Conversas de bibliotecarix a bibliotecari: Yoshi e Cristina, da escola Greenhouse for all



Tras moitas entrevistas, o proxecto chega ao seu fin (ou, quizais, ata un ata pronto). Antes de nada, quero agradecer infinitamente a todas as persoas que participaron, Carolina Cid, Matilde Fernández, José Luís Alonso, Caridad Nieto, Ramón Torreiro, Lola Gabián, Teresa Andrés e María D. Voces, Alberto Llano, Anxo Alberte Gil, Xoán Fernández, Alfonso Blanco, Anxo Campos, Elisa López, Pilar Refojos, Rosa Barreiro, María Elena Becerra e María José Villar, Sofía Carou, Armando Patiño, Albino Alonso, Isabel Sánchez, Fany Gómez e María del Carmen Pintos. Moitísimas grazas

E, como capítulo final, preséntovos un proxecto bibliotecario que agardo vos guste coñecer.


Desta volta, falamos con Yoshi e Cristina, da ONG Greenhouse for all, que fai apenas un ano culminaron o seu proxecto para crear unha biblioteca no campo de refuxiados de Bar Elias (Líbano).
Cristina, Yoshi, poderiades presentarvos brevemente, para que así a xente vos coñeza?
Eu son Yoshi e son o fundador de Greenhouse for all, unha organización que ofrece educación ao arredor de 80 nenos e adolescentes refuxiados sirios no Líbano. Son de Xapón e alí foi onde traballei como educador social, pero non foi ata hai 4 anos cando me acheguei á realidade dos refuxiados sendo voluntario na illa de Lesbos. Foi alí cando decidín ir ao Líbano coa idea de colaborar de maneira máis directa. 
Eu son Cristina, son de Boiro pero nos últimos anos estiven traballando en diferentes países. Son profesora de español pero tamén conto con formación na Cooperación, e esa foi unha das razóns pola que decidín ir de voluntaria ao Líbano. 

Agora que a xente xa vos coñece, que nos podedes contar do contexto do campo de refuxiados, onde traballades e se leva a cabo o proxecto?
O pasado 15 de marzo cumpríronse 12 anos do inicio da guerra de Siria. Unha das consecuencias directas deste conflito foi o incremento de desprazados cara os países veciños. Con 1,5 millóns de refuxiados o Líbano converteuse no país coa maior densidade de refuxiados per cápita no mundo e, Bar Elias, a cidade onde se atopa a nosa escola, a vila coa maior densidade de refuxiados en todo o país. A esta situación sumóuselle a crise económica que asola o país desde o 2020, a explosión do porto de Beirut e a chegada da pandemia. A vida deu un xiro de 180 graos para os locais pero aínda máis para os refuxiados. Viven en tendas de campaña e o acceso á saúde ou á educación son dereitos humanos que non están ao seu alcance.
A escola convertiuse, ás veces, no único lugar seguro para a rapazada que vive na incerteza da vida cotiá dos campamentos. Moitos dos nosos estudantes xa naceron nos campamentos e só coñecen unhas condicións de vida que supoñen un ambiente en constante alerta. É por iso que entendemos a nosa escola como un espazo terapéutico onde os nenos e nenas poden comezar a xestionar as experiencias traumáticas que puidesen ter vivido, ademais de ofrecerlle acceso á educación.

Nesta situación nace a idea de crear unha biblioteca, poderíades contarnos como xorde a idea deste proxecto?
A nosa escola conta cun horario de mañá ao que asisten rapaces de entre 4 e 14 anos. Como adoita ocorrer cos refuxiados, a medida que van medrando van abandonando a escola  para adicarse aos labores do fogar ou casar, no caso das nenas; ou ir traballar no campo, obradoiros ou tendas, no caso dos nenos. É por iso que tan só unha  minoría de refuxiados adolescentes chega a recibir educación secundaria. 
A nosa idea inicial era ofrecer un espazo seguro, de xuntanza e intercambio onde puideran vir fóra do horario de mañá da escola. Esta idea foise perfilando cara un espazo no que os adolescentes e, especialmente aqueles que traballaban polas mañás, puidesen acudir para saír do seu  reducido e, ás veces , moi frío fogar, ao mesmo tempo que tiñan a opción de seguir formándose. Por outra banda, xa que dificilmente podíamos acabar coa pobreza ou a violencia doméstica presente nos fogares dos nosos estudantes, decidimos diminuír a frustración ao non contar cun espazo onde xuntarse cos seus iguais e compartirllar as inquedanzas propias da idade. Un lugar ao que puidesen acudir para desconectar do seu día a día no campamento ou no traballo, e que se seguisen formando como seres humanos. 
A biblioteca presentouse como un espazo que podía reunir todas as características necesarias para dar resposta a todas estas cuestións.

Para que a biblioteca se convertese nunha realidade, entendo que pasou por diferentes etapas. Poderíades explicar a historia do seu nacemento ata que viu a luz?
O primeiro paso foi deseñar exactamente o que queriamos construír. Para iso analizamos cales serían os recursos materiais e humanos que precisaríamos, os que xa tiñamos e o orzamento que requiriría todo o proceso. A partir de aí comezamos a pensar a maneira de promocionar o proxecto para que chegara ao maior número de persoas posible. 
Creamos unha campaña de recadación de fondos que estivo activa desde decembro do 2022 ata abril de 2023, foi nese mes cando empezamos a construír a biblioteca. No val da Bekaa non é sinxelo atopar certos produtos, e menos aínda relacionados coa educación, como libros de lectura, variedade en libros de texto ou outros materiais educativos. Foi por iso que tivemos que realizar varias viaxes a Beirut para facernos con este tipo de material, mentres que aproveitamos para mercar todo o demais en Bekaa e apoiar aos comerciantes locais. Un dos principios da organización é o respecto ao medio ambiente, por iso intentamos comprar de segunda man cando foi posible e darlle unha segunda vida a diversos materiais. Un mes máis tarde a biblioteca estaba aberta. Era un espazo abandonado na escola que alugamos pero que despois de limpar, pintar, reformar e decorar converteuse nun lugar cómodo, colorido e tranquilo.

Yoshi e Cristina na biblioteca. Imaxe cedida.

Parabéns por ese gran traballo!

Interésame saber que material forma o fondo. Xa que entendo que debe dar resposta a múltiples inquedanzas e estar quizais formado por títulos en distintos idiomas
Intentamos que o fondo fora o máis diverso posible. Contamos con libros de texto, contos infantís, tradicionais e xuvenís. A lingua predominante é, por suposto, o árabe pero, posto que recibimos doazóns de libros dalgunhas escolas, contamos tamén con libros moi visuais de estilo xaponés e con libros en inglés de nivel básico.
Normalmente, a única lectura á que ten acceso a xuventude refuxiada da nosa rexión é a das escrituras do Profeta e os textos do Corán, por iso queríamos achegar temáticas diferentes ás da relixión para ensinarlle aos nenos as millares de posibilidades e historias que pode haber detrás dun libro. 

Foi importante a achega de doazóns para poder dar vida ao proxecto? Como se coordinou esta parte?
Foi fundamental e estamos enormemente agradecidos pola resposta que recibimos. Non se contaba con orzamento para un proxecto semellante e foi necesario comezar unha campaña de promoción, sensibilización e doazóns.
Aínda estando rexistrada, a ONG é unha organización independente e, polo tanto, funciona a base de doazóns individuais. O orzamento das doazóns invístese en pagar o aluguer da escola, o soldo dos profesores e os materiais educativos principalmente.
A campaña que levamos a cabo levou por título “1 quilómetro, un libro” e a idea era obter tantos libros como km recorreramos. Fixemos en bicicleta  o Camiño Portugués desde o Porto e en Xapón o  que é o equivalente á nosa Ruta Xacobea.
Con eses percorridos pretendíamos achegar por onde pasabamos unha realidade que non ocorre tan lonxe de nós e da que os medios de comunicación xa non falan. Grazas á colaboración de diferentes axentes locais puidemos compartir a nosa experiencia no Clube de Lectura de Boiro, e no Festival Solidario de Nadal en Boiro e en diferentes xuntanzas solidarias en Xapón. Foi moi importante tamén a difusión nas redes sociais mediante a nosa páxina de instagram e a da escola principalmente, pero tamén grazas á colaboración cun xornal, ou os amigos, coñecidos e familiares que compartiron o proxecto tanto en Galicia como en Xapón.

Cal foi a acollida por parte da xente cando se abriu a biblioteca?
Maiores e pequenos mostraron moita expectación xa que non existía nada semellante ao redor. Se ben, o número de asistentes foi diminuíndo co tempo, os que continúan asistindo veñen con asiduidade. Tamén se achegaron persoas adultas que buscaban recibir algún tipo de formación neste novo espazo, pero aos que non puidemos atender por falta de persoal. 

Cal é o día a día desta biblioteca? Como se fan os préstamos? Que vida se respira neste espazo?
Ata principios de novembro a biblioteca estivo dispoñible para o noso alumnado durante os recreos e para todo o público dúas tardes á semana. Sen embargo, dende ese mes a arrendadora obrigounos a mudarnos e as nosas salas de lectura desapareceron. Agora instalamos un rincón de biblioteca na entrada da nova escola e ao longo dos recreos o alumnado colle os libros e desfruta de momentos de tranquilidade. Este espazo favorece especialmente ao estudantado que ven á escola pero amosa dificultades para incorporarse ás aulas e seguir o ritmo das clases. Acudir á biblioteca para mirar tranquilamente os libros ilustrados e calmarse antes de volver á aula é algo necesario para moita do alumnado que está habituado a vivir nun ambiente de conflito e supervivencia. Eses momentos de calma nos que poder contemplar en silencio os libros ou mergullarse na lectura a soas tamén son apreciados polo noso alumnado xa que iso é algo inexistente no seu fogar, as tendas de campaña. Por iso, a nosa escola tamén serve como espazo de calma e relaxación, non só como unha instalación na que se imparten clases, e o rincón dos libros desempeña un papel crucial neste sentido.


Como se podería colaborar dende aquí no proxecto?
Animamos á xente a seguirnos nos nosos instagrams, @greenhouseforall e @1km.1book e, vendo o traballo que se está desenvolvendo con esas crianzas e as súas familias, estamos seguros de que haberá quen nos apoie economicamente. É difícil transmitir a absoluta necesidade de todo nos campos de refuxiados e, certamente,  non todas se cobren con diñeiro pero, sen el, desgraciadamente, non somos quen de acadar obxectivos básicos. Hai que ter en conta que estas crianzas carecen do máis elemental, desde o cariño ata o alimento, pasando por outras cousas tan básicas como a seguridade, a educación, a sanidade…
Existe tamén a oportunidade de vir realizar voluntariado, para iso podédesnos escribir polas redes sociais ou ao noso correo greenhouseforall123@gmail.com.

Cal é o futuro desta Biblioteca? Que camiño esperades que siga?
Agardamos que non se limite só ao noso alumnado. Pretendemos crear un lugar ao que poidan acudir casualmente persoas de todas as idades, dende adultas ata pequenas. Como hai libros que non teñen ningunha letra, a cativada pode desfrutar deles sen ler o texto. Ao mesmo tempo, esperamos que se converta nun lugar para que os adultos aprofunden na contemplación, xa que temos libros que ofrecen ideas para potenciar o pensamento reflexivo. Por último, o que nos gustaría é que a biblioteca puidese ter unha continuidade para que adultos e pequenos poidan asistir cando o precisen, sabendo que estará aberta e dispoñible para eles.

Deséxovos todo o mellor!
E a vós, que ledes, agardo que vos gustase coñecer este proxecto!

Non podo despedirme sen agradecer a BAMAD por permitirme poñer en marcha este proxecto. Agradecida!

Moitas gracias e ata pronto!

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.