Lembranza a Francisco Fernández del Riego: galeguista, activista e bibliotecario


Don Francisco Fernández del Riego é unha figura singular, recoñecido e premiado como un dos grandes intelectuais galeguistas que destacou tamén como político, editor, escritor, orador, bibliotecario, colaborador en prensa…. sempre vinculado á posta en valor do noso país.

Promoveu que a Real Academia Galega constituíse o dia 17 de maio como Día das Letras Galegas para homenaxear a unha figura destacada pola súa defensa da lingua e a literatura galegas, e este ano 2023 o homenaxeado será el.

BAMAD Galicia quéreo lembrar con motivo deste agasallo nunha faceta máis do seu amplo activismo, que nos vincula con el especialmente, xa que foi presidente desta asociación, por entón chamada ANABAD Galicia, entre 1990 e 1993.

Baixo o seu mandato, acompañado por Luís Martínez García (vogal de arquivos), Mª Jesús Soto Fernández (tesoureira), Mª Carmen Pérez Pais (secretaria), Félix de la Fuente Andrés e Tomás Fernández Fuertes (vogais de museos) establecéronse convenios coa Xunta de Galicia para organizar cursos de bibliotecas, arquivos e museos e para elaborar o Censo Guía de arquivos privados. E non esquecemos que, coordinado por Pedro López Gómez e Carlos González Guitián, viu a luz por primeira e única vez o Directorio de Arquivos, Bibliotecas e Museos de Galicia.

Tamén se implicou na defensa dos profesionais dos arquivos, bibliotecas e museos galegos, consolidando o labor iniciado por Pedro López Gómez, nestes anos nos que a Comunidade Autónoma acababa de recibir a transferencia da xestión dos centros da memoria por parte da Administración Central.

Foi substituído como presidente da asociación por outra ilustre figura, Dona Olga Gallego Domínguez, na asemblea celebrada o 23 de xaneiro de 1993.

Lembramos con agarimo a Don Paco, que tivo tempo para estender o seu esforzo tamén aos Arquivos, ás Bibliotecas e aos Museos galegos, reivindicándoos como centros de saber, de formación e como interlocutores das institucións e defendendo rigorosamente ás e aos profesionais, sumándonos así á comunidade no seu recoñecemento.

Categorías:Sen clasificar

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.