O día 6 de maio queremos celebrar que BAMAD-Galicia cumpre 40 anos, 40 anos de compromiso para chegar ata hoxe. Desde aqueles anos 80 no que Pedro López impulsou e presidiu a primeira directiva pasaron moitas xornadas, cursos, reunións, demandas, moitas persoas que determinaron o que hoxe é BAMAD-Galicia: unha asociación na que a defensa das nosas profesións, a participación das persoas asociadas, o fomento da conservación e divulgación do patrimonio do país seguen sendo obxectivos fundamentais.
Vamos celebrar este 40 aniversario cun encontro no que reflexionaremos sobre como os centros de arquivos e bibliotecas deben asumir compromisos éticos e profesionais que nos permitan avanzar cara a construción dunhas Bibliotecas e Arquivos nos que os principios democráticos e as garantías de participación cidadá sexan eixos fundamentais de traballo e desenvolvemento.
O Encontro titularase. Democracia e Participación en Bibliotecas e Arquivos, 40 anos de BAMAD-Galicia
Se os principios democráticos e a participación cidadá son alicerces que sosteñen a armazón do noso país, deben encontrar acomodación nos marcos teóricos e nos deseños prácticos que vertebran as nosas profesións.
Para iso o 6 de maio pensaremos sobre como incorporar ás técnicas propias de arquivos e bibliotecas e ás estruturas e aos procesos de traballo nas institucións da memoria o fomento da participación e da colaboración pública nos procedementos e servizos e deste xeito contribuír á consecución dos fins do goberno aberto.
A transparencia na xestión, o impulso da comunicación, a descrición compartida, a decisión cidadá, o apoio a iniciativas comunitarias, a valorización de documentos da comunidade, a interacción coa sociedade civil, etc. serán elementos sobre os que crear uns centros da memoria máis próximos, confiables, democráticos e xustos.
Esperámosvos o sábado 6 de Maio ás 11h. no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
Programa:

11:00 h. Inauguración/recepción
11:15 Charla de experta sobre participación e democracia en bibliotecas. Alicia Sellés Carot
11:45 Charla de experta sobre participación e democracia en arquivos. Fátima Rodríguez Coya
12: 15 Debate
12:30 Charla experta: Vladímir Kosarevsky, bibliotecario ruso exiliado en Galicia (tradución de Lisa Tseatsura)
12:45 Mesa: expert@s/representantes de asociacións (modera BAMAD)
- APEI: Chelo Veiga, Presidenta de Apei
- ANABAD-Cantabria: David de Obregón, Presidente de Anabad-Cantabria
- ACAL: Paloma Vaquero, Presidenta de ACAL
- Asociación de Archiveros del Principado de Asturias AAPA: Fátima Rodríguez Coya, presidenta de Asociación de Archiveros del Principado de Asturias
- FESABID: Mª Teresa Delgado Sánchez, Secretaria de Fesabid
14:15 Peche
Xantar
Visita cultural
Categorías:Actividades Bamad, Arquivos, Bibliotecas, Noticias Bamad, Xornadas e Congresos