Conversas “de bibliotecarix a biblitecarix”: Carolina Cid Palmeiro, Biblioteca Municipal de Allariz


Imos inagurar unha serie de entrevistas baixo o título “De Bibliotecarix a Bibliotecarix”. Este pequeno proxecto nace co obxectivo de difundir o labor que levan a cabo as persoas que traballan nas bibliotecas municipais de Galicia.

Permitide antes de nada, que se presente quen está detrás deste proxecto: chámome Déborah Romero, son veciña do municipio de Boiro, formeime na rama das humanidades e estou tentando facerme un oco no mundo da xestión cultural, en especial no ámbito das bibliotecas. Con esta serie de entrevistas tentarei  axudar a dar máis visibilidade ao labor que se fai dende as Bibliotecas Municipais de Galicia; busco tamén conseguir que as conversas sexan un testemuño e punto de encontro para saber que se fai (ou que se fixo, ou se fará) nas diferentes bibliotecas da xeografía galega, e facilitar lazos de unión entre as persoas profesionais do mundo da cultura. Quero agradecer á Asociación por axudarme a darlle ás a este pequeno proxecto.

__

“De Bibliotecarix a Bibliotecarix” inaugúrase coa entrevista a Carolina Cid Palmeiro, bibliotecaria da Biblioteca Municipal de Allariz, e, como se poderá ver reflectido ao longo da conversa, unha grande profesional que busca seguir aprendendo día a día e seguir traballando para ofertar servizos e actividades para a veciñanza de Allariz.

Bo día, Carolina. Moitas grazas por atenderme e ser a primeira nesta serie de entrevistas. Comezamos, que lle levou a querer adicarse profesionalmente neste área?
Grazas a vós por contar comigo, un pracer participar. Pois eu son mestra, e grazas a un contrato de traballo que conseguín ao pouco de rematar a carreira, puiden entrar no departamento de cultura de Allariz, no que agora somos un equipo de tres: un historiador, unha pedagoga e eu mesma. Con este contrato, comecei a traballar na biblioteca. Empecei realizando tarefas no MEIGA, e grazas a axuda da compañeira que estaba comigo nesa época, e tamén de forma autodidacta, funme formando na área de biblioteca; e pouco a pouco convertinme na responsable da Biblioteca, se ben, no Departamento de Cultura se traballa de forma conxunta e coordinada en equipo coas demais persoas que o integran.

Pensas que a túa formación académica previa axudou a converterte na profesional bibliotecaria que es agora?
Si, totalmente. Tanto a miña formación universitaria, como o meu interese persoal, foron e seguen sendo vitais para realizar o meu traballo. Os meus estudos como mestra son fundamentais sobre todo para a dinamización bibliotecaria, especialmente coa cativada. En relación á parte máis técnica, funme formando de xeito autodidacta e con distintos cursos, tanto dos que oferta a Xunta como outros que se ofertan dende outros organismos, que sigo facendo sempre que podo.

Que alegría escoitala! E, dígame, cal son para vostede as cousas máis bonitas desta profesión? E as que menos?
Pois o que máis me gusta é sen dúbida o trato directo coa xente, e gozo  especialmente dun programa de dinamización lectora que temos aquí que se chama Venres na biblioteca. O que menos me gusta é quizais o traballo máis mecánico, a catalogación de libros; aínda que tampouco me costa facelo.

Podería dicirnos cal dos proxectos bibliotecarios que levaron a cabo, lle sorprenderon máis positivamente?
Hai moitas cousas que destacar! A primeira delas, e das que máis me alegran a min, é o incremento de usuarios que estamos a presenciar dende fai uns anos. Especial cariño lle teño tamén ao noso noso Club de Lectura de adultos que puidemos arrancar no ano 2019, tras varios intentos. Hai inscritas unhas 40 persoas e polo xeral ás reunións acudían máis da metade. Deste Club teño que destacar dúas cousas moi importantes e moi bonitas: a participación activa na organización que nos presta Ánxeles, unha mestra de literatura xa xubilada, e a que lle quero agradecer enormemente o seu grande labor; e a involucración activa e participativa de todas as persoas que forman o grupo. Non nos centramos unicamente na lectura do libro e na reunión, senón que tamén organizamos moitas actividades paralelas en relación ao libro: por exemplo, viaxes relacionadas coa lectura. Ben e verdade que, tras a pandemia, tanto o número de reunións como número de asistentes ás mesmas tivo que baixar; aínda así seguímonos reunindo con certa regularidade e temos dispoñible o Salón de Actos para poder xuntarnos respectando as medidas sanitarias. Quero destacar tamén que, neste contexto, decidimos crear un grupo de chat en liña para avisar das reunións e novidades relacionadas co Club de Lectura, e grazas ao interese e iniciativa da xente, é un grupo moi activo no que se comparte moita información relacionada coa lectura: dende cancións ata fotos e vídeos.

Que bonito todo isto que me conta! Forman vostedes parte da Rede de Bibliotecas de Galicia; dígame que aspectos destacaría de formar parte dela?
Pois a verdade, é que o primeiro que destacaría é a posibilidade que temos de poder ofrecer o servizo de préstamo interbibliotecario, grazas ao carne único da Rede. O noso presuposto non sempre nos permitía adquirir todo o material que nos gustaría para formar unha colección axeitada ás necesidades da veciñanza de Allariz. Grazas a este servizo, podemos satisfacer moito mellor as demandas e necesidades informativas e de ocio das persoas, o que fai que se achegue máis xente; e economicamente está resultando moi rendible. Dentro da Rede, levamos xa moitos anos dentro do programa LER CONTA MOITO; nesta liña, ademais das actividades que organizamos para o público familiar, gustaríame destacar a colaboración estreita que temos cos centros de ensino da vila. Dende sempre lles prestamos aqueles servizos que necesitaban (cesión de espazos, actividades promovidas polas editoriais de libros: por exemplo, os encontros con autoras e autores, etc.), e dentro do programa de dinamización lectora, tentamos que as actividades que propoñemos se adecúen aos diferentes ciclos de ensino, para que todo o alumnado poida beneficiarse das nosas propostas.

Que ben que colabore cos centros de ensino!
Si, eu creo que é algo fundamental entre os servizos que debe prestar unha biblioteca. Antes esquecinme de mencionalo, pero tamén participamos como xurado nun Certame Literario que organiza o CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía, e no que participan outros centros.

Volvendo ao tema da animación lectora: antes mencionou a actividade VENRES NA BIBLIOTECA, podería contarme en que consiste?
Si, por suposto! Comezou a andar no ano 2019 e está destinada ao publico en idade preescolar; eu téñolle especial cariño, pola miña formación como mestra. Celébrase un venres ao mes, e realízase na sección infantil que ten habilitada a Biblioteca, que se está a quedar algo pequena, polo que soamente recibimos entre 10 e 15. A sesión divídese en 3 partes: na primeira delas tratamos de crear un ambiente relaxado e divertido, as seguintes partes da sesión, que dura unha hora, xiran arredor do libro. Preparamos un conto tendo en conta a etapa evolutiva da cativada, e sempre buscamos facer algo manual para que poidan participar de xeito activo.

Cando falou do Club de Lectura, xa mencionou que, a crise da COVID-19, obrigou a cambiar un pouco a dinámica do funcionamento do grupo. Hai algún outro cambio que se causara debido a esta nova situación?
A pandemia levounos a repensar algunhas estratexias de traballo e a adaptarnos ao novo contexto. Moitas das cousas que antes se facían de xeito presencial, agora fanse a través das redes sociais. As tres persoas que formamos o departamento de cultura, de xeito autodidacta, comezamos a crear contido para facer difusión a través das redes (uso de cámaras, edición de vídeos,
empregar diferentes aplicacións, etc.). Esto causou que a biblioteca se volvese máis activa: a través das páxina web e dos perfís en redes sociais do Concello de Allariz, faise difusión de todo o relacionado coa biblioteca: recomendación literarias, actividades e eventos que se organizan, novidades na colección, etc. Grazas a isto, chegamos a un maior número de persoas, o que fai que se estea a dar un incremento de participantes e asistentes nas actividades. Por último, destacar que, sempre que as características da actividade e o tempo o permiten, celebramos as actividades ao aire libre xa que temos a gran sorte de que xusto detrás do edificio hai un xardín pequeno para acoller os eventos, o que nos permite contar cunha programación cultural activa e variada.

Que alegría todo isto que me conta, Carolina! Os meus parabéns polo seu grande labor!
Grazas. Todo o traballo que facemos é posible grazas á boa sintonía que temos as tres persoas que formamos o departamento, ao perfil multidisciplinar que temos, e a que sempre traballamos de xeito colaborativo. Agora mesmo, por exemplo, estamos centradas na creación do fondo local, no que principalmente estamos traballando o meu compañeiro historiador e eu.

Que grande iniciativa! Pode adiantar algo máis?
Estamos buscando que teña unha dimensión tanto física, como en liña (na web), pois os volumes que conformen o fondo local terán o(s) seu(s) correspondente(s) estante(s), e un lugar para facer exposicións temporais; e proxectamos que se faga un labor de difusión en redes sociais.

E, tras falar de todos eses proxectos que xa existen e están tendo tan boa acollida, quería preguntarlle se algunha vez se deu o caso de que algúns deles tivera que quedarse nun caixón sen ver a luz?
A verdade é que temos a gran sorte de que ningún dos proxectos que planificamos quedaran aparcados. Grazas ao noso traballo en equipo, e a unha boa planificación e coñecemento do noso entorno sociocultural, sempre conseguimos que as actividades saian adiante.

E agora, dígame, como lle gustaría que fose a Biblioteca de Allariz no futuro?
Como xa dixen antes, a min estame a sorprender positivamente o incremento de persoas usuarias e participantes nas diferentes actividades que ofertamos. Eu creo que parte desta boa acollida é que sempre tentamos formular as propostas de xeito que involucre á poboación de Allariz; e gustaríame que eso seguise sendo así ao longo do tempo. E, xa que podo pedir, pediría poder vela ampliada; no ano 1992 a biblioteca mudou dende a planta baixa da Casa do Concello ao edificio no que está agora, que é o antigo cárcere rehabilitado. Fai xa case 30 anos disto, e daquela este espazo físico respondía perfectamente ás necesidades que existían, mais agora quédanos pequena, tanto para poder acoller unha colección máis completa, como para levar a cabo as actividades. Para que a Biblioteca sexa como a min me gustaría, eu creo que fai falla máis axuda por parte das institucións. Penso que tamén sería beneficioso en moitos sentidos unha mellor coordinación entre as diferentes administracións involucradas; pois, por exemplo, das dotacións que recibimos de libros da Deputación (que é a única liña de axudas que recibimos deste ente) en moitas ocasións carecen de interese para nós, pois non se axustan ás demandas que teñen as persoas usuarias da biblioteca. Outro exemplo que podería mencionar neste aspecto, é a subvención da Xunta para a adquisición de novidades, que, na miña opinión, tal e como está formulada e os requisitos que se precisan cumprir, presenta certo descoñecemento do funcionamento diario dunha biblioteca pequena.

Moi boas anotacións. Xa case para rematar, se puideras viaxar no tempo, ou no espazo, hai algunha biblioteca que non visitaras, e a que quixeras ter a oportunidade de ir?
Eu daría unha volta por todas elas!

E xa de remate, cal é a súa recomendación de préstamo literario? E de actividades?
Ai! Pois por ter teño tantas! Agora mesmo os títulos que me veñen son: Red Wing, Tierra sin hombres (Inma Chacón), Lluvia Fina (Luis Landero), Mejor la ausencia (Edurne Portela), Carrusel (Berta Dávila), O souto dos catro ventos (María Oruña), Memoria do silencio (Eva Mejuto), e moitos máis! No referente ás actividades, en canto o teñamos listo, animo a que a xente se achegue a visitar o Fondo Local. Por suposto, tamén animo a seguir sumando integrantes no Club de Lectura, que é un grupo moi dinámico, participativo e moi agradecido; e xa por último, como a min me resulta moi gratificante a título persoal, se alguén aínda non o coñece, invito a que se acheguen aos Venres na biblioteca.

Moitas moitas grazas, Carolina! Foi un gusto poder aprender de vostede, e do equipo de profesionais do que forma parte. Os meus parabéns!

1 reply

  1. Parabens, tanto a Deborah pola iniciativa e desenvolvemento da sección como a Carolina polo seu bo traballo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.