Orzamentos 2021 para Bibliotecas da Xunta de Galicia


BAMAD Galicia ante os orzamentos da Xunta de Galicia para Bibliotecas 2021

O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2021 sobe, con respecto ao 2020, en 37.356€

A Xunta de Galicia deixa fora da loita contra a grave crise social derivada da pandemia ás bibliotecas públicas, un axente esencial e forza viva para a educación, a cultura e a información.

A dotacións orzamentarias para o ano 2021 contarán practicamente coas mesmas cantidades que o ano anterior, sen recuperar os niveis anteriores á crise (case 3,5 millons de euros en 2012), unha continuidade inxustificada nun contexto de incremento de todas as partidas da Xunta de Galicia e nun momento no que a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia demostrou o seu peso e a súa necesidade en contextos de crise.

Os datos poden visualizarse nas gráficas máis abaixo nas que comparamos entre os anos 2019 e 2021. Queremos sinalar algunhas cuestións que nos parecen preocupantes, por encima das cantidades sinaladas e que vimos demandando desde hai anos desde a nosa Asociación e que reiteremos a continuación:

1) Novamente temos que insistir na necesidade de desenvolver a Lei de Bibliotecas de Galicia, fomentando a cooperación entre as distintas administracións (Concellos, Deputacións e Xunta) o que permitiría actuar de xeito coordinado identificando as necesidades e priorizando as actuacións que permitan dotar de mellores servizos, instalacións equipamento e persoal aos centros pertencentes á Rede de Bibliotecas Públicas.

2) Moitos servizos de bibliotecas municipais encóntranse en pleno cambio de sistema de xestión bibliotecaria o que obriga a realizar grandes esforzos de persoal, véndose na obriga moitos servizos de contratar servizos externos de persoal e/ou de xestión para poder facer fronte ao cambio. Este proceso debería ser apoiado polo Servizo de Bibliotecas da Xunta que, debido principalmente, á escaseza de persoal do servizo, non pode facer fronte ao labor de formación e asesoramento do cambio que sería preciso

3) A integración das bibliotecas municipais no novo sistema de xestión bibliotecaria e a situación de crise derivada da pandemia deberían supoñer un incremento da partida orzamentaria de Formación, que permita a actualización de coñecementos e a reciclaxe profesional a un persoal minguado e que afronta grandes retos, especialmente relevantes na adaptación a unha contorna de traballo cada vez máis dixital.

4) Increméntase a partida de Actividades de animación á lectura nas bibliotecas da Xunta o que é de agradecer. Cremos que é unha das apostas firmes que a Xunta debe fomentar e apoiar, pero non se debe orientar só ás bibliotecas da propia administración autonómica e deberían incrementarse en maior cantidade as partidas dirixidas ao fomento da lectura nos Concellos que reciben un escaso incremento con respecto ao ano anterior.

5) A Xunta segue sen poñer en marcha servizos de bibliotecas itinerantes a pesar de contar cunha partida orzamentaria de 110.000€ destinada a este servizo. Este servizo, de terse posto en marcha durante os anos 2019 e 2020, tería axudado a paliar a carencia de servizos naqueles lugares que por dispersión ou pouca poboación non poden acceder a un servizo de biblioteca pública, esencial para achegar a cultura a toda a cidadanía e proporcionar acceso á información de calidade e máis en momentos de illamento e restrición da mobilidade como o actual, que tanto éxito están tendo noutros lugares.

Os profesionais das bibliotecas reclamamos mellores partidas para as bibliotecas e o desenvolvemento integral de políticas de fomento do libro e da lectura coa participación de todo o sector. E insistimos na necesidade de dotar de persoal suficiente aos servizos encargados do desenvolvemento das políticas de xestión da Rede de Bibliotecas de Galicia e do Sistema de Xestión Integrado da Rede, o que permitiría a correcta identificación das carencias e actuacións máis coordinadas e axustadas á realidade.

A Xunta Directiva de Bamad Galicia

A Coruña, 9 de Decembro de 2020

Cadro comparativo e gráficos de Bibliotecas 2019-2021

  2021 2020 2019
Bolsas formación (4800) 216940 216940 216940
Equipamento da rede (mobiliario) (6251) 90000 90000 90000
Lotes fundacionais (6281) 495000 495000 495000
Edición libro galego (lotes fundacionais) (6282) 171060 171060 171060
Obras e reparacións na rede de bibliotecas de Galicia (6322) 60000 60000 60000
Promoción da lectura e do libro (6402) 207356 185000 185000
Actividades culturais e animación á lectura e bibliotecas (6405) 138000 138000 98000
Formación (6400) 10500 10500 10500
Gastos en investimento de carácter inmaterial (6401) 335000 335000 335000
Axudas a entes locais para fondos bibliográficos (7601) 362000 350000 350000
Subvencións para adquisicións de novidades editoriais en galego (7602) 200000 200000 200000
Axudas dinamización bibliotecas municipais (7603) 201000 198000 198000
Axuda a concellos para bibliotecas itinerantes (64007) 110000 110000 110000
Total 2596856 2559500 2519500

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.