Memoria Actividades Bamad Galicia 2022


Presentación da Memoria de actividades 2022 de Bamad Galicia

Memoria anual de actividades da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, Bamad Galicia, correspondente ao ano 2022.

*Nota: en 2021 non publicamos o artigo sobre as Memorias, pero están todas disponibles a texto completo desde o 2014 na web.

Presentamos a Memoria anual de actividades da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, Bamad Galicia, correspondente ao ano 2022. Como en anos anteriores, os eixos de traballo foron: a defensa das nosas profesións, a realización de actividades formativas e o contacto coas persoas asociadas.

Medios de comunicación:

Non conseguimos tanta repercusión nos medios de comunicación como outros anos pero a noticia da Valorarión das Estatísticas de Bibliotecas Públicas de Galicia 2020 resultou ser de interese para os medios, tendo reflexo tanto na prensa como na política durante varias semanas. Os datos non eran bos e a análise que fixo a asociación contribuíu a reflectir un momento delicado para as bibliotecas públicas galegas.

Algún medios téñennos de referente antes noticias de interese para o mundo das bibliotecas e dos arquivos solicitando a nosa colaboración en forma de entrevistas ou solicitándonos datos para completar as noticias que publican.

En canto ás nosas redes sociais: aumentamos no número de seguidores de Facebook e aumentamos no de Twitter, así como nos seguidores, visitantes e lectores da web. Sinalamos que comezamos a publicar vídeos na nosa canle de Youtube en abril de 2022 contando xa con 34 subscritores. Temos que agradecer a participación dunha socia na elaboración de contidos na web coa publicación de Conversas de bibliotecarix a bibliotecarix con 8 novas publicadas en 2022 que implicou ese aumento significativo de visitantes e lectores, así como a participación de outro socio na elaboración da noticia da Valoración dos datos estatísticos da BP de 2020. Descendemos en número de lectores na web con respecto ao ano 2021, pero ese foi un ano especial no que levamos actividades á rede a través da realización de webinarios. Volvemos a unha situación de “normalidade” superando os usuarios e lectores dos anos anteriores ao 2021.

Defensa da Profesión:

Desde a Asociación tivemos menos intervencións ante a administración que noutras ocasións debido á paralización das convocatorias ao poñerse en marcha o proceso de consolidación de emprego en todas as administracións. Aínda así tivo importancia o seguimento e as intervencións ante as situacións das Bibliotecas da Coruña e de Ferrol e foi escandaloso o proceso da convocatoria de auxiliar de biblioteca de Ribeira que a día de hoxe paralizou o proceso e aínda non responderon as alegacións presentadas polas persoas opositoras, por Bamad e pola Valedora do Pobo.

Retomouse o traballo do Grupo de Defensa co seguimento do proceso de Certificación Profesional en Bibliotecas, do que xa informamos a comezos de 2023 da continuidade do proceso. O Secretario da asociación forma parte do Observatorio da Profesión de Fesabid.

Colaboración Institucional:

Dentro deste apartado contamos co traballo de relación nos últimos anos coa Deputación da Coruña, que derivou na concesión de subvencións por entidade máis representativa e axudas para a realización das Xornadas de Memoria Documental de Galicia. Continuamos a colaboración formativa cos cursos da Fegamp.

Contamos co convite do BNG e PSdeG-PSOE para participar en reunións e no intercambio de información para presentación de mocións e iniciativas lexislativas no Parlamento.

Na Xunta temos representación no Consello de Cooperación Bibliotecaria e no Consello Asesor do Libro e da Lectura, nos dous participamos de maneira proactiva coa presentación de iniciativas e na proposta de alegacións como as realizadas ao novo Mapa e Estándares de Bibliotecas

Ofertas de emprego e bolsas de emprego e formación:

Realizamos un maior seguimento das convocatorias públicas e das privadas que chegaron ao noso coñecemento ou foron realizadas a través de nós. O número de ofertas de emprego públicas e privadas, bolsas de formación, e convocatorias, relacionadas coas nosas profesións difundidas incremetouse en grande medida debido ás convocatorias dos procesos de consolidación nas administracións, sobre todo a finais de ano con 460 ofertas realizadas.

Formación:

A formación tivo unha novidade importante en 2022 ao realizarmos en colaboración coa Fundación Olga Gallego, as Xornadas de Memoria Documental de Galicia, As Mulleres, a información e os centros da memoria, iniciativa que naceu con idea de ser realizada cada 2 anos con novas temáticas.

Realizáronse en total 9 actividades, tanto propias como en colaboración, na que destaca continuarmos a relación co Salón do Libro de Pontevedra e coa Fegamp, con 202 persoas formadas,

Colaboramos na difusión das actividades das entidades de Fesabid, da AAV, entidades coas que temos relacións e acordos de colaboración. Neste sentido cada vez son máis as persoas de outras entidades que participan nas nosas actividades formativas e de membros de Bamad que participan nas de outras entidades co desconto de persoas socias.

Temos que destacar que se reiniciou a actividade do grupo de traballo de Formación de Fesabid na que se incorporou a nosa Tesoureira e responsábel de Formación.

Persoas socias:

Continuamos estables no número de persoas socias, con incremento con respecto ao ano anterior, contando en 2022 con 187 persoas. As altas nos últimos anos continúan superando as baixas que se deben principalmente a motivos económicos e de xubilación de persoas socias.

En canto á participación das persoas socias comezamos a contar con colaboracións estables de persoas socias que axudan a realizar as actividades os grupos de traballo e a realizar novos proxectos. É necesario agradecer ás persoas que se implican persoalmente co seu tempo en colaborar coa directiva na realización de actividades e publicacións e que indicamos nominalmente nesta Memoria.

Memoria de actividades 2022 completa.

A Xunta Directiva

Marzo 2022

Categorías:Noticias Bamad

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.