Conversas de bibliotecarix a bibliotecarix: Armando Patiño, Biblioteca Municipal de Brión


Tras unha pausa máis longa do previsto, entre follas e castañas, volvín conversar. Achegueime na distancia ata Brión, e coñecín a Armando Patiño. Para coñecelo mellor só tedes que botar a andar os ollos!

Ola Armando! Moitísimas grazas por participar de tan bo grado!
Paréceche se comezamos por coñecerte un pouco mellor?

Un pracer participar!
O meu interese polos libros e as bibliotecas sempre estivo aí. De feito, de crianza, cando cursaba na escola 5º de EXB, descubrín un lugar máxico, misterioso, diría que case mítico, que era a biblioteca do centro. Agochábase tras unha porta ao final dun corredor que en poucas ocasións percorriamos. Un espazo cheo de lecturas, con libros sobre diferentes materias onde aprendiamos historia ou a facer experimentos. Alí descubrimos as novelas de aventuras e os míticos cómics de Astérix ou Tintín. E cando ademais chos prestaban, que era en contadas ocasións, aquelo era todo un luxo. Pero foi cursando a licenciatura de Arte, Xeografía e Historia cando recibín a información de que en quinto ano existía unha especialidade en Arquivística, Biblioteconomía e Documentación. Daquela, comentábase que era unha boa opción se querías acrecentar as posibilidades laborais tras rematar os estudos universitarios. E alá fun, de cabeza. Esta especialidade serviu para iniciarme nesta profesión e adquirir unha base formativa sólida que fun completando con distintos cursos e accións formativas que realicei ao longo dos anos.
O impulso definitivo veume dado pola realización da prestación social substitutoria, cando pasei nove meses catalogando e organizando os fondos dunha biblioteca pública. Tamén fixen prácticas xestionando bibliotecas escolares.
Actualmente, e dende fai xa 20 anos, realizo o meu traballo coma auxiliar de bibliotecas na BPM de Brión, desempeñando realmente as funcións de bibliotecario unipersoal, encargándome, por tanto, de todas as tarefas e funcións propias deste oficio para manter en funcionamento o servizo.

Boa chamada de atención sobre situación de precariedade que existe profesión.
Si, coñezo a persoas nunha situación semellante, e nas Conversas lin que hai compañeiras e compañeiros que comparten esta reflexión. Hai moitas persoas con estudos superiores en biblioteconomía, cun contrato laboral nunha categoría inferior á súa formación, e á vez realizando tarefas que lle correspondería a unha categoría superior á indicada no contrato.
En xeral, boto en falla unha maior consideración e entendemento da nosa profesión e dos beneficios que reporta o noso traballo.

Sempre se agradece que entendades este pequeno proxecto como unha plataforma para dar voz á realidade que se vive na profesión.
A profesión está vencellada ao espazo bibliotecario; poderías contarnos a historia da Biblioteca Municipal de Brión?
A BPM de Brión inicia a súa traxectoria en 1989. Daquela recibiu o lote fundacional e comezou a prestar servizos á cidadanía precisamente no edificio no que fica agora. Sen embargo, ao pouco tempo, o fondo trasladouse á planta baixa da Casa da Cultura (a escasos 100 metros de distancia), cedendo as súas instalacións orixinais para que foran ocupadas polas oficinas municipais. Alí permaneceu ata 2011, ano no que regresou á actual localización. Como vemos, foi un percorrido circular, pero sen abandonar a vila de Pedrouzos e a Carballeira de Santa Minia en ningún momento.

Cando comecei a miña traxectoria laboral en Brión, a biblioteca atopábase na Casa da Cultura, e a primeira tarefa a realizar foi a informatización e ordenación do fondo empregando a aplicación Meiga 3 (que logo evolucionaría ao Proxecto Meiga), unha ferramenta que nos permitiu abandonar o antigo catálogo de fichas ISBD e xestionar a colección coa axuda das TIC, que progresivamente se foron incorporando ao día a día do centro. Toda unha revolución da que penso que fomos pioneiros entre as bibliotecas municipais; sobre todo, tratándose Brión dun concello pequeno con recursos limitados. O técnico de Cultura municipal xa fixera un excelente traballo, creando axencias de lectura auto-xestionadas nos teleclubes de varias parroquias e impulsando un bibliobús (ou mellor dito, bibliofurgoneta) que percorría as estradas do municipio achegando os libros e a lectura á veciñanza.

Vaia! Que historia tan ben contada
Chegaron historias de como funcionaba esa biblio-furgoneta?
Moita da información que coñezo, contouma el mesmo, e tamén hai algunhas fotografías que chegaron ás miñas mans. O proxecto buscaba descentralizar na medida do posible o servizo bibliotecario, para poder chegar ás parroquias máis afastadas do centro de Brión. Habilitouse unha furgoneta do Concello para poder ofrecer este servizo, que funcionou na década dos 90.
Nos teleclubes, que mencionaba antes, foron mozos e mozas da vila os que auto-xestionaban os locais, que contaron cun pequeno fondo fundacional. Co paso do tempo, estas axencias de lectura foron esmorecendo e eses libros volveron ao fondo de Biblioteca Municipal.

Cres que o servizo de Biblio-fugoneta debería poñerse en funcionamento de novo?
Sería interesante, dende logo! Malia que hoxe en día é máis doado acceder á Biblioteca, e non é unha demanda social.
Estamos a valorar establecer diferentes puntos fixos de intercambio de libros, un servizo do que si recibimos comentarios que amosan interese por parte da veciñanza. Outras vías de facer accesible a colección e recursos bibliotecarios, que amosaron ser moi útiles durante o confinamento, son Ebiblio da Deputación da Coruña e GaliciaLe.

Que actividades de extensión bibliotecaria e cultural organizades?
De periodicidade anual, destacan dúas: o club de lectura para adultos (maiores de 16 anos) e o Club Camaleón, para crianzas. Este último, dende a pandemia, non se está a realizar. Nos últimos anos, contabamos coa colaboración dunha empresa de servizos culturais. Antes, con monitores que dende comezos dos 2000 impulsaron a actividade converténdoa nun éxito. Daquela chamábase “Xogando cos contos” e varias xeracións de crianzas participaron nela. Agora é unha satisfacción que moitos daqueles nenos e daquelas nenas veñan xa mozos á biblioteca a estudar ou retirar libros en préstamo. Esperamos recuperala o antes posible.

Cartel CLUB CAMALEÓN. Imaxe decida polo entrevistado.

Fóra destas programacións estables, tamén programamos actividades de animación de xeito regular. Este ano propuxémonos realizar, como mínimo, unha por mes. E estamos a cumprilo. Tamén organizamos encontros literarios e presentacións bibliográficas, en moitos casos vinculadas con datas significativas do calendario do libro e da lectura ou programacións específicas. Neste eido, é moi estreita a colaboración coa Casa da Cultura, dada a nosa estreita vinculación co Departamento de Cultura. A biblioteca municipal colabora ou participa directamente en numerosas propostas: 8N, Nadal Cultural, Mes de Rosalía, Maio Culturas-Letras Galegas, etc.

Que bonito o proxecto do Club Camaleón!
Grazas!
Durante o confinamento mantivemos con vida a proposta a través da publicación de vídeos nas redes sociais, grazas á colaboración cos monitores. O ano pasado íamos retomar o proxecto presencial mais tivemos que aprazalo por pequenos problemas técnicos; nestes momentos estamos a traballar para tentar poñelo en marcha o antes posible. A verdade é que un proxecto que dinamiza moito a vida futura da Biblioteca, como dicía antes. O Club Camaleón e unha estupenda canteira!

De seguro que hai moitas ganas en Brión de poder volver ao Club!

Camaleón Paco, mascota do CLUB CAMALEÓN. Imaxe cedida polo entrevistado.

Mencionabas antes unha boa coordinación co Departamento de Cultura; fundamental para unha vida cultural municipal.
Si, traballamos en equipo dende sempre, e funciona moi ben. A colaboración é mutua en ambosos os dous sentidos. Penso que unha boa coordinación dentro do Departamento de Cultura é esencial e beneficiosa para ofrecer unha programación cultural coherente, de calidade e ordenada á veciñanza.

Dende logo! Só podo congratular ese bo facer!
Coordinades actividades con asociacións ou entidades locais?
Si. Especialmente coa asociación O Esquío no Piñeiro. Con ela colaboramos na elaboración e publicación dun par de libros onde recuperamos imaxes antigas de Brión e as súas xentes. Grazas á colaboración da veciñanza recompilamos unha gran cantidade de imaxes históricas do municipio que constitúen un autentico arquivo que ilustra unha parte importante da historia e xeitos de vida do Brión que foi. O artista Xosé Vizoso botounos unha man coas ilustracións que abren os distintos apartados da obra e Xesús Manuel Xiráldez coa selección dos textos de ámbolos libros.
A publicación tivo moi boa acollida, unha gran recompensa polo traballo feito.
A biblioteca tamén ten colaborado coa actividade municipal Obradoiros de memoria. Basicamente consistiu na edición e publicación de dous volumes onde se recompilaron diversas achegas dos maiores de Brión que logo tamén difundimos en formato dixital a través do noso blog.

Que bonito estre traballo de memoria histórica colectiva! Tedes previsto continuar, ou foi unha acción efémera?
Unha mistura de ambasas dúas cousas, diría eu. Non está prevista unha nova publicación no futuro próximo, mais si seguimos coa recuperación de fotografías que testemuñan o pasado da vila, e sempre acollemos cos brazos abertos todas as imaxes que nos achega a xente. Dende aquí animar a quen nos lea dende Brión e queira colaborar! Por suposto, o material é tratado coa seriedade e responsabilidade que se require de nós coma profesionais na materia. Non é a primeira vez que unha persoa mira con desconfianza o proceso, en parte polo descoñecemento da profesión que falabamos antes.

Interésame saber se este proxecto chegou á mocidade da Vila.
Cando Esquío lanzou o primeiro proxecto, lanzouse unha campaña nos Institutos para implicar a xente nova a que participasen nesta recollida de información. Pretendíase que pedisen material á súa familia, sendo axentes activos na creación do volume. De cara ao futuro pensamos seguir esta liña de actuación que busca involucrar directamente á mocidade. Penso que é fundamental, sobre todo tendo en conta que é a xeración que creceu nunha cultura moi visual, na que as tecnoloxías son ferramentas e soportes. Darlles a coñecer o que fomos para entender o que somos, é esencial.

Saco o chapeu!!
E, enlazando un pouco coa xuventude, cal é a vosa relación cos Centros de Ensino?
Aínda que xa non o facemos, no pasado prestamos asesoramento e soporte técnico á biblioteca escolar do IES de Brión. Foi una etapa de colaboración moi frutífera e enriquecedora.
Xunto co Departamento de Cultura, a biblioteca municipal participa no Maio Cultural- Letras Galegas. Nesta programación, dende a Casa da Cultura e coa colaboración da biblioteca, organízanse actividades de animación cultural relacionadas co Día das Letras Galegas especificamente dirixidas ao alumando dos centros de ensino do Concello, tanto dos niveis educativos de Infantil, Primaria como de Secundaria e Bacharelato.

Salto agora para falar da vosa páxina web que, persoalmente, me parece que está moi ben disposta para unha busca intuitiva.
Vaia! Alégrome que sexa ben recibida. Eu aínda lle atopo erros… Pero escoitar que gusta, sempre anima!
A verdade é que leva tempo crear unha páxina web e é un traballo bastante laborioso de vertido de información.

Na web mencionades unha campaña de solta de libros “Colle o teu libro e corre”.
Si, naceu coa celebración do Día do Libro fai uns anos. Quedou como actividade permanente, pois entendín que era unha boa ferramenta para o traballo de expurgo, darlle outro fogar útil nas bibliotecas persoais da veciñanza a aqueles libros que xa remataron o seu ciclo na Biblioteca Municipal.

Na web mencionase o servizo de hemeroteca, neste apartado ofrecedes información de hemerotecas dixitais. Persoalmente, gustoume moito saber que, aínda que entendo que non está de todo completa, hai un apartado no que se difunde información para que a cidadanía saiba onde pode consultar, neste caso, a prensa histórica de Galicia.
Vaia, esta pregunta si que non a esperaba! Pois a verdade, neste sentido, cando realicei os traballos de vertido de información na web, imaxino que engadín este apartado de xeito natural e case inconsciente. No noso caso concreto, non podo dicir que a sección de hemeroteca na Biblioteca teña un espazo destacado nin un fondo ou uns recursos especialmente ricos. Si temos diferentes diarios e revistas, e contamos con revistas que amablemente nos doou un usuario.
Dende logo, é certo que é unha sección importante dentro dunha Biblioteca, xa que non é unicamente un lugar onde se gardan libros literarios.
Cada vez que unha persoa se achega para facerse socia, sempre fago fincapé nos diferentes servizos que ofrece a biblioteca: fágolles saber que teñen a súa disposición tanto material dixital como impreso, dende prensa ata libros. É fundamental remarcar a existencia destes servizos para que a xente saiba onde pode atopar información fiable e poder contrastala con outras fontes e así formar unha conciencia crítica, pois hoxe en día cada vez máis xente acode ás redes sociais para cubrir as súas necesidades informativas o que deriva nunha crecente “mala información”.

Comezamos co remate da nosa conversa. Que aspectos positivos e negativos destacarías da profesión.
O máis positivo é o contacto e interacción diaria co público. Non hai nada que máis me satisfaga que saber que os servizos que prestamos dende o centro resultan útiles para as e os usuarios no seu día a día, tanto para o tempo de lecer como para as demandas de información e recursos relacionadas co desempeño educativo ou profesional. Tamén me sinto moi satisfeito cando as actividades de dinamización que organizamos teñen boa acollida e acadan a participación esperada. Se non, sempre se aprende moito para mellorar e axustar a oferta. Que na biblioteca entren novos lectores e regresen os de sempre é o mellor.
A elaboración de publicidade para difusión dos servizos e actividades da biblioteca é outra tarefa que me gusta. Iso abarca dende a elaboración de carteis, folletos, banners… ata a posterior difusión da información a través do blog e redes sociais.
O peor, algúns dos traballos de administración relacionados coa xestión técnica do centro. Gozo coas tarefas de selección e cos traballos de catalogación e organización dos novos fondos que incorporamos á colección. Ese olor a papel novo e tinta recen impresa resulta aditivo. Odio cubrir as estatísticas anuais, aínda que entendo son unha ferramenta esencial para avaliación do funcionamento do servizo. Traballar coas facturas ou elaborar orzamentos (os números) tampouco me gusta moito. E non che digo o monótono que resulta imprimir e pegar as etiquetas e códigos de barra. Que ben cando voluntarios che botan unha man, como cando migramos o catálogo do Proxecto Meiga a Koha.

E que recomendacións de préstamo nos fas?
Hai tantas cousas que se poden recomendar!
En cine recomendaría, sen dúbida algunha, clásicos: Casablanca, calquera de Hitchcock ou de Stanley Kubrick. En canto a libros, Un caballero en Moscú, de Amor Towles. E non me podo esquecer da música! Aquí xa que tiro para a casa e recomendo calquera grupo galego.

A que bibliotecas viaxarías?
A todas! Sempre que viaxo, visito a Biblioteca do lugar. Son da opinión que todas teñen algo que ensinar.

E xa de remate, que desexas para o futuro das Bibliotecas?
Pois que siga estando ao servizo da cidadanía, que penso que é a tarefa fundamental das Bibliotecas; neste sentido, saber tamén como gañarse a aquelas persoas que non se achegan á elas. Temos que ser un referente, un faro, neste mundo tan dixitalizado e ao mesmo tempo tan perdido; penso que o noso papel debe ser unha balanza e un compás para a sociedade entre o dixital e o papel, entre a tradición e a novidade.

Moitas grazas de novo, Armando! Un pracer aprender contigo!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.