Día Internacional dos Arquivos 2020: Empoderar Sociedades do Coñecemento


Empoderar Sociedades do Coñecemento

#IAW2020 #DíaInternacionaldosArquivos2020

Falar de empoderar sociedades do coñecemento refírese a temas como a Intelixencia Artificial, a Preservación Dixital e as Tecnoloxías Emerxentes, ao coñecemento sustentable e a fiabilidade e a evidencia.

A intelixencia artificial e as tecnoloxías emerxentes están a cambiar rapidamente a forma en que facemos o noso traballo, pero necesitamos comprender tanto as fortalezas como as debilidades destas tecnoloxías nos labores ao redor dos arquivos e rexistros documentais.

O coñecemento é fundamental para o desenvolvemento sustentable e o logro de iniciativas de desenvolvemento como os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ( ODS). No centro destas iniciativas está a necesidade de información fiable, independentemente do formato. A información sustentable tamén trata sobre como protexemos as nosas coleccións contra o cambio climático, o roubo, o saqueo e o tráfico ilícito. Da mesma forma trátase de mirar alén do traballo nos arquivos e examinar o noso impacto na sociedade e o medio ambiente.

Finalmente, empoderar as sociedades do coñecemento remítenos a pensar sobre Fiabilidade e Evidencia. Na era dos “feitos alternativos”: as “noticias falsas” (fake news), a desinformación e as ameazas á seguridade cibernética, a necesidade de evidencia fiable (rexistros documentais, información, datos) volveuse cada vez máis esencial. Cal é o noso papel neste espazo? Quen son os nosos aliados? Cal é o papel das e dos profesionais da xestión documental e os arquivos na área da gobernanza da internet? A fiabilidade e a evidencia tamén significan chegar e comprender o que os nosos usuarios necesitan, para que poidan crer no que facemos e como adquirimos, preservamos e facemos accesible a información. Como os empoderamos? Como nos empoderamos?.

Isto é o presente que debemos asumir con rapidez e eficacia, máis aínda nesta situación de pandemia pola COVID-19 onde a aceleración da dixitalización é imprescindible.

Para acometer ese impulso e modernización os arquivos precisan recursos: infraestruturas, persoal, lexislación axeitada, bases sólidas de coñecemento… e un traballo constante apoiado dende os responsables políticos da súa xestión.

En Galicia precisamos dunha política arquivística transversal atravesada por varios eixos que a desenvolvan :

Eixos xerais: a igualdade, a participación cidadá, a preservación da memoria rural, o desenvolvemento da preservación dixital, a fiabilidade e a evidencia que empoderen a Galicia do coñecemento.

Medidas a implementar

  • Dotación de persoal suficiente para atender os servizos de arquivo existentes: arquivistas, persoal técnico e auxiliar.

  • Dotación de infraestruturas axeitadas: espazos de traballo e espazo de depósito ( a maioría dos arquivos de Galicia neste momento están colapsados sen espazo para recoller documentos)

  • Creación dos arquivos previstos na Lei 7/2014, que aínda non foron creados, con espazos de traballo e con persoal arquivista, técnico e auxiliar suficiente:

    • Arquivo Xeral Territorial da Coruña

    • Arquivo Xeral Territorial de Ourense

    • Arquivos da maioría das consellerías

  • Estruturación do traballo arquivístico en diversos grupos de traballo no que participen arquivistas de todo o sistema de arquivos Galicia. Serán de especial interese estes grupos para aplicación da perspectiva de xénero e para o desenvolvemento do arquivo electrónico/administración electrónica. Así mesmo os e as arquivistas participaran en grupos interdisciplinares con outras e outros profesionais para acadar os obxectivos transversais da igualdade; da implantación do arquivo electrónico/administración electrónica; de preservación dixital; de coñecemento sustentable …

  • Dotación de ferramentas tecnolóxicas axeitadas para o control e o desenvolvemento de todo o proceso arquivístico.

Impulso aos Arquivos Municipais

Formulación de acción para atender o desenvolvemento dos arquivos municipais, especialmente nos dos concellos de menos de 10.000 habitantes, concellos que deberían converterse en garantes da memoria rural e de coñecemento en grave risco de perda por falta de recursos e pola perda de poboación.

Especial atención á dotación de persoal mediante subvencións da administración autonómica asuma a maior parte dos custos nos primeiros anos, até que o propio concello teña capacidade para facerse cargo do persoal do arquivo.

Apoio das administracións á participación da cidadanía

Apoio ás iniciativas da cidadanía de recuperación e conservación da memoria (barrios, vilas, aldeas, memoria histórica, acontecementos destacados, etc.) consistiría en:

  • Apoio técnico:

    • proporcionar repositorios estables e ferramentas tecnolóxicas para a conservación, descrición e difusión dos documentos.

    • Asesoramento e participación de arquivistas.

  • Fomentar a participación da cidadanía na xestión e desenvolvemento do patrimonio documental de Galicia coa incorporación de representantes da sociedade civil no Consello de Arquivos e no Consello de Avaliación Documental de Galicia. Terán especial representación as asociación de mulleres, do ámbito rural e de colectivos minorizados.

Propostas ligadas á situación de pandemia producida pola COVID19

  • Impulso e dotación orzamentaria suficiente para desenvolver un gran plan de dixitalización de documentos, imprescindible na nova realidade. Deberá recoller:

  • a dixitalización de documentos históricos para poñelos a disposición da cidadanía.

  • a dixitalización de documentos administrativos que manteñan unha vixencia de longa duración.

Na Coruña, 8 de xuño de 2020

Categorías:Arquivos, Noticias Bamad

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.