O día 9 de xuño celebramos o Día Internacional do Arquivos, #IAW2019
Desde a súa creación, en 2008, o Día Internacional dos Arquivos pretende dar a coñecer:
-
Aos sectores públicos e privados, a necesidade de resgardar os arquivos e facilitar o acceso a eles.
Ao documentar as actividades e decisións tomadas, os arquivos proporcionan tanto a continuidade dos organismos públicos e privados e a xustificación dos seus dereitos, así como os dos individuos e os estados.
-
Ás autoridades públicas, os beneficios de contar cun rexistro documental eficaz para establecer un bo goberno.
Os arquivos son parte do patrimonio cultural e unha das principais fontes de información. O patrimonio documental proporciona evidencias significativas para o desenvolvemento económico, político, social e cultural da humanidade.
-
Ao público en xeral, a importancia dos arquivos.
Os arquivos constitúen a memoria das nacións e das sociedades, forman a nosa identidade e son pedra angular da sociedade da información.
Tema da campaña 2019: “Deseñar Arquivos no século XXI” #IAW2019
“Deseñar Arquivos” propón situar a xente no centro do que facemos profesionalmente. A campaña fai fincapé sobre o rol da nosa profesión no Século 21 onde arquivistas, xestores documentais e profesionais da información xogan un papel vital na xeración de oportunidades que permita o desenvolvemento dun deseño humanista en beneficio da cidadanía e a comunidade en xeral.
BAMAD Galicia ten sempre os profesionais no centro da nosa actividade e no Día Internacional do Arquivos queremos compartir que as arquiveiras e arquiveiros desenvolvemos un traballo fundamental para conservar o patrimonio, para conformar a memoria, e para a gobernanza dos territorios. Para podelo realizar, reivindicamos:
-
máis arquivistas para poder garantir o futuro do patrimonio documental,
-
recoñecemento das responsabilidades da profesión de arquivista,
-
remuneracións axeitadas a esas responsabilidades,
-
máis arquivos e máis medios e infraestruturas para os que xa existen, para poder desenvolver o traballo.
-
E a aprobación do Plan de Arquivos, previsto na Lei de Arquivos de Galicia, que se realice con perspectiva de xénero e afecte a todos os procesos arquivísticos, e que conte con dotación orzamentaria suficiente
Configurar unha memoria conscientemente construída na que as e os arquivistas teñan un protagonismo recoñecido ten que ser unha tarefa prioritaria na nosa sociedade
Feliz Día Internacional dos Arquivos!
Na Coruña a 6 de xuño de 2019
Categorías:Arquivos, Cultura e Patrimonio, Noticias Bamad