Presentación da Memoria de actividades 2020 de Bamad Galicia
Memoria anual de actividades da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, Bamad Galicia, correspondente ao ano 2020.
Presentamos a Memoria anual de actividades e económica da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, Bamad Galicia, correspondente ao ano 2020. Como en anos anteriores, os eixos de traballo foron: a defensa das nosas profesións, a realización de actividades formativas e o contacto coas persoas asociadas. Este ano a vida asociativa, ao igual que a do conxunto da sociedade, viuse marcada pola situación sanitaria provocada pola Covid-9, o confinamento e o funcionamento dos servizos e a imposibilidade de realizar encontros presenciais.
Medios de comunicación:
En 2020 avanzamos na presenza social aumentando o número de seguidores nas redes sociais e aumentando tamén o número visitas e seguidores no blogue. Incrementouse tamén a presenza nos medios de comunicación e a publicación da nosa opinión e comunicados sobre diferentes temas profesionais.
A nosa imaxe e comunicación cara ao exterior mantivémola a través do blogue, de facebook e twitter. Diminuiu con respecto a 2019 o número de artigos publicados a través do blogue e sen embargo conseguimos ter un maior seguimento do mesmo incrementándose o número de visitas ás novas publicadas. O seguimento nas redes sociais aumentou. A páxina de Facebook, crece pouco a pouco en seguidores e no Twitter temos moita presenza. Temos que destacar neste aspecto que o aumento é importante por contarmos cunha persoa da directiva encargada das Redes sociais.
Defensa da Profesión:
Ante a defensa das nosas profesións foi un ano intenso de seguimento de actuacións de algunhas administracións. Dirixímonos a varios concellos reclamando actuacións ante as convocatorias de prazas de persoal de arquivos e bibliotecas. A nosa presenza contribúe a que moitas institucións respondan as nosas demandas, aínda que non sempre como nos gostaría.
Este ano o tema polo que mantivemos máis relación coas administracións foi o das decisións tomadas con respecto ás medidas nos centros de información provocados pola Covid-19, os aforos, as restricións e os tempos de cuarentena.
Participamos activamente do Grupo de traballo de Defensa da Profesión de Fesabid que neste momento está desenvolvendo un Observartorio da profesión e realizando un estudo legal sobre as profesión reguladas.
Continuamos intentando que o Instituto Galego das Cualificacións convoque a Certificación Profesional en Bibliotecas. Durante este ano conseguimos contar coas persoas necesarias para realizar labores de asesoramento e avaliación que están pendentes de que o IGC organice o curso de formación que permita organizar a convocatoria. Finalmente informáronnos que non era posible organizalo para 2021 polo que durante este novo ano tentaremos conseguir que se convoque o próximo ano.
Temos que destacar que realizamos propostas sobre arquivos bibliotecas e museos dirixidas a todos os partidos políticos con representación parlamentaria ante as convocatorias electorais autonómicas de 2020 e que se presentaron dúas veces ante o adiamento electoral e que foron contestadas polos seguintes partidos: PSOE, Galicia en Común e BNG, este último partido incluiu algunhas das nosas propostas no seu programa electoral.
Colaboración Institucional:
Participamos activamente dos Consellos de Cooperación Bibliotecaria, Asesor do Libro e da Lectura e do Consello de Arquivos. Colaboramos activamente co Servizo de Bibliotecas enviando propostas de melloras para a convocatoria do Premio de Innovación Bibliotecario e participamos no xurado das mesmas, enviamos tamén propostas de actividades formativas para organizar desde a Rede. Colaboramos tamén co Servizo do Libro na proposta de calendario do Libro e da Lectura. Enviamos propostas para que desde as bibliotecas se contribuíse á mellora do sector do libro ante a crise da covid-19.
Temos que salientar a colaboración continua coa Deputación da Coruña e a proposta de realización de Xornadas con eles.
Sinalamos tamén que fomos invitados a participar en reunións organizadas polo BNG para analizar a situación do sector cultural a raíz da crise do Covid-19 nas que participamos e presentamos propostas que foron asumidas como reivindicación do sector.
Ofertas de emprego e bolsas de emprego e formación:
Este ano, debido ao impacto da situación sanitaria e o consecuente parón do sector cultural durante a crise derivada da pandemia, diminuíu considerablemente o número de ofertas de emprego que difundimos. Correspondendo o groso delas a ofertas das administracións públicas.
Formación:
En 2020 realizamos seis actividades formativas. Dúas delas gratuítas para persoas socias. Temos que salientar que este ano contamos cunha subvención da Deputación da Coruña, como entidade representativa, para todo o programa de formación. Tamén contamos de novo coa axuda de Fesabid para algunhas das actividades formativas.
En 2020 tíñamos previsto realizar dúas Xornadas: unha en colaboración coa Fundación Olga Gallego, que foi presentada na Asemblea de febreiro e que ía desenvolverse en novembro, e outra coa Deputación da Coruña tamén no mes de novembro. Nos dous casos foron adiadas pola situación sanitaria, pero seguimos traballando nelas para desenvolver as dúas en 2021.
Persoas socias:
De novo as persoas asociadas a Bamad poden desgravar ante facenda na declaración do IRPF de 2020 a cota da asociación. O mantemento da declaración da utilidade pública da asociación implica un maior traballo administrativo para poder facer frente á documentación que se require anualmente ante o rexistro de asociacións e facenda. Este ano viuse retrasada a entrega de documentación ante a paralización dos procedementos administrativos, entregándose finalmente en xuño.
Relacionámonos coas persoas asociadas a través do correo electrónico, as redes sociais e a web. Intentamos que a transparencia sexa un dos nosos eixos principais de traballo e informar puntualmente de todas as actuacións da Asociación realizadas desde a Directiva. Mantemos comunicación puntualmente con persoas non socias a través de lista de información xeral. Pero esta liña estase utilizando cada vez menos ante a difusión nas redes sociais. Mantemos en exclusividade a información de ofertas de emprego só para persoas socias.
Neste ano aumentou o número de persoas asociadas, houbo máis altas que baixas, acadando as 175 persoas socias. Sabemos que son tempos difíciles, que costa implicarse, asociarse e participar, pero entendemos que é necesario, polo que seguimos traballando para contar con máis persoas asociadas e máis persoas implicadas na vida da asociación.
Neste aspecto temos que destacar a implicación de novas persoas socias que, sen estar na directiva, colaboran coa asociación aportando o seu tempo e traballo, polo que estamos enormemente agradecidos.
Memoria de actividades completa.
A Xunta Directiva
Febreiro 2021
Categorías:Noticias Bamad