En 2017 contamos con 78 bibliotecas pechadas ou concellos sen bibliotecas. O 32% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 8,56€ por habitante ás bibliotecas, 1,54€ menos que no conxunto do estado (10,10€).
Isto é o que podemos tirar dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2017, publicadas polo Ministerio de Cultura.
Con respecto aos indicadores analizados estamos por debaixo da media estatal en todos agás no número de documentos por habitante. Os datos non son bos con respeto aos do conxunto do Estado. E, con respecto ás estatísticas de 2016, só melloramos nos indicadores de índice de rotación da colección, no número de préstamos por habitante, e no gasto en colección por habitante.
As análises feitas en anos anteriores, e que indican a nosa opinión ao respecto, poden verse nestes artigos publicados na nosa web
Aspectos positivos:
Como en anos anteriores recoñecemos que a administración autonómica está realizando labores que contribúen a mellorar estes datos e que, sen o seu apoio os datos serían aínda peores. Lembramos como aspectos positivos as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos: tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego e o incremento de fondos en fomato dixital de acceso a través do portal Galicia Le que incorpora tamén materiais audiovisuais. É positivo o apoio á realización de actividades de animación á lectura (Ler Conta Moito). Tamén a mostra de interese na mellora das ferramentas de xestión coa implementación de Koha como software de xestión bibliotecaria que xa ten integrado na Rede a práctica totalidade das bibliotecas públicas.
Para a mellora da Rede de bibliotecas a Xunta publicou varias ferramentas de planificación: o Mapa e os Indicadores de bibliotecas. Agora é necesario unha revisión e adaptación dos indicadores e establecer políticas que fagan que se cumpran.
Aspectos negativos:
Temos que sinalar o mesmo que destacamos en anos anteriores e que, por desgraza, non vemos mellorar como a redución das partidas orzamentarias e a falta de control das políticas e accións levadas a cabo desde os concellos nos que nos encontramos con casuísticas, por desgraza bastantes habituais, de contratacións de persoal non especializado e/ou compartindo praza con outros postos que nada teñen a ver coa xestión da información e documentación. Bibliotecas municipais con partidas tamén escasas ou inexistentes. Locais que non cumpren os parámetros do que debería ser unha biblioteca pública… É importante que se desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer. E, aínda que non somos partidarios de medidas coercitivas, cremos que, desde a Xunta de Galicia, respetando a potestade organizativa dos concellos, se debe supervisar a correcta xestión dos servizos bibliotecarios municipais e, desde logo, non se debe premiar aqueles concellos que non cumpran coa obriga de prestar servizos de calidade.
Por outro lado, a dispersión e a perda de poboación, non permiten que concellos pequenos poidan prestar servizos de calidade. É necesario regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas. Hai que prestar servizos nos que colaboren os Concellos, as Deputacións e a Xunta e hai que procurar dotar de servizos bibliotecarios a toda a cidadanía, mesmo á que non ten servizos nos seus concellos, mediante servizos de préstamo e lectura electrónica, mediante servizos móbiles… ou outros servizos que poidan facilitar a difusión e uso dos recursos bibliográficos.
Resumo estatístico de Galicia 2017:
Datos Xerais: contamos con 249 bibliotecas públicas (1 menos que en 2016) que prestan os seus servizos en 336 puntos de atención bibliotecaria (10 menos que en 2016). 78 concellos en Galicia non dispoñen de ningún servizo bibliotecario.
No número de documentos por habitante estamos por encima da media. Contamos con 2,15 doc/hab, mentras que no estado a media é de 1,91. Dato que non necesariamente ten que ser bo xa que necesita dunha Avaliación da colección.
No número de documentos adquiridos por habitante estamos bastante por baixo da media. En Galicia no 2017 adquiríronse 67,37 doc/hab., mentras que no estado a media foi de 77,50. (71,43 e 72,66 respectivamente en 2016). Descenso en Galicia e aumento no conxunto do estado. Unha diferenza de máis de 10 puntos nas adquisicións afastándonos con moito da media estatal.
No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,75, mentras a media do estado foi de 2,25. (1,81 e 2,30 en 2016). Baixada importante con respecto aos anos anteriores, inflúen factores de perda de poboación, avellentamento, dispersión… A baixada tamén se reflicte no Barómetro: Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España 2017, FGEE, 2018
Só o 32,38% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentras no estado a media é de 36. (33,85 e 36,99 en 2016) Increméntase a diferenza con respecto ao estado, pero no caso galego xustifícase, de momento, polo cambio de programa de xestión bibliotecaria que leva a eliminar usuarios duplicados nas bibliotecas, o que aínda terá influencia nos datos estatísticos dos seguintes anos até se estabilizar o cambio.
Prestamos menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,82 mentras que no estado se prestou 1 doc/hab. (0,80 e 1,06 en 2016). Ten que ver co indicado no primeiro punto de que se debe avaliar a colección para ver a súa pertinencia frente á demanda dos usuarios. Por outro lado están factores xa indicados como dispersión da poboación, concellos sen servizos bibliotecarios… Aínda así en 2017 prestáronse máis documentos que en 2016 que xunto coa baixada dos préstamos no estado fai qeu nos vaiamos achegando, aínda con moita distancia, á media estatal.
As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 2,53 frente a 5,16 act/1.000 hab. (2,40 e 4,84 en 2016). Incrementouse con respecto ao 2016, pero ao incrementarse tamén no estado fai que a diferenza con respecto á media estatal sexa moito maior afastándonos da media.
Nos gastos correntes destinados ás bibliotecas públicas en Galicia destinouse 8,56€/hab, mentras que no estado o gasto foi de 10,10€. (8,66 e 9,94 en 2016). Diminúe en Galicia e aumenta no estado polo que se incrementa negativamente a diferenza coa media estatal. Nos factores podemos indicar que aínda non se recuperaron para as bibliotecas os orzamentos dos anos previos á crise tanto a nivel autonómico como na administración local.
En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 4.819 habitantes, mentras que no estado teñen 1 por cada 4.308 habitantes. (4.638 e 4.364 en 2016). Non temos constancia da baixada no número de persoal bibliotecario. Sen embargo estes datos indican que contamos con menor número de persoal para atender a unha poboación que por outro lado tamén se reduciu de maneira importante polo que, co mesmo persoal, deberíamos poder atender a un menor número de habitantes. En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 584 traballadores en 2016 e 561 en 2017. 23 persoas menos que inciden nun incremento da poboación atendida. Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros… De novo volvemos plantexarnos, como nas reflexións do inicio, o papel dos concellos na xestión das bibliotecas municipais ás que destinan pequenas partidas orzamentarias e pouco persoal. Tamén é necesario analizar o papel das Deputacións que non colaboran no desenvolvemento das bibliotecas e das políticas bibliotecarias das súas provincias.
Comparativa 2016-2017:
(Premendo na imaxe poden verse os datos comparativos do 2016 e 2017 coa media galega e por provincias)
Na Coruña a 19 de agosto de 2019
Xunta Directiva de Bamad Galicia
Categorías:Bibliotecas públicas, Noticias Bamad