Valoración Estatísticas das Bibliotecas públicas de Galicia 2018


En 2018 Galicia conta con 75 concellos sen bibliotecas. O 31,65% da poboación usa os servizos bibliotecarios e destinamos 8,93€ por habitante ás bibliotecas, 1,28 menos que no conxunto do estado (10,21€).

Isto é o que podemos tirar dos datos das últimas estatísticas de bibliotecas, correspondentes ao ano 2018, publicadas polo Ministerio de Cultura.

Con respecto aos indicadores analizados estamos por debaixo da media estatal en todos agás no número de documentos por habitante e no gasto en adquisicións por habitante. Os datos non son bos con respecto aos do conxunto do estado. Pese a iso, podemos salientar que con respecto ás estatísticas do ano anterior (2017), melloramos especialmente en adquisicións por cada 1000 habitantes onde pasamos de 67,37 no ano 2017 a 109,27 no 2018, o que supón un incremento de 41,9 adquisicións por cada 1000 habitantes, sendo deste xeito a terceira comunidade autónoma en adquisicións por cada 1000 habitantes.

As análises feitas en anos anteriores, e que indican a nosa opinión ao respecto, poden verse nestes artigos publicados na nosa web

Aspectos positivos: 

O aspecto máis positivo é o incremento no gasto en adquisición de documentos por cada mil habitantes, no que teñen especial relevancia as axudas á adquisición de fondos bibliográficos que ten en marcha a administración autonómica: a subvención para a mellora das coleccións, a subvención para adquisición de novidades en lingua galega e o incremento de fondos en formato dixital. É especialmente relevante a potenciación dos formatos dixitais accesibles a través do portal GaliciaLe que durante o presente ano 2020 ano tivo que redobrar os esforzos para facer fronte á gran demanda de préstamo de obras en formato dixital froito da situación que vivimos.

Continúa a incorporación de bibliotecas ao Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas que este ano, ademais de acadar a práctica totalidade da Rede de Bibliotecas Públicas contou cunha actualización do sistema empregado. Esta incorporación, afecta aos datos estatísticos, especialmente na poboación inscrita.

Tamén é importante sinalar que pese ao incremento no número de documentos por habitante nas bibliotecas públicas galegas, o índice de rotación da colección mantense estable, aínda que segue estando por debaixo da media estatal. 

Aspectos negativos:

Novamente debemos facer fincapé na necesaria mellora das partidas orzamentarias, e no necesario control das políticas e accións levadas a cabo polos concellos, nos que seguimos atopando casuísticas habituais de contratacións de persoal non especializado, compartindo prazas con outros servizos municipais, recorrendo a persoal doutros servizos para cubrir os postos, persoal sen os coñecementos necesarios para levar a cabo unha boa xestión da información e documentación. Este punto acada máis importancia se temos en conta a incorporación da meirande parte das bibliotecas pequenas, a unha ferramenta que precisa de cooperación e coordinación de todos as administracións implicadas para garantir un bo servizo aos usuarios. Non é suficiente con investir en boas coleccións, boas infraestruturas, boas ferramentas de traballo, se non contamos con persoal debidamente cualificado que lles dea sentido.

Outro ano máis, é importante que se desenvolvan e apliquen as ferramentas de planificación que indiquen que servizos e de que características se deben ofrecer, en que aspectos é necesario investir e cara a onde deben encamiñarse os esforzos en cada punto de servizo bibliotecario. Seguimos afirmando que non somos partidarios de poñer en marcha medidas coercitivas desde a Xunta de Galicia, pero seguimos crendo tamén que a administración autonómica debe velar polo correcto desenvolvemento e xestión dos servizos bibliotecarios municipais, respectando a potestade organizativa dos concellos, pero primando sempre a prestación de servizos de calidade e premiando aqueles concellos que cumpran coa súa obriga de ofrecer servizos de calidade.

Os datos estatísticos, non só os que fan referencia ás bibliotecas, mais estes tamén, seguen a mostrar unha gran dispersión e perda de poboación, que dificulta que os concellos rurais, pequenos e despoboados, poidan prestar servizos de calidade. Ante esta situación atopámonos ante outro ano que pasa sen que a Xunta de Galicia desenvolva a lexislación bibliotecaria aprobada hai xa 8 anos.

É necesario desenvolver regulamentariamente a Lei 5/2012 de bibliotecas de Galicia, especialmente os aspectos organizativos, de cooperación e colaboración no funcionamento da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. É importante a implicación de todas as administracións na posta en marcha de servizos bibliotecarios móbiles, e servizos de lectura dixital que acheguen a toda a cidadanía, e especialmente a aquela que non conta con servizos bibliotecarios no seu concello, para garantir o acceso de todas as persoas, independentemente do lugar no que vivan, á información e á cultura de calidade. 

Resumo estatístico de Galicia 2018:

Datos Xerais: contamos con 238 bibliotecas públicas (11 menos que en 2017) que prestan os seus servizos en 326 puntos de atención bibliotecaria (10 menos que en 2017)75 concellos en Galicia non dispoñen de ningún servizo bibliotecario.

No número de documentos por habitante estamos por riba da media. Contamos con 2,19 doc/hab, mentras que no estado a media é de 1,91. Dato que non necesariamente ten que ser bo xa que se necesita unha Avaliación da colección.

No número de documentos adquiridos prodúcese un importante incremento con respecto ao ano anterior, e Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma que máis adquisicións por cada 1000 habitantes fixo durante o ano 2018. O número de documentos adquiridos foi de 109,26, un incremento de 41,9 con respecto ao ano 2017 (67,37 doc/1000 hab.) que fai que Galicia sexa unha das comunidades autónomas que se sitúa por riba da media estatal (78,87 doc/1000 hab.) neste indicador.

No número de visitas á biblioteca por habitantes contamos con 1,76, mentres a media do estado foi de 2,23. (1,75 e 2,25 en 2017). Deste xeito, os datos apenas presentan variacións con respecto ao ano anterior, aínda que seguimos por debaixo da media estatal.

Só o 31,65% dos habitantes de Galicia está inscrito nalgunha biblioteca pública, mentres no estado a media é de 35,67. (32,38 e 36 en 2017). Apenas existen variacións a pesar de que continúa a integración das bibliotecas públicas municipais no Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Cómpre non obstante, tomar este dato con prudencia e esperar ás estatísticas dos próximos anos para comprobar si se mantén a estabilidade, e poder tirar máis conclusións.

Seguimos prestando menos documentos por habitante que a media do estado: Galicia presta 0,79 mentres que no estado se prestou 0,99 doc/hab. (0,82 e 1 en 2017). Ten que ver co indicado no primeiro punto de que se debe avaliar a colección para ver a súa pertinencia frente á demanda dos usuarios. Por outro lado están factores xa indicados como dispersión da poboación, concellos sen servizos bibliotecarios… A pesar da baixada dos préstamos do estado en Galicia non conseguimos acurtar distancias coa media estatal e baixa o dato con respecto ao ano 2017.

As actividades realizadas nas bibliotecas galegas por cada 1.000 habitante son tamén menores que as do estado: 3,12 frente a 4,97 act/1.000 hab. (2,53 e 5,16 en 2017). Acúrtase a distancia coa media estatal ao producirse un importante incremento no dato da comunidade autónoma e un descenso da media estatal. Aínda así, a distancia segue a ser de case 2 puntos con respecto ao Estado.

Nos gastos correntes destinados ás bibliotecas públicas en Galicia destináronse 8,93€/hab, mentres que no estado o gasto foi de 10,21€. (8,56 e 10,10 en 2017). Aumenta en ambos os dous casos e segue manténdose a diferencia negativa entre o gasto corrente en Galicia e o gasto corrente medio do Estado. A pesar do incremento, os orzamentos están lonxe aínda de acadar niveis previos á crise.

En Galicia contamos cun bibliotecario por cada 4.838 habitantes, mentres que no estado teñen 1 por cada 4.273 habitantes. (4.819 e 4.308 en 2017). Este é un dato especialmente negativo xa que aumenta a distancia con respecto á media estatal, e se temos en conta que a poboación galega diminuíu no ano 2018 con respecto ao ano 2017, podemos concluír que descendeu o número de persoal nas bibliotecas galegas. O descenso na poboación total debería supoñer unha baixada no número de habitantes atendidos por cada bibliotecario.

En persoal equivalente a tempo completo (ETC) tivemos 561 traballadores en 2017 e 558 en 2018. 3 persoas menos que inciden nun incremento da poboación atendida.

Isto parece debido á inestabilidade laboral: contratos a tempo parcial e de curta duración, bolseiros… De novo volvemos analizar, como nas reflexións do inicio, o papel dos concellos na xestión das bibliotecas municipais ás que destinan pequenas partidas orzamentarias e pouco persoalTamén é necesario é importante sinalar que deben implicarse todas as administracións, non só a Xunta de Galicia e os concellos, senón tamén as deputacións provinciais que poden axudar aos concellos máis pequenos e con menos recursos a contar con servizos bibliotecarios adecuados e suficientes.

Comparativa 2017-2018:

Datos comparativos do 2017 e 2018 coa media galega e por provincias

Na Coruña a 16 de novembro de 2020

Xunta Directiva de Bamad Galicia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.