Conversas de bibliotecarix a bibliotecarix: Luz Corral, Sistema de Bibliotecas Municipais de Oleiros


Feliz Marzo! Preséntovos a María Luz Corral, responsable do Sistema de Bibliotecas Municipais de Oleiros, unha profesional cunha gran carreira ao servizo da cidadanía!


Que lle parece se comeza rompendo o xeo e nos conta un pouco sobre vostede e o seu lugar de traballo?
Por suposto! Eu comecei a traballar no ano 1987. A primeira das bibliotecas que conforman o Sistema, inaugurárase no 1985. En canto á historia, é bastante interesante, a verdade!


Conte, conte!
Comezo explicando un pouco a distribución de cada unha das sedes: a Biblioteca Central Rialeda está situada en Perillo, e as bibliotecas auxiliares están distribuídas en diferentes parroquias: Santa Cruz (que conta con 2 profesionais), Mera, Nós, Oleiros, Dorneda e Lorbé (todas elas cunha persoa ao seu cargo). En Rialeda traballamos Alberto, Fernando, Carmen, Rosa, Uxio, Carmen, e Blanca. Nas sete bibliotecas estamos en total 15 profesionais, un equipo ben cohesionado que consegue sacar adiante todas as actividades propostas e manter un sistema bibliotecario vivo e dinámico. O noso principal obxectivo é fomentar a lectura, pois cremos que é unha das principais funcións que debe aportar a Biblioteca á sociedade. Este traballo facémolo con moito agarimo e profesionalidade entre todas as persoas que formamos parte do equipo. En canto á historia de como Oleiros chegou a contar
cunha biblioteca municipal, é bastante singular e bonita.
O xerme nace grazas á iniciativa de varias veciñas da parroquia de Liáns, que formaban a comisión de festas de Santa Cruz. En 1985 contaban cun fondo económico extra, e decidiron comprar libros de temática feminista, e sobre a muller. Doaron ao Concello os volumes adquiridos, e é así como nace a primeira biblioteca localizada en Santa Cruz. Nos seus comezos estaba xestionada pola Asociación de Veciños e, uns anos despois, ofertan unha praza para contar cunha persoa profesional na materia. En
1986 sacan o posto de traballo para a Biblioteca de Perillo, que agora coñecemos como Rialeda, pois é o edificio que alberga actualmente esta sede. Antes da miña chegada, aquí traballaba o compañeiro Carlos González Guitián, que despois continuou a súa andadura profesional na Biblioteca do CHUAC. Co paso do tempo, ofértanse máis prazas. As bibliotecas medraban e era necesario contar con máis profesionais.

Sistema de Bibliotecas de Oleiros. Fotografía cedida pola entrevistada.

Vaia! Definitivamente, unha historia singular e ben interesante! Ata agora, se entendín ben, conta que polo ano 1987 Oleiros xa contaba con dous edificios bibliotecarios diferenciados, non si? Como nace o resto?
Si, efectivamente, no 87 había dúas bibliotecas. As demais xurdiron polas solicitudes das asociacións de veciños das diferentes parroquias ao Concello. Esta demanda da veciñanza foi atendida e, paulatinamente, foron inaugurándose os diferentes centros
bibliotecarios. Nós tentamos seguir cumprindo a demanda da veciñanza de contar cun servizo de biblioteca de calidade, ofrecendo un horario de apertura amplo e unha colección viva e o máis actualizada posible. Mencionar que todo este traballo ao longo dos anos é grazas ao apoio do Concello e á colaboración dos centros de ensino, asociacións veciñais, asociacións culturais, Universidade da Coruña e un longo etcétera. É unha sorte poder contar coa implicación de tantos axentes.


Sen dúbida! Gran traballo, Oleiros!
Grazas! O que se pretende é crear unhas bibliotecas dinámicas, integradas na sociedade da que formamos parte, que fomenten a lectura e que promovan a cultura en xeral nun marco activo e participativo. Traballamos por amosar as bibliotecas como un punto de encontro para toda a poboación e non unicamente coma un lugar onde atopar libros, DVDs ou CDs. A nosa ruta de traballo é ter unhas bibliotecas activas e participativas, pero tamén lúdicas, que traballen pola promoción da lectura e por enriquecer o nivel cultural da sociedade, ao mesmo tempo que se traballan valores tan importantes como a solidariedade e a igualdade.
Unha ledicia escoitala!


Que nos pode contar sobre a programación cultural que ofrecen?
Temos unha programación estable durante todo o ano, que se dirixe aos diferentes grupos de público. Para o público xeral contamos con 4 clubs de lectura: 2 en Santa Cruz e 2 en Rialeda, en total 80 persoas integrantes.


Vaia! Unha veciñanza que definitivamente devora libros!
Si, alégranos o bo funcionamento desta actividade. Por mor da situación sanitaria actual, tivemos que cambiar temporalmente as reunións ao entorno virtual. Estamos agardando poder retomalas á súa versión presencial. En Rialeda a maioría das persoas participantes prefiren as reunións lonxe das pantallas, como xa deixaron constatado na enquisa que fixemos sobre esta cuestión (se manter o virtual, ou traballar para volver ás presenciais). Contamos cunha coordinadora para preparar os debates e comentar as obras que se van lendo, a xornalista Cecilia Monllor; xunto co persoal das bibliotecas que coordina os clubs de lectura e participa en todas as reunións. E, a maiores, tamén coa inestimable colaboración de Rosa García Vilariño e Pepe Taboada, profesores de galego, agora xubilados, que, voluntariamente, explican e coordinan as lecturas das obras en galego.
Ademais dos Clubs de Lectura, organizamos presentacións de libros, principalmente autores e autoras locais, ou que publicaron sobre Oleiros, xunto con outras escritoras e escritores.
En datas sinaladas celebramos eventos que conmemoran estes días, entre os que podería destacar: o día da muller, o día de Rosalía de Castro, o Día das Letras Galegas, o día do libro, etc.
Para o público infantil, que é un dos máis importantes, organizamos contacontos (contamos con dous programas, “Hora do conto” e “Ler conta moito” (subvencionado pola Consellería de Cultura), pero tamén diferentes obradoiros. Outras das actividades que destacaría é a de “Ler para saber” que se materializaba en charlas de divulgación científica dirixidas a adolescentes, ou tamén o club xuvenil de literatura fantástica.

O alcalde de Oleiros, Manuel Rivas e Henrique Seoane. Fotografía cedida pola entrevistada.

Aplaudo todo este gran traballo!
Grazas! Estamos moi felices!
Ademais das actividades que mencionei antes, gustaríame comentar as que realizamos dirixidas ao alumnado dos centros de ensino. Anualmente, elaboramos un dossier coas diferentes propostas. Del, en cada colexio e instituto, escollen as sesións nas que queren participar. A maioría están pensadas para levarse a cabo nas bibliotecas. Se o grupo é grande fanse no auditorio. A oferta destas actividades é, penso, variada e completa: dende contacontos, ata obradoiros de poesía, recitais, pasando por obradoiros de escrita e creación poética, de ilustración, ou de banda deseñada. Unha das propostas que paga a pena destacar son os obradoiros arredor dunha figura relevante na historia da literatura como o foron Emilia Pardo Bazán, Julio Cortázar,
Federico García Lorca, por mencionar algúns dos moitos nomes que se traballan nestas actividades educativas.

Xoán Babarro con alumnado en Santa Cruz. Fotografía ceedida pola entrevistada.

Dende logo, a programación é ben completa! Quedoulle algo no tinteiro que nos poida contar?
Montamos exposicións ou mostras bibliográficas, unha estratexia de difusión da colección moi sinxela e efectiva. Das máis recentes son a de James Joyce, celebrando o centenario da publicación de Ulises, ou a de José María Merino, con motivo da
concesión do Premio Nacional das Letras Españolas. Conmemoramos as figuras de Almudena Grandes e Darío Xohán Cabana, recentemente falecidas…


Quería preguntarlle sobre o proxecto de “Ler para saber” que mencionou antes. Podería contarnos como nace e cal é a ruta de traballo?
Encantada! A proposta ten a súa motivación no feito de que os libros de ciencia eran pouco consultados polos adolescentes, malia o valioso recurso que representan para a sociedade, principalmente para o estudantado. Para materializalo puxémonos en
contacto con profesorado da Universidade da Coruña, pois, quen mellor que estas persoas expertas nas diferentes ramas das ciencias para divulgar esta parte do saber? Na posta en marcha da actividade foi clave a colaboración gratuíta de diferente
profesorado. Debo destacar o catedrático de química da UDC, Moisés Canle, que era quen nos propoñía o profesorado que podía impartir as distintas conferencias, e a profesora de primaria, Fina Mosquera, figura chave en motivar á rapazada a participar
nestas actividades celebradas fóra do horario escolar. A verdade é que a iniciativa funcionou moi ben: celebráronse diferentes obradoiros e charlas científicas, todas elas cunha moi boa acollida.


Tanto é así que obtiveron un galardón, “Buenas Prácticas” do VII Congreso Nacional de Bibliotecas 2014 en Badajoz, non si?
Si, a verdade é que nos deu unha gran satisfacción este recoñecemento.


Foron galardoados con máis premios?
Felizmente, si. Recibimos o premio “Fomento de la lectura a bibliotecas abiertas al publico LIBER 2017” da Federación de Gremios de Editores de España; os premios Irmandade do libro nos anos 2012 e 2009, na modalidade Fomento á lectura, concedidos pola Federación de Librarías de Galicia. Tamén fomos premiadas cun María Moliner (programa no que quedamos finalistas varias veces) no ano 2011, polo 1º mellor proxecto de animación á lectura, en municipios de entre 20.001 e 50.000 habitantes.
Parabéns!!


Contan cun blog, podería contarnos un pouco como organizan o traballo relacionado con el?
No blog presentamos a información actual coas actividades que se van a celebrar en cada unha das sete bibliotecas, recomendacións de libros, avisos, etc. Na web do Concello seguimos esta mesma liña de traballo, pero cunha información máis completa de cada biblioteca. Ademais, aínda que non forma parte do mundo virtual, por así dicilo, si está relacionado co tema, pois é un traballo de divulgación, a sección que temos cada venres en Radio Oleiros. Nesta sección denominada “Recomendacións en Radioleiros” recomendamos libros para dous grupos de idade distintos: infantil ou xuvenil e adulto.

Se non vou mal encamiñada, organizan roteiros literarios. Podería detallar un pouco máis como se materializan?
Si, pero neste momento non se realizan por mor da pandemia. Os Roteiros culturais e literarios organizámolos entre o Sistema de Bibliotecas Municipais, o Departamento de Normalización Lingüística e institutos de Oleiros. Xiran en torno a persoas ilustres que viviron ou tiveron algunha relación co municipio de Oleiros. Algúns dos personaxes traballados, xunto cos seus lugares de residencia, foron: Sofia Casanova, Emilia Pardo Bazán, Maria Casares, Juana de Vega, Santiago Casares Quiroga, entre outros moitos nomes. A idea xurde tras observar que a rapazada descoñecía quen foran moitas destas persoas. Así que, hai 10 anos, no 2012, puxémonos en contacto con profesorado do Instituto Miraflores, principalmente coa profesora Rosa Garcia Vilariño (que tamén colabora nos clubs de lectura, como dixen antes). Decidimos que o mellor xeito de que o estudantado aprendese e empatizase, era que traballasen eles directamente toda esa información, que non fosen unicamente receptores. Dende o equipo profesional das bibliotecas seleccionamos tres personalidades concretas, realizamos un dossier coa biografía e bibliografía sobre
cada unha delas e entregámosllelos ao equipo do profesorado que vai traballar coas clases seleccionadas. O alumnado de 1º de bacharelato é quen se encarga de facer un resumo de toda esa información, coa finalidade de presentarllo e explicarllo ao demais que participan nestes actos (sobre 350 alumnos/as cada ano). Os novos textos son revisados polo profesorado e supervisado por Rosa García Vilariño, así como por persoal das bibliotecas, e prepáranse para a súa publicación nun folleto. O deseño gráfico corre a cargo da deseñadora gráfica do Concello. O roteiro, por norma xeral, faise en autobús, e a transmisión da información corre tamén a cargo do alumnado de bacharelato que relata a vida e obra das figuras protagonistas ao alumnado doutros ciclos. Finalízase cunha actividade lúdica, como por exemplo, un obradoiro de banda deseñada ou un conta-contos dramatizado, etc. Temos pensado volver a retomalos para o curso 2023.

Celebración da actividade ROTEIROS LITERARIOS. Fotografía cedida pola entrevistada.

Antes mencionaba parte do traballo que deseñan e organizan para os centros de ensino de Oleiros, podería contarnos un pouco máis todo o que realizan para este público concreto?
As actividades para os colexios e institutos levamos organizándoas desde hai 30 anos. A pandemia, como xa dixen en referencia a outras actividades, obrigounos a modificar e pausar varias das actividades que realizamos, entre elas as dirixidas ao alumnado de infantil. Agardamos poder retomalas para o vindeiro curso. En canto aos outros grupos en idade escolar, acoden a unhas ou a outras actividades dependendo do que o seu profesorado selecciona previamente. O abano de propostas é amplo.


Con todo este traballo enfocado á animación lectora, á promoción do libro e á historia das letras, non podo evitar preguntarlle como nace esta paixón e interese.
O equipo de profesionais das bibliotecas de Oleiros temos como principal función conseguir que a lectura sexa entendida como o que é: unha acción amena, que ofrece moitas riquezas na vida, tanto a nivel intelectual, como social e individual. Con esta filosofía de traballo é fácil poñerse mans á obra e conseguir bos resultados.
Dende logo!

Todo o persoal das bibliotecas, alcalde e a concelleira de cultura. Fotografía cedida pola entrevistada.


Podería presentarnos a colección bibliográfica?
Contamos cun orzamento propio para as bibliotecas. Unha vez aprobado e realizados todos os trámites administrativos, fanse listaxes nas que se detallan todas as adquisicións para cada una das sedes; evidentemente, previamente as persoas de cada unha das bibliotecas auxiliares seleccionan aqueles títulos e material que precisan, para logo incluílos nas relacións de adquisicións. A colección conta actualmente con 162.000 libros, 12.500 DVDs; ademais de estar ben equipadas con 36 ordenadores para uso
público, conexión a Internet, e máis de 400 postos de lectura. No tocante ao fondo local, temos coidado de incluír todas aquelas publicacións relacionadas con Oleiros, ben por ter autoría local, ou ben por tratar temas relacionados co municipio. O fondo está composto por todo tipo de materiais: folletos, carteis, revistas, publicacións da actividade das diferentes asociacións locais, ou publicacións do propio Concello como anuarios, memorias ou libros sobre patrimonio, etc. Así mesmo, elaboramos relacións bibliográficas que contan con información específica de artigos de prensa, capítulos de distintas publicacións referidos a este termo municipal, etc. Póñense a disposición do publico; non unicamente con fins de difusión senón tamén para labores de investigación daquelas persoas usuarias que precisen atopar información concreta.


Gustaríame saber como imaxina o futuro para as Bibliotecas.
Na miña opinión, as Bibliotecas seguirán existindo, e para a súa existencia seguirá sendo primordial, como o é agora, que sexan unha demanda da sociedade. As bibliotecas sobrevivirán se as comunidades ás que serven as queren e as ven necesarias. Tanto se se traballa co libro dixital ou co libro físico, este debe estar enfocado a atender as necesidades da comunidade da que forman parte e dando resposta aos diferentes cambios que se producen ao longo do tempo. Para isto é moi importante ter unha boa comunicación e saber transmitir, debemos coñecer a sociedade para saber responder ás súas demandas e necesidades, e tamén debemos saber comunicar o que facemos, para que se valore e se comprenda a importancia das Bibliotecas, como fontes de acceso ao coñecemento, pero tamén como xeradoras del. A actividade dos roteiros é un bo exemplo disto: desde as bibliotecas damos acceso ao coñecemento de figuras relevantes da localidade e fomentamos que a rapazada sexa xeradora dese coñecemento, pois está nas súas mans transmitir aos seus compañeiros e compañeiras de cursos inferiores todo ese saber. A tecnoloxía será a ferramenta que facilitará o traballo. Debemos proporcionar novos servizos a través das novas tecnoloxías que vaian xurdindo, mais o obxectivo será sempre o mesmo: a promoción da lectura e a difusión da cultura, así como colaborar na consecución dunha sociedade tolerante e igualitaria.
Que bonita reflexión!


E se lle pregunto polas Bibliotecas que quixera coñecer, cales serían?
Gustaríame visitar a Biblioteca do Escorial e a do Congreso de Estados Unidos. E volvería á Biblioteca Nacional, encantoume!


Toca ir rematando… Non sen antes pedirlle que nos faga recomendacións lectoras.
Ui! Moitas! De libros publicados xa hai uns anos podo recomendar El reflejo de las palabras de Kader Abdolah, ou, Que me queres amor? de Manuel Rivas; Herba Moura de Teresa Moure; El lector de Julio Verne ou Los pacientes del Doctor Garcia de Almudena Grandes; Berta Isla de Javier Marías; ou, un clásico como Crimen y Castigo de Dostoyesvki. De obra actuais, Feliz Idade de Olga Novo, Premio Nacional de Poesía en 2020, encantoume; Tomás Nevison de Javier Marías; Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa no ano 2021. Un libro actual que me parece moi bo é O infinito nun xunco de Irene Vallejo.
Para o público lector adolescente, obras de hai uns anos como: O único que queda é o amor de Agustin Fernandez Paz; ou, Cando petan na porta pola noite de Xabier Docampo; e para infantil, Os misterios dos fillos de Lúa de Fina Casalderrey; Kafka y la muñeca viajera de Jordi Sierra i Fabra; Escarlatina a cociñeira defunta de Ledicia Costas; ou, Poemar ao mar, de Antonio García Teijeiro. Todas estas foron Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de diferentes anos.


Un remate completo para esta conversa tan interesante! Moitas gracias, Luz!
A vós!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.