Compartir, innovar, medrar: a experiencia da Biblioteca Neira Vilas de Vigo


Unha oportunidade para compartir experiencias con BAMAD

Convidámosvos a un novo encontro profesional para coñecer unha biblioteca municipal de proximidade e os seus servizos con especial interese no Mapa Literario de Vigo

14 de novembro de 2026, de 12 da mañá as 18,30 h.

Inscrición

Programa:

  • 12h. Encontro na biblioteca Neira Vilas (Rua Martínez Garrido 21)
    • Mapa Literario de Vigo.- Susana Rodríguez
    • Programación da biblioteca: Noelia Candal, Mar García
  • 14h. Comida na Taberna San Amaro (Rúa Rogelio Abalde 7)
  • 16h. Ruta Literaria do Mapa Literario polo centro de Vigo. Saída desde a Taberna San Amaro

O encontro con BAMAD é unha ocasión para dar a coñecer iniciativas que nacen do traballo cotián dunha biblioteca pública municipal de proximidade e que poden resultar inspiradoras para outros centros.

O Mapa Literario de Vigo exemplifica como un proxecto impulsado desde unha biblioteca pode transcender o espazo físico, construír un recurso cultural dixital e establecer conexións entre a colección bibliográfica, o territorio e a cidadanía.

Xunto a el, a programación estable de clubs de lectura, narración oral, creación literaria e actividades para públicos diversos amosa o potencial das bibliotecas como espazos vivos de cultura, participación e innovación.

A Biblioteca Xosé Neira Vilas traballa para que os libros non queden nos andeis: que saian á rúa, dialoguen coa cidade e se convertan nun punto de encontro entre as persoas.

Unha biblioteca que conecta literatura, territorio e comunidade

Unha biblioteca aberta á cidade e á cidadanía

A Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas concíbese como moito máis que un espazo de consulta e préstamo de libros. É un lugar de encontro, participación, aprendizaxe e creación cultural, cunha programación estable dirixida a diferentes idades e públicos.

O seu traballo céntrase na promoción da lectura, na formación de persoas lectoras, na colaboración coa comunidade educativa e no desenvolvemento de actividades que achegan a cultura á vida cotiá. A biblioteca busca que cada persoa poida atopar nela unha oportunidade para descubrir, aprender, compartir experiencias e establecer vínculos coa súa contorna.

O Mapa Literario de Vigo: a cidade contada a través dos libros

Un dos proxectos máis representativos da biblioteca é o Mapa Literario de Vigo, unha iniciativa posta en marcha en 2018 que permite descubrir a cidade a través das obras literarias que a teñen como escenario.

O proxecto parte dunha idea sinxela e poderosa: as cidades tamén se poden ler. As rúas, os barrios, os edificios, as paisaxes e a ría convértense en escenarios de ficción e adquiren novos significados a través das historias que neles transcorren.

O mapa transforma Vigo nun itinerario literario no que as diferentes paradas permiten relacionar lugares concretos con novelas, autores e fragmentos das obras. A súa versión dixital facilita a consulta das localizacións, a información bibliográfica e o acceso aos espazos reais mediante ferramentas de xeolocalización.

A iniciativa foi medrando ata reunir preto de 300 obras, converténdose nun recurso cultural e documental de interese para a promoción lectora, a investigación e a difusión do patrimonio literario local.

O mapa non é un proxecto pechado: está concibido como un recurso vivo, susceptible de incorporar novas obras, localizacións e achegas. Así, a biblioteca contribúe a recuperar a memoria literaria da cidade e a establecer un diálogo entre a literatura, o territorio e as persoas que o habitan.

Unha programación diversa para ler, escoitar, crear e compartir

A actividade da biblioteca desenvólvese ao longo do ano mediante propostas que combinan a lectura, a narración oral, a creación e a participación cultural.

  • Clubs de lectura. Diferentes grupos de persoas adultas e novas reúnense arredor dos libros para compartir interpretacións, descubrir autoras e autores e converter a lectura nunha experiencia colectiva. A biblioteca conta tamén cun club de lectura xuvenil.
  • A Hora dos Contos. Unha programación de narración oral que achega os contos ao público infantil e familiar, favorecendo o contacto coa tradición oral, a imaxinación e o pracer de escoitar historias.
  • Contos Dakí. Un ciclo de narración oral para público adulto que explora outras culturas, tradicións e formas de contar, reivindicando a palabra falada como patrimonio cultural compartido.
  • Entre Arrolos e Contiños. Unha proposta dirixida á primeira infancia e ás familias, na que os contos, a música, os sons e os libros acompañan os primeiros contactos coa lectura.
  • Club de cine. Un espazo de encontro no que as persoas participantes ven películas ou curtametraxes desde a casa e se reúnen posteriormente na biblioteca para conversar e reflexionar sobre os temas que suscitan.
  • Obradoiros de creación literaria. Actividades que ofrecen ferramentas para experimentar coa escritura, desenvolver a creatividade e descubrir a literatura tamén desde a perspectiva de quen escribe.
  • Actividades temáticas e exposicións bibliográficas. Propostas arredor de autoras e autores, celebracións culturais, efemérides e temas de interese social que permiten descubrir novos libros e dar visibilidade a coleccións da biblioteca.
  • Programación infantil, familiar e escolar.

A Hora dos Contos. Unha programación de narración oral que achega os contos ao público infantil e familiar, favorecendo o contacto coa tradición oral, a imaxinación e o pracer de escoitar historias.

Contos Dakí. Un ciclo de narración oral para público adulto que explora outras culturas, tradicións e formas de contar, reivindicando a palabra falada como patrimonio cultural compartido.

Entre Arrolos e Contiños. Unha proposta dirixida á primeira infancia e ás familias, na que os contos, a música, os sons e os libros acompañan os primeiros contactos coa lectura.

Club de cine. Un espazo de encontro no que as persoas participantes ven películas ou curtametraxes desde a casa e se reúnen posteriormente na biblioteca para conversar e reflexionar sobre os temas que suscitan.

Obradoiros de creación literaria. Actividades que ofrecen ferramentas para experimentar coa escritura, desenvolver a creatividade e descubrir a literatura tamén desde a perspectiva de quen escribe.

Actividades temáticas e exposicións bibliográficas. Propostas arredor de autoras e autores, celebracións culturais, efemérides e temas de interese social que permiten descubrir novos libros e dar visibilidade a coleccións da biblioteca.

Programación infantil, familiar e escolar. Programas escolares.Visitas dinamizadas, contacontos e actividades adaptadas ás diferentes etapas educativas, co obxectivo de achegar a biblioteca á comunidade escolar e fomentar hábitos lectores desde idades temperás.

Unha biblioteca que crea comunidade

A programación da Neira Vilas procura que a biblioteca sexa un espazo accesible, participativo e integrador. As actividades non se limitan á transmisión de contidos culturais: buscan crear relacións, facilitar o intercambio de experiencias e promover a participación de persoas con diferentes intereses e traxectorias.

Neste sentido, a biblioteca entende a promoción lectora como unha tarefa transversal, relacionada coa educación, a convivencia, a memoria colectiva, a creatividade e o acceso á cultura.

Inscríbete:

Se queres vivir en primeira persoa novos proxectos bibliotecarios, entrar en contacto con outros profesionais do sector e compartir experiencias, inquedanzas e ideas, inscríbete (até o xoves 12 de novembro) e comparte connosco a experiencia Neira Vilas!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.