Conversas de Bibliotecarix a bibliotecarix: Elisa López, Biblioteca Municipal de Celanova


Preséntovos a Elisa López, bibliotecaria no municipio de Celanova que vai compartir conosco a súa experiencia profesional!

Ante de nada, agradecerlle que participe deste proxecto. Cóntenos un pouco acerca de vostede
Encantada de participar! Eu son licenciada en Xeografía e Historia e, dende fai 25 anos, traballo como profesional bibliotecaria. A miña chegada ao mundo bibliotecario foi algo fortuíto. Ao pouco de licenciarme, anoteime nas listas de substitucións da Xunta e, como boa lectora, as que máis ‘enchían o ollo’ (se me permitides a expresión) eran as listas para traballar en Bibliotecas. Tiven a sorte de que me chamaran para traballar na Biblioteca Pública de Ourense, onde estiven máis de 17 anos desenvolvendo traballos técnicos e de xestión. Co tempo, ofertaron a praza de auxiliar de bibliotecas do Concello de Celanova, presenteime e aprobei. Disto fai xa 7 anos!

O seu lugar de traballo, de seguro, ten unha historia interesante
En Celanova hai constancia de varios intentos de ter unha biblioteca municipal dende o século XIX, pero por diversos motivos non tiveron continuidade. O momento definitivo chegará en 1948, no que se abre a Biblioteca nos baixos da Casa do Concello. No ano 2011 trasládase ás súas instalación actuais, no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova.

Como foi o proceso de traslado de edificio? No deseño do novo espazo, tivéronse en conta as necesidades da Biblioteca nese momento e a súa proxección futura?
O edificio é de nova construción e tanto a inauguración como o traslado foron anteriores á miña chegada, polo que non podo dar moito detalle sobre como foi. O que si podo afirmar é que a Biblioteca gañou en espazo e o mobiliario renovouse totalmente. Despois de 11 anos é posible que se deba revisar o espazo, pois a irrupción tan forte das novas tecnoloxías e a necesidade de que a biblioteca sexa o punto de encontro da vila, fan que a función de sala de estudo vaia quedando obsoleta pouco a pouco.

Unha cuestión á que, de seguro, teñen que facer fronte moitas outras Bibliotecas…


Xiramos un pouco a conversa, e pregúntolle sobre as cousas que destacaría desta profesión

O que eu destaco de xeito positivo é a oportunidade que brinda a profesión de aprender día a día, de xeito continuado. Non soamente pola cantidade de información que podamos manexar, senón porque facemos uso de moitos recursos para poder levar a cabo as nosas funcións, estamos en contacto con moitos tipos de persoas (usuarios, animadores, xestores, políticos) e isto lévanos a ver o noso traballo dende diferentes puntos de vista.

E que é o que menos lle gusta?
Quizais o que menos me gusta sexan as tarefas administrativas: estatísticas, provedores, facturas, etc. Mais, o bo gaña por goleada a estas tarefas menos entretidas, é unha profesión moi gratificante.

Hai algo da súa formación coma historiadora que lle inspire, lle sexa de utilidade para o seu traballo?
A miña formación académica é unha moi boa ferramenta para tarefas coma a procura e difusión da información, sobre todo do fondo local: que recursos empregar, saber manexar e entender as diversas fontes, etc. A riqueza cultural e histórica de Celanova é moi ampla e nalgúns aspectos pouco coñecida, polo que penso, que os coñecementos adquiridos ao longo dos meus anos de estudo, me brindaron certa sensibilidade ao respecto que é de gran utilidade e axuda para os labores de difusión e xestión do fondo local.

Estou segura diso! Atopei entón a mellor persoa do mundo para que nos presente o fondo municipal!
O noso fondo local está conformado por máis de 500 documentos, entre os que se poden atopar libros (a maioría), revistas, postais, documentos audiovisuais, folletos, etc. Existe unha gran cantidade de autores, artistas plásticos, músicos, etc. oriúndos de Celanova ou que están relacionados coa vila (ligazóns familiares, laborais,…) como Baldo Ramos, Benito Reza, José María Paz Gago, Carlos Montero, ou Xudit Casas, entre moitos outros nomes. Polo que o fondo é moi variado.
Por suposto, o fondo conta con estudos sobre Celanova, e testemuños de actos culturais celebrados no municipio (congresos, cursos de verán da Universidade de Vigo…).
Tamén incluímos os documentos relacionados máis amplamente coa comarca de Celanova, ben por ser de difusión máis restrinxida ou por carecer de punto bibliográfico que se ocupe da súa conservación.
Por último, con respecto ao fondo local, gustaríame mencionar un proxecto de compilación do patrimonio musical local. Tras unha previa busca e investigación, conseguimos xuntar temas musicais baseados na obra de autores locais (Curros, Celso Emilio, Ferrín, Pepe Velo, Castor Elices) ou que falan de Celanova (pasodobres, alalás, pasarrúas, etc.). O proxecto pode consultarse no noso blog.

Soa moi interesante ese proxecto musical! Como xorde a idea da compilación deste patrimonio?
Cando fago as publicacións da biblioteca procuro que o tema teña algunha relación con Celanova, e se isto non é posible, empregar música baseada en poemas de autores e autoras de Celanova. Desta maneira comecei a atopar cada vez máis poemas musicados e pareceume que sería unha boa forma de achegarse á poesía destas autoras e autores dende outro punto de vista.
Celso Emilio Ferreiro, xunto con Rosalía de Castro, posiblemente sexa o autor máis musicado.
A páxina do blog chámase “Música inspirada en Celanova”, no que tamén se inclúen obras que falan sobre a riqueza e variedade de Celanova.

Que bonito! Os meus parabéns! E que nos pode contar sobre o resto de proxecto culturais e bibliotecarios que se desenvolven no seu municipio?
A Biblioteca solicita todos os anos actividades do programa da Xunta Ler Conta Moito. Nestes momentos, para tratar de evitar xuntanzas amplas, organizamos obradoiros, formato que permite que se celebren actividades dentro dun programa por grupos de xente, chegando así ao mesmo público que cando organizábamos contacontos de xeito habitual, pero tratado de respectar as recomendacións sanitarias.
Tamén participamos en proxectos de animación lectora relacionados con temas tan importantes como o son, o consumo ou a igualdade. Neste sentido, actualmente, estamos a valorar un proxecto de animación á lectura na que se impliquen as diferentes Concellerías (Cultura, Igualdade, Educación, Comercio)
Tamén participamos en proxectos de intercambio de libros, principalmente durante a celebración de Raigame en Vilanova dos Infantes.
A finais de ano, temos dúas actividades que se celebran anualmente. Por un lado, durante o Nadal, organizamos unha recollida de alimentos a cambio de libros procedentes de donativos descartados pola biblioteca ou editados polo Concello. Por outro lado, ao remate de ano, facemos entrega dun diploma acreditativo e un agasallo ás persoas máis lectoras do ano, con dúas categorías: infantil e adulto. É unha iniciativa que tivo unha boa acollida e que xera unha rivalidade sa entre a xente.
Dende o ano 2016 mantemos un Clube lectura para adultos, que, desgraciadamente, por mor da pandemia, tivemos que reducir en número de participantes nas reunións. Malia todo, seguimos celebrando xuntanzas semanalmente. É un grupo moi activo.
Cada mes temos un centro de interese, unha moi boa ferramenta para dar a coñecer a colección bibliográfica.
Mencionar tamén que a Biblioteca colabora e está ao servizo de todas as institucións culturais e educativas da vila, como poden ser a Fundación Curros Enríquez ou a Aula CEMIT do Concello.
Unha das miñas máximas no meu traballo diario é facer difusión e conseguir que a Biblioteca, e a súa actividade, sexa coñecida polos veciños e veciñas de Celanova, por iso, tento ter visibilidade e presenza nas redes sociais con publicacións variadas: novidades, conmemoracións, difusión das actividades culturais locais e da contorna, ofertas de emprego nos Concellos da Mancomunidade Terras de Celanova, entre outro tipo de información.
En xeral, podo afirmar que, Celanova ten unha vida cultural moi activa e diversificada.

Gran traballo! Cóntenos, como é traballo colaborativo coa Fundación?
Moi boa e fluída. Principalmente compartimos información referida ao fondo local e dámoslles apoio no proceso técnico da Biblioteca da Fundación. Existe tamén un intercambio bibliográfico entre ambas institucións, e en ocasións o espazo bibliotecario municipal, acolle actividades promovidas pola Fundación. Outra cousa á que prestamos especial coidado e unha coordinación organizada, para evitar solapar actividades, tanto no tempo como na materia.

Elisa López. Bibliotecaria en Celanova. Fotografía cedida pola entrevistada

Mencionaba antes un proxecto de animación lectora no que se involucrarán diferentes departamento municipais, podería adiantarnos algo?
O obxectivo do proxecto, que busca facer partícipes a todas as Concellerías, é establecer a Biblioteca como lugar de encontro da comunidade e para iso é fundamental ofertar actividades que non se enfoquen exclusivamente á animación lectura, sen esquecela, por suposto, pero tratando de tocar un maior abano temático. A idea consiste en que cada Concellería programe actividades relacionadas coas súas competencias e que se celebren no espazo bibliotecario, por poñer exemplos: obradoiros de igualdade, charlas informativas sobre consumo, reciclaxe… En definitiva, facer da Biblioteca un espazo interdisciplinar e activo. Con esta proposta buscamos que, a nivel local, de xeito paulatino, se deixe de considerar a Biblioteca como lugar de estudio, para entendela e usala como un espazo social e de intercambio de todo tipo de información.

Soa fantástico isto que nos conta!
Colaboran cos Centros de Ensino?

Si! É unha colaboración moi importante a nivel municipal. A máis básica e fundamental, é que o noso fondo conte aqueles títulos de lectura obrigatoria dos tres centros educativos da vila. Tamén tíñamos establecidas visitas escolares, mais coa pandemia, quedaron suspendidas e tentaremos retomalas o antes posible.

Como imaxina a Biblioteca no futuro?
Imaxínoa coma un espacio dinamizador e integrador da comunidade, aberto a todas as formas posibles de cultura. Que a Biblioteca sexa o primeiro lugar ao que dirixirse cando alguén ten unha inquedanza ou unha proposta.

Bonita imaxe futura!
Neste sentido, gustaríame comentar que, ademais de que o servizo bibliotecario estea blindado por lei en poboacións de máis de 5000 habitantes, non debemos esquecer ás poboacións máis pequenas; e penso que tamén se deberían establecer como obrigatorias unhas normas básicas para o seu óptimo funcionamento: o garante de contar con persoal cualificado e co rango correspondente a cada lugar, orzamentos axeitados, ter unhas actividades mínimas a desenvolver polos propios Concellos, ou existencia de formación continuada.
Aproveito esta ocasión que me das para pór en valor o traballo das e dos profesionais traballando nas Bibliotecas Municipais, que moitas veces, en solitario, están a desenvolver o seu traballo con toda a ilusión do mundo e con grandes esforzos persoais, a pesar das circunstancias. Isto demostrouse durante o confinamento na que xurdiron boas ideas que foron compartidas e das que moitos nos puidemos beneficiar.

E que recomendacións lectoras nos fai?
De literatura en galego A vida secreta de Úrsula Bas de Arantza Portabales, en castelán, Diferente de Eloy Moreno. Para os máis cativos Dez gatiñas viaxeiras de Eva Mejuto e Víctor Rivas.

E xa para rematar, se lle dou un billete para viaxar, que Bibliotecas lle gustaría coñecer?
Penso que todas as Bibliotecas teñen algo que as fan dignas de visitar, pero se tivese que escoller unha quizais sería a Biblioteca do Congreso en Washington, por ser unha das máis grandes do mundo.

Grazas por todo, Elisa! Foi un pracer!
Gracias a vós por contar ca Biblioteca Municipal de Celanova.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.