A Biblioteca Pública Municipal do Barco de Valdeorras está xestionado por Teresa Andrés Diéguez e María D. Voces Álvarez: dúas profesionais que levan máis de tres décadas prestando servizos á veciñanza do seu municipio.
A Biblioteca ten moita historia, pois naceu máis ou menos alá polo ano 1957, e non hai ninguén mellor ca vostedes para que coñezamos mellor o seu devir.
Nos seus comezos, a Biblioteca, situada nos baixos da Casa do Concello foi nomeada coma Biblioteca Pública Menéndez Pidal. En 1982 trasladouse de edificio, que obedeceu a un plan de xestión do Centro Coordinador de Bibliotecas da Provincia de Ourense (sendo directora Minia Martín Tobío). Este plan tiña como obxectivo remodelar todos os edificios bibliotecarios municipais e, ademais, todos os libros das coleccións municipais. Enviáronse a Ourense para ser re-catalogados para ser despois devoltos a cadansúa biblioteca. No noso caso, o novo espazo bibliotecario situouse na planta baixa do edificio da Caixa de Aforros. O espazo era moi bonito e amplo (contábamos con diferentes salas, despacho e depósito) e a colección estaba formada por un total de cinco mil volumes, aproximadamente. Desgrazadamente, pouco tempo despois sufrimos unha grande perda: en 1984 o ciclón Hortensia trouxo consigo unha grande riada que causou moitos estragos, entre eles a inundación da Biblioteca. Dos cinco mil volumes que formaban a colección quedaron poucos máis de 900…
Vaia… unha grade mágoa…
Si, a perda foi devastadora en moitos sentidos…
Os volumes que puideron ser rescatados foron depositados en caixas para ser trasladados ao Concello, onde se aloxou a Biblioteca de forma temporal. Púidose habilitar un espazo na rúa Muíños (onde actualmente está o edificio da Policía Local) dende onde traballamos ata o ano 1987. Nese ano, volvemos facer unha penúltima mudanza, desta vez á Casa da Cultura. Alí a Biblioteca atopouse moi cómoda, pois tiña tres salas habilitadas: infantil, de lectura e sala de consulta. A última mudanza foi no ano 2004, cando se remataron as obras do actual edificio bibliotecario, inaugurándose como Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán.
E as próximas Letras estarán adicadas a súa obra. Están traballando xa nunha programación especial?
Si, estamos moi orgullosas! Na programación estase traballando, principalmente dende o Departamento de Cultura do concello, mais aínda está na fase de planificación.
Prestaremos moita atención á programación cultural do Barco!
Viviron vostedes e a biblioteca moitos cambios. De que xeito xestionaron as diferentes situacións ás que tiveron que facer fronte?
O primeiro traslado, o que obedecía ao plan de xestión provincial, malia ter certo asesoramento de profesionais con máis experiencia, ao non contar nós con experiencia previa nunha re-localización, e ser novas na profesión, foi un pouco máis caótico que os demais. Nos diferentes traslados que se foron sucedendo dende a inundación do 1984, seguimos máis ou menos o mesmo sistema: retirada ordenada dos volumes en caixas numeradas para despois dispor a colección en depósito aberto atendendo as características de espazo de cada un dos lugares nos que se situou a Biblioteca. Hoxe en día pode que todo ese traballo se fixese máis doado, pois daquela a catalogación facíase en fichas, as altas de novas persoas usuarias con máquina de escribir,… vaia, case como comezar dende cero! De seguro que as novas tecnoloxías terían facilitado moito ese traballo!
Antes comentaban que a Biblioteca se sentía cómoda na Casa da Cultura, a que obedece entón o último cambio de edificio?
Efectivamente o espazo co que se contaba na Casa da Cultura era moi bo e permitía ofrecer diferentes servizos para garantir a satisfacción das persoas usuarias. Mais presentaba un pequeno problema: a falta de insonorización. O Conservatorio de Música tamén vivía na Casa da Cultura, e a convivencia non era todo o doada que podería ser, principalmente para a xente que quería facer uso da sala de estudo. Ambas as dúas institucións son entes vivos en continuo crecemento: a colección bibliotecaria vai crecendo a medida que o fai o número de instrumentos musicais; e así como crece en número o alumnado no Conservatorio, tamén se suman cada día novas persoas usuarias á Biblioteca.. Un dos obxectivos na sociedade é que a vida cultural creza e, alegremente, iso é o que foi pasando e pasa no noso municipio. Ese crecemento supuxo que as instalacións que ofrecía a Casa da Cultura para ambos os dous entes culturais quedase pequena. Polo tanto, o cambio de edificio presentouse como unha necesidade real.
Unha demanda da sociedade! Que ben! Para pensar ese novo edificio, formaron parte activa no plan de deseño?
Tería sido o ideal, pero non foi así. Hai certos aspectos que poderían terse deseñado doutro xeito, máis en xeral o edificio está moi ben e permite cumprir coas obrigas dunha biblioteca.
Agora que a Biblioteca conta cun espazo propio, dirían que repercute positivamente na vida da biblioteca e da veciñanza?
Si! A Biblioteca está situada no centro do municipio e pode que sexa un dos principais motivos que causara que dende o 2004 o número de persoas usuarias fose incrementando ano a ano. A fachada é moi vistosa e moita xente, que non é veciña, visita a Biblioteca. Evidentemente, o contar cun espazo de seu é beneficioso en moitos aspectos: permite un mellor control e disposición da colección, os servizos ofertados cumpren cos requisitos que demandan as persoas, en fin, que negativo non hai nada!
Da fachada quería preguntarlles eu tamén: non a puiden ver fisicamente, mais segundo vin nos seus perfís en redes sociais e na páxina web do Concello, hai moita simboloxía detrás, non é así?
Si! O edificio inicialmente non contaba con este elemento, e dende a concellería de Cultura pensouse que sería boa idea darlle un pouco de visibilidade ao edificio bibliotecario, e no ano 2020, decidiuse instalar un elemento decorativo na fachada. Foi ideada por un arquitecto local, Roi Domínguez. Nela pódese ver unha parra de uva, en referencia a importancia do viño nesta zona, ademais de que Florencio Delgado tamén tratou este tema nos seus escritos. Por suposto, o autor está presente!
Que aspectos negativos e positivos poderían salientar desta profesión?
Como din moitas compañeiras e compañeiros, é unha profesión moi agradecida e bonita. Obriga a seguir aprendendo día a día, e iso gústanos moito. O que se fai un pouco costa arriba co paso dos anos é o trato ao público… ás veces danse situacións pouco agradables… pero en xeral a totalidade das persoas que visitan e fan uso da biblioteca son respectuosas e entenden os seus deberes coma persoas usuarias dun servizo público. Negativo coma tal pensamos que é sobre todo o pouco recoñecemento que temos coma profesionais en xeral: pouca xente coñece a profesión, en parte causado pola súa pouca visibilidade… E isto fai que se valore pouco o noso labor na sociedade.
É unha pena que se asocie o labor dos profesionais unicamente con ordenar libros e pedir silencio.
Pois si… confiemos en que, co tempo, se visualice e valore máis a profesión.
Toca agora falar das actividades que organizan dende a Biblioteca.
Nós buscamos que as actividades que se ofertan dende a Biblioteca poidan ser desfrutadas por calquera tipo de público, pois é unha das principais misións dunha biblioteca pública: estar aberta á totalidade da sociedade. Neste sentido pensamos que é fundamental que sexa a biblioteca a que se achegue á sociedade e non ao revés, por iso, dende fai varios anos, establecemos relación coa Asociación ASFAVAL, co obxectivo de comezar un programa de actividades destinadas a persoas con necesidades especiais. Comezamos organizando visitas á biblioteca, momento no que se sacaban o carné da biblioteca para poder sacar libros en préstamo e facer uso dos demais servizos bibliotecarios; más adiante facían visitas semanais ou quincenais, durante as que se celebraban obradoiros de lectura; de feito, tentamos que co programa LER CONTA MOITO sempre haxa unha actividade destinada para este público concreto. Como non podía ser doutro xeito, a nosa colección tamén está aberta a estas persoas, o fondo está formado por varios títulos de lectura fácil. Unha actividade á que lle temos especial cariño é LENDO ESPERO, que se comezou a promover fai uns anos dende a Consellería de Cultura. Como moita xente xa saberá, é un programa de animación lectora en Centros de Saúde. A Consellería proporcionou o expositor que se colocaba nos Centros de Saúde, e as Bibliotecas que se adherían ao programa eran as encargadas de xestionalo. No noso caso, formamos un pequeno fondo destinado ao público infantil-xuvenil e tamén a persoas adultas, con títulos que tratasen todos os posibles temas relacionados coa crianza e educación.
Quixemos tamén incluír un pequeno fondo de hemeroteca, principalmente con revistas. Ben é certo que ao principio custou un pouco que a xente entendese que os libros eran de lectura, e non para préstamo permanente, pero co paso do tempo, comezou a funcionar moi ben e agora é unha actividade preciosa, de feito hai xente que deposita alí libros seus a modo de doazón! O programa incluso incentiva que a xente que non é socia se achegue ata a Biblioteca para facer o carné!
Que grande labor! Os meus parabéns!
Grazas! Outra actividade que, aínda que xa non está en funcionamento, pero que funcionou moi ben foi o CAFÉ CON LETRAS. Traballamos en colaboración coas cafeterías do municipio e o programa tiña unha dobre finalidade: animación lectora e promoción da biblioteca. A actividade consistía en instalar un pequeno expositor nas cafeterías onde a clientela podía atopar diferentes libros: dende banda deseñada ata poesía ou literatura infantil. Rotabamos cada lote de libros cada vinte días máis ou menos, e unha vez que os libros visitaban todas as cafeterías, facíamos lotes novos. Funcionou moi ben! E, como moitas cousas na vida, tivo o seu fin; máis estamos moi satisfeitas co traballo feito e a boa acollida que tivo durante os seus anos de vida!
Outra actividade que organizamos durante case cinco anos foi LIBROS POR ALIMENTOS. A finalidade era social: facíase un intercambio de libros por alimentos. A xente doaba comida e levaba o peso dos alimentos intercambiado en libros, que previamente seleccionabamos durante as tarefas de expurgo. Deixamos de organizar a actividade principalmente porque, afortunadamente, a xente tamén colaboraba nas campañas que organizaban dende outras organizacións. Pensamos que se o noso obxectivo era compartido por outras institucións e o espírito seguía vivo, a nosa actividade ben podía chegar ao seu fin e, nun futuro, transformarse noutra.
Sen dúbida, o seu traballo axuda moito a que a xente entenda ata que punto pode estar presente a biblioteca no seu día a día.
Grazas, nós sempre traballamos pensando en achegar a biblioteca á veciñanza. Ademais das actividades que mencionamos, tamén participamos no programa LER CONTA MOITO, e en datas sinaladas, como en san Valentín, o das Letras, ou o 8 de marzo, organizamos actividades concretas. De cando en vez tamén celebramos conferencias e charlas con escritores e escritoras; en fin, tentamos que a programación sexa o máis completa posible.
Gustaríame pedirlles que nos falasen un pouco sobre a colección.
A colección sería moito máis rica de non terse perdido no temporal Hortensia, pois aínda que conservamos algún título de fondo antigo, é pouco en comparación co que existía antes de 1984. Este fondo está conservado en fondo pechado, para consulta especial en sala. O legado de Florencio tamén o conservamos en acceso restrinxido. Buscamos que nun futuro se poida contar cun maior orzamento e medios materias para unha conservación máis óptima que permita achegar un pouco máis esta parte da colección á cidadanía, sempre cumprindo coas medidas de protección e preservación axeitadas. Non podemos deixar de mencionar o fodo local que, como todos, está sempre en crecemento e no que hai que traballar diariamente.
En referencia á perda sofrida coa inundación, que criterio seguiron para recuperar os títulos perdidos? Tiveron apoio de organismos e institucións para poder asumir gastos?
Co orzamento co que contábamos, fomos adquirindo novos títulos de xeito paulatino. O plan que seguimos para afrontar esta catástrofe foi escribir (moitas) cartas a diferentes organismos solicitando apoio en xeito de doazóns, que, por sorte, tivemos boa resposta. Tristemente, naqueles anos, a veciñanza aínda non estaba tan concienciada coa importancia da Biblioteca na sociedade, polo que non se involucraron tanto como, de seguro, se tería feito agora, que hai máis sensibilidade neste sentido.
Percibiron un cambio na cidadanía con respecto a como entenden as Bibliotecas?
Si, en xeral, como dicíamos antes, o conxunto da sociedade ten unha maior conciencia e vínculo coa Biblioteca. Vémolo non só no incremento de persoas usuarias, senón tamén na súa participación que é máis activa: máis participación nas actividades, desideratas, etc.
Estan presentes en redes sociais, é causa da situación dada por mor da situación sanitaria, ou xa empregaban esta ferramenta moito antes?
Levamos sendo activas en redes sociais dende fai tempo, pois entendémolo como unha boa ferramenta de difusión e comunicación.
Durante o confinamento e tras el, cal foi o seu plan de actuación?
Principalmente aproveitamos ese tempo para facer tarefas relacionadas coa xestión da colección: catalogación no SIXG KOHA, revisión e ordenación, en caso necesario, do depósito,… vaia, que aínda que fose de portas para dentro, seguimos traballando como sempre!
Xa toca ir rematando, tocan as preguntas de rigor! Que recomendación de préstamo nos fan? Invítannos a acudir, participar nalgunha actividade en concreto?
Lectura sen dúbida calquera dos títulos de Florencio Delgado Gurriarán, se hai alguén que non coñeza a súa obra, invitamos a que se mergullen no seu traballo! A nós persoalmente gústanos moito La octava vida, de Nino Haratischwili; Invisible, de Eloy Moreno, lectura que recomendamos para calquera idade. No canto ás actividades, invitamos a que a xente asista a todas aquelas que lle interesen! Sen xente non hai cultura, nin biblioteca! Especial agarimo lle temos ao proxecto de LENDO ESPERO, malia que agora mesmo se atope nunha pequena pausa por mor da situación sanitaria… en canto se poida, volveremos activar o programa sen demora! Desexamos que teña unha longa vida!
Tras as recomendacións, dígannos, que bibliotecas visitarían?
A todas! Grandes, pequenas e medianas: especialmente para coñecer e aprender do traballo que fan as compañeiras e compañeiros que traballan nelas.
E por último, que biblioteca futura soñan?
Unha que siga sendo aberta e estea adaptada a todo o mundo, e a todo tipo de necesidades; e que se mostre coma un servizo necesario e útil para a xente. Que se siga traballando para que se entenda que a biblioteca é algo máis ca un espazo no que hai libros e silencio, que é unha ferramenta necesaria na vida diaria das persoas para os diferentes ámbitos da vida: lecer, informativo, lugar de encontro e de estudo… e para todas as idades!
María e Teresa, un pracer coñecelas e conversar con vostedes,! Moitas grazas por participar!
Categorías:Bibliotecas municipais, Publicacións, Sen clasificar