Hoxe imos a un lugar famoso polo seu queixo: Arzúa! Aquí traballa Ramón Torreiro González, encargado da Biblioteca Municipal, e unha persoa moi entregada á súa profesión! Lede, lede!
Bo día! Grazas por participar neste programa de Conversas!
A vós por contactarme!
Comezamos! Poderíanos facer un pequeno de resumo da historia da Biblioteca Municipal de Arzúa dende os seus comezos?
Poderíamos dicir que a creación da Biblioteca Municipal vai parella ao inicio da democracia, alá polo ano 1980. No comezo situouse nun pequeno espazo da planta baixa do edificio consistorial; máis adiante, trasladouse de xeito temporal a unha Capela, e dende o ano 2008 está localizada no actual edificio, que cumpre mellor coas características que precisa a Biblioteca como lugar para a sociedade que ofrece uns servizos necesarios.
Semella contento co traslado definitivo do espazo bibliotecario!
Si, é un espazo grande, uns 500 metros cadrados, ben dotado tanto documentalmente como de materiais e dispositivos dixitais, o que permite ofertar uns servizos de calidade e variados. Mágoa que se atope nos segundo andar do edificio…
A súa vida profesional como bibliotecario en Arzúa vai parella coa historia da Biblioteca Municipal; cóntenos, como foi cambiando a biblioteca dende os seus inicios ata agora?
Nos inicios, como moita xente saberá, as Bibliotecas formábanse cun “lote fundacional” que pertencía ao Centro Nacional de Lectura (en Madrid) se mal non lembro. Ese lote constituía un fondo duns 2.500 volumes; os envíos que se facían dende o Centro Nacional de Lectura eran poucos e os orzamentos da Biblioteca eran baixos; isto tiña como principal consecuencia unha colección case inmóbil, e cun crecemento moi baixo. Co inicio do proceso autonómico, as Bibliotecas pasaron a ser xestionadas pola Xunta: o cambio máis significativo foi coa publicación da primeira Lei de Bibliotecas de Galicia, no 1989. Nese momento, máis ou menos no ano 1990, o Concello comprometese a destinar un orzamento á Biblioteca, e dende ese momento ata agora, existe un orzamento para poder destinar ás adquisicións que, en xeral, permítenos ter unha colección viva e en movemento.
Entendo que dos cambios máis importantes foron relacionados co tema económico, non?
Si. O cambio que non se produce e que debería, é un entendemento por parte das institucións do que realmente son as Bibliotecas Municipais: o lugar dende o que se xera a cultura dun Concello, especialmente nos municipios pequenos e medianos.
Entender a Biblioteca como coordinador da vida cultural e social dun Municipio.
Si, exactamente. A Biblioteca debe exercer como un centro da actividade sociocultural; dende as Bibliotecas débese favorecer a actividade musical, a iniciación e formación en novas tecnoloxías, centro difusor da actividade municipal a través dun boletín, ata incluso centro de información turística: é aquí onde a xente pode atopar información de calquera tipo sobre o municipio, os seus lugares, cultura e historia, e dende onde pode acceder á información que existe en liña! É sería un beneficio mutuo, pois se a Oficina de Turismo estivera no mesmo espazo ca biblioteca, o fondo local sería máis activo e crecería máis! É necesaria unha maior conciencia en xeral neste sentido.
Sen dúbida seguro que repercutiría dun xeito moi positivo na sociedade!
Por suposto! Por exemplo, se o Centro de Información Turística estivera na Biblioteca, a persoa encargada dese área, tería aquí o seu lugar de traballo, o que supón, por tanto, un grande aforro económico pois non sería necesario ter nin manter un edificio para a oficina de turismo! Se se soubese todo o que se pode facer dende a Biblioteca, aproveitar os seus recursos ao máximo, habería grandes ganancias en moitos aspectos! Por non mencionar que a información sería mellor! Falta un maior coñecemento e concienciación sobre o papel e función das Bibliotecas na sociedade.
Que bo altofalante é vostede para crear consciencia! Agora toca preguntar que é o que máis lle gusta da profesión (e o que menos).
O que máis me gusta sen dúbida é a animación á lectura: unha actividade moi complexa e chave nunha Biblioteca e na sociedade. Aprender a ler leva tempo, é un proceso longo, pois a lectura é unha actividade complexa. Non se trata somente de descifrar as palabras, trátase de comprendelas, de interpretalas. Eu penso que hai que facer entender ao conxunto da sociedade a importancia do proceso de aprendizaxe lectora, que cada persoa ten o seu ritmo, e que implica un gran traballo: tanto para quen está comezando a ler, como para quen acompaña e asiste no proceso. Nais e pais teñen que comprender a importancia da lectura, e inculcarlla ás crianzas, e debe haber profesionais que poidan facer un acompañamento completo e de calidade (que tamén hai unha falta deste tipo de persoal nas bibliotecas).
Non podo máis que darlle a razón en todo o que acaba de dicir!
Ler é unha das cousas máis importantes da vida: cando alguén aprende a ler, a comprender os textos, convértese nunha persoa máis completa.
Teño unha historia ben bonita que reflexa isto que trato de dicir: hai dúas usuarias da Biblioteca,nai e filla, que nos visitan moito. A pequena é unha grande lectora e a nai está marabillada da relación que ten a súa filla coa lectura. Un día confesoume que ela mesma nunca fora unha gran lectora, e que de vez en cando, como lle pasa a moita xente, está intranquila polos diferentes avatares que ás veces trae a vida, máis a súa filla emprega a lectura coma un mecanismo que lle axuda a xestionar e solucionar os seus problemas e intranquilidades. É algo moi bonito e que mostra o poder da lectura na vida da xente.
Imaxino que non haberá nada que non lle gusta, cando é testemuña directa de historias tan bonitas.
A verdade é que me gusta moito a miña profesión. Incluso a catalogación, que é un traballo un pouco máis pesado, permite coñecer moitos títulos e estar entre libros. Neste sentido o SIXB Koha axuda moito neste traballo! É un programa moi bo.
Xa aproveito entón para preguntarlle, cal foi os cambios máis salientables que se deron coa inclusión da Biblioteca de Arzúa á Rede.
Hai moitas vantaxes! O principal é o servizo do préstamo interbibliotecario: dende aquí traballamos con outras Bibliotecas como a González Garcés, a Ánxel Casal, a de Melide, ou a de Vila de Cruces, entre outras o que nos permite ofrecer un servizo de préstamo. A verdade é que a Rede ofrece moitas vantaxes.
Dou por feito que participan no LER CONTA MOITO, non?
Si. Antes existía outro programa, LETRAS VIVAS, máis ou menos no ano 1990, moi semellante ao de LER CONTA MOITO. Con este programa contamos cunha grande oferta de animación lectora, e cada ano participamos nela. Dende o Concello tamén se ofertan actividades de animación lectora nas que participa moita xente!
Cóntenos, que outras actividades, ademais do LER CONTA MOITO, organizan dende a Biblioteca.
Organizamos exposicións: o ano pasado a temática xiraba entorno ao Camiño de Santiago: Camiño con… Dado que Arzúa é lugar de encontro de diferentes Camiños: o francés, o primitivo e o norte. A exposición materializouse nunha mostra de postais antigas de diferentes puntos da xeografía europea. Foi unha exposición ben bonita. Outras que organizamos foron unha en honra da figura da poeta María Mariño, veciña de Arzúa; e unha arredor do traballo de Ticiana Ghiglione Darria, da filla de Luz Darriba, que fai banda deseñada: Dina-mita. Facemos tamén presentación de libros, por exemplo, do autor Xosé Carlos Carracedo co seu traballo Somos de Arxeris.

Toca agora unha das miñas preguntas favoritas: como será a biblioteca ideal no futuro?
Unha máis participativa! Para iso hai que sensibilizar á xente sobre o papel e función das Bibliotecas; hai que conseguir que se cambie esa idea que aínda existe da Biblioteca como un templo dos libros. Eu penso que a Biblioteca vai cambiar, pero vai cambiar moi pouco a pouco. As novas tecnoloxías, por exemplo, na miña opinión tampouco están integradas como poderían estalo: as Aulas de Informática, onde se imparten cursos, deberían situarse no espazo bibliotecario, e non separadas como o están agora.
E que bibliotecas lle gustaría visitar?
A unha que xa fun, a biblioteca da Universidade de Carlos III de Madrid, paréceme moi bonita! A miña filla ten a sorte de traballar alí, é a encargada do Arquivo da Universidade. A outras que non fun pero me gustaría ir son a do Congreso, a do Escorial, a Nacional, o Arquivo de Simancas… perderíame en todas elas!
Así que a súa paixón pola profesión lla inculcou tamén á súa filla, que entendo que é arquiveira.
Si! Teño dúas fillas, unha delas é da que falei agora, e a outra estudou xornalismo!
Igual lles inspirou estar entre moitos libros na casa?
Poder ser!
Toca ir rematando… Non sen antes pedirlle que nos faga recomendación lectora e de actividade.
Libros recomendo: Un cubata con sabor a café e Un cubata con sabor a descafeinado, de Ana González Rey, por ser de autora Arzuá; e a Xela Arias, unha poeta rompedora! Para o público infantil e xuvenil, recomendo O espazo de fora, Contigo na nube, e un clásico: O pirata que quixo conquistar a lúa.
Pero recomendo, sobre todo, a visita a Biblioteca. Nos seus fondos podedes atopar a 1ª edición do álbum Nós de Castelao do que existen só dous exemplares rexistrados en Galicia, o do Museo de Pontevedra e o de Arzúa.
Tamén encontraredes unha edición facsímile do Atlas de Lázaro Luís da Biblioteca de Lisboa, a edición facsimilar do Libro de Horas da Condesa de Bretiandos ou a 1º edición da Historia da Basílica de Compostela de López Ferreiro, entre outros senlleiros exemplares.
Foi un pracer conversar con vostede, Ramón! Moitas grazas polo seu tempo e pola súa labor!
Categorías:Bibliotecas municipais, Noticias Bamad