Comunicado de BAMAD Galicia ante os novos orzamentos da Xunta de Galicia para Bibliotecas 2017
O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2017 baixa, con respecto ao 2016, un 22%. Desde o ano 2012 a redución foi do 50%
Despois de anos de baixadas orzamentarias as bibliotecas de Galicia contarán aínda con menos recursos no 2017. Estas mínimas dotacións orzamentarias continúan asfixiando os centros, proceso iniciado hai xa varios anos, e seguen a reducir as posibilidades de levar unas políticas bibliotecarias que se adecúen á realidade do noso país.
Estas baixadas orzamentarias céntranse nas partidas destinadas aos Lotes fundacionais e á Promoción da Lectura e do Libro. No caso dos lotes fundacionais explícase porque nos últimos anos non só non se crearon novas bibliotecas senón que desapareceron algunhas das existentes. Desta maneira enténdese que se reduzan as partidas para Lotes fundacionais pero non compartimos que non se apoie a creación de novos centros.
O que non se entende nesta baixada é que se reduza a partida destinada á Promoción da Lectura e do Libro que debería ser unha das principais apostas do noso goberno, toda vez que o informe PISA, recén publicado, poña a Galiza por riba da media española en comprensión lectora. Para conseguir estes obxectivos sería bo seguir aumentando, e non reducindo, o apoio á Promoción da Lectura. Esta caída na Promoción non se ve compensada, ademais, por un incremento nas Actividades culturais e de animación á lectura que fican conxeladas coa mesma partida do ano 2016.
A única partida que se incrementa é a destinada ao Sistema Bibliotecario e á Formación para o persoal da propia Xunta. Incremento necesario pero aínda escaso para resolver as eivas do sistema bibliotecario galego e que xa análizamos en anteriores ocasións:
-
A dotación de persoal do Servizo de Bibliotecas, e das bibliotecas dependentes da Xunta de Galicia, é insuficiente. Cremos que hai que facer unha aposta forte por dotar de persoal profesional o servizo que dirixe a Rede de Bibliotecas de Galicia. Aínda está pendente de rematar e aprobar o Mapa de Bibliotecas públicas de Galicia e os Indicadores de Bibliotecas.
-
A Rede de Bibliotecas encóntrase nun proceso de cambio do Software de xestión bibliotecaria, agora ampliado ás bibliotecas municipais, que obrigaría a dotar o sistema bibliotecario de máis recursos económicos para formación do persoal.
-
As partida de Promoción da lectura e do libro e de Actividades culturais e de animación á lectura deberían ser maiores e contemplar a promoción, non só das bibliotecas, senón de todo o ecosistema do libro contemplando a relación entre editoriais, librerías, centros de ensino e bibliotecas.
Os profesionais das bibliotecas reclamamos da Xunta de Galicia un esforzo en materia de dotación nos orzamentos das bibliotecas, centros rendibles social e tamén economicamente, e que cese a asfixia económica que supón a mingua orzamentaria.
A Xunta Directiva de Bamad Galicia
A Coruña, 12 de Decembro de 2016
Cadro comparativo e gráficos dos últimos anos
Partidas |
2017 |
2016 |
2015 |
2014 |
2013 |
2012 |
Bolsas formación (4800) | 216.940 | 216.940 | 217.740 | 217.740 | 217.740 | 243.920 |
Equipamento da rede (mobiliario) (6251) | 90.000 | 90.000 | 90.000 | 90.000 | 100.000 | 64.800 |
Lotes fundacionais (6281) | 425.000 | 560.000 | 600.000 | 600.000 | 650.000 | 1.500.684 |
Edición libro galego (lotes fundacionais) (6282) | 148.460 | 348.460 | 348.460 | 428.460 | 500.000 | 500.000 |
Obras e reparacións na rede de bibliotecas de Galicia (6322) | 60.000 | 60.000 | 60.000 | 60.000 | 100.000 | 190.000 |
Promoción da lectura e do libro (6402) | 163.000 | 200.000 | 200.000 | 200.000 | 300.000 | 346.845 |
Actividades culturais e animación á lectura e bibliotecas (6405) | 240.000 | 240.000 | 200.000 | 200.000 | 200.000 | 250.000 |
Formación (6400) | 10.550 | 10.550 | 10.500 | 10.500 | 10.500 | 15.000 |
Sistema Bibliotecario e Formación bibliotecaria (6401) | 335.000 | 200.000 | 200.000 | 200.000 | 200.000 | 298.225 |
Total | 1.688.950 | 1.925.950 | 1.926.700 | 2.006.700 | 2.278.240 | 3.409.474 |
Orzamentos para Bibliotecas: evolución
Orzamentos para Bibliotecas: detalle e total
Categorías:Bibliotecas, Noticias Bamad