Memoria Actividades Bamad Galicia 2025


Presentamos a Memoria anual de actividades 2025 da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, BAMAD Galicia, correspondente ao ano 2025. Como en anos anteriores, os eixos de traballo foron: a defensa das nosas profesións, a realización de actividades formativas e o contacto coas persoas asociadas. Neste ano temos que sinalar, dentro da Defensa da profesión, a continuación do traballo de convocatorias da Acreditación profesional en Bibliotecas na que BAMAD pasou a ter un papel de acompañamento durante o proceso e a iniciar por primeira vez a posta en marcha do PEAC, Proceso de Acreditación na Prestación de Servizos Bibliotecarios, lanzado desde o Grupo de Traballo de Formación de Fesabid no que Bamad é a entidade encargada de xestionar a Acreditación de Profesionais doutras asociacións do estado para poder levar adiante o proceso de acreditación en Galicia que se levará adiante en 2026.

Medios de comunicación:

En 2025 continuamos aumentando o número de seguidores nas redes sociais e descendendo no número de lectores, visitas e seguidores da web. Temos que sinalar a pouca repercusión nos medios de comunicación que non se fixeron eco das nosas iniciativas.

A nosa imaxe e comunicación cara ao exterior mantivémola a través da web, Facebook, X e do canal de vídeos de Youtube, que incrementou o número de seguidores debido á publicación dos vídeos das Xornadas de 2024.

Palestina: con respecto ao xenocidio en Palestina apoiamos os comunicados lanzados desde Fesabid e o posicionamento das entidades representadas na ICA para opoñerse ante o xenocidio e pedir a retirada de entidades representantes do estado de Israel nesta institución. Apoiamos o manifesto de profesionais pedindo que o Ministerio de Cultura e o CSIC renunciasen ao uso da plataforma de servizos bibliotecarios Alma Ex-Libris. Sobre este tema tamén nos diriximos ás universidades galegas, utilizadoras do mesmo software, solicitándolles que renuncien á colaboración con empresas de Israel nos próximos concursos para selección da Plataforma de servizos bibliotecarios.

Defensa da Profesión:

Ante a defensa das nosas profesións continuamos co seguimento de actuacións de varias administracións, principalmente a local, e dirixímonos a varios concellos reclamando actuacións ante as convocatorias de prazas de persoal de arquivos e bibliotecas. Este ano foi especialmente importante a reclamación ante o Ministerio de Cultura pola xestión do Premio Maria Moliner, que deixou a moitas bibliotecas sen poder participar. Tamén a dirixida á Universidade da Coruña ante a pretensión de pechar bibliotecas en horario de tarde.

Neste mesmo tema, participamos dos Grupos de traballo de Defensa da Profesión, de Formación e de Arquivos de Fesabid.

Colaboración Institucional:

Participamos activamente do Consello de Cooperación Bibliotecaria e colaboramos co Servizo do Sistema de Bibliotecas e do Servizo do Libro con propostas realizadas nos consellos de Melloras na rede de bibliotecas e no Plan de Promoción da Lectura.

Continúa, ademais, a boa relación durante este ano cos partidos políticos na oposición. Co BNG de Vigo tivemos un encontro sobre o plan de creación da “biblioteca” de Teis.

Ofertas de emprego e bolsas de emprego e formación:

O envío de ofertas ás persoas asociadas aumentou de xeito significativo. En 2025, o número de ofertas enviadas foi de 303, para máis de 1.300 prazas. A maior parte delas correspóndense con bolsas e ofertas tanto públicas coma privadas de fóra de Galicia e, por sectores profesionais, ao de bibliotecas.

Formación:

En 2025 realizamos tres actividades formativas. Destacan as realizadas en colaboración con outras entidades coas que repetimos colaboración, a organizada en conxunto con Byd Canarias e Aldee, e tamén a realizada por encargo da Fegamp. Ademais, o Servizo de Bibliotecas organizou a I Xornada Internacional de bibliotecas públicas Galicia – Norte de Portugal co lema Máis alá da prescrición: lectura e bibliotecas que difundimos activamente nas nosas redes sociais e o VIII Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, no que voltamos participar na comisión de valoración.

Persoas socias:

Ao igual que en anos anteriores, as persoas asociadas a BAMAD poden desgravar ante Facenda na declaración do IRPF de 2025 a cota da asociación. O mantemento da declaración da utilidade pública da asociación implica un maior traballo administrativo para poder facer fronte á documentación que se require anualmente ante o rexistro de asociacións e Facenda.

Relacionámonos coas persoas asociadas a través do correo electrónico e as redes sociais. Intentamos que a transparencia sexa un dos nosos eixos principais de traballo e informar puntualmente de todas as actuacións da Asociación realizadas desde a Directiva. Continuamos ademais a tendencia que xa se iniciou o pasado ano de priorizar a divulgación a través das redes sociais, deixando nun segundo plano a lista de información xeral, e mantemos a exclusividade da información de ofertas de emprego só para as persoas socias.

En 2025 o número de persoas asociadas sufriu un lixeiro descenso polo incremento do número de baixas, que superaron ás altas, de tal xeito que o número de persoas asociadas activas é de 188. Cada vez é máis difícil facer que novos profesionais de sumen a BAMAD Galicia, situación que nos leva a facer máis fincapé na divulgación dos nosos servizos e actividades. Neste sentido consideramos fundamental conseguir chegar cada vez a máis xente e transmitirlles a importancia da súa pertenza á asociación para poder exercer maior forza como colectivo.

Neste aspecto temos que destacar a implicación de novas persoas asociadas que, sen estar na directiva, colaboran coa asociación aportando o seu tempo e traballo, polo que estamos enormemente agradecidos.

A Xunta Directiva, Marzo 2026

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.