Desta volta converso con Xoán Fernández Callón, licenciado en Historia e bibliotecario en Ribeira dende fai un lustro!
Ola, Xoán! Que lle levou a adicarse a esta profesión?
Sempre me resultou fascinante a faceta do bibliotecario como nexo entre a cidadanía e a cultura e o saber en todos os seus ámbitos: ciencias naturais, sociais, humanidades,… Iso foi sen dúbida o que me levou a adicarme como bibliotecario.
Bonita percepción! E conte, que é o que máis lle gusta do día a día no seu traballo? E descubriu algunha cousa menos positiva?
O que máis me gusta sen dúbida é compartir coas persoas usuarias, aprender delas e descubrirlles á súa vez novos vieiros na literatura e na cultura. Si que se pode dicir que descubrín aspectos algo incómodos, como é ter que exercer a función de garda e chamar á orde ás persoas usuarias que non teñen a actitude correcta na biblioteca, en canto ao mantemento do silencio na zona de lectura e estudo, e da orde da colección bibliográfica.
Que actividades programan na Biblioteca Municipal de Ribeira?
No noso caso, actualmente, o espazo físico da biblioteca condiciona as actividades que poden realizarse. Mais estase a traballar nun plan para deseñar un edificio propio para a Biblioteca, acorde ás necesidades que un municipio como Ribeira ten.
As actividades que ofertamos son variadas ao longo do ano, e as máis destacadas pode que sexan as de Ler Conta Moito, ou as diferentes exposicións bibliográficas Temáticas. Por outra banda, a Biblioteca presta tamén apoio ás actividades de Cultura e Servizos Sociais destinadas a persoas maiores, coa finalidade de achegar a literatura e a cultura.

Podería dar máis detalles sobre as exposicións bibliográficas?
As exposicións teñen dúas finalidades: dar a coñecer os fondos bibliográficos da biblioteca, e achegar a cultura á poboación. Facémolas coincidindo con datas conmemorativas de acontecementos históricos ou literarios, conseguindo así cumprir os obxectivos. Como non podería ser doutro xeito, traballamos xunto cos centros de ensino, organizando charlas e actividades que xiren en torno á temática das exposicións.
Desde comezos do 2020 e no presente 2021 non fixemos ningunha debido á prudencia pola situación derivada da COVID. As últimas que fixemos no 2019 conmemoraban catro aniversarios: o inicio da II Guerra Mundial, o inicio da primeira circunnavegación do mundo por Magallans e Elcano, o trixésimo aniversario do premio Nobel de literatura a Cela, e o bicentenario do nacemento de Walt Whitman. As exposicións non tratan só do tema ou personaxe concreto pois, por exemplo, co gallo do aniversario do Nobel a Cela a mostra xiraba entorno aos Premios Nobel de literatura hispanoamericanos; na exposición marcada Whitman, seleccionamos títulos da e sobre a literatura norteamericana do século XIX. Xa a derradeira dese ano, no que se adicou o Día das Letras Galegas a Antonio Fraguas, en decembro e na conxuntura do Nadal fixemos unha exposición sobre panxoliñas tradicionais galegas, recollidas algunhas delas polo mesmo Fraguas. Tentando ir tirando do fío para tentar tocar diferentes ramas dunha mesma árbore!
Con respecto a como materializamos as exposicións, a liña de traballo é bastante sinxela: montamos unhas mesas, colgamos paneis (tamaño A3 ou A0) con imaxes e textos, tanto para contextualizar como fragmentos literarios.
Evidentemente, para que a veciñanza teña constancia sobre as diferentes exposicións ao longo do ano, facemos difusión polas nosas redes sociais e por medios de comunicación para que as publiciten.
Que gran traballo! Mencionaba antes que hai unha estreita relación cos Centros de Ensino, podería contar como é ese traballo coordinado?
En Ribeira a Biblioteca Municipal depende da Concellería de Educación, co cal estamos ben coordinados. Convocamos sempre a colexios e institutos a todas as actividades que realizamos, como por exemplo, as exposicións ou, no mes de setembro, que se celebra o día europeo das linguas, lemos o mesmo fragmento dun conto infantil en varias linguas, e realizamos actividades e xogos, invitando a rapazada a manexar vocabulario relacionado con eses contos.
Cos Centros de Primaria, nos últimos anos, traballamos cos mestres e mestras para que o alumnado do centro conte cun carné de socio, e así poderen acceder a GaliciaLe para achegar os nenos á lectura en formato electrónico. E por suposto, temos moitas visitas escolares para que a rapazada coñeza a Biblioteca e as súas funcións.
Antes comentou tamén que organizan actividades en conxunto co Departamento de Cultura. Imaxino que é unha coordinación fluída e sinxela
Si! A biblioteca está anexa a un dos centros culturais do concello, onde hai, entre outras instalacións, unha sala de conferencias. Aí impártense cursos que dependen tanto de Cultura como de Servizos Sociais. Xeralmente, cando hai unha exposición das anteriormente ditas, o bibliotecario fai de guía e imparte unha charla ás persoas asistentes. Por exemplo, na exposición sobre Cela e os Premios Nobel hispanos, déuselle ao alumnado adulto unha charla sobre a literatura española do século vinte, e analizáronse varios textos de Cela en distintas etapas, para ver a evolución de temática e estilos da produción literaria española.
Non cabe dúbida que vostede traballa arreo para que a biblioteca sexa ese nexo de unión entre cultura e cidadanía! Volvendo de novo á información que nos deu antes, podería adiantar algo sobre ese novo proxecto de edificación para uso bibliotecario? E… puideron formar parte da toma de decisión no deseño do edificio?
Está proxectado a construción dun edificio de catro plantas destinado exclusivamente para uso bibliotecario. Dese xeito, diversificando os espazos, poderemos realizar moitas máis actividades de fomento da lectura e a cultura, os usuarios, nomeadamente os infantís poderán facer un uso máis libre das instalacións, etc. E si, por sorte, no noso caso, o persoal técnico da biblioteca foi consultado para adaptar no proxecto as necesidades do servizo á obra arquitectónica.
Que marabilla escoitar iso!! Como imaxina o futuro da biblioteca: tanto a nivel municipal, coma ao concepto de Biblioteca?
En canto á biblioteca municipal de Ribeira, como mencionei antes, grazas a poder contar cun espazo de seu, imaxínoa crecendo xunto co municipio, e seguindo a ser un referente da cultura local.
En canto ó futuro da biblioteca en xeral, non consigo visualizalo, xa que malia ser lector e re-lector de Jules Verne, supérame o avance da tecnoloxía, e como esta o condiciona todo. En calquera caso, espero que coma profesionais das bibliotecas, sigamos sendo o enlace necesario entre a Cultura e a poboación, e que como tal ser profesionais valorados.
Di que se ve superado pola tecnoloxía, podería explicarnos a que se refire exactamente?
Malia a progresiva integración das Tecnoloxías no funcionamento diario das Bibliotecas, ou nos servizos, gustaríame facer un lance a favor do noso labor coma profesionais, e das Bibliotecas como entidade sociocultural. Do mesmo xeito que a calidade do ensino non depende do número de ordenadores, pantallas intelixentes ou dispositivos similares existentes no centro, senón dos coñecementos e profesionalidade dos profesores (nunca perdamos de vista que nin Tomás de Aquino, nin Kant nin Einstein precisaron nunca de tales obxectos para seren os mellores mestres nas súas materias). Tamén debemos ter en conta que as persoas profesionais das bibliotecas somos mediadoras entre a Cultura e a poboación, como asesores e prescritores, é así mesmo insubstituíbles por ningún programa ou app. Tendo en conta isto, penso que as tecnoloxías deben considerarse coma aliadas e ferramentas útiles, pero non coma único garante de calidade e modernidade.
Boa observación!
Podería contarnos un pouco sobre o fondo local? Imaxino que o tema do mar é un dos predominantes, é así?
Ribeira naceu e vive mirando ao mar, polo tanto é un eido que está presente en obras que o tratan na súa faceta económica, histórica ou antropolóxica, pero a temática do noso fondo local é moi diversa. Tamén hai, por exemplo, unha sección ampla de Literatura de autores comarcais, Historia, Xeografía,…. ou mesmo Bioloxía, neste caso relacionada co Parque Nacional das Illas Atlánticas ou o Parque Natural das lagoas de Carregal e Vixán.
Ao longo da nosa conversa, decateime de que a súa formación en Historia poida que sexa unha boa fonte de inspiración para levar a cabo as súas tarefas diarias na Biblioteca de Ribeira
Teñamos en conta que os estudos de Biblioteconomía e Arquivística, antes de existir primeiro a diplomatura e despois o grao específico, cursábanse como especialidade de segundo ciclo da Licenciatura en Historia. Entendo que a formación nesta materia é esencial nas bibliotecas que posúen fondo antigo. Dicía así mesmo Torrente Ballester na súa novela Filomeno, a mi pesar, por boca do personaxe de Sotero, que a Historia é a única disciplina á que non lle estorba ningunha das demais, referíndose a que é transversal a todos os eidos do coñecemento.
Toca agora preguntar sobre a súa recomendación lectora!
É complicado responder a preguntas coma esta… A recomendación irá sempre condicionada polos gustos ou necesidades puntuais de cada persoa. Por ese motivo, máis que recomendar direi que, no eido da novela, como clásico destacaría de xeito subxectivo a triloxía de Los gozos y las sombras de Torrente Ballester, e en narrativa actual a tetraloxía Dos amigas, da italiana que usa como pseudónimo Elena Ferrante. As dúas teñen certas características comúns: novela social perfectamente enmarcada no contexto político, e cuns personaxes cunha destacable riqueza psicolóxica.
E a que actividade nos invita a participar?
Un dos aspectos que máis me gusta, e considero máis gratificante, do labor de bibliotecario é o de achegarlle á rapazada con madurez lectora os clásicos, como é o caso de Jules Verne. Por iso, a actividade á que convidaría, como proxecto de futuro cando o espazo físico da nova biblioteca o permita, é un club de lectura para facer isto de xeito colectivo.
Oh! Aplaudo esa idea! E xa, de remate, se lle dou un billete, que Bibliotecas visitaría (por primeira vez ou de novo)?
Sempre que visito Santiago gústame volver pola biblioteca da Facultade de Historia, que utilicei durante anos. Polo demais, todas as Bibliotecas me resultan de interese: dende as dos concellos máis pequenos, coma as máis grandes.
Foi un pracer, Xoán! Moitas grazas por participar!

Categorías:Bibliotecas municipais, Noticias Bamad