Subvención plurianual para mellora de coleccións bibliográficas das bibliotecas


Declaración de BAMAD Galicia ante a Orde da Consellería de Cultura de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais 2014

grafica-quiebra

A Consellería de Cultura publica a Orde de subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas municipais para o período do 1 de xaneiro de 2014 ao 15 de abril de 2015, DOG n. 189 de 3 de outubro de 2014

Esta orde convócase por un período plurianual para o ano 2014 e o primeiro trimestre de 2015. Na orde indícase que poden acceder unicamente a esta convocatoria os concellos de menos de 30.000 habitantes. Ademais das 7 cidades, quedan fora da convocatoria, os concellos de Arteixo, Carballo, Narón, Oleiros e Vilagarcía (segundo os datos de poboación do INE a 1 de xaneiro de 2013). O conxunto dos concellos excluídos desta convocatoria representan o 42% da poboación de Galicia.

Desta maneira incúmprense a obriga da administración de “establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia” xa que se refire a toda a Rede de Bibliotecas e non só a unha parte da mesma, como se recolle na Lei de Bibliotecas de Galicia.

A xustificación da Xunta para deixar for a a estes concellos é “acadar unha maior cohesión territorial de Galicia e a necesidade de asegurar que os concellos de menor poboación e con menores recursos para dotar os seus servizos bibliotecarios poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o que reciben os dos concellos máis poboados de Galicia, que recibiron nos anos anteriores maior volume de recursos, xustifica a necesidade de concentrar todo o orzamento dispoñible unicamente nos concellos de poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes.”

Sen embargo a propia orde incorre en contradición xa que as cantidades máximas que se van conceder por concellos é en moitos casos ridícula e esas axudas en nada van favorecer esa cohesión territorial que se menciona. Desta maneira as axudas serán das seguintes cuantías segundo a poboación do concello:

  • Menos de 2.000: recibirán un máximo de 500€
  • De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.000€
  • De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 1.500€
  • De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.000€
  • De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 2.500€

En anos anteriores as axudas de cofinanciamento recollían unhas condicións nas que a Consellería aportaba unha porcentaxe para as adquisicións dependendo das cantidades aportadas por cada concello, o que favorecía que os concellos se implicasen no mantemento da colección das súas bibliotecas se querían participar deste programa de axudas.

Agora xa non se solicita a mesma implicación dos concellos e ademais “penalízase” aos concellos de maior poboación que son tamén os que máis cidadáns teñen que atender e, normalmente, os que máis invisten nas bibliotecas por ter unha maior poboación.

Por outro lado desde BAMAD Galicia recoñecemos que as axudas deben favorecer unha maior cohesión territorial beneficiando as bibliotecas menos desenvolvidas, pero isto non se debe facer excluíndo a outras bibliotecas. Por outro lado as partidas de “cohesión” indicadas máis arriba en nada van axudar a mellorar as coleccións xa que se trata de partidas ridículas para os concellos máis pequenos.

Ademais a estas axudas teremos que descontarlle a obriga legal que teñen os concellos de pagar o canon de bibliotecas. Canon contra o que a nosa Asociación se ten manifestado e que moitos concellos están votando en contra da súa aplicación. Este canon foi recorrido ante o tribunal supremo e está sendo debatido en concello e parlamentos de todo o estado posicionándose en contra de que sexan os concellos quen teñan a obriga de realizar este pago.

Para a mellora das bibliotecas e das súas colección cremos que é necesario desenvolver a Lei 5/2012 de Bibliotecas no que respecta ao tipo de bibliotecas e servizos que deben ofrecer. O desenvolvemento de novos servizos poden ser levados a cabo por bibliotecas supramunicipais que faciliten ofrecer máis servizos e acceder a máis fondos que os propios aportados por cada concello.

Por último, cremos que as entidades de profesionais que traballamos a favor dos servizos bibliotecarios deberíamos ser consultados e ofrecemos a nosa colaboración para participar no desenvolvemento e mellora destes servizos.

A Coruña 7 de Outubro de 2014

A Xunta Directiva de BAMAD Galicia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.