BAMAD Galicia ante os orzamentos da Xunta de Galicia para Bibliotecas 2023
O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2023 incrementa para as bibliotecas 144.457€ con respecto a 2022.
Continúan sendo orzamentos moi conservadores, que non recuperan as partidas anteriores á crise de 2008 e que non procura dotar o país dunha rede eficaz e próxima á cidadanía.
No ano 2023 as bibliotecas públicas de Galicia contarán cun crecemento minúsculo. Nun contexto de incremento xeral dos Orzamentos da Xunta, o crecemento das bibliotecas limítase ás partidas de Lotes fundacionais (6281) e de Axuda a concellos para bibliotecas itinerantes (64007), mentres baixa na de Edición libro galego (lotes fundacionais) (6282). Outra partida que se incrementa é de Actividades culturais e animación á lectura e bibliotecas (6405), pero en escasos menos de 2.000€ que non merece a pena salientar.
Os datos poden visualizarse nas gráficas máis abaixo nas que indicamos as cifras entre os anos 2019 e 2023. En todas houbo un incremento paulatino desde que se comezaron a recuperar os orzamentos desde o 2012 (excepto en 2022 onde houbo unha baixada do mesmo).
Queremos sinalar algunhas cuestións que nos parecen preocupantes, por encima das cantidades sinaladas e que vimos demandando desde hai anos desde a nosa Asociación e que reiteremos a continuación:
1) A necesidade de desenvolver a Lei de Bibliotecas fomentando a cooperación entre as distintas administracións: Concellos, Deputacións e Xunta, o que debería permitir dotar de mellores servizos, instalacións, equipamento e persoal ás bibliotecas municipais.
2) O aumento das partidas orzamentarias van destinadas única e exclusivamente á posta en marcha do servizo de bibliotecas itinerantes que, despois de anos de promesas, vai comezar a súa posta en marcha en 2023, unha vez resolto o concurso público para a xestión do servizo. De aí o incremento tanto da partida de Axuda a concellos para bibliotecas itinerantes (64007) que duplica os orzamentos de anos anteriores como a de Lotes fundacionais (6281) que se incrementa para atender a dotación dos servizos móbiles. O concurso, aínda en procedemento aberto, pretende dotar 20 concellos, 10 da provincia de Ourense e 10 da provincia de Lugo, dun servizo de bibliobús.
3) Debido a que o incremento das partidas se fai exclusivamente para este novo servizo é polo que opinamos que se trata de uns orzamentos moi conservadores, deixando o resto das partidas para o conxunto da Rede de Bibliotecas igual que no ano anterior e mesmo baixando en grande medida a partida de Edición libro galego (lotes fundacionais) (6282) que pasa de 214.301€ en 2022 a 46.717€ en 2023.
4) En conxunto, se deixamos de lado o incremento das partidas para o servizo de bibliotecas itinerantes, é dicir para a posta en marcha dun novo servizo, o orzamento para bibliotecas da Xunta de Galicia para 2023 baixa con respecto ao ano anterior.
5) De novo lamentamos que non se apoie o Servizo de Bibliotecas cun orzamento que permita unha maior dotación no número de persoal que podan prestar máis servizos e incrementar o apoio á rede: formación, asesoramento, axuda na migración e implantación de novas ferramentas, seguimento e apoio aos procesos de convocatorias de selección de persoal nos concellos, etc.
Os profesionais das bibliotecas reclamamos mellores partidas para as bibliotecas e o desenvolvemento integral de políticas de fomento do libro e da lectura coa participación de todo o sector: as diversas administracións, empresas e o persoal profesional. E insistimos na necesidade de dotar de persoal suficiente os servizos encargados do desenvolvemento das políticas de xestión da Rede de Bibliotecas de Galicia e do Sistema de Xestión Integrado da Rede, o que permitiría a correcta identificación das carencias e actuacións máis coordinadas e axustadas á realidade.
A Xunta Directiva de Bamad Galicia
A Coruña, 31 de Outubro de 2022
Cadro comparativo e gráficos de Bibliotecas 2019-2023
2023 | 2022 | 2021 | 2020 | 2019 | |
Bolsas formación (4800) | 217140 | 217140 | 216940 | 216940 | 216940 |
Equipamento da rede (mobiliario) (6251) | 90000 | 90000 | 90000 | 90000 | 90000 |
Lotes fundacionais (6281) | 609301 | 395000 | 495000 | 495000 | 495000 |
Edición libro galego (lotes fundacionais) (6282) | 46717 | 214301 | 171060 | 171060 | 171060 |
Obras e reparacións na rede de bibliotecas de Galicia (6322) | 60000 | 60000 | 60000 | 60000 | 60000 |
Promoción da lectura e do libro (6402) | 207356 | 207356 | 207356 | 185000 | 185000 |
Actividades culturais e animación á lectura e bibliotecas (6405) | 140740 | 138000 | 138000 | 138000 | 98000 |
Formación (6400) | 10500 | 10500 | 10500 | 10500 | 10500 |
Sistema Bibliotecario e Formación bibliotecaria (6401) | 335000 | 335000 | 335000 | 335000 | 335000 |
Axudas a entes locais para investimentos en bibliotecas (7601) | 362000 | 362000 | 362000 | 350000 | 350000 |
Subvencións para adquisicións de novidades editoriais en galego (7602) | 200000 | 200000 | 200000 | 200000 | 200000 |
Axudas dinamización bibliotecas municipais (7603) | 201000 | 201000 | 201000 | 198000 | 198000 |
Axuda a concellos para bibliotecas itinerantes (64007) | 205000 | 110000 | 110000 | 110000 | 110000 |
Total | 2684754 | 2540297 | 2596856 | 2559500 | 2519500 |

Categorías:Bibliotecas, Noticias Bamad