Conversas “de bibliotecarix a biblitecarix”: Matilde Fernández Bernárdez, Biblioteca Municipal de Arbo


Desta vez quero presentarvos a Matilde, bibliotecaria en Arbo, unha grande devoradora de libros e unha persoa moi curiosa e inquieta.

Leva 30 anos traballando na Biblioteca Municipal de Arbo, pode contarnos un pouco sobre os seus inicios como bibliotecaria?

Aínda que eu de pequena quería estudar medicina, o meu amor pola literatura e as miñas inquedanzas persoais, leváronme a ser bibliotecaria. Arredor do ano 1992, coa colaboración de diferentes entidades (a Xunta, a Deputación e a Fundación Gil Dávila) a Biblioteca Municipal abriu ao público, e eu fun a profesional encargada de xestionar e darlle vida á institución. E continúo tan ilusionada coma o primeiro día!

Que bonito escoitar que a súa paixón polos libros lle levar a querer adicarse a este mundo! Que é o que máis lle gusta facer?

Estar rodeada de libros! Gosto moito do trato ao público: encántame atender a xente e axudarlles sempre que podo! Tamén me gusta moito xestionar a colección! Dende catalogar, ata facer novas adquisicións; o principal obxectivo da biblioteca é manter unha colección atractiva e axeitada para a veciñanza.

E hai algo que non lle guste?

Non, non, gústame todo! Dáme algo a lata ter que facer todas as tarefas administrativas, pero iso nada, todo é poñerse! O que pode ser que non me guste tanto, é ver como a xente nova cada vez se desvincula máis da Biblioteca… Nun municipio coma Arbo é moi importante que teñan interese, pois, se deixan de vir, as Bibliotecas pequenas acabarán por desaparecer…

Levas moitos anos traballado de bibliotecaria, e sendo veciña dun municipio pequeno, poderías contarnos como cambiou ao longo do tempo a realidade das Bibliotecas Municipais?

Hoxe en día, afortunadamente, practicamente todos os municipios contan cunha Biblioteca, pero cando eu era máis nova, non tiñamos esta sorte. Fai uns anos, na Asociación de Mulleres Rurais publiquei un pequeno artigo na revista provincial tratando o tema das bibliotecas no rural, relacionado co que me preguntas. No artigo quixen destacar un servizo de extensión bibliotecaria que se ofertaba nesta zona cando eu era máis nova: o Bibliobús. Daquela non era doado conseguir libros e este servizo era de gran axuda e utilidade, tanto para os que estabamos estudando, como para calquera persoa que quixera ler e non contaba cos medios económicos suficientes: permitíase facer préstamo e tamén adquirir títulos (moitos dos libros que teño na miña biblioteca persoal, compreinos no Bibliobús). Penso que este servizo, ademais de ser unha grande ferramenta para a formación das persoas, tamén serviu para pór de manifesto a importancia das bibliotecas e dos seus servizos para a sociedade en todos os ámbitos da vida.

E agora que Arbo conta cunha Biblioteca; poderías contarnos algunhas das actividades que facedes?

Antes desta nova situación, recibía moitas visitas escolares, nas que se tentaba transmitir a función e importancia das bibliotecas na sociedade, os servizos que presta e, claro, animar á cativada a acudir! Ademais, participamos dende fai moitos anos no programa de LER CONTA MOITO, que funciona moi ben. Arredor de datas destacadas no calendario, como o Nadal, o 8 de marzo, ou o 17 de maio, sempre tento que se faga algunha actividade, principalmente en colaboración cos Centros de Ensino. Contamos cunha zona de estudo, a que acode a rapazada para estudar, e tamén cun espazo con equipos informáticos e de reprografía: o Telecentro, que presta un servizo esencial para moita xente. No verán, dentro da programación cultural do Concello, tamén ofrecemos diferentes actividades, que varían cada ano. E case se me esquecía! Na Festa da Lamprea de Arbo tamén estamos presentes cun posto! Un contexto moi divertido para promover a Biblioteca e a súa colección entre a veciñanza!

Un contexto moi singular para promover a biblioteca e a súa colección, si! Interesante iniciativa! Agora, cambiando un pouco de tema, que podería destacar de pertencer á Rede?

O máis salientable, como te dicía antes, é o relacionado coa catalogación! Se teño algún problema técnico co sistema, unicamente teño que descolgar o teléfono e chamar ao soporte técnico, e xa mo solucionan nun instante! É un sistema moi práctico para as bibliotecas pequenas como esta, e que ofrece uns recursos moi valiosos. Nun servizo no que non participamos, malia que me parece moi útil e importante, é no do préstamo interbibliotecario. Non contamos cos medios precisos para poder facelo; mais agardo que, co paso do tempo, poidamos sumarnos a esta estratexia de préstamo!

E agora, poñámonos a imaxinar, como lle gustaría que fose a biblioteca do futuro?
A min faríame moita ilusión que as bibliotecas sigan existindo en todos os ocos do mundo! E se me poño a pedir, pediría que o entorno dixital, que está moi ben e é moi práctico para moitas cousas da vida, fose un complemento da realidade tanxible; daríame moita mágoa saber que, cos paso do tempo, a xente deixase de poder gozar de pasar as follas dun libro mentres le, ou de acudir ao edificio bibliotecario para poder desfrutar de todo o que se lles ofrece, pois son espazos adicados á difusión cultural, ao fomento dunha sociedade activa, formada, e participativa. Outro tema importante é o económico: penso que sería importante revisar o tema de orzamento nas bibliotecas de municipios pequenos, principalmente no tocante ás adquisicións, pois a realidade e a norma moitas veces non casan. E por suposto, eu creo que é vital e necesario que as bibliotecas e o persoal que traballamos nelas se sigan presentando con agarimo á xente!

E xa que está a pedir, a que biblioteca iría se puidera viaxar no tempo ou no espazo?

Ai! Eu iría á de Lisboa, e a de Tianjin Binhai, que está na China! E a de Viena, a de París, as de Rusia, e a do Vaticano! E xa que me ofreces un billete de viaxe case máxico, eu iría as dúas de Alexandría: a nova e a da Antigüidade.

Chegou o momento da despedida, pero antes quería pedirte unha recomendación de préstamo.

E eu douchas encantada! Para a cativada recomendo que lean a Jules Verne, e a Enid Blyton; e que lean dende Harry Potter ata O Señor dos Aneis; que lean banda deseñada, que axudan moito a iniciarse na lectura e desfrutar dela! E non podo deixar de recomendar a Manolo Rivas, Agustín Fernández Paz, e miles máis! Para o público adulto, recomendo que se mergullen nas páxinas das obras de Agatha Christie, Pérez-Reverte, Juan Gómez Jurado, e a Domingo Villar, que me encanta! Eu teño e lin a súa obra tanto en galego como en castelán, e vasme permitir que lle faga unha pequena crítica: nas versións en galego o axudante de Leo Caldas perde moita graza! Ten que buscar o xeito de que iso non pase!

E para todas as persoas de calquera idade, recomendo moito que lean os clásicos: Calderón de la Barca, Lope de Vega, Cervantes, Rosalía de Castro, calquera dos títulos da literatura hispanoamericana, e obras da literatura mundial: dende Dumas ata Dostoyevski!

Que rápido se me pasou a conversa, Matilde! Moitas grazas por atenderme e participar!

A ti por invitarme! Antes de marchar, quería regalar unha pequena fábula clásica (que tamén é moi importante coñecelas) que me parece moi axeitada para estes tempos:

“Un campesino que en su alacena guardaba un queso de nochebuena, oyó un ruidito ratoncillesco por los contornos de su refresco. Y pronto, pronto, como hombre listo que nadie pesca de desprovisto, trájose al gato, para que en vela le hiciese al pillo la centinela. E hízola el gato con tal suceso, que ambos marcharon: ratón y queso. Gobierno dignos y timoratos, donde haya queso no mandéis gatos.”

E xa de remate, lembrar que, para que a xente nova lea, deben facelo tamén as nais e os pais, pois:

“Quién las virtudes predique, sin dar a la vez ejemplo, que no muy alto repique, no sea que se le aplique, lo que al Esquilón del templo” (Fábula: El Esquilón y el Gato).

Fotografía: Edificio da Biblioteca Municipal de Arbo SEGUNDO GIL DÁVILA (cedida por Matilde)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.