades? Unha persoa con cualidades creativas é a idónea para crear recunchos atractivos para os usuarios; a día de hoxe é innegable que as persoas cun perfil orientado cara ás novas tecnoloxías poden ser tamén grandes profesionais das Bibliotecas, pois tarefas como deseñar ferramentas na rede coas que sacarlle maior rendemento ás Bibliotecas é chave a día de hoxe. E moitas cousas máis. O que quero dicir é que non haberá dous perfís profesionais iguais e que o máis importante son as ganas e a paixón, o amor pola biblioteca onde se traballa.Con respecto á parte negativa hai moitas cousas tamén: a falla de recursos, o peso, ás veces, de sacar adiante o traballo en solitario, a dificultade para a conciliación familiar, como indica Elena, ao ter as bibliotecas horarios pouco compatibles, e tamén que a carga de traballo se fai alta ás veces.

Interesantes reflexións da profesión! Cóntennos, que proxectos bibliotecarios e culturais se están a levar a cabo en Redondela?
ME: Este ano imos retomar un proxecto que naceu no ano 2018 e que debido á pandemia quedou suspendido durante estes últimos tempos: Literaturas Irmás/Irmãs que pretende visibilizar a cooperación existente entre as rexións de Portugal e Galicia a través da promoción de libros en galego en bibliotecas portuguesas e libros en portugués en bibliotecas galegas, para que as persoas usuarias das mesmas en ambo os dous lados do Miño poidan gozar da riqueza das dúas literaturas. No noso caso, esta cooperación realízase con Monção, un municipio do norte portugués que, desde o ano 2002 está irmandado co noso Concello, en virtude, entre outros aspectos, do seu patrimonio inmaterial, representado polas famosas festas da Coca, de gran éxito en ambas municipalidades. Así, tomando esta irmandade como punto de partida, intercambiamos lotes de libros referidos a un autor/a portugués/a e a un autor/a galego/a que durante un tempo determinado ocupan un centro de interese nas nosas respectivas bibliotecas para dalos a coñecer ás persoas lectoras de ambos os dous municipios.
Outra actividade de extensión bibliotecaria-cultural na que traballamos de xeito colaborativo é Os libros que máis lle prestan... en coordinación co Servizo de Normalización Lingüística de Redondela. O SNL estase a poñer en contacto con distintas personalidades galegas para indagar sobre as súas preferencias literarias e os libros que máis lles marcaron ao longo da súa vida. As bibliotecas poñemos o noso pequeno gran de area nesta preciosa iniciativa, mensualmente expoñemos un centro de interese coas obras que máis lle prestan á persoa protagonista do mes. Así mesmo, estamos a poñer as bases dun proxecto relacionado cun tema tan sensible nestes momentos como é o da saúde emocional. Vertebraríase ao redor dunha serie de obradoiros para explorar a creatividade e o autocoñecemento. Un deles, de escritura expresiva, xa o tiñamos iniciado antes da pandemia con moito éxito, e imos retomalo. Todo isto acompañado dunha selección de obras para a nosa colección que podan axudar a sobrelevar estes momentos tan conflitivos animicamente.
MJ: Como podedes ver, trátase de retomar actividades que foron quedando desligadas do traballo das bibliotecas debido á pandemia. Unha das que máis nos está ocupando, como di Elena, é atender a necesidade de benestar emocional da poboación. Independentemente da idade ou do grupo social ao que consultemos, a percepción de malestar psíquico e emocional das persoas está moi estendida nestes tempos, froito da pandemia pero tamén das recentes crises. As bibliotecas municipais non podemos ser alleas a esa realidade, sendo como somos unha institución que traballa a prol da lectura, unha das ferramentas máis poderosas para o benestar. Mais nesta ocasión cremos que, ademais da prescrición de libros e determinadas lecturas, que xa vimos facendo dende sempre, o noso papel debe ir máis aló, incidindo en actividades que poñan no centro o autocoidado. Para isto poñémonos en contacto con outros departamentos do concello e con organizacións que traballan na protección ás persoas vulnerables. A realización destas actividades pretende subliñar de cara á veciñanza a posición da biblioteca como un lugar especial onde atopar recursos para o benestar.

Os meus máis sinceros parabéns por todo este traballo! Querería preguntarvos acerca do programa internacional con Portugal, poderiades detallar como é a liña de traballo entre os 2 entes e cal é (e foi) a resposta por parte da veciñanza.
ME: Este proxecto principiou con Tania Lago, veciña de Redondela, a través dun Curso de Axentes de Cooperación Transfronteiriza. Un bo día contactou coas nosas bibliotecas para propoñernos desenvolver algún tipo de colaboración cos nosos veciños e aceptamos rapidamente! Pareceunos unha iniciativa preciosa.
Tras unha xuntanza que tivo lugar na Biblioteca de Monção , o 24 de outubro (Día da Biblioteca) de 2018 púxose en marcha Literaturas Irmás/Irmãs, contando, en todo momento, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela. Imaxino que a túa pregunta busca saber como son os traballos de loxística. O procedemento é moi sinxelo: os documentos envíanse a través dun servizo de transporte e están en cada biblioteca uns 3 meses, onde se amosan destacados nun centro de interese. Nel acompañamos os libros cun cartel que define a actividade ademais dunha fotografía do autor ou autora en cuestión e datos sucintos da súa biografía. Os portugueses: José Saramago, Sophia de Mello, José Viale Moutinho, e os galegos Manolo Rivas, Agustín Fernández Paz e Marina Mayoral, foron algúns dos escritores deste intercambio bibliográfico transfronteirizo. A acollida foi estupenda e propiciou a realización de actividades ulteriores, como o encontro do autor Manuel Rivas coa veciñanza lectora de Monçao e de Redondela, que tivo lugar no 2019, no noso municipio, e que foi organizado polo Servizo de Normalización Lingüística redondelán coa colaboración das nosas bibliotecas.
A verdade é que agardamos con moita ilusión a continuación de Literaturas Irmás/Irmãs.
MJ: Estas partes que está a contar Elena son algunhas das máis significativas, ou aquelas que deixaron máis pegada, pero non todo resultou con tanto éxito. No que respecta á acollida dos libros intercambiados entre as dúas bibliotecas foi un pouco desigual. Na biblioteca de Monçao os libros tiveron unha boa aceptación á hora do préstamo; en Redondela en cambio, as persoas usuarias foron remisas a levar libros en portugués. Porén, as obras traducidas ao galego deses mesmos escritores, algunhas das cales xa tiñamos nas bibliotecas, recibiron máis préstamo por teren sido destacadas nos nosos centros de interese. Literaturas irmás/irmãs contaba co seu propio blogue, que agardamos poda continuar a súa singradura en breve. Nel facíase referencia aos autores e autoras que protagonizaban os centros de interese que se colocaban nas bibliotecas, e tamén se convidaba a persoas relacionadas co mundo da cultura para recomendar obras literarias en lingua galega e portuguesa respectivamente. Tamén tiña presenza en Instagram. En ambos os dous casos estaban xestionados pola iniciadora do proxecto, Tania Lago.

Se non estou mal informada, teñen un programa na Radio Municipal, poderían falarnos un pouco sobre este proxecto?
ME: Escoitar falar da Radio Municipal arríncanos un sorriso pois son tantos, tantos anos colaborando, que sempre é o primeiro interlocutor no que pensamos ante calquera celebración ou acontecemento cultural.
As compañeiras da emisora están sempre dispostas a ser as mellores embaixadoras e altofalantes do que facemos nas bibliotecas. Realizamos moitas actividades en conxunto, algunhas máis complexas que outras. Entre elas cito aquí unha da que temos especial recordo: a lectura radiofónica de Vinte mil leguas baixo dos mares de Jules Verne, na que participaron máis de trescentas persoas. Todo un reto para nós!!
Os inicios desta cooperación está nun programa de cine, do que temos un grato recordo, que se emitía a través das ondas de Radio Redondela alá polo 1991, no que participaba unha persoa da biblioteca. E dese punto de partida acabou por xurdir, entre cambios e transformacións, o programa radiofónico de recomendacións literarias que na actualidade leva o nome de #LiteraturanasOndas, que se emite semanalmente todos os xoves dentro do programa matinal “A Estación“. Este programa tivo un momento moi especial durante o confinamento no que, baixo o lema #quedanacasaeleradio, pasou a emitirse diariamente intentando promover a lectura como ferramenta terapéutica nese encerro.
MJ: No meu caso fago fincapé no último proxecto no que colaboramos coa radio municipal, e que desenvolvemos con motivo da homenaxe do Día das Letras Galegas a Xela Arias, autora que da nome á nosa biblioteca de Chapela. #XelaaDiario, nome que tomou o programa, foi emitido a través das ondas de Radio Redondela e, tamén na programación das fins de semana da rede de Emisoras Municipais (EMUGA), durante os meses de abril e maio. Este programa que comezara cunha idea modesta dende as bibliotecas: a lectura de poemas da autora en diferentes emisións da radio municipal, transformouse completamente e acadou dimensións inesperadas coa coordinación da dinamizadora cultural Ana Facchini. A súa inquedanza e bo facer transformaron esta idea inicial nun programa de dous meses moi potente e completo, no que se fixo un percorrido moi documentado polas claves poéticas, persoais e creativas da autora, e no que non faltaron entrevistas á familia da autora e á persoas coñecedoras de Xela, e mais a participación de diversos persoeiros na lectura dos seus poemas. Ademais, contou coa participación do público xeral e dos centros de ensino. Foi unha experiencia de radio moi custosa e esixente a nivel técnico, pero da que, como non pode ser doutra maneira, estamos realmente orgullosas e moi agradecidas.
Dada a relevancia do programa para o estudo e coñecemento da figura de Xela, este ano disporémolo en plataformas de podcasts.

Os meus parabéns!! Falar de éxitos, lévame a preguntarvos se houbo algún proxecto que tivera que quedarse no caixón ou que non tivera funcionado como o esperado.
MJ: No meu caso quedaráme sempre a mágoa dunha actividade que estabamos a piques de iniciar, e na que puxeramos moita ilusión e empeño: un club de lectura e maxia, para facer coa rapazada de 8 a 10 anos. Formaramos un grupo estupendo, e estaban todos e todas moi ilusionados… mais, no mesmo día en que ía ter inicio tivemos que desconvocala por terse decretado a alerta sanitaria en Galicia. Despois disto, o confinamento, as restricións de aforo, e mais sucesivas casuísticas fixeron que a actividade non puidese ser retomada.
ME: A min o que se me ven á cabeza cando fas esta pregunta, e dáme a risa cada vez que o penso, é o mal que nos funciona sempre que facemos algún chamamento de participación a través das redes sociais: especialmente cando facemos convocatorias a que nos envíen fotografías. Cústanos que haxa resposta, e danos mágoa e envexa (da boa, eh?), porque vemos a outras bibliotecas que fan este tipo de popostas e que reciben aluvións de respostas. E por que a nós non? Nunca o saberemos…

Leolo, mascota das Bibliotecas Municipais do concello de Redondela. Imaxe cedida polas entrevistadas.

Os non éxitos tamén dan ideas para darlle a volta as cousas e acadar os obxectivos marcados por outras sendas. De seguro que vós xa estades buscando novas rutas para chegar a esas metas por alcanzar.
MJ: Si! A toalla non se tira! O do club de lectura infantil aínda o temos en fase de estudo. O certo é que o contexto no que formulamos a actividade mudou bastante con respecto á situación actual (idade da rapazada que se inscribira, existencia de clubs de lectura agora nos centros de ensino, dispoñibilidade de recursos na biblioteca). Temos gaña de idear unha actividade para rapazada a partir de 8 anos, que implique reunións periódicas e incida nos libros da biblioteca, pero estamos valorando como encaixala.
ME: Totalmente de acordo, sempre hai que abrir o mapa e buscar outras rutas, pero o que respecta á cuestión fotográfica…. creo que temos que dar a batalla por perdida, salvo que recorramos á patroa dos fotógrafos, como último recurso!

Nunca se sabe! De seguro que quen nos le, ten gana de coñecer o voso fondo local. Presentádenolo?
ME: Temos moito que traballar sobre el. Encantaríanos presentar este fondo, de tanto interese para as persoas usuarias da biblioteca, dun xeito o máis atractivo e accesíbel e atopar un xeito cómodo e confortábel de achegar todos os documentos que están excluídos do préstamo. É preciso explorar novas formas para que este fondo acade máis protagonismo.
MJ: Coincido no que di Elena, e aproveito para engadir que tamén paga a pena darlle máis difusión a este fondo dende a outra perspectiva. Refírome a que non só precisamos visibilizar esta parte tan singularizada da colección para os lectores, senón tamén para as persoas creadoras: autores locais, editores, institucións. Que esta sección das bibliotecas sexa ben coñecida axudará a que nos cheguen as obras que se publican e que a colección creza e se enriqueza

Acceso á Biblioteca de Chapela XELA ARIAS. Fotografía cedida polas entrevistadas.

Estades a traballar algunha idea para darlle máis visibilidade ao fondo local? Por outra banda, baixo o meu punto de vista, diría que o fondo local é un dos grandes descoñecidos pola sociedade, coma profesionais que sodes que estratexias pensades que se poderían seguir para sensibilizar á veciñanza sobre este fondo?
ME: Unha boa liña de traballo para recalcar a importancia do fondo local na sociedade é a cooperación co Arquivo Municipal, ente vital para a salvagarda e conservación do patrimonio documental. Neste sentido, en varias ocasións a arquiveira municipal e o persoal da biblioteca falamos sobre a posibilidade de desenvolver algunhas actividades conxuntas, é algo que temos pendente. MJ: Si, o fondo local precisa de máis publicidade. No que respecta á colaboración co arquivo , no ano 2018 comezamos con esa liña de traballo conxunto ao presentar “Punto de investigación: Redondela na historia”, unha campaña que animaba á veciñanza a achegarse aos nosos respectivos servizos para investigar na historia, tanto na historia de Redondela como concello, como na historia persoal ou familiar de cada quen. O punto forte deste servizo foi a subscrición das bibliotecas e mais do arquivo á Hemeroteca Dixital Faro de Vigo, que calquera persoa pode consultar, hoxe tamén, nos equipos informáticos dispostos nas nosas instalacións.

Pois cando o tempo e as circunstancias o permitan, deséxovos moita sorte na empresa! E case se me esquece preguntarvos sobre proxectos xunto cos Centros de Ensino.
ME: Houbo sempre unha colaboración moi estreita, ao longo destes anos, cos centros de ensino, pero todo o asunto da pandemia afectou tamén a isto. Agora estamos a retomar as visitas presenciais que, pouco a pouco, volven formar parte da vida da biblioteca. Pola miña parte, hai un proxecto do que teño unha gran nostalxia que é “Lectura na rúa”, unha iniciativa dun CEIP de Redondela na que colaborabamos as bibliotecas municipais. Realizáronse dúas edicións do mesmo e, na última, participaron 500 nenos e nenas de diversos centros educativos do municipio, cunha proposta que, nun paseo a carón da biblioteca de Redondela, trataba de render homenaxe ao libro, á lectura e ás nosas letras.
MJ: No noso caso tiñamos tamén colaboración co alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil do IES de Chapela, que queda ao carón da nosa biblioteca. O grupo modular (nocturno), realizou durante varios anos as prácticas finais do curso dalgunhas das materias na nosa biblioteca. A verdade é que funcionaban moi ben, e pais e nais achegábanse coa cativada, e a biblioteca enchíase de nervos, de cor e de vida. Agardamos poder contar con esta colaboración en futuros anos.

Elena e María xunto ao seu compañeiro Cote nunha actividade bibliotecaria. Fotografía cedida polas entrevistadas.

Quedaría conversando moitos anacos máis, mais toca comezar coa traca final de preguntas. Comezo pola primeira, que futuro soñades para ás Bibliotecas?
ME: Un no que continúen a estar aí, servindo á cidadanía e dispondo, sexan grandes ou pequenas, dunha morea de medios, cunha chea de persoal ilusionado e recoñecido profesionalmente e con moitíííísimas persoas usuarias.
MJ: Un no que formen, aínda máis, parte da vida cotiá das persoas. Onde teñan un papel destacado na mellora das oportunidades de tod a cidadanía e máis no seu benestar. Por soñar, quero que nun futuro cercano sexan unha canle fundamental para o desenvolvemento das comunidades, e un lugar de identidade e encontro para a veciñanza. Tamén que o persoal que as atende estea nas mellores condicións profesionais.

Bos desexos! A segunda e penúltima pregunta, que recomendades para ler?
ME: Sen dubidalo, Drácula de Bram Stoker, a miña obra favorita. Cando a lin por vez primeira foi un auténtico descubrimento fronte á historia que adoitaba presentarnos o cinema. De feito sigo agardando por unha adaptación cinematográfica que lle
chegue, polo menos, á planta dos pés.
MJ: Falando de clásicos da literatura, coincido con Elena en que a novela Drácula me deixou fascinada. Pero para non repetir, eu vou tirar por un clásico máis cercano, tanto no tempo como no espazo; así que vou recomendarvos ler, ou tamén reler A esmorga de Eduardo Blanco Amor.
Este é un libro que non nos chega igual cando o lemos na adolescencia, dentro das lecturas obrigadas do temario académico, que cando volvemos a el na idade adulta. No meu caso direivos que se ben naquela primeira lectura resultoume espantoso, triste e deprimente, na máis recente quedei marabillada con el. Gocei incriblemente do acerto da súa composición, ousada e novidosa, pero tamén por atopar nel moitos matices que non fora quen de apreciar no meu primeiro achegamento, especialmente no ton irónico que trasloce, ao contrapoñer as afirmacións do protagonista con todas as súas accións.

E xa a última, que Bibliotecas vos gustaría coñecer mellor?
ME
: Hai unha biblioteca nun pobo chinés, Huairoi, nos arredores de Beijing, que se chama biblioteca Liyuan, e sempre que vexo fotografías dela, dáme moitísima paz e acougo. É un claro exemplo de integración na paisaxe, a través da utilización de paus de
madeira que é o que usan os seus habitantes como leña nas súas cociñas e estufas. Os espazos interiores están distribuidos en distintos niveis e, a través das ventás acristaladas, vese o bosque. Unha gozada!
MJ: Encántame visitar bibliotecas, e fágoo sempre que podo. Unha na que estiven e que me deixou namorada foi a Biblioteca da Universidade de Varsovia: un espazo singular e moi atractivo ao transformar o seu tellado nun fermoso e orixinal xardín. Este convida a percorrelo e a relaxarse nel coa lectura.
E sobre unha que me gustaría visitar, ocórreseme a nova biblioteca pública de Oslo, a Deichman Bjørvika. Abriu as súas portas o ano pasado, así que quedei coa mágoa de non poder coñecela máis que como un proxecto en obras hai uns anos atrás. Ademáis a IFLA concedéulle o título de Biblioteca Pública do Ano, así que penso que paga a pena apuntala dentro das rutas biblioturísticas de interese que podamos argallar, aínda que sexa para as nosas viaxes soñadas.

Un pracer tervos coñecido! Moitas moitas grazas por participar nas Conversas!

1 replies

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.