Encontro Monográfico co Patrimonio Cultural
O novo concepto de patrimonio documental: memoria, valor e conservación
Martes, 14 de xuño de 2022
16:15 horas
Consello da Cultura Galega
Organiza: Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura GalegaCoordina: Olimpia López Rodríguez
Segundo a Lei de patrimonio cultural de Galicia e a Lei de patrimonio histórico español, os documentos forman parte dese patrimonio se os produce ou os reúne unha administración pública e, cando se trata de documentos de orixe privada, se teñen unha antigüidade determinada. Pero quizais esas definicións comezan a quedar limitadas porque necesitamos conservar datos e documentos intanxibles estruturados en bits ou dar resposta á demanda de introducir cambios para que os centros da memoria participen na conservación/xestión dunha memoria non discriminatoria en razón de sexo, raza ou orixe rural. É o momento de comezar a reflexionar se debemos introducir lecturas críticas no camiño dunha concepción máis axustada á realidade, que valore algo máis que a singularidade, a orixe pública ou a antigüidade, e que concrete, clarifique e estenda ese concepto indeterminado do “valor cultural” outorgado aos documentos que debemos ou non debemos conservar
Pensar sobre como serán os arquivos que se deberán conservar, como se construirá o patrimonio documental ou como ese patrimonio se vinculará a outros é obrigado neste tempo de mudanzas no que a profesión está a debater cal é o obxecto e fin do seu traballo: tratar documentos electrónicos, datos, documentos que se crean en contornas que estiveron fóra dos arquivos convencionais: movementos feministas, documentos do íntimo, álbums, cartas persoais, testemuños orais…?
Cuestionar a formación da memoria, por que conservamos, para que e para quen, tamén sobre o que perderemos polo camiño deben ser eixes deste debate.
Para atopar respostas será substancial repensar o concepto de valor de cada un dos fins dos arquivos e o de patrimonio documental e tamén redefinir as tarefas das e dos arquivistas que deben ocuparse do futuro, nunha sociedade con coñecementos do seu pasado, dedicada ao presente e consciente do seu porvir.
O Encontro contará coa participación de Luis Martínez García (coordinador xeral de Arquivos e director do Arquivo de Castela-A Mancha); María Dolores Pereira Oliveira (directora do Arquivo Histórico Provincial de Lugo e membro do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG); e Fátima Rodríguez Coya (arquiveira do Goberno do Principado de Asturias).

Categorías:Arquivos, Cultura e Patrimonio, Formación outras entidades