Orzamentos 2021 para Arquivos da Xunta de Galicia


BAMAD Galicia ante os orzamentos da Xunta de Galicia para Arquivos 2021

O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2021 aumenta a partida dedicada a Arquivos respecto ao ano anterior en 80.000€.

Os orzamentos son continuistas do ano 2020 incrementándose só en dúas das partidas.

Os orzamentos da Xunta de Galicia en materia de arquivos son continuistas respecto aos do 2020, cun monto total de 741.942 €, claramente insuficiente para abordar as necesidades do sistema de arquivos de Galicia: non se incrementan na proporción desexable no actual contexto de importante crecemento orzamentario.

Mantense igual orzamento para os conceptos de bolsas de persoal (que non contratos); para adquisición de maquinaria, mobiliario e útiles; para adquisición e restauración de Patrimonio documental; para publicacións e para actividades de difusión. Tampouco se incrementa a moi necesaria axuda aos entes locais para investimento en arquivos.

Increméntase en 65.000€ o orzamento que se dedica a proxectos e informes, é dicir, ás posibilidades de contratación de empresas privadas para a realización de traballo de arquivo, que, por certo é a partida máis alta dos orzamentos e, nuns insuficientes 15.000€ na de obras de mantemento de edificios.

Os incrementos sinalados non son suficientes para dar resposta ás necesidades acumuladas polos arquivos nos anos de reducións orzamentarias: é necesario un incremento substancial para poder paliar as múltiples deficiencias de infraestruturas e persoal.

Nomeadamente o incremento na partida de Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos, pode axudar ao desenvolvemento das funcións arquivísticas pero non a asumir os retos pendentes nin a resolver as carencias diagnosticadas.

O aumento na partida de obras de conservación de arquivos non responde ás necesidades de mantemento dos edificios de arquivos, e moito menos ás de dotación e habilitación de novos espazos alí onde son necesarios.

Desde BAMAD Galicia entendemos que é preciso aumentar o esforzo para conseguir unhas infraestruturas dignas para os centros do sistema de arquivos da Xunta de Galicia, a maioría deles sen espazo e sen persoal suficiente para desenvolver as súas funcións e, sen dúbida, debería ser o 2021 o ano dun impulso importante de dixitalización dos traballos nos arquivos.

Seguimos a esperar polo “Plan xeral de arquivos”, por ese documento estruturado que permita acadar solucións ás necesidades: de persoal, de infraestruturas dos arquivos, de ferramentas de traballo ou de formación. Este plan debería elaborarse con perspectiva de xénero e contar cunha memoria económica axeitada para poder garantir os dereitos da cidadanía e cumprir coas obrigas en materia de transparencia, de administración electrónica e de divulgación e conservación do patrimonio documental.

A Xunta Directiva de Bamad Galicia

A Coruña, 9 de decembro de 2020

Cadro comparativo e gráficos de Arquivos 2019-2021

  2021 2020 2019
Bolsas para conservación do Patrimonio documental en arquivos (4801) 107406 107406 107406
Maquinaria, instalacións e utensilios de arquivos. Adquisicións (6231) 17200 17200 17200
Mobiliario e útiles de arquivos (6252) 24000 24000 24000
Proxectos e informes e dirección en materia de arquivos (6283) 200000 135000 135000
Adquisicións e restauración do patrimonio documental (6284) 23336 23336 23336
Publicacións en materia de arquivos (6286) 10000 10000 10000
Obras de conservación de arquivos (6321) 50000 35000 35000
Actividades difusoras e de promoción de arquivos e patrimonio documental (6404) 200000 200000 161250
Axudas a entes locais para investimentos en arquivos (7600) 110000 110000 100000
Total 741942 661942 613192

Categorías:Arquivos, Noticias Bamad

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.