En abril, augas mil!
Fomos ata Cangas conversar con Pilar Refojos, profesional cunha grande devoción por esta profesión.
A súa andadura profesional en Cangas é parella á Biblioteca Municipal
Si, disto fai xa uns 33 anos! A Biblioteca nace no ano 1989, no que eu comezo a traballar como a responsable da moi desexada Biblioteca. A veciñanza viña demandando este servizo dende tempo atrás, e cando esta se inaugurou, a benvida non puido ter sido mellor. Teño un moi bo recordo deses primeiros anos, a Biblioteca foi recibida con moito agarimo e alegría por parte da veciñanza, e non hai nada mellor que iso para botar a andar.
Que a levou a querer adicarse a esta profesión?
Eu estudei Xeografía e Historia, con especialidade en Arquivística e Biblioteconomía, e tiven a sorte de que nun momento da vida que andaba na procura dun traballo nesta rama, se ofertase a praza de responsable de bibliotecas en Cangas, á que me presentei con éxito, e aquí estou dende aquela: encantada na miña profesión.
Vaille ser sinxelo entón responder á miña seguinte pregunta, que é o que destaca de ser bibliotecaria?
Tantas cousas! Eu, por exemplo, xa son unha namorada do edificio bibliotecario no que traballo, ideado por César Portela: a luz invade o espazo dando unha sensación de luminosidade e calidez, facendo deste lugar un sitio agradable no que pasar as horas (de traballo e de lecer). No canto ás tarefas, o proceso de xestión do fondo bibliotecario gústame moito; e, entre estes labores, o que destaco sen dúbida é o de selección de novas obras. O trato directo coas persoas usuarias é outro dos aspectos a destacar: contamos cun público variado e moi agradecido, polo que é un pracer traballar con e para a veciñanza de Cangas.
E se lle pido que nos diga que cousas do día a día nunha biblioteca non destacaría, cal sería?
En xeral teño unha visión positiva da miña profesión, mais si diría, e penso que colegas da profesión coincidirán comigo, que o noso labor pode chegar a resultar un tanto frustrante de cando en cando. Nas bibliotecas municipais (principalmente), en certas ocasións, dar un paso adiante vai seguido de dous pasos cara atrás; esta dinámica ás veces é complexa de xestionar e, en certos casos, difícil de prever. Esta parte máis negativa da profesión, por así dicilo, é un tema burocrático: pouca consciencia sobre a importancia e papel das bibliotecas como entes sociais e culturais dos municipios, falta de investimento de continuidade, en fin, unha serie de aspectos que, ás veces, fan difícil sacar adiante todo o que nos gustaría. De todos os xeitos, como comentaba antes, contar cunha veciñanza activa e agradecida, sempre inclina a balanza cara o positivo.

Interesante reflexión!
Como de importante diría que é a súa formación académica na rama das Humanidades para o desempeño desta profesión?
Moi importante, sen dúbida, os meus estudos foron vitais para adquirir a sensibilidade necesaria para este traballo. Semella que nos últimos tempos, hai un especial detrimento das humanidades en favor das tecnoloxías. Non poño en dúbida a importancia e necesidade de coñecer e saber empregar as novas tecnoloxías, mais penso que é importante que exista un equilibrio na importancia que se lle dá a ambas as dúas esferas.
Vostede viviu en primeira man o cambio no Sistema de Xestión Bibliotecaria, que nos pode contar?
Cando adoptamos o SIXB Meiga, o proceso foi lento, xa que houbo catro ou cinco versións diferentes. O programa era sinxelo, pero limitado, por iso, cando se cambiou a Koha o recibimos cos brazos abertos. Era un cambio longamente demandado e desexado. Adaptarnos a Koha foi unha novidade que implicou horas de formación extra, mais un cambio positivo e con melloras substanciais.
Xiro un pouco no fío da conversa, e pregúntolle sobre a rede de Bibliotecas de Cangas.
A primeira en nacer, evidentemente, é a Central, e, de xeito paulatino vanse inaugurando as diferentes sedes bibliotecarias nas parroquias de Darbo, Hío, Coiro, e Aldán. Cada unha das bibliotecas parroquiais funciona de xeito practicamente autónomo: dende a Central xestionase todos aqueles aspectos máis administrativos, como as subvencións, pero polo demais, todos os entes xestiónanse de xeito independente en función das necesidades e demandas en cada unha delas. O orzamento repártese de xeito equitativo, e cada sede conta tamén co seu programa de actividades propio. Evidentemente, no momento de facer a programación faise en equipo para ofrecer un calendario de actividades lóxico e axeitado ás características e necesidades do municipio.


Hai grandes diferenzas no número de persoas usuarias entre a Biblioteca Central e as parroquiais?
Se temos en conta á area de poboación que cubre cada un deste servizos bibliotecarios, non. As bibliotecas parroquiais abren en horario de tarde, e contan cun público fiel e activo. A xente fai uso do seu centro bibliotecario parroquial, sen necesidade de ter que acudir á Central, a non ser para cousas puntuais. Así é exactamente como debe ser o funcionamento dunha rede ao meu entender; pois que sentido tería contar con diferentes sedes, pero obrigar á veciñanza a acudir á Central para facer uso dos servizos bibliotecarios?
Coidamos moito este aspecto, por iso cada sede faise cargo da xestión da súa colección e programa actividades; por exemplo, o día do libro, celébranse actividades en todas elas. Si se descentralizan os servizos, hai que descentralizalos de verdade.


Xenial ruta de traballo!
Gustaríame preguntarlle pola páxina web
A páxina web nace grazas á plataforma que ofrecía o Ministerio de Cultura para aloxar webs de bibliotecas públicas. Fai uns anos cambiaron o sistema no que se aloxaban estes sitios web e puxémonos mans á obra para engadir de novo toda a información no novo espazo. Foi un traballo bastante longo e laborioso, pero penso que o resultado é moi bo. Contar cunha páxina web é unha moi boa feramente de difusión e un servizo que, penso, agradece a cidadanía, mais supón un traballo de mantemento que nos resulta difícil de xestionar todo o ben que quixeramos. Sería necesario contar con máis persoal fixo para poder levar a cabo todas as tarefas que engloba o traballo presencial e o traballo en liña. Iso lévame a destacar outro aspecto negativo na profesión: a temporalidade. Cada nova persoa que forma parte dun equipo trae consigo unha mochila, con puntos fortes e puntos débiles, coma todo o mundo. Con cada persoa que chega a formar parte do cadro de persoal, todo o equipo pasa por un proceso de aprendizaxe e adaptación, enriquecedor e necesario. Mais, coa temporalidade, unha vez te afás á dinámica, na que cada quen ten algo único que aportar, unha desas pezas, coa súa singularidade especial, marcha. E iso leva inevitablemente a que algúns traballos queden inconclusos, pois a alma dese proxecto, xa non está, e os que quedan non contan con momentos abondos para continuar ese traballo, ou non tiveron tempo para dar aprendido todo o necesario para realizar a tarefa. O que mencionaba antes, un paso cara adiante, dous pasos para atrás.
Ten toda a razón!
Seguindo co tema da páxina web, chamoume especialmente a atención que inclúan ligazóns a páxinas tan relevantes como Galiciana ou Europeana
Penso que é vital dar a coñecer estes servizos bibliotecarios tan importantes a nivel nacional e internacional, que ofrecen unha riqueza cultural incrible, pero que son descoñecidas polo gran público. Este foi o principal motivo polo que se decidiu que era importante facer este labor de difusión sociocultural.
Aplaudo esta iniciativa!!
Contan cunha sección, que entendo que está inconclusa, que é o podtcast.
Si. Considero o podcast unha ferramenta emerxente moi importante, e por iso me empeñei en contar cunha sección para facer difusión literaria a través da voz. É un proxecto, como dis, pausado, pois son eu a encargada de buscalos e seleccionalos e, maila que son oínte activa de podcasts literarios, non conto con tempo abondo para a xestión axeitada que esta tarefa demanda.
Existe tamén un blog. Que nos pode contar?
É outra ferramenta en liña na que tratamos de incluír información sobre as actividades que se celebran, e onde tamén facilitamos ligazóns para as bibliotecas doutros municipios, coma Vilaboa, doutros países, como a de Tokyo, ou a organismos públicos, coma o INJUVE. As axencias de lectura son as que aportan o principal contido que se inclúe no blog. Non sempre o temos todo o actualizado que nos gustaría, mais tentamos coidar este aspecto sempre que contamos con ocos para adicarlle á web.
Mencionar tamén que, maila xa non existe actualmente, fai uns anos contábamos cun blog de banda deseñada, iniciativa dunha das persoas que formou parte do noso equipo. Foi un proxecto efémero, mais contou cunha boa saúde e desenvolvemento no seu tempo de vida.
Sen dúbida, é vostede unha profesional cunha grande sensibilidade e consciencia sobre a importancia da difusión cultural!
Gustaríame coñecer un pouco máis sobre o fondo local de Cangas
O fondo local pode dividirse, por así dicilo, en tres: noticias locais, libros de interese local (entre os que se atopan exemplares de finais do século XIX), e unha sección de memoria local. Esta sección nace tras o traballo dun grupo de persoas, que recolleron testemuñas da memoria local a través de entrevistas a persoas maiores. Grazas a este labor, recollido en 50 fitas, contamos con testemuños directos da guerra, de como era a vida antes, xogos populares. Un traballo moi interesante e precioso!
Fai uns anos, tras un convenio de colaboración co Museo do Pobo Galego, este traballo está dixitalizado e forma parte do Arquivo da Memoria. Agasallos que chegan á Biblioteca!
Contan cun fondo teatral de María Casares, non si?
Si! Este fondo chega á Biblioteca Municipal de Cangas a través da Compañía de Ningures e a Revista Galega de Teatro. Estas entidades cederon en depósito unha colección moi completa de documentos de temática teatral, e co paso do tempo vai crecendo.
O teatro é moi importante na Bisbarra do Morrazo, o que fai este fondo moi especial, pois define moi ben o movemento cultural desta zona. De feito, Teatro de Ningures e a Asociación Xiria, xunto co Concello de Cangas, organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo; como ves, unha arte que define moi ben o pobo.
Vaia! Un fondo local cun apartado moi interesante!
Si, a verdade que neste sentido Cangas conta cunha riqueza documental moi importante. Moi importante é tamén o fondo feminista, sección que comezamos a crear fai uns anos en conxunto coa Concellería de Igualdade. É un proxecto ao que lle teño especial agarimo, a verdade; abracei con moita ilusión o traballo de poñer en marcha esta idea tan necesaria e fantástica. A concellería dotounos dun orzamento inicial para dotar a esta sección documental de contido de calidade, atractivo e variado, e a día de hoxe o fondo conta con 600 exemplares. Conta cun espazo diferenciado dentro da Biblioteca, e algúns volumes destinados ao público xuvenil e infantil atópanse nos estantes adicados a este grupo de idade; penso que é importante que a xente nova sexa coñecedora da importancia dos valores do feminismo na sociedade, mensaxe que queda plasmada no estante de igualdade, mais considero que é importante tamén que cheguen aos libros desta temática por casualidade, sendo un título máis dentro dos moitos que hai nos estantes por idades. E non podo esquecer mencionar que o fondo recibe o nome de Dolores Blanco, en honor a esta muller tan importante na historia local. Dolores Blanco foi unha muller do pobo, unha pioneira que, na época da guerra, formaba parte do Sindicato de Redeiras. Pasou un tempo na cadea pero, por sorte, saíu en liberdade e puido vivir a súa vida na vila coma unha máis.
Que bonito que a honraran deste xeito!
Si, e penso que tanto a súa familia directa como a veciñanza o agradeceron moito. Sempre se agradece que entre os teus se recoñeza a aquelas persoas cunha vida e andanzas singulares e importantes para a historia da vila.
Sen dúbida!
Que nos pode contar das actividades bibliotecarias
A nosa axenda vese limitada pola falta de orzamento, mais procuramos sempre que a veciñanza conte cunha oferta cultural de calidade. Co programa “Ler conta moito”, ofértanse diferentes actividades dirixida ao público infantil. Fai uns anos, o Concello de Cangas adquiriu un facsímile do Códice Calixtino e de manuscritos de Rosalía de Castro. Actualmente, están expostas nunha vitrina para que a xente poida coñecelos. A veciñanza de Cangas recibiu estes tesouros con moita alegría e cariño. Antes da situación sanitaria actual, facíanse visitas guiada á biblioteca para que a xente puidese coñecer a historia detrás destes documentos e da Biblioteca. Nestes momentos, as visitas realízanse con reserva previa. As visitas guiadas á Biblioteca ofértanse tamén para os Centros de Ensino. A Biblioteca habilita un espazo para a comunidade, deste xeito as diferentes entidades locais poden contar cun lugar no que organizar actos, que, evidentemente, deben seguir unha liña temática cultural e social. Por último, quixera mencionar tamén o noso club de lectura (agora interrompido por mor da Covid). É un grupo moi consolidado que conta con 15 persoas participantes, ademais da persoa que modera. É un grupo moi curioso, lense toda clase de libros, dende ciencia ficción ata ensaio, pasando polo drama, novela rosa, e un longo etcétera. As persoas que forman parte do club, agradecen moito o exercicio e riqueza de compartir a lectura.

Colaboran cos Centros de Ensino?
Si, actualmente a nosa colaboración materialízase a través do programa das visitas guiadas á Biblioteca xunto con algunha que outra actividade de animación lectora. Anteriormente, tamén celebrabamos charlas e obradoiros de animación á lectura, actividades de fomento da biblioteca pública para o estudantado como o eran as semanas do libro infantil e xuvenil, ou conversas puntuais e informais sobre libros e organización de fondos.

Comezamos co remate da nosa conversa, que Bibliotecas visitarías?
Teño unha fascinación especial pola arquitectura e a luz no espazo bibliotecario, a atmosfera que se crea entre as persoas e os elementos. Gustaríame coñecer a Biblioteca Peabody, ou a Biblioteca Pública de Stuttgart; son dúas bibliotecas moi diferentes pero teñen esa mistura de ingredientes que me gustan e me atraen: espazo, luz e libros. E, se me permites, recomendo a todas as persoas que visiten a nosa Biblioteca: un espazo agradable no que a luz, os libros e os usos bibliotecarios conxúganse a perfección.
E se lle pido recomendacións lectoras, cales faría?
Recomendo, O infinito nun xunto, de Irene Vallejo, ou o Baile dos Estorniños de Xabier Quiroga. A lectura é unha actividade moi persoal, polo que animo a que cada quen se mergulle nas páxinas que máis lle atraian, pero sobre todo recomendo ler, unha práctica moi enriquecedora e bonita!
E xa de remate, que Biblioteca imaxina para o futuro?
Síntome moi afortunada de traballar nun espazo bibliotecario como este, cunha distribución dos espazos que me parece moi axeitada. A Biblioteca conta con varios andares: na planta baixa atópase a sala xeral de lectura e o salón de actos; e no primeiro andar hai unha galería moi fermosa que ofrece vistas á praia e unha sala de estudo. Que o edificio bibliotecario facilite que conflúan as diferentes necesidades e usos que a xente demanda, é moi importante e necesario. As Bibliotecas Públicas son espazos de encontros, de coñecemento, de reflexións, de intercambio, entes cheos de vidas. A xente que acode para ler a prensa, busca á vez ter con quen comentar as noticias, e as nenas e nenos que chegan para ler os seus contos favoritos, veñen con moita alegría e gaña de mergullarse en novas historias; e tamén hai xente que acode á biblioteca na busca dun remanso de silencio no que poder concentrarse. Todos estes servizos e usos deben coexistir porque a sociedade así o precisa. Por iso, eu considero que no futuro esta diferenciación nos espazos debe seguir existindo, sendo sempre vital transmitir a razón de ser dunha Biblioteca Pública: centro de difusión e intercambio da información aberto a todos os públicos. E, por suposto, que camiñen xunto coa sociedade, para que siga sendo querida.
Foi unha gozada conversar con vostede, Pilar! Moitas grazas!
Categorías:Bibliotecas municipais, Noticias Bamad