Presentación da Memoria de actividades 2017 de Bamad Galicia
Preme na imaxe para acceder ao contido completo da Memoria de actividades
Memoria anual de actividades da Asociación de profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, Bamad Galicia, correspondente ao ano 2017. Dámos conta da situación actual en canto á estrutura organizativa, actividades realizadas, ao programa de formación levado a cabo e da situación económica da Asociación.
Como en anos anteriores, os eixos de traballo foron: a defensa das nosas profesións, a realización de actividades formativas e o contacto coas persoas asociadas. En 2017 avanzamos na presenza social aumentando o número de seguidores e lectores no blogue e nas redes sociais. Con algunha presenza nos medios de comunicación en forma de entrevistas ou difusión de comunicados.
Ante a defensa das nosas profesións foi un ano moi intenso de seguimento de actuacións de algunhas administracións, principalmente a local. Mantivemos reunións con representantes da administración da Xunta e das Deputacións de Lugo e Coruña. Participamos activamente dos Consellos de Cooperación Bibliotecaria e Asesor do Libro. Dirixímonos a concellos reclamando actuación sobre todo nas convocatorias de prazas de persoal de arquivos e bibliotecas ou ante a ausencia dos mesmos profesionais. Incrementamos a difusión de ofertas laborais o que quere dicir que nestes últimos anos existe unha maior demanda das nosas especialidades e, ao mesmo tempo, a nosa presenza social incidiu en que varias empresas realizaran ofertas de emprego directamente a través de Bamad para difundir entre as persoas socias.
De novo as persoas asociadas a Bamad puderon desgravar ante facenda na declaración do IRPF de 2016 a cota da asociación. O mantemento da declaración da utilidade pública da asociación implicou tamén un maior traballo administrativo para poder facer frente á documentación que requiren anualmente.
No 2017 realizamos sete actividades formativas que tiveron boa acollida. Ofertamos tres actividades gratuítas, unha para todas as persoas interesadas (grazas á colaboración, por segundo ano, co Salón do Libro de Pontevedra), outra para persoas sócias (coa colaboración de Fesabid) e unha última, na que retomamos a colaboración coa Fegamp que non se pudo realizar en 2016, dirixida a persoal dos concellos. O obradoiro realizado coa axuda de Fesabid realizouse nunha segunda edición ante a demanda que tivo em 2016 e o curso de preparación de Supostos prácticos para auxiliares da USC tivo dúas edicións ante a demanda da súa realización pola proximidade da convocatoria.
Relacionámonos coas persoas asociadas a través do correo electrónico, as redes sociais e o blogue. Intentamos que a transparencia sexa un dos nosos eixos principais de traballo e informar puntualmente de todas as actuacións da Asociación realizadas desde a Directiva. Mantemos comunicación puntualmente con persoas non socias a través de lista de información xeral. Pero esta liña estase utilizando cada vez menos ante a difusión nas redes sociais. Mantemos en exclusividade a información de ofertas de emprego só para persoas socias.
A nosa imaxe e comunicación cara ao exterior mantivémola a través do blogue, de facebook e twitter. Baixou o número de artigos publicados a través do blogue que coincide co maior seguimento nas redes sociais utilizadas. A páxina de Facebook, crece pouco a pouco en seguidores e no Twitter temos moita presenza. Malia contar con menos noticias publicadas no blogue, incrementouse o número de lectores. Temos que salientar a noticia máis vista, lida, comentada e difundida da nosa historia que foi a do cese das Directoras das bibliotecas públicas.
Neste ano aumentamos o número de persoas asociadas, conseguimos que o número de altas superase as baixas e que se incrementase con respecto a anos anteriores. Sabemos que son tempos difíciles, que costa implicarse, asociarse e participar, pero entendemos que é necesario, polo que seguimos traballando para contar con máis persoas asociadas e máis persoas implicadas na vida da asociación.
A Xunta Directiva
Febreiro 2018
Categorías:Noticias Bamad