8 de marzo de 2022, Día da Muller traballadora tamén nos centros da memoria


Neste 8 de marzo, desde BAMAD Galicia volvemos reivindicar o noso traballo, o traballo das mulleres, especialmente das que traballamos na cultura. O labor das artistas, das creadoras, das estudosas, das profesionais dos arquivos, dos museos, das bibliotecas e centros de documentación, das que traballan co que nos define como comunidade, cos saberes, coas crenzas, co patrimonio ou coa lingua, axúdanos a vivir mellor. Elas, que sosteñen o exercicio do dereito á cultura, á información fiable e de calidade, á formación e o acceso ás fontes públicas en tempos nos que se deterioran os servizos por falta de recursos e se desvalorizan as profesionais, están aí para garantir unha Cultura para todas as persoas.

Neste 8 de marzo volvemos demandar das e dos responsables políticos:

  • Que as administracións deseñen e apliquen plans de igualdade nos arquivos, bibliotecas, centros de documentación e museos de Galicia.
  • Que eses plans analicen a situación e posicionamento das profesionais e incorporen medidas que incidan na mellora do seu desenvolvemento profesional, un colectivo moi feminizado, pouco valorado e con escasas posibilidades de promoción.
  • Que se revisen e actualicen as políticas arquivísticas, bibliotecarias e museolóxicas con perspectiva de xénero e/ou feminista para conseguir que os centros custodien unha memoria xusta e representativa que chegue a todas as persoas e a todos os lugares.
  • Que a Xunta de Galicia redacte o plan de arquivos con perspectiva de xénero tal como recollía a proposición non de Lei de xuño de 2019, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia, pola que se instaba á elaboración e remisión polo Goberno Galego ao Parlamento de Galicia, antes do remate da X lexislatura, e que até o momento non foron quen de desenvolver.

A nosa asociación seguirá traballando pola igualdade, desde a nosa responsabilidade social, para que as nosas profesións incorporen, como obxectivo prioritario, a aplicación da perspectiva de xénero, polo que nesta primavera vamos desenvolver, xunto coa Fundación Olga Gallego, os días 1 e 2 de abril en Santiago de Compostela, as Xornadas: As mulleres, a información e os centros da memoria para xerar coñecemento, abrir foros e debates no centros de arquivos, bibliotecas, centros de documentación e museos. Vémonos nas Xornadas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.