Xornadas: Días de labor. A memoria do traballo e a súa pegada na sociedade e o territorio


Os días 25 e 26 de setembro de 2026 terán lugar as Xornadas Días de labor: a memoria do traballo e a súa pegada na sociedade e no territorio na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación de Ferrol. As Xornadas están organizadas conxuntamente por BAMAD Galicia e a Fundación Olga Gallego, coa colaboración da Facultade de Humanidades e Documentación de Ferrol da Universidade da Coruña.

Estas Xornadas pretenden aproximarnos á memoria do traballo e facelo tanto desde o punto de vista da investigación (histórica, antropolóxica, económica, sociolóxica…), como dos testemuños materiais que se conservan nos centros da memoria (arquivos, bibliotecas, museos e centros de documentación) e que alimentan precisamente a actividade científica, sen esquecer que esa memoria non pode construírse á marxe da sociedade que lle dá vida.

Ademais de expoñer e difundir algúns dos fitos e tendencias da investigación sobre o traballo en Galicia (en ámbitos tan diferentes como o medio rural, a industria, o sector pesqueiro e marisqueiro ou, por suposto, o movemento obreiro ou o mundo da inmigración), queremos abrir o debate sobre a formación, a conservación, a xestión e a difusión das pegadas documentais e materiais desa actividade, tanto nos centros ligados ás institucionais públicas ou privadas como naquelas entidades máis descoñecidas do terceiro sector, e como todo iso repercute e de que maneira na sociedade e no territorio.

Toda a información pode consultarse nas nosas redes sociais e na páxina web de Memoria Documental de Galicia, onde xa está dispoñible o programa, unha breve presentación das relatoras e relatores e o formulario de inscrición. Tedes ata o 1 de setembro para inscribirvos mantendo a cota de 25€. Dende esa data e ata o 25 de setembro a cota increméntase ata os 35€ . Para as persoas asociadas a BAMAD, o resto de asociacións de FESABID e o alumnado da Facultade de Humanidades e Documentación a inscrición é gratuíta, así como para as entidades coas que BAMAD ten subscrito convenio de colaboración.

Tamén atoparades as instrucións para a presentación de comunicacións, para as cales se estableceu o seguinte calendario:

  • Presentación de título e resumo: 15 de xullo. O comité pronunciaríase sobre a aceptación das comunicacións (presentación) a partir dos resumos enviados.
  • Presentación da comunicacións aceptadas: 15 de setembro. O comité pronunciaríase sobre a publicación das comunicacións aceptadas a partir dos textos enviados antes do 15 de setembro

Debedes enviar as comunicacións á seguinte dirección: secretaria@memoriadocumental.gal

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.