BAMAD Galicia ante os orzamentos da Xunta de Galicia para Bibliotecas 2022
O proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia do ano 2022 baixa, con respecto ao 2021, en 56.500€
Nun proxecto de orzamentos que incrementa todas as partidas cremos que as bibliotecas saen prexudicadas e continúan contando con orzamentos moi conservadores que non procuran dotar o país dunha rede eficaz e próxima á cidadanía.
No ano 2022 as bibliotecas públicas de Galicia contarán con menos orzamento que en 2021, con dotacións que aínda non recuperaron as cantidades anteriores á crise (1 millón de euros menos que os 3,5 millóns de euros destinados en 2012). Nun contexto de “recuperación”, no que a maioría das partidas orzamentarias da Xunta de Galicia se incrementan, as bibliotecas baixan con respecto aos do ano 2021.
Os datos poden visualizarse nas gráficas máis abaixo nas que comparamos os anos 2019 e 2022. Nas que houbo un aumento pequeno pero paulatino excepto nas partidas do ano 2022 no que sofre essa baixada de novo.
Queremos sinalar algunhas cuestións que nos parecen preocupantes, por encima das cantidades sinaladas e que vimos demandando desde hai anos desde a nosa Asociación e que reiteremos a continuación:
1) A necesidade de desenvolver a Lei de Bibliotecas fomentando a cooperación entre as distintas administracións: Concellos, Deputacións e Xunta, o que debería permitir dotar de mellores servizos, instalacións, equipamento e persoal ás bibliotecas municipais.
2) A descida no orzamento, -100.000€ con respecto a 2021, prodúcese na partida de lotes fundacionais, que se entende polo pouco incremento de novos servizos bibliotecarios nos últimos anos, o que non debe servir de escusa para non crear novos servizos en lugares onde son moi necesarios. Mentres que o incremento no orzamento só se ve aumentado na partida de apoio á edición de libro galego para os lotes fundacionais. Todas as demais partidas mantéñense nas mesmas cantidades de 2021.
3) Chama de novo a atención que desde hai anos se contemple a axuda para “bibliotecas itinerantes” que non se puxeron en marcha cando se tiña prometido xa para este ano 2021. A crise provocada polo coronavirus puido servir no seu momento para non desenvolver este servizo pero agora, e con motivo de impulsar os servizos bibliotecarios nas zonas máis despoboadas e avellentadas, non debería sofrer máis demora e iniciar xa estes proxectos.
4) De novo lamentamos que non se apoie o Servizo de Bibliotecas cun orzamento que permita unha maior dotación no número de persoal que podan prestar máis servizos e incrementar o apoio á rede: formación, asesoramento, axuda na migración e implantación de novas ferramentas, seguimento e apoio aos procesos de convocatorias de selección de persoal nos concellos, etc.
5) Todas as partidas orientadas ao apoio a concellos: investimentos, adquisicións e dinamización manteñen as mesmas partidas que en 2021. Seguimos crendo que o fomento do uso da biblioteca e da lectura é imprescindible para crear sociedades democraticamente maduras polo que non entendemos que non mellore o orzamento para a realización de actividades culturais e de animación á lectura nas bibliotecas municipais que se viu que ademais é onde máis hai que apoiar a dinamización lectora como se comprobou no esforzo que se produciu na realización de actividades e prestación de servizos durante os meses de confinamento, achegando o libro, a lectura, a información, a formación e o ocio á cidadanía.
Os profesionais das bibliotecas reclamamos mellores partidas para as bibliotecas e o desenvolvemento integral de políticas de fomento do libro e da lectura coa participación de todo o sector: as diversas administracións, empresas e o persoal profesional. E insistimos na necesidade de dotar de persoal suficiente aos servizos encargados do desenvolvemento das políticas de xestión da Rede de Bibliotecas de Galicia e do Sistema de Xestión Integrado da Rede, o que permitiría a correcta identificación das carencias e actuacións máis coordinadas e axustadas á realidade.
A Xunta Directiva de Bamad Galicia
A Coruña, 29 de outubro de 2022
Cadro comparativo e gráficos de Bibliotecas 2019-2022
2022 | 2021 | 2020 | 2019 | |
Bolsas formación (4800) | 217140 | 216940 | 216940 | 216940 |
Equipamento da rede (mobiliario) (6251) | 90000 | 90000 | 90000 | 90000 |
Lotes fundacionais (6281) | 395000 | 495000 | 495000 | 495000 |
Edición libro galego (lotes fundacionais) (6282) | 214301 | 171060 | 171060 | 171060 |
Obras e reparacións na rede de bibliotecas de Galicia (6322) | 60000 | 60000 | 60000 | 60000 |
Promoción da lectura e do libro (6402) | 207356 | 207356 | 185000 | 185000 |
Actividades culturais e animación á lectura e bibliotecas (6405) | 138000 | 138000 | 138000 | 98000 |
Formación (6400) | 10500 | 10500 | 10500 | 10500 |
Sistema Bibliotecario e Formación bibliotecaria (6401) | 335000 | 335000 | 335000 | 335000 |
Axudas a entes locais para investimentos en bibliotecas (7601) | 362000 | 362000 | 350000 | 350000 |
Subvencións para adquisicións de novidades editoriais en galego (7602) | 200000 | 200000 | 200000 | 200000 |
Axudas dinamización bibliotecas municipais (7603) | 201000 | 201000 | 198000 | 198000 |
Axuda a concellos para bibliotecas itinerantes (64007) | 110000 | 110000 | 110000 | 110000 |
Total | 2540297 | 2596856 | 2559500 | 2519500 |

Categorías:Bibliotecas, Noticias Bamad