8 de Marzo de 2021: as profesionais dos arquivos, bibliotecas e museos, queremos servizos con recursos e medios suficientes que poñan as persoas no centro


Como mulleres que traballamos no mundo da Cultura queremos reivindicar, neste 8 de marzo, o labor das artistas, as creadoras, as estudosas, as profesionais e, expresamente, queremos poñer o acento sobre as que traballan nos arquivos, nos museos, nas bibliotecas, nos servizos públicos, elas que garanten o exercicio do dereito á cultura, á información fiable e de calidade, á formación e ao acceso ás fontes públicas. Nestes días nos que vemos como se desvalorizan os servizos que prestan, como se desprofesionalizan as áreas de decisión e coordinación, como non se poñen sobre a mesa os recursos precisos para potenciar centros e servizos que favorezan a todas e todos, como cada día sofren as consecuencias do desdén, do desinterese, da desidia dos que toman decisións que non benefician nin á maioría social nin ao desenvolvemento da cultura, reclamamos:

  • Que as administracións responsables deseñen e apliquen plans de igualdade nos arquivos, bibliotecas e museos de Galicia
  • Que eses plans analicen a situación e posicionamento das profesionais e incorporen medidas que incidan na mellora do seu desenvolvemento profesional, un colectivo moi feminizado, pouco valorado e con escasas posibilidades de promoción .
  • Que se revisen e actualicen as políticas arquivísticas, bibliotecarias e museolóxicas con perspectiva de xénero e/ou feminista para conseguir que os centros custodien unha memoria xusta e representativa que chegue a todas as persoas e a todos os lugares.
  • Que a Xunta de Galicia redacte o plan de arquivos con perspectiva de xénero tal como recollía a proposición non de Lei de xuño de 2019, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia, pola que se instaba á elaboración e remisión polo Goberno Galego ao Parlamento de Galicia, antes do remate da X lexislatura, e que até o momento non foron que de desenvolver.

Neste 8 de marzo marcado pola situación sanitaria, e aínda que sexa desde os nosos traballos ou desde as nosas casas, entendemos que as reivindicacións son máis necesarias porque as profesionais dos arquivos, bibliotecas e museos, queremos seguir traballando nuns servizos que teñan as persoas no centro con recursos e medios suficientes.

Bamad Galicia

8 de marzo de 2021

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.