BAMAD Galicia ante os orzamentos da Xunta de Galicia para Arquivos 2023
No “maior orzamento da historia de Galicia”, todas as partidas dedicadas a investimentos en arquivos no orzamento de cultura están conxeladas, agás a dedicada a proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) que aumenta en 59.875 €, en parte grazas ao Mecanismo de Recuperación e Resilencia, dos Fondos NextGeneration da Unión Europea, o resto das partidas non conseguirán paliar os efectos da inflación.
Outro ano máis, non só non conseguimos recuperar os investimentos dedicados a estes centros anteriores á crise de 2008, senón que, nun contexto alcista dos orzamentos, os arquivos perden peso proporcionalmente no volume de gasto da Xunta de Galicia.
Con este orzamentos será difícil abordar o Plan de Arquivos da Xunta de Galicia, que despois de 8 anos de demora segundo o previsto na Lei de Arquivos e Documentos de Galicia de 2014, aprobouse o día 20 de outubro, pero cuxo contido non se fixo público. Como abordar a creación de arquivos como os Xerais Territoriais da Coruña, Ourense, e Ferrol (locais, mobiliario, andeis etc.)? Como abordar as necesidades de espazo dos arquivos existentes? como abordar axudas á contratación de arquivistas para os arquivos municipais dos concellos máis pequenos?, como implantar a perspectiva de xénero nos centros con estas dotacións?
Desde BAMAD Galicia entendemos que é preciso aumentar o esforzo orzamentario dedicado aos arquivos xa que levan sufrindo unha asfixia económica desde hai máis de 10 anos, o que afecta ao normal desenvolvemento das súas funcións. Este orzamento non permite a creación dos arquivos que a propia Lei de Arquivos e Documentos prevé, e impide atender os novos retos con ferramentas, locais, medios e persoal suficiente. Galicia precisa duns arquivos propios do século XXI que dean servizo á sociedade cos medios necesarios para adaptarnos a un mundo en constante transformación.
A Xunta Directiva de Bamad Galicia
A Coruña, 31 de Outubro de 2022
Cadro comparativo e gráficos de Arquivos 2019-2023
2023 | 2022 | 2021 | 2020 | 2019 | |
Bolsas para conservación do Patrimonio documental en arquivos (4801) | 114000 | 114000 | 107406 | 107406 | 107406 |
Maquinaria, instalacións e utensilios de arquivos. Adquisicións (6231) | 17200 | 17200 | 17200 | 17200 | 17200 |
Mobiliario e útiles de arquivos (6252) | 24000 | 24000 | 24000 | 24000 | 24000 |
Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283)+MRR | 259875 | 200000 | 200000 | 135000 | 135000 |
Adquisicións e restauración do patrimonio documental (6284) | 23336 | 23336 | 23336 | 23336 | 23336 |
Publicacións en materia de arquivos (6286) | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 |
Obras de conservación de arquivos (6321) | 50000 | 50000 | 50000 | 35000 | 35000 |
Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental (6404) | 200000 | 200000 | 200000 | 200000 | 161250 |
Axudas a entes locais para investimentos en arquivos (7600) | 110000 | 110000 | 110000 | 110000 | 100000 |
Actuacións de promoción, xestión, adquisición e dirección de arquivos (64000) | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 | 10000 |
Total | 818411 | 758536 | 751942 | 671942 | 623192 |

Categorías:Arquivos, Noticias Bamad