Conversas de bibliotecarix a bibliotecarix: Rosa Barreiro, Biblioteca Municipal Caldas de Reis


E así, sen decatarnos, chegou o maio!
Nós seguimos conversando, desta vez con Rosa Barreiro, profesional na biblioteca municipal de Caldas de Reis con moito que contar!


Antes de entrar en materia, quero agradecer que nos convidásedes a participar neste proxecto!
A vós por aceptar a proposta!

Comezamos, podería presentarse brevemente?
Sempre sentín unha especial atracción polas bibliotecas, onde teño pasado horas moi a gusto. Descubrín cursando COU que existía unha carreira específica e tíveno claro! Diplomeime en Biblioteconomía e Documentación na especialidade de bibliotecas pola Universidade de Salamanca.
As miñas primeiras experiencias laborais comezaron no ano 1996 cunhas prácticas na biblioteca municipal de Vilagarcía de Arousa. Traballei na empresa privada en procesos de reconversión de catálogos manuais, desfrutei dunha bolsa de formación da Xunta na Biblioteca Nodal de Pontevedra e traballei nas bibliotecas de Mondariz e Caldas de Reis onde levo de xeito ininterrumpido desde o 2001 acadando a praza no 2004.

Que cousas destacaría desta profesión? Hai algún aspecto negativo?
O que destacaría é o amplo abano de traballos tan diferentes que se realizan nunha biblioteca municipal. Desde o proceso técnico ata a programación de actividades, pasando pola xestión e unha longa listaxe de tarefas que fan do día a día algo que pode ser de todo menos monótono e por suposto que non deixa tempo para o aburrimento como algunha xente pensa. Unha das partes que máis me gusta do meu traballo é o contacto co público; penso que o apoio e asesoramento ás persoas usuarias en todo aquelo que necesiten é realmente o fundamental por iso o “traballo de mostrador” esixe preparación, lecturas, dotes comunicativas e unha sensiblidade especial.
Sei o que é traballar soa na biblioteca e considero que moitas veces ese illamento pode pesar moito e pasar factura. Pero, a día de hoxe, o realmente grave é a escasa valoración que a nosa profesión aínda arrastra. Temos exemplos sangrantes na administración local, onde hai xente en postos de auxiliar de bibliotecas desenvolvendo labores técnicas e de responsabilidade. Se a profesión non se dignifica, os servizos, tarde ou cedo, coxean.

Contanos un pouco sobre a historia da Biblioteca Municipal?
A Biblioteca Pública Municipal “P. M. Martínez Ferro” foi creada en 1953 polo historiador Hipólito de Sá Bravo que foi o seu primeiro bibliotecario. Nas primeiras décadas estivo na Casa do Concello e trasladouse nos anos 70 ao edificio actual que se atopa nunha zona peonil, á entrada dun parque-xardín ocupando a planta baixa. No ano 2003 foi obxecto de obras para a súa ampliación e mellora, ocupando o edificio ao completo e configurándose o centro tal e como hoxe o coñecemos. Durante os meses que durou a obra estivemos na sala de exposicións do Auditorio municipal que se acondicionou para albergar o servizo. Coa ampliación do espazo e a instalación de novo mobiliario o máis salientable foi poder contar cun depósito, a instalación de 5 equipos informáticos con conexión á internet para os usuarios e unha sala de audiovisuais que no seu momento foi moi utilizada pero que a día de hoxe ten outros usos.
Por outra banda, un punto de inflexión no devir da biblioteca municipal foi a contratación dunha segunda persoa, Cristina Vázquez Santos, que leva conmigo dende o 2003. A biblioteca pertence á Rede de bibliotecas de Galicia desde o ano 1997 adheríndose a todas aquelas melloras que desde o Servizo de bibliotecas foron propoñendo.
A Biblioteca Municipal é un ente vivo en continuo cambio e adaptación, un dos máis recentes, por exemplo, foi dar resposta a novos colectivos de usuarios como turistas e peregrinos.

Biblioteca Municipal Caldas de Reis P. Martínez Ferro. Fotografía cedida pola entrevistada

No cambio de edificio, puido formar parte no proceso de deseño do que sería o novo espazo bibliotecario?
Escoitáronme e tomaron en conta parte das miñas suxestións como, por exemplo, escolla e distribución do mobiliario, foron decisións miñas; mais, non se pode negar que se cometeron erros por non primar as necesidades e características do servizo, poñendo a estética por diante da funcionalidade. De todos os xeitos, a mellora foi tan grande que eses detalles sempre estiveron nun segundo plano.

Menciona que se adaptaron a certos cambios, entre eles, algún relacionado co público: turistas e peregrinos. Cal foi o plan de xestión e planificación para dar resposta a este grupo de persoas usuarias?
A vila é un destino de turismo termal, cunha grande afluencia de persoas da terceira idade, ademais de ser un tramo do camiño Xacobeo Portugúes. Ata non fai tanto tempo unicamente contaba cunha Oficina de Turismo dous meses no verán. Ante o incremento da demanda informativa de carácter turístico que dende a Biblioteca íamos detectando, fomos conscientes de que era necesario dar resposta a esta situación. Por iso, planificamos diferentes estratexias. Por unha banda, deseñamos e montamos un centro de interese formado por folletos, mapas e guías sobre a vila e o resto da provincia. Nesta liña, elaboramos documentación para visitantes baseada nas preguntas que habitualmente facían. Por outra banda, ofrecemos un servizo de atención que inclue: selo de credenciais, información sobre horarios de transporte público, aloxamentos. etc.
Mencionar tamén que, antes de sumarnos ao Sistema de Xestión Bibliotecaria KOha, faciamos uns carnés provisionais “carnés turista” para aquelas persoas que estiveran de vacacións en Caldas puideran facer uso do servizo de préstamo.

Vaia! un grandísimo traballo!
Anteriormente mencionou que a sala de audiovisuais ten un uso diferente ao orixial, podería explicarnos en que consiste?

Actualmente é o espazo onde se realizan actividades de pequeno formato como Conversas en Inglés e Conversas en francés. Estas actividades teñen lugar en horario de abertura ao público, mais ao desenvolverse nun espazo pechado non se perturba o resto das persoas que se atopan no centro. Esta cuestión é un aspecto importante: a Biblioteca é un ente socio-cultural que brinda diferentes servizos á sociedade, polo que é vital facer chegar á xente que a Biblioteca pública non é unicamente unha sala de estudo.

Dende logo! A diferenciación de espazos é importante, mais non se pode obviar que a Biblioteca é un espazo para ser vivido, no que moitos usos e persoas deben confluir e convivir.
Díganos, que actividades de extensión bibliotecaria e/ou cultural levan a cabo?
Unha das actividades das que máis orgullosas estamos, e ao mesmo tempo apenadas, xa que por mor da pandemia tivo que suspenderse, é o Club de lectura fácil. Está integrado por persoas con necesidades especiais do Centro Ocupacional O Saiar, e funcionaba marabillosamente! Estamos contando os días para retomar a actividade!
A pandemia, como pasou en todos os lugares, obrigounos a repensar e rediseñar as actividades. Unha das estratexias que seguimos nestes dous últimos anos foi celebrar os eventos ao aire libre durante os meses de verán e, por sorte, tanto as condicións meteorolóxicas como a veciñanza responderon moi ben!
Esta situación, como digo, trouxo cambios e obrigou a traballar a contrarreloxo, mais houbo cousas positivas tamén, entre elas destacaría o feito de que a Biblioteca aumentase a súa presenza nas redes sociais. A día de hoxe, ademais de seguir publicado e traballando no blog da Biblioteca (que leva anos activo) estamos presentes en Facebook e Instagram. A través destas plataformas, puxemos en marcha actividades como En.Redando coa poesía.

Soa moi interesante! En que consiste?
Grazas! A actividade estaba pensada para desenvolverse íntegramente nas redes, sendo imprescindible a participación da xente, pois consistía na lectura e no compartir de pezas poéticas. Esta actividade buscaba a participación activa da veciñanza, mais tamén puxemos en marcha outra actividade, que tiña outro obxectivo a busca de novas vías de comunicación coa xente, “Contos por teléfono para grandes e pequenos”.

Como nace a idea de propoñer actividades en liña
A iniciativa nace do persoal da biblioteca pero, por suposto as máis atractivas son aquelas nas que a xente participa e ten un papel activo. Por exemplo, con ocasión dunha mostra de banda deseñada pedimos á veciñanza que nos recomendaran títulos enviando foto e unha breve reseña.

Eu non podo máis que apaudir o marabilloso traballo que levaron a cabo!
Grazas! A maior das nosas recompensas é ver e saber que a xente agradece e goza das propostas que poñemos en marcha.
As bibliotecas non son illas, vemos o que se fai noutros sitios, asistimos a sesións de formación, falamos con outros bibliotecarios e de todo aprendemos. Dende logo, hai actividades que se poden facer e outras que non, por distintos motivos, actividades que saen adiante e outras que languidecen pronto. Aquí, e grazas a que somos dúas persoas, podemos levar adiante certas cousas e seguir cos traballos diarios e atendendo aos servizos básicos.
Actualmente, coa situación máis estable, volvemos a retomar as actividades presenciais dentro da biblioteca. Recentemete, celeramos o día da poesía, 21 de marzo, pendurando 25 poemas nos catro camelios que hai na fachada da biblioteca. Comezamos co club de lectura para adultos, actividade con máis de vinte anos e moi asentada no concello. Retomamos tamén Unha Primavera de conto, voltando así aos vellos costumes e presentando unha programación regular con sesións de contos e obradoiros dirixidos a un público infantil.
Outras das actividades que volven son o Bibliomercado , os premios ás persoas máis lectoras, préstamos sorpresa, concursos, charlas con artistas locais, ou as mostras e exposicións co fondo da biblioteca, como Outubro de cómic, unha das máis vistosas que fixemos últimamente. Do mesmo xeito, volvemos acoller actividades organizadas por asociacións do concello, moi importantes para a veciñanza. Pouco a pouco vamos voltando á normalidade, por fin!

Bibliomercado. Actividade na BPM P. Martínez Ferro. Caldas de Reis. Fotografía cedida pola entrevistada

Unha Biblioteca e programación ben activas!
Si! Por sorte, no noso caso, contamos cunha partida para actividades. É moi importante contar con esta ferramente para poder ofrecer así unha programación estable. Co Concello tamén traballamos máis aló do económico, a destacar, por exemplo a colaboración entre a Biblioteca e o Departamento de Servizos Sociais, co que temos traballado en eventos como o 8 de marzo, día da muller. Tamén é vital ter apoio das Asociacións Locais, pois moitas das propostas non poderían levarse a cabo sen a axuda destas entidades, un bo exemplo disto foi Bocados de poesía, proposta que puxemos en marcha xunto coa Asociación da Praza de Abastos.
Traballando estas relacións, conséguese que a Biblioteca Pública Municipal, consiga os seus obxectivos principais: ser útil á veciñanza, e así poñer as bases para unha programación que atenda aos intereses de públicos diversos, eliminando barreiras, máis participativa, unha biblioteca de todos e para todos. Non se trata de facer por facer , nin de facer máis, senon de captar as necesidades e intereses da xente e tratar de facer algo ao respecto.

Unha gozada escoitala!
Menciona colaboración cos Centros de Ensino. Podería entrar en detalle?
En Caldas de Reis hai cinco centros educativos, un deles un IES, e catro escolas unitarias. Nun primeiro momento, a relación baseábase no apoio dos traballos técnicos na biblioteca escolar dun dos centros. Dende aquela a relación mudo e hoxe en día realizamos de forma regular dúas actividades con todos os Centros: por unha banda, “Coñece a túa biblioteca”: visitas escolares dirixidas ao estudantado de Infantil, Primaria e 1ª da ESO e, por outra banda, a “Biblioteca viaxeira”: préstamos colectivos que facemos ás aulas que o soliciten.
Nos períodos vacacionais, en concreto verán e Nadal traballamos conxuntamente cun dos centros para elaborar unha guía de lectura “En vacacións, un libro” adaptada aos distintos niveis e que se reparte entre o alumnado. Eses materiais da biblioteca escolar e nosos quedan a disposición das persoas usuarias durante ese tempo na biblioteca municipal. Por outra banda, a principios de curso, intentamos comprar as lecturas obrigatorias e optativas, para este traballo é chave a comunicación fluída coas xefaturas de estudo dos Centros.

Un gran labor!
Dende logo e grazas á boa disposición do profesorado pódense facer actividades como o especial “Día do libro: a biblioteca nas ondas” onde nun programa de radio en directo dende a biblioteca municipal, escolares e profesores de todos os centros educativos fan as súas recomendacións de lectura. Outro bo exemplo é unha das últimas actividades que lles presentamos antes do peche pola pandemia: “Ler en familia”. A biblioteca, consciente da importancia da lectura no desenvolvemento da cativada e da colaboración entre familia- escola- biblioteca, piares fundamentais na creación de hábitos lectores na infancia, coordinou un grupo de pais, nais, avoas e avós, para facer lecturas nas aulas dos centros educativos das crianzas. A colaboración das ANPAS e dos equipos directivos foi crucial e a experiencia resultou moi enriquecedora para todas as persoas participantes.

Rosa e Cristina, profesionais da Biblioteca Municipal de Caldas de Reis durante unha das celebracións da actividade “Biblioteca nas ondas”. Fotografía cedida pola entrevistada

Penso que a materia pendente é crear un marco estable nas relación que temos cos centros educativos, contando con reunións de traballo anuais nas que se concretaran líneas de actuación, establecendo os equipos das bibliotecas escolares coma verdadeiros nexos de unión entre nós e o colectivo educativo. Deste xeito, poderíase formalizar, por dicilo dalgún xeito, a relación que actualmente é máis ben persoal, algo fundamental para que se garanta a súa continuidade no tempo.

Do moito que me ten contado, fixen algúns apuntamentos e pediríalle, con permiso da xente que nos está a ler, volver un pouco atrás. Menciona que contan cun club de lectura fácil: como nace e como se desenvolve?
Todas as actividades nacen de formas diversas. Unhas xurden a petición dos usuarios, por exemplo Conversas en inglés. Outras, como o Club de lectura fácil, nace da colaboración con institucións, como a que temos co Centro ocupacional de Saiar desde hai anos. Despois de asistir a unhas xornadas sobre lectura fácil, e atendendo ás inquedanzas deste grupo de usuarios, pareceunos o máis natural ofertarlles esta actividade. Se queremos que a biblioteca sexa un espazo aberto e inclusivo debemos abrila a persoas que non a frecuentan.
As reunións celébranse semanalmente en horario de mañá. A diferenza do club de lectura de adultos, o material non sae da biblioteca, dispoñemos dun lote de libros de lectura fácil, así cada persoa pode contar co seu exemplar. En cada sesión os asistentes van lendo en voz alta e por quendas os parágrafos dun capítulo. Vanse comentando, explicando as palabras difíciles e todo tipo de dúbidas que vaian xurdindo. Rematamos cunha actividade relacionada coa lectura, unha manualidade, por exemplo. O persoal da biblioteca coordina o club, contando coa asistencia dunha persoa que acompaña o grupo. O traballo previo é considerable e o contacto estreito co persoal do centro indispensable. O último libro que tivemos ocasiónde ler foi A volta ao mundo en 80 días, que deu pé a argallar moitas actividades paralelas á lectura.

Volvo mirar cara atrás e pregunto agora acerca dos contos por teléfono. Se mal non lembro, en moitas bibliotecas púxose en marcha no momento do confinamento, é ese o caso de Caldas de Reis? Sexa como for, podería detallar a liña de traballo desta actividade?
No noso caso, comezamos a traballar nesta proposta no ano 2021, a finais de xaneiro, cando se pecharon por segunda vez ao público as bibliotecas en Galicia. A idea era achegarmos á nosa veciñanza de xeito distinto, tanto a grandes como á xuventude, tiveran ou non destrezas dixitais. Coñecíamos a boa resposta que tivera noutros lugares e ademáis de manter o contacto coas persoas usuarias, queríamos poñer en valor o feito de contar e ler historias. Seleccionamos material do noso fondo, contos de tradición oral e narracións breves, adaptámolos , publicitamos a iniciativa e aqueles interesados en participar contactaron previamente para darnos os seus datos e concretar a hora da chamada. Recordo que unha das chamadas foi un agasallo da familia para unha muller ingresada nun centro sanitario.

Que bonito!!
Pícame a curiosidade, antes mencionaba o préstamo sorpresa. Sei da existencia deste servizo noutras Bibliotecas, mais non podo evitar preguntarlle cal é a dinamica que seguen en Caldas de Reis.
É unha actividade que, como dis, se leva facendo en moitas bibliotecas xa fai uns anos. Pode haber variacións pero a base é a mesma, sorprender e mostrar fondo da biblioteca que habitualmente non sae. Nós fixémola por primeira vez este ano para celebrar o día das persoas usuarias das Bibliotecas. Tal e como indica o seu nome, preparamos 26 lotes compostos cada un deles por catro documentos de diversa temátca e escollidos pola súa alta calidade. A xente fixo o préstamo sen coñecer o seu contido. A recepción foi excepcional e probablemente repitamos a experiencia xa que os comentarios foron moi positivos.

Si! Eu fixen uso deste préstamo varias veces! É unha xenial idea para mergullarse en páxinas diferentes ás lecturas propias de cada quen.
Menciona que contan cunorzamento para a biblioteca: este aparece xunto co nacemento do servizo da biblioteca municipal, ou tiveron que loitar para conseguir unha partida específica?
Claro que houbo que pedilo unha e outra vez! E ainda que sempre se pode mellorar, dende logo este é o primeiro paso para poder facer unha programación cun mínimo de regularidade. Do mesmo xeito contar cun orzamento posibilita unha mellor planficación das adquisicións a longo prazo. O inaceptable é que, chegado por exemplo, o día do libro, o persoal da Biblioteca teña que solicitar unha e outra vez ao goberno municipal orzamento para poder facer unha actividade pública. Desgrazadamente, é unha realidade que segue estando presente ao longo e largo da xeografía; unha mágoa que non se aprecie a importancia dos servizos que prestamos as Bibliotecas Municipais.


Paso agora a preguntarlle polo fondo local.
Teño que recoñecer que é unha materia pendente. Non é suficiente con recollelo e telo organizado, tamén é preciso dalo a coñecer. Penso que a día de hoxe, coas redes sociais, pódense facer pequenas cousas que nos axuden a dinamizalo, divulgando a historia local entre a veciñanza. É un proxecto que temos no caixón, por así dicilo, pero que esperamos poder darlle vida máis cedo que tarde.
Algo que si me gustaría salientar neste tema é que en Caldas de Reis, grazas á doazon dun veciño, contamos con prensa local de finais do século XIX e principios do XX de grande interese para o fondo.

Con certeza que dan sacado algo para darlle vida ao fondo local.
Toca ir rematando, e comezo cunha das preguntas finais:
que biblioteca futura soña?
O de soñar desperta non se me dá moi ben, pero penso que se a Administración, tanto a estatal como a autonómica e a municipal, non toma en serio as Bibliotecas como servizos básicos á cidadanía, sen un verdadeiro proxecto no que se defina cal é a nosa situación real e cara a onde queremos ir, contando con orzamento suficiente, o soñar non é posible.
No meu caso, o que mellor coñezo son as bibliotecas públicas municipais e vexo que existen dúas ou incluso tres “velocidades”. Hai un grupo delas que contan con recursos e funcionan estupendamente, pero o resto mantense grazas ao impulso e á entrega do persoal bibliotecario e isto é o que non pode ser. As realidades son moi dispares e con estes vimbios pouco podo soñar.
Gustaríame que a biblioteca de Caldas de Reis siga sendo útil, o que quererá dicir que se atenderán as necesidades reais da veciñanza, que se convirta nun verdadeiro espazo de encontro para a comunidade, onde a promoción da lectura e a difusión da cultura teñan un papel fundamental. Unha biblioteca con capacidade de adaptación onde as persoas usuarias sexan as verdadeiras protagonistas dos servizos, xa que ao fin e ao cabo son a razón de ser das Bibliotecas Públicas.

Moita verdade hai nesas palabras.
Que recomenacións lectoras fai?

Xa que estamos entre bibliotecarixs, recomendo unha obra que deixa moi bo sabor de boca e lese de unha vez, Una lectora nada común de Alán Bennett, no que un bibliobús se cruza na vida da raíña Isabel II de Inglaterra . Outra novela coa que pasei un moi bomomento ultimamente foi Los asquerosos de Santiago Lorenzo da editorial Blackie Books. Actualmente estou con La Piel de Sergio del Molino, que xa me enganchou e que espero me guste tanto como no seu día o fixo co seu ensaio La España vacia.
Para a rapazada non sabería por onde comezar e sobre todo como parar! Agora que pasamos o día da nai, lembrei un albun titulado Mi mamá de Anthony Browne, un autor xenial. E para a adolescencia recomendo Coraline de Neil Gaiman.

E, de remate, pídolle que fagamos as maletas para viaxar a que Biblioteca(s)?
Pois iría a todas! Cando estou de viaxe e teño tempo, se podo achégome ata a biblioteca pública da localidade que visito. En Portugal fágoo con frecuencia. Na miña época de estudante unha das bibliotecas de referencia era a Biblioteca do Congreso… polo tanto se vou ata Washington irei visitala! E xa sendo realista non me importaría voltar á Biblioteca Nacional. E sen saír de Galicia teño pendentes unhas cantas xa que é moi positivo coñecer que se fai noutros sitios e poder tirar ideas para adaptar á biblioteca na que traballo.

Un gusto coñecela e conversar con vostede, Rosa!

Rosa e Cristina, profesionais bibliotecarias da Biblioteca Pública Municipal de Caldas de Reis. Fotografía cedida pola entrevistada

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.