Conversas de bibliotecarix a bibliotecarix: Fany Gómez, Rede Bibliotecas Municipais de Ferrol


Agardamos que teñades unha boa entrada no cuarto mes do ano!
En abril podedes ler a Conversa con Fany Gómez, da Biblioteca Municipa de Ferrol; un equipo en loita pola defensa da Biblioteca Municipal.

Antes de comezar, paréceche se damos o contexto xeral da Biblioteca de Ferrol?
En Ferrol existe unha Rede Municipal de Bibliotecas, sendo a central a da Praza de España, e 2 sucursais: unha na Praza do Inferniño (2003) e outra na de Caranza, nun barrio máis populoso (1997).

A Biblioteca Central, tal e como se coñece hoxe en día, inaugurouse no ano 2007, reformouse o antigo Banco de España. No ano 2012 convértese en Central Territorial, xa que se daba servizo a unha grande área de poboación. Dende o primeiro momento, tanto o horario que tiña a biblioteca, de 9:00 a 21:00 horas, como o número de mostradores ao público, que son 4, nunca tivo unha correlación co número de persoal no equipo humano.

En 2017, a Biblioteca do Inferniño pecha, motivado en gran parte pola xubilación da persoa que estaba alí traballando; ademais o edificio tiña e ten varias filtracións de humidade. No ano 2021 decídese desmantelar dita Biblioteca, principalmente porque está moi preto da Biblioteca Central, e non tiña moito sentido ter unha sucursal a uns 800 metros da Central. O fondo trasladouse aquí e parte del foi doado a varias Asociacións Veciñais.

A Biblioteca de Caranza pecha no ano 2019, de novo por mor dunha xubilación. En verdade, a persoa titular da sucursal xa se xubilara anos antes, mais seguiuse dando servizo por persoas bolseiras e persoal temporal. A idea era que ía estar pechada temporalmente, mais segue coas portas pechadas ao público. Evidentemente, séguese a facer a xestión do fondo: control de humidade, temperatura, limpeza, e demais tarefas, pero o persoal que hai agora mesmo en activo non é suficiente para levar a cabo esta tarefa coa asiduidade debida.

Mencionas que a Biblioteca Central non contaba cun equilibrio servizos-persoal.
Non, como digo, o que se planificou de cara a horarios e servizos, non se viu correspondida cun cadro de contratacións. A situación foise sorteando dende o 2007 con persoal bolseiro, que xa había antes, pero era de apoio, a partir dese momento xa foi parte do cadro de persoal.

Hai que mencionar que parte do cadro persoal é auxiliar administrativo que, aínda que fagan tarefas de atención ao público nos mostradores, non é realmente a súa función, sendo un gran problema tendo en conta que esta é unha Biblioteca Central Territorial.

Dende o 2007 dependendo de bolseiras!?!?
Pois si, un mal endémico aquí. Dende o 2007 había normalmente entre 5 e 6 persoas bolseiras; no ano 2018 convócase unha bolsa de 8 prazas de prácticas para antigo estudantado en convenio Universidade da Coruña. As bolsas tiñan unha serie de características, entre outras cousas, unha duración de 2 anos. No ano 2020 o convenio renóvase pero, xa non puido ser renovado unha terceira vez xa que non se podía seguir cubrindo vacantes profesionais con contratos de prácticas. Esta situación foi unha evidencia moi clara da gran dependencia que tiña a Rede de Bibliotecas Municipais de Ferrol de persoal bolseiro, algo que non debe suceder en ningún sitio. Non quero dicir con isto que non se deba ter persoal en prácticas, pero este debe ser un complemento do motor, non o motor en si.

Dende logo. E isto foi a gota que encheu o vaso?
Si, en gran parte si. O convenio de prácticas rematou en 2022, ano no que tamén se xubilou a Dirección. Neste momento, en marzo do ano pasado, acabamos por ser 9 persoas en cadro: 3 técnicos, 1 conserxe, 4 auxiliares administrativos e 1 auxiliar de biblioteca (que entrou no 2022, dunha oferta de 2018).

A mínimos.
Dende o Goberno Municipal contrataron 4 auxiliares administrativos durante 9 meses, pola acumulación de traballo; pero, isto, sendo realistas, era un parche.

E o parche non foi capaz de pechar o burato do problema.
Non, claro que non. E esa foi unha decisión que tomaron de xeito unilateral, sen contar coa opinión das profesionais da Biblioteca; pois aínda que o persoal auxiliar administrativo foi de gran axuda non debemos esquecer que non teñen, nin deben ter, formación no campo da biblioteconomía e isto, sendo claras, cun cadro de persoal a mínimos nunha Rede, non é a solución.

Entendo. E unha vez pasan estes 9 meses, xa fai aguas toda a situación.
Si. O contrato estendeuse ata o 31 de decembro. Durante eses meses de parche, non se traballou para atopar unha solución ao problema, nin houbo tampouco nese tempo mesa de negociación para tratar a situación atendendo as características dos contratos de todas as persoas que forman parte do equipo. E chegou xaneiro de 2023 e a Biblioteca atópase cun cadro de persoal insuficiente para cubrir horarios de atención ao público e servizos. A solución que se deu ata agora é abrir 2 semanas en horario de mañá e outras dúas de tarde. E nesa situación estamos aínda. E por iso iniciamos a folga.

Non deixo de darlle voltas ao asunto, por que cres que se dependeu tanto e dende o primeiro momento de persoal bolseiro. Que credes que falla ou falta para que se forme e se manteña un cadro de persoal profesional axeitado? Sei que non é un mal exclusivo do mundo bibliotecario ou da cultura, mais é o que nos ocupa agora.
Máis alá dun tema político, neste caso, é falta de concienciación en xeral por parte dos Gobernos locais. Hai que pensar que durante este tempo, cun horario de 9 a 9, a xente acode á biblioteca. A afluencia de persoas usuarias diarias ás que atendiamos é de 700; e neste tempo, sempre se puido ofrecer atención ao público, dando así a sensación de que funciona, de que o problema non existe e que o parche é suficiente. O parche ademais era moi rendible economicamente: o persoal bolseiro é persoal precarizado porque é barato e así evítase ter que convocar prazas. Pero nestes anos, o parche serviu para saír do paso e de cara ao escaparate, atendíase a 700 persoas diariamente. Isto acabou por crear unha situación na que semellaba que o problema non era, e non había compromiso nin consciencia. Exemplo disto é cando se convocan prazas 2 para persoal de Bibliotecas (sen esquecer que serían necesarias 8 prazas para a Central, e pasando por alto as sucursais) non era preciso ter unha formación específica en Bibliotecas e iso, na situación na que estabamos non era o ideal, porque o que era necesario era contar con persoal con formación bibliotecaria. Seguindo nesta liña, no momento no que o cadro de persoal queda a mínimos, houbo falta de comprensión en entender que o traballo xa non podía sacarse adiante do mesmo xeito.

Dende a dirección da Biblioteca esta situación sempre foi posta en coñecemento das autoridades competentes, en cada informe anual incidíase na delicada problemática que existía, aconsellando buscar solucións efectivas e eficientes para non rematar nunha situación como na que nos acabamos por atopar. Acabaron en saco roto todas estas peticións.

Unha situación que se deu o ano pasado, que penso ilustra moi ben a falta de comprensión tanto da Institución como da profesión, foi que, por mor dunha baixa por enfermidade duns días, dende o Concello preguntouse, a través dun correo electrónico enviado a todo o persoal municipal, se alguén podía ir cubrir de xeito voluntario esa baixa. Penso que esta cuestión non se pensaría en plantexar se, por exemplo, hai unha persoa menos na Estación de Bombeiros. Entendo que non é comparable, pero aínda así…

En definitiva, é falta de concienciación e desinterese por coñecer como é e como funciona unha Biblioteca, e sobre todo, entender que o traballo que se fai non é só o que se ve.

A situación que comentas, denota unha falta de empatía da profesión bibliotecaria en particular e ata diría que das profesións na rama de cultura en xeral.

E nesa situación na que vos atopades, que realidade pode apreciar a veciñanza?
Penso que son conscientes da situación límite e precaria que está a vivir a Biblioteca. Non só polos cambios de horario, senón tamén porque a programación de actividades foise reducindo notablemente: pasamos de organizar actividades todos os días a non ter ningunha; a que se foron pechando as sucursais de xeito paulatino; que as caras que atendían nos mostradores cambiaban cada certo tempo, xa que era persoal bolseiro; en fin, penso que o dramático do asunto era palpable e visible tanto dende fóra como de dentro.

Pensa que, ao contrario que de quen goberna e gobernou, si son conscientes da labor dos profesionais e da importancia de manter servizos e actividades de calidade.
Si. Na manifestación que convocamos en xaneiro achegáronse 400 persoas para dar apoio.

Que ben!
Si, o apoio visible da veciñanza é de agradecer e moi necesario, pois que mellor mensaxe de apoio á causa que a de centos de persoas manifestándose por loitar por un servizo cultural público de calidade.

Mencionar que dende xaneiro ata o día de hoxe, entraron por rexistro máis de 100 solicitudes de persoas usuarias solicitando que se busque unha solución ao problema xa que non poden facer uso duns servizos que lle son esenciais e necesarios.

E tamén, que existe unha plataforma en redes sociais para dar apoio á causa; na que ademais diferentes personalidades da cultura, coma Irene Vallejo, James Rhodes, ou Isabel Gemio, transmitiron o seu apoio.

Parte do equipo de profesionaisda Biblioteca de Ferrol. De esquerda a dereita: Rocío García (aux. administrativo), Olalla Losada (aux. de arquivo e bibliteca), Silvia Rico (aux. administrativo). Imaxe cedida pola entrevistada.

Vaia! Iso si que é apoio!
Si. Esta folga a facemos con todas as consecuencias e sobre todo, pola veciñanza xa que nós, se non tiveramos ganas de loitar pola causa, polo que fose, poderiamos facer o noso traballo ata onde se puidese chegar coas limitacións existentes, e punto.

Esta reclamación faise principalmente para poder ofrecer un servizo de calidade, loitar pola creación de postos de traballo dignos e axeitados, e que a veciñanza poida facer uso dun servizo público cultural esencial no noso día a día.

Todo ese apoio que recibides, fala moi ben do voso traballo ao longo dos anos!

E como é e foi a comunicación cos diferentes Gobernos municipais a longo do tempo? Entendo que non todo o fluído que debería.
En relación ao que comentaba antes, a falta de concienciación e entendemento do traballo que se fai nunha biblioteca e o que, por Lei, debe prestar á veciñanza, especialmente nunha área de 60 mil habitantes, foi a principal causa no pouco interese na comunicación para solucionar o problema. Tendo constancia como a tiñan da necesidade imperiosa que existía para cubrir prazas de persoal na Biblioteca, nos orzamentos anuais sería relativamente doado sacar unha praza, e non semella complicado chegar a un compromiso de sacar, por exemplo, 5 prazas en dúas lexislaturas. Cun informe anual da dirección da Biblioteca que incidía neste problema penso que non é tolo poder acordar un compromiso semellante ao que poño de exemplo.

A falta de comunicación foi con todas as cores, dende 2007 foron distintos os gobernos locais e a situación atopaba remedio. Non fomos unha prioridade, malia ser un dos servizos locais cun cadro de persoal que estaba por debaixo dos mínimos. A cultura sempre queda nun segundo plano e vaise desatendendo. No noso caso, a desatención foi tal que acabou por deixar un servizo cultural público e gratuíto que atendía a 700 persoas diarias pechado por falta de persoal.

Da maioría das novas por parte do Goberno cara a este tema chéganos a información por noticias na prensa; connosco ninguén se sentou para tratar o asunto. Ao meu entender, un xeito de comunicación moi decepcionante.

Buscáchedes apoio noutros organismos e institucións?
Si. Comunicámonos coa Xunta, co Ministerio de Cultura, UNESCO, e o Consello de Cooperación Bibliotecaria para que desen un toque de aviso ao Goberno municipal, pedindo que se cumprise co básico, porque iso non se está a cumprir. Ningunha das institucións se mollou neste problema, nin velou polos intereses da Biblioteca Municipal de Ferrol.

Ademais de todo o que xa nos contaches, hai algo máis que fixerades para que se dese solución ao problema?
Dende a Biblioteca sempre se deron ferramentas, opcións e diferentes ideas para buscar un camiño que levase a solucionar o problema. O ano pasado, tras un traballo dun ano previo, presentouse un programa de dinamización da Biblioteca, buscando que se crearan 8 prazas; así como unha dinamización da Biblioteca para adaptarse a esta nova etapa que vive a sociedade tras o COVID-19: dende un crecemento na demanda de préstamo dixital, ata a participación en actividades dun novo xeito.

Cal é a realidade agora mesmo?
Pois temos un horario itinerante: 2 semanas en horario de mañá, e 2 semanas en horario de tarde. No horario de tarde só hai dúas persoas o que supón que, se hai unha baixa por enfermidade, cunha persoa xa non sería viable abrir o edificio bibliotecario, non só porque o espazo é enorme e non é viable que unha soa persoa quede ao cargo, tamén porque para dar atención a todas as persoas que acoden, unha soa persoa non é que de ofrecer un servizo de calidade como o que queremos dar.

Non se organizan nin se programan actividades, porque non hai persoal suficiente para xestionar actividades (o traballo previo, durante e posterior da actividade), o día a día do fondo bibliotecario, a atención ao público, e un longo etcétera. Isto cáusame moita pena, porque era unha Biblioteca moi activa e viva: pasamos de ter 700 persoas usuarias diarias, un horario de 9 a 9, e unha programación estable e diaria, a ter un horario itinerante, ningunha actividade e unha redución notable de persoas usuarias, porque non hai un horario conciliador nin unha oferta de servizos completa.

Unha realidade gris.

E, se todo isto dependese enteiramente de ti, do equipo de profesionais, que farías para evitar que se volvese repetir esta situación.
Na liña do que dicía antes, traballar para que exista unha conciencia real do que é e o que se fai dende unha Biblioteca, da importancia de contar con persoal axeitado para cada un dos postos nun equipo bibliotecario, e da necesidade de contar cun cadro de persoal que poida cubrir os mínimos necesarios sen ter que facer malabares. As ferramentas necesarias e a información precisa están aí e é doado conseguir e traballar para que isto sexa unha realidade.

O que é necesario agora mesmo é que exista unha vontade real para darlle solución ao problema xa que, como digo, as ferramentas están aí e son viables de poñelas en marcha, non é unha tolería nin un imposible o que estamos a pedir.
Somos conscientes de que todos os servizos públicos están minguando, os recortes é o que traen…Por iso, cremos que é necesario loitar por ter uns servizos públicos de calidade.

Desexo que todo isto acabe en bo porto e que a veciñanza de Ferrol poida volver gozar da Biblioteca Municipal.

Imaxe publicada na páxina web da cadena ser.

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.